25 de febreiro de 2019

#TransportePúblico en Costa Vella, unha materia pendente

Hai uns días, El Correo Gallego publicaba unhas pezas adicadas ás xa máis que coñecidas e habituais queixas sobre os problemas do transporte urbano no entorno do polígono de Costa Vella. O certo é que só dúas liñas (C5 e C6) conectan esta superficie industrial co centro da cidade, e ambas as dúas teñen frecuencia dunha hora e percorridos inmensos. É de esperar que o primeiro dos problemas se resolva coa nova licitación, pero todo parece indicar que o segundo quedará sen solventar.





Cales son os problemas?
En rasgos xerais, podemos identificar tres problemas básicos:


➢ Frecuencias escasas
De luns a venres e os sábados pola mañá, as liñas que serven ao polígono son dúas: a #LiñaC5 (saídas ás XX:30) e a #LiñaC6 (saídas ás XX:05). A teoría xa non soa ben porque practicamente estamos a falar dun bus cada media hora que, ante a demanda de viaxeiros e coa recente instalación de grandes empresas na zona, resulta insuficiente.


➢ Retrasos máis que habituais
O habitual Citaro da #LiñaC5 na
cabeceira de Eslovenia, en Costa Vella.
Se a teoría xa non soa ben, podemos augurar que a práctica é todavía peor. E é que en realidade, os horarios estipulados para estas dúas liñas son irreais e imposibles de cumprir: unha hora para percorridos circulares duns 15 km que rodean a cidade e atravesas as zonas máis conflitivas en canto á intensidade de tráfico (Virxe da Cerca, Hórreo, Doutor Teixeiro...).

Ademais, a #LiñaC6 tamén se viu afectada pola peonalización da rúa de San Pedro en 2013, polo que agora circula por San Roque → Basquiños → Pastoriza → Rodríguez de Viguri co mesmo tempo de viaxe que por aquel entón. De feito, como comenta unha usuaria no vídeo, ás veces é tan esaxerado o retraso que mesmo á liña C5 chega antes que a C6 —o que implicaría unha demora de 25 min—.

➢ Percorridos
O último dos problemas que habería que solventar é, baixo o noso punto de vista, o dos percorridos. Imos exemplificalo collendo como punto de referencia o centro da cidade:

— Centro cidade → Costa Vella: se empregamos o circular C5, a viaxe poderíanos levar ata 40 min, xa que teríamos que ir percorrendo Restollal, a rúa da Estrada, Fontiñas e Amio. No caso do C6, o tempo de traxecto sería algo máis curto, pero en todo caso próximo á media hora.

— Costa Vella → centro cidade: a opción máis «rápida» sería empregar a #LiñaC5, que, despois de percorrer Amio e Fontiñas, accede ao centro a través de Bonaval e Virxe da Cerca (sobre 25 min). No caso da C6, dende Fontiñas, habería que percorrer a rúa de Diego Bernal, a da Estrada e o Restollal ata chegar ao Hórreo (uns 30 min).

Que se contempla na nova concesión ao respecto?
Basta con botar un ollo ao Xeoportal do Concello para consultar os itinerarios das liñas da nova concesión. As substitutas das actuais rutas que conectan a cidade co polígono serán as #Liña30+ e #Liña30-, que contan cun percorrido practicamente igual que os dos circulares C5 e C6, como xa comentamos no seu día.



Visualización das futuras liñas 30+ e 30- no Xeoportal
(clic para ampliar).


Aínda que non coñecemos os horarios, supoñemos que estas novas liñas funcionarán tamén os domingos e festivos —cumprindo así unha vella demanda da veciñanza de Amio—, posto que o tramo do polígono aparece como unha prolongación.

Con todo, o problema dos itinerarios non quedaría resolto con esta nova proposta, xa que habería que dar a mesma volta para chegar á zona industrial dende o Ensanche. Agardamos polo menos que si se solucione a cuestión das frecuencias dotando a cada liña con, polo menos, dous autobuses.

Posibles solucións buscomposteleiras


Recreación da prolongación da #Liña1 polo
polígono de Costa Vella.
Unha das posibles solucións para poder acceder a Costa Vella dun xeito máis áxil e cun percorrido menor que os actuais, sería prolongar a #Liña1 dirección Boisaca, como xa se vén facendo dende hai anos para dar servizo á Feira de Amio durante a Ascensión. Con todo, sería unicamente un método de acceso, xa que para o regreso implicaría unha gran cantidade de tempo, ao ter os buses que ir ata Boisaca (de cara á nova concesión, aínda peor, ata o Tambre), facer alí regulación horaria e logo volver.

Esta prolongación non sería posible na viaxe cara o Hospital Clínico, xa que dende o carril sentido centro cidade do Cruceiro da Coruña non se pode acceder á rúa de Amio.


Fontes de información:
El Correo Gallego (08/02/2019)