Compostela Aberta (CA)
Fragmento de O Viso, o xornal de CA. |
En relación ao transporte público, a liña estratéxica 6 di textualmente: «Mellorar o transporte público e promover o seu uso, tanto o autobús urbano coma
o metropolitano, cun servizo eficiente como medida alternativa ao automóbil». Como exemplos, cítase a introdución de rutas a demanda con microbuses para o rural (contempladas xa no novo contrato), buses máis pequenos e con maiores frecuencias para a cidade e a ansiada instalación dun sistema de aviso de próxima parada no interior dos vehículos, ademais da mellora da información nas paradas.
Nos distintos debates, Martiño Noriega fixo fincapé en que o novo contrato do transporte urbano «xa está deseñado, coas liñas caracterizadas e nestes momentos está na Administración [na Xunta] á espera de ser lanzado». Aproveitou para salientar a boa xestión dos aparcadoiros de borde durante o mandato (a construción do da avda. de Ferrol e o aumento do uso do de Santa Marta, que chega ata o 90% da ocupación, segundo el) e o impulso de iniciativas como Colecamiños, para que a rapazada poida ir de forma segura á escola a pé. Afirmou que «o transporte metropolitano da Xunta leva fracasando anos» e que a solución pasa por outros modelos, como a fusión e a coordinación entre concellos.
Partido Popular (PP)
No ámbito da mobilidade, o programa do PP de Agustín Hernández coincide con CA na gran maioría de puntos importantes. Avoga pola urxente licitación do novo contrato do transporte urbano para poder renovar a frota. Entra algo máis en detalle, especificando que tamén se mellorará a app móbil e o resto de vías informativas ao usuario. Pretenden estender a gratuidade do bus urbano (actualmente de balde só para pensionistas) aos mozos e mozas menores de 19 anos, de igual xeito que fai a Xunta no transporte metropolitano a través da TMG «Xente Nova».
Aparcadoiros de borde nunha das cláusulas do Contrato Capital de Agustín Hernández. |
Cítase tamén a ampliación do transporte público ao rural. A aqueles lugares de escasa demanda, exponse un transporte á demanda ou a posibilidade de implantar o modelo do bus escolar compartido, en marcha en Galicia dende o ano pasado. Pretende adecuar os horarios do bus ao aeroporto ás necesidades reais dos usuarios e mesmo contemplar a posible conexión ferroviaria. Finalmente, e non por iso menos importante, o PP inclúe no seu programa a creación de carrís bus, tan necesarios nalgúns puntos da cidade, e a renovación completa das marquesiñas.
Nos debates e entrevistas, Agustín Hernández anunciou a elaboración dun novo Plan de Mobilidade e outro Plan de Aparcadoiros Disuasorios «realista, financiado e asequible», dándolle prioridade ao proxectado no Campus Sur. Tamén destacou en varias ocasións a necesidade de ampliar as peonalizacións, pero non indicou a que lugares.
Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE)
O actual SAE presenta erros nos tempos de chegada, que son aínda peores na app. Cando indica «Saída», poden quedar ata 5 min. |
Así mesmo, o programa fala de carrís bus e dun sistema de preferencia en cruces para as liñas de maior utilización (1, 5, 6 e C11), baixo o marco dun novo Plan de Mobilidade 2020 - 2030. Ao igual que o PP, non se especifica o lugar de implantación do carril bus, só se di que «por onde circulan a maior parte das liñas urbanas». Para o rural, transporte a demanda ou circuítos con autobuses que cubran varias parroquias á vez. É nelas onde se expón que TUSSA realice un seguimento continuado do estado de conservación das marquesiñas, limpándoas e manténdoas en bo estado.
Nos debates, Xosé S. Bugallo defendeu a creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes, no que participarían os Concellos e a Xunta para coordinar o transporte metropolitano. Neste aspecto, prevé crear unha liña de bus Brión - Polígono do Tambre que dea servizo a todas as localidades intermedias e extensible ata Sigüeiro. No bus do aeroporto, avoga pola supresión de paradas e o aumento de frecuencias para reducir o tempo de viaxe.
Servizo de aluguer de bicis que Bugallo impulsou na súa última lexislatura. |
Nos debates, Bugallo insistiu na urxente renovación da frota de autobuses de «14 anos de antigüidade», así como na creación de diversos aparcadoiros de borde (Cruceiro da Coruña, San Lázaro, Castiñeiriño, A Rocha e Hospital Clínico) conectados eficientemente a través do bus urbano. No mundo ciclista, aposta por seguir impulsando unha mellor convivencia entre coche e bici así como recuperar o servizo de aluguer de bicicletas.
Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Na actualidade só hai servizo de bus nocturno durante as festas da Ascensión e o Apóstolo. |
Mapa metrominuto de Pontevedra, modelo que o BNG pretende instaurar en Compostela. |
O BNG avoga pola creación de intercambiadores de transporte nos parkings de borde, que deben ampliarse. Para os ciclistas, proponse a creación de carrís bici nas entradas do Camiño na cidade e interurbanos con localidades veciñas, como o que demanda Composcleta co Milladoiro. E para os peóns, a creación dun mapa metrominuto, como o de Pontevedra, para saber cal é a distancia e tempo de percorrido a pé dun lugar a outro con facilidade. O BNG é o único que partido que fai referencia á adecuación das paradas dos vehículos de transporte público, xa que non é posible acadar a accesibilidade universal só cos vehículos accesibles; as paradas tamén teñen que selo.
Nos medios de comunicación, Goretti Sanmartín insistiu na idea básica de que para a mobilidade en Compostela debe priorizarse, de maior a menor rango, do seguinte xeito: peón, bicicleta, transporte público, vehículo privado. Fixo fincapé nas escasas frecuencias horarias do bus durante as fins de semana (case inexistentes no rural) e na necesidade do bus nocturno nunha cidade universitaria. Para rematar, recalcou a necesidade de construír dous aparcadoiros o antes posible: o do Campus Sur para dar servizo ao pequeno comercio do Ensanche e o de Belvís, para a Praza de Abastos.
Ciudadanos (Cs)
A candidata de Cs Santiago, María Vilas, aspira a entrar na corporación con nada máis e nada menos que tres que concelleiros, tal e como lle contou o outro día na Ser a Luís Pardo. A pesar de non ser tratada a mobilidade nas súas entrevistas e de non ter participado nos debates co resto de candidatos, o programa de Ciudadanos si conta con algúns puntos destacables.
A tecnoloxía NFC permite pagar o autobús co móbil. Ciudadanos quere implantar en Santiago este método de pago. |
No relativo ao transporte público, como o resto dos grupos, propón a reordenación das liñas e o aumento de frecuencias, así como a extensión do bus ao rural. Para lograr a maior efectividade posible nesta remodelación, defenden o uso do Big Data neste aspecto, que sen dúbida é o mellor xeito de coñecer as rutinas e o xeito de moverse da cidadanía. De feito, dende finais do ano pasado, a EMT de Madrid comezou a usar o Big Data de Moovit para tentar mellorar os seus servizos.
Queren modernizar a frota de buses en aras de electrificala, pero a proposta soa utópica, xa que habería que establecer en polo menos, unha das cabeceiras de cada liña, un punto de recarga. Iso si, pretenden mellorar a velocidade media na rede a través de prioridade semafórica. Todo isto iría complementado cunha app móbil que, a parte de para consultar os percorridos e paradas, serviría para abonar os billetes e bonos!
Compromiso por Galicia (CxG)
O partido liderado por Xoán Bascuas é o único que, máis aló de manifestar o seu desexo de remodelar as liñas de autobús, é un pouco máis concreto: especifican que o actual sistema radial debe ser substituído por un con dous intercambiadores que, unidos á Intermodal, serán conectados entre si a través de só dúas liñas. Destes intercambiadores partirán as liñas cara os diferentes barrios, así como algúns circulares de longo percorrido (supoñemos que similares aos actuais C2 e C4).
Sistema de aviso de próxima parada nun bus urbano da Coruña. |
Falan tamén da necesidade da instalación dun sistema de aviso acústico e visual de cada parada no interior dos buses. Chama a atención que sexa o único grupo político que nomee a inexistencia en España dunha Lei de Financiamento do Transporte Urbano. Aínda que aseguren instar ao Goberno para a súa elaboración —moi improbable—, nós, polo menos, temos en conta o detalle e a vontade.
Conclusións
Se aínda quedaba algunha dúbida, tras a campaña electoral confirmouse que o vindeiro mandato será o da mobilidade. Todos os partidos coinciden na remodelación das liñas e da necesidade de que cheguen ao rural, así como na construción de máis aparcadoiros de borde. Agora ben, hai outras cuestións que só algúns deles, simplemente, nomean e que non deixa de ser preocupante, como por exemplo a accesibilización de paradas (BNG), o sistema de aviso sonoro e acústico (CA, PSdeG-PSOE e CxG), o uso do Big Data (Cs) ou a renovación do SAE (PSdeG-PSOE).
Fontes de información:
Compostela Aberta (programa electoral)
Populares de Santiago (programa electoral)
PSdeG-PSOE Santiago (programa electoral)
BNG Compostela (programa electoral)
Ciudadanos Santiago (programa electoral)
Compromiso por Galicia Santiago (programa electoral)
Compromiso por Galicia (propostas)
Xeoportal Concello de Santiago
Cadena SER (debate infraestruturas)
Diario de Madrid
La Voz de Galicia (debate electoral)
Correo TV (debate electoral)