> Límite de velocidade a 30 km/h
O Goberno de Compostela Aberta (CA) implementou o límite de velocidade de 30 km/h en todo o Ensanche. Esta medida, acompañada de sinalización vertical e horizontal, tiña como obxectivo facilitar a convivencia entre vehículos e bicicletas, así como unha pacificación do tráfico. Acompañouse da creación de novos aparcadoiros para bicicletas e reforzou a eficacia de medidas xa existentes, como as plataformas de espera para bicis e motos presentes na parte dianteira dos principais semáforos da cidade.
Tres das propostas seleccionadas nos OP de 2017. |
Aínda así, non se acabou por optar por unha mobilidade ciclista real, que pasa pola inescusable construción de carrís bicis. Así llelo fixo saber a cidadanía ao Goberno local a través doutro dos proxectos estrela do mandato, os Orzamentos Participativos «Compostela Decide». No 2018 un dos proxectos elixidos foi «Carril Bici» e en 2017 foron tres os seleccionados que tiñan relación co mundo das dúas rodas.
> Bus nocturno durante as festas
Outra das medidas máis votadas nos OP de 2017 foi a ampliación do horario do
bus urbano durante as noites das festas do Apóstolo 2018. Deste xeito, levouse a cabo unha proba piloto na Ascensión do ano pasado, con buses de 1:00 a 4:00 da madrugada, e durante o Apóstolo volvéronse implementar, desta vez só ata as 3:00. O bus nocturno tivo moi boa acollida por parte da cidadanía e todo parece indicar que vai camiño de converterse en algo habitual durante as grandes festas da cidade, ao ser cuberto todo o territorio ao que chega o transporte público e contar todas as liñas coas súas respectivas prolongacións.
> Renovación da frota
A xoia da corona, o 2424 (Mercedes-Benz O 530 K) que circula dende xuño de 2018. |
> Accesibilización das paradas
Durante a lexislatura podemos contar cos dedos das mans aquelas paradas que foron adaptadas para facelas accesibles. En trazos xerais, só foron obxecto de reforma aquelas que figuraban no espazo de actuación dalgunha obra non relacionada co transporte urbano, e non sempre co resultado esperado, relegando case sempre ao bus a un segundo plano. Porén, en cidades con Gobernos similares ideoloxicamente como o da Coruña, si se teñen realizado accesibilizacións en paradas por toda a rede.
Por poñer algún exemplo, unha das paradas máis utilizadas de toda a rede, a #Parada674, Xeneral Pardiñas nº 7, foi accesibilizada dentro do proxecto da praza semipeonil no cruce desta rúa con Montero Ríos: engadiuse pavimento rugoso para as persoas con problemas visuais e aumentouse a largura para que coubesen ben os autobuses. Aínda así, aos de tres portas élles difícil deixar a traseira de forma que o usuario poida baixar directamente do vehículo á beirarrúa.
Outras paradas non accesibles pero que non figuraron dentro de ningún proxecto externo quedaron tal e como estaban. E isto xa vén de atrás, de anteriores lexislaturas. É o caso, por citar un de moitos, da #Parada277, Hórreo nº 23, na que se ampliou a beirarrúa só na parte frontal da marquesiña para poder colocala, polo que a porta traseira dos buses queda sempre a carón da estada. A situación podería mellorarse coa simple prolongación da ampliación da beirarrúa uns metros máis.
Simplemente extender a beirarrúa sería suficiente para accesibilizar a #Parada277. |
De cara á vindeira lexislatura...
Se ben Compostela Aberta —sempre baixo o noso punto de vista— non cumpriu con todas as expectativas postas nel no ámbito da mobilidade, si deixou marcadas unha serie de directrices clave que marcarán o devir próximo da forma en que nos desprazaremos pola cidade: máis espazo para o peón, menos para o vehículo privado, máis humanizacións e peonalizacións... De feito, outros partidos comezan xa a asumir estes ideais como propios nos seus programas.
Sen dúbida, a gran materia pendente foi a nova licitación do transporte urbano, prometida dende 2017 e da que só sabemos o percorrido das futuras liñas. O caso é que aínda así puido terse actuado na accesibilización de paradas, nas melloras puntuais dos percorridos e horarios (curiosamente presentouse a prolongación da #Liña8 ata Os Vilares durante a precampaña) ou no rexuvenecemento da frota con vehículos novos. Os últimos de primeira man datan de 2012, e só foron tres e porque foron adquiridos con fondos europeos...
Esperamos que a vindeira lexislatura, sexa quen sexa o alcalde ou alcaldesa, sexa a da mobilidade. A Intermodal suporá un cambio radical na cidade, que terá que adaptarse a ela. O transporte urbano non será unha excepción e, a parte dos novos percorridos e horarios, precisa dunha renovación da frota e dunhas paradas sinalizadas e accesibles para todas as persoas, tanto na cidade como no rural. O bus compostelán debe coordinarse co novo Plan que programa a Xunta, que debe cumprir tamén coas demandas e necesidades da veciñanza dos concellos limítrofes. Sen dúbida, durante o próximo mandato preséntase un gran reto en materia de mobilidade. Esperemos que o Concello e o resto das Admistracións poidan estar á altura e cumprir.
Fontes de información:
TUSSA
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Concello de Santiago
Fotos:
Google Maps
Concello de Santiago
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
La Voz de Galicia
Ningún comentario:
Publicar un comentario