Amosando publicacións coa etiqueta Liña AP. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liña AP. Amosar todas as publicacións

14 de setembro de 2019

Clara Campoamor terá carril bus-taxi

Chíos da oposición despois
de coñecer o proxecto de CA.
Os accesos á futura estación de autobuses a través do vial Clara Campoamor foi un dos asuntos que avivou as confrontacións entre o anterior executivo local de Compostela Aberta e o resto de candidatos durante a campaña electoral. Daquela o PSdeG xa o deixaba claro: no caso de facerse coa alcaldía paralizarían o proxecto do grupo de Martiño Noriega, que cualificaban de «disparate». E o cambio acaba de chegar porque o pasado luns foi presentada a nova proposta de reurbanización dos socialistas.

Antecedentes
As reticencias por parte dos de Bugallo viñan condicionadas, principalmente, polo número de carrís. CA contemplaba reducir os catro actuais a dous para converter Clara Campoamor nun «bulevar urbano», con carrís bici en ambas marxes e límite de velocidade máximo de 30 km/h para os vehículos. Ademais, defendían que o acceso á estación debería
Recreación virtual da rotonda.
ser regulado por semáforos e non a través dunha rotonda, como sostiña a oposición e a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez. 
Tras a presentación do proxecto, a novidade vén dada en que os cambios con respecto ao anterior son, máis ben, menores. Imos velos.



Tres carrís: dous para vehículos e un para buses e taxis
Os carrís son a principal variación no novo deseño do viario. A través da redución da franxa axardinada máis próxima á estación e do ancho das beirarrúas introdúcese un carril bus-taxi dun único sentido (Sar -> Pontepedriña). Deste xeito, preténdese que os buses teñan prioridade para entrar e saír da terminal ao non ter que agardar a que un semáforo se poña en verde. Isto supón axilizar de xeito notable o fluxo de autocares da terminal, especialmente en horas punta onde chegan a acumularse ata dez, como acontece actualmente na de San Caetano.


Unha das dúas capturas facilitadas polo Concello.

A cara negativa deste carril exclusivo é que obriga a dar un rodeo aos buses que veñan polo Castiñeiriño, que terán que circular por Santiago de Cuba, túnel do Hórreo e avenida de Lugo para incorporarse a Clara Campoamor pola rotonda de Sar e poder acceder así á Intermodal. Esta volta supón, máis ou menos, un incremento do tempo de viaxe duns 5-7 min. Deste mesmo xeito, os buses que saian da terminal en dirección norte terán que ir dar a volta á xa de por si saturada rotonda de Pontepedriña.



O carril bus de Clara Campoamor será o terceiro da cidade, uníndose aos existentes no Hórreo e na Rosa. Este último, na práctica, non é máis ca unha «parada ampla» para o transporte metropolitano, posto que non facilita per se a circulación de autobuses. É máis, o habitual é que estean dous ou tres autocares estacionados nel e cando vén o urbano teña que adiantalos polo carril dos coches.

Os dous carrís bici xuntos
No proxecto de CA, os carrís bici estaban situados un a cada beira do vial, no mesmo sentido de circulación que os coches. No novo, trasládanse ambos á marxe máis próxima ás Brañas do Sar para que o que discorría a carón da estación non interrompa a entrada e saída de autobuses. Estarán separados con barreiras físicas do tráfico rodado.

Sen cambios significativos
Polo resto, non hai máis novidades dunha proposta á outra. Os carrís para coches seguirán a ser dous e limitados a 30 km/h e, segundo Bugallo, non se descarta a instalación dun radar no caso de ser preciso. Mantense tamén a praza peonil proxectada dende un primeiro momento, na que convivirán vehículos e peóns de xeito similar a como o fan no cruce de Montero Ríos con Xeneral Pardiñas e a como o farán no de Concheiros. Así mesmo, queda descartada definitivamente a opción da gran rotonda como método de acceso que a Xunta e o propio PSOE defendían no seu día.

Bus urbano en Clara Campoamor
No único plano de calidade deficiente facilitado polo Concello pódese apreciar que se manteñen os espazos reservados para o bus urbano, aínda que nas liñas expostas no Xeoportal non constara ningunha con itinerario por Clara Campoamor. Todo parece indicar que este será un dos asuntos a resolver na «revisión» que os socialistas queren dar ao prego de condicións da nova concesión antes de sacala a concurso.

Futura ubicación das paradas do bus urbano
(captura do proxecto de CA).
Os lugares reservados ao transporte urbano son dous, un en cada extremo da vía. En dirección Sar, o bosquexo recolle unha parada con baía o suficientemente grande como para albergar dous autobuses á vez, a continuación da praza peonil. Segundo a lenda, habilitaranse dúas marquesiñas. Nese mesmo punto pero na beirarrúa de en fronte, cara Pontepedriña, hai un espazo para dous buses diante da parada de taxis, a simple vista menos accesible e sen resgardo algún no caso de choiva. Habería que sumar o posible tráfico de:

➢ Os autobuses do aeroporto da futura #LiñaAP que, de non cambiar nada, terán o Hórreo (zona da escalinata) como cabeceira.

➢ O tráfico relacionado co transporte metropolitano que ata o de agora penetraba na rúa da Rosa. Está previsto trasladalo ao entorno da Intermodal e é probable que se reparta entre dous puntos: o carril bus da rúa do Hórreo (infrautilizado actualmente) e as propias dársenas da nova estación.

➢ Os autocares que presten servizos discrecionais. Poderían agardar polos seus viaxeiros nas paradas do transporte urbano de Clara Campoamor, no carril bus do Hórreo ou no interior da terminal.

Coa estación de autobuses e a pasarela xa en construción, o tempo aprema e a previsión do goberno local é que as grúas poidan estar en acción en xaneiro. É obvio que haberá que cortar Clara Campoamor durante os traballos polo que se aproveitará a ocasión para concienciar aos condutores sobre o uso do túnel do Hórreo como viario alternativo, xa que pode soportar aínda 20.000 vehículos máis ao día. Todo deberá estar rematado para agosto do ano que vén, data aproximada da posta en funcionamento da nova estación, a falta de que este mesmo mes saia á luz o proxecto básico de remodelación da estación de tren.

Fontes de información:
La Voz de Galicia
Compostela Aberta
Concello de Santiago (1ª proposta)
Concello de Santiago (2ª proposta)
Cadena COPE
El Correo Gallego
Bus Compostela
Imaxes:
Twitter (@PopularesStgo)
Twitter (@psdegsantiago)
Concello de Santiago
Bus Compostela

26 de xullo de 2019

Avistado un Citaro L en probas

O pasado luns «pillamos» en Virxe da Cerca a un novo autobús en probas. Trátase dun Mercedes-Benz Citaro L, de tres portas e 15 metros de lonxitude. No seu interior ían dous condutores de Tralusa (un conducindo e outro de pé ao seu lado) e o que parecía ser un técnico asesor.


Este vehículo pertence ao Grupo Monbus (propietario de Tralusa) e tivo varios destinos. Un dos últimos foi Sabadell (Barcelona), onde cubriu un traxecto substitutivo por obras en Renfe. Chegou a Compostela en xuño para formar parte dos servizos lanzadeira para O Son do Camiño e o concerto de Alejandro Sanz, e parece que a súa estadía está a ser prolongada para poñelo a proba.

MONBUS 1817
O 1817 en Sabadell.

Os seus 15 metros converteríano, no caso de que comezara a prestar servizo na cidade, no bus máis longo de toda a frota. Os vehículos máis longos ata o de agora andan en torno aos 12 m. Porén, ben sabido é que a fisionomía de Compostela non está preparada para vehículos destas dimensións. Un dos puntos máis conflitivos é a curva das Rodas:

O Citaro L nas lanzadeiras ao Monte do Gozo.
Con todo, cabe a posibilidade de que este novo autobús estivera sendo probado para destinalo á ruta do aeroporto de Lavacolla, a futura #LiñaAP que o Concello terá que xestionar a partir de decembro coa implantación do novo Plan de transporte da Xunta. Neste caso a lonxitude si estaría xustificada, xa que o percorrido deste servizo que unirá a Estación Intermodal coa terminal discorre por vías periféricas adaptadas a vehículos longos.


O 1917 en Alcalá e
en Santiago.
Guiándonos pola súa matrícula e a través de ferramentas online, podemos saber que foi matriculado en agosto de 2014, polo que este Citaro L cumprirá o lustro nos vindeiros días. Tería a honra de converterse no vehículo máis novo de Tralusa, seguido do Citaro adquirido o ano pasado, de algo máis de oito anos.

Por facer memoria...
Os últimos vehículos cen por cen novos do transporte urbano son os tres Citaro K que entraron en servizo no 2012, que son propiedade do Concello e foron cofinanciados polos Fondos FEDER da Unión Europea. Dende aquela, uníronse á frota en torno a dez vehículos procedentes de Alcalá de Henares (varios Scania CS40 City II, outros Scania N270UB e Citaros de primeira xeración). No verán de 2018 incorporouse un Citaro procedente do aeroporto de El Prat e agora, no de 2019, veremos que acontece con este pequeno gran xigante, o Citaro L.


Fotos: MiQuel Segura, El Intercambiador, asannei e elaboración propia

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda