Amosando publicacións coa etiqueta cifras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta cifras. Amosar todas as publicacións

22 de xuño de 2019

TUSSA trasladou a máis de 50.000 persoas a O Son do Camiño

O Concello vén de publicar as cifras oficiais correspondentes ao uso do transporte público para desprazarse ata O Son do Camiño. O número total de usuari@s foi 50.695. Destes, 45.545 (o 89,84%) empregaron os servizos lanzadeira habilitados para a ocasión e os restantes distribuíronse entre as liñas 6 e 7, cunha afluencia maior na primeira. O certo é que non acabamos de entender o sistema de medición nas liñas regulares, posto que se rexistra á persoa cando sube ao bus, pero non en que parada baixa.

O servizo lanzadeira foi prestado con vehículos de
Tralusa e con vehículos «prestados» doutras empresas.

Cifras por día
O venres e o sábado foron os días nos que máis se empregou o bus urbano. Foron entre 15.000 e 18.000 as persoas usuarias dos servizos ofertados. O xoves, o primeiro día do festival, foi o que menos tivo, uns 12.000.


Cifras por franxa horaria
Das catro franxas establecidas por TUSSA (inicio - 15:00, 15:00 - 23:00, 23:00 - 00:00 e 00:00 - fin), as máis empregadas foron, obviamente, as que máis horas abarcaban, é dicir, de 15:00 a 23:00 h  e de 00:00 ao final (en torno as 4:30 ou 5:00 h). Destaca o feito de que, aproximadamente, foi o mesmo o nº de persoas que empregaron o bus tanto para ir como para volver nas distintas xornadas.

Comparativa coa edición anterior
Non hai cifras oficiais das persoas transportadas durante a primeira edición de O Son do Camiño, en 2018. Porén, as cifras da globalidade da rede si recollen o número de persoas que empregaron os servizos especiais durante todo o ano: 50.036. Tendo en conta que no 2019 só neste festival foron 50.695, podemos concluír que o balance dos servizos extraordinarios prestados por TUSSA para determinados eventos é positivo e que está á alza.

Fonte de información: Concello de Santiago
Gráficas (cifras por día e por franxa horaria): Concello de Santiago

6 de xuño de 2019

A #Ascensión2019 quedou sen bus nocturno

Nos Orzamentos Participativos de hai dous anos, no apartado das festas do Apóstolo, unha das propostas gañadoras foi a de implantar o servizo de transporte urbano durante todas as noites dos festexos. O Concello levou a cabo unha proba piloto na #Ascensión2018 e logo implementouno no #Apóstolo2018. Non hai datos —non públicos, polo menos— sobre a utilización do bus nocturno, mais nos pensabamos —e non somos os únicos— que sería algo que xa quedaría asentado e sería implantado no resto de festas. Nada máis lonxe da realidade, posto que non se levou a cabo na #Ascensión2019.


A diferenza doutras urbes galegas como A Coruña ou Vigo, en Compostela non existe un servizo de transporte nocturno regular, a pesares de termos unha gran superficie rural e de ser unha cidade universitaria. De feito, temos que remontarnos ata a principios de milenio, cando aínda funcionaba a residencia universitaria no Monte do Gozo, para atopar o que cremos que foi o último servizo nocturno en activo.
Extracto dunha memoria de TUSSA, correspondente ao
período 1999 - 2003.

No contexto das eleccións municipais do 26-M, o único partido que incluía no seu programa a posible implantación dun servizo de transporte urbano nocturno foi o BNG. Os nacionalistas propoñían «bufos» os sete días da semana, con «horarios especiais» —intuímos que reforzos— durante as fins de semana. Baixo o noso punto de vista, quizais sexa un pouco ambicioso pasar do nada ao todo, pero si cremos que debería estudarse a viabilidade deste servizo durante as noites dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos. E, como non, tamén durante todas as noites das festas da Ascensión e o Apóstolo.

Para as festas do Apóstolo que estaremos celebrando en menos de dous meses volveu saír elixida a proposta do bus nocturno nos OP. Cómpre resaltar que, desta vez, a proposición inclúe dúas cuestións importantes a matizar: que o servizo sexa accesible e que conte con paradas a demanda. A primeira das cuestións, tendo en conta a situación das paradas e a da propia frota, temémonos que non vai ser posible. A segunda, si. De feito, fora aprobada en Pleno unha proposición para implantar as paradas antiacoso de xeito regular en toda a rede a partir das 22:00, da que non volvemos saber nada máis. Outras empresas como Monbus ou Freire xa comezaron a introducilas nas súas rutas.




De cara ao #Apóstolo2019, cremos que se lle debería dar máis pulo á promoción dos «bufos» para redundar nunha maior utilización deles por parte da cidadanía. Unha das cuestións clave é a súa inclusión no SAE, para que poidan aparecer tamén na app, o principal método de información ao usuario. Tampouco estaría de máis a impresión de folletos liña por liña coa súa correspondente cor, ao igual que se fai cos horarios regulares, así como algunhas notas informativas «in situ» nalgunha das paradas de maior utilización, como a da Senra ou na praza de Galicia.



Fontes de información:
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Compañía de Tranvías de La Coruña
Vitrasa
Memoria TUSSA 1999 - 2003

1 de abril de 2019

O #BusUrbano gaña viaxeir@s en 2018 mentres un terzo da pasaxe viaxa gratis

Se no último post comentabamos que, xa ben entrado o ano, aínda non coñeciamos as cifras do transporte urbano relativas ao ano 2018, o Concello pareceu escoitar as nosas pregarias e publicounas dous días despois. Imos analizalas polo miúdo porque, aínda que no seu conxunto o número de viaxeiros aumentou un 6%, cómpre destacar que no 2017 tivo lugar a folga do transporte de viaxeiros que, tal e como indicaba o propio goberno local, repercutiu nas cifras dese exercicio.


Comparativa 2017-18. Algunhas cifras non poderían ser fieis á
realidade por mor da folga de transporte de 2017.

CIFRAS 2018
O número total de usuarias e usuarios foi de:

7.447.300

Isto supón un incremento dun 5,97% con respecto a 2017, no que a cifra alcanzou os 7.027.665 (419.635 viaxeiros máis). Como vén acontecendo dende hai anos, a máis utilizada foi a #Liña6 (San Marcos – Os Tilos; 16,16% da utilización total), seguida das #LiñaC11 (Circ. de Fontiñas; 15,88%) e #Liña1 (Boisaca – Hosp. Clínico; 15,29%).

Destaca o incremento de usuarios nos servizos especiais, que pasan de ser utilizados por 3.691 persoas a 50.036. Isto débese á participación de TUSSA durante a primeira edición de O Son do Camiño, a pesares de todos os problemas tiveron lugar (un dos días, a Policía mandara suspender o servizo de buses pola masificación de xente).

En canto aos métodos de pago, os bonos ordinario, escolar, mensual e universitario (este último, só para aqueles con TUI anterior ao 1 de xullo de 2017) foron empregados polo 45,89% das persoas. O bono pensionista, por un 32,03%. Ao noso xuízo, esta cifra debería facer reformularnos o modelo de pago que temos e se queremos mantelo. En Compostela, lembramos, os e as pensionistas viaxan practicamente de balde (720 viaxes anuais), sen ter en conta criterios económicos ou similares para a concesión destas viaxes. Polo tanto, estamos a falar de que un terzo dos pasaxe viaxa gratis. Porén, outros colectivos como as persoas con discapacidade ou as desempregadas non gozan de descontos. Estamos seguros de que imos polo bo camiño?


FOLGA DE 2017
Servizos mínimos «teóricos» para
a folga de 2017. Na práctica apenas
se cumpriron.
Hai que ter en conta que durante o 2017 tivo lugar a folga do transporte, que foi secundada polos condutores e condutoras do bus urbano de Compostela nas oito xornadas de paros. Durante todos os martes e mércores, dende o 20 de xuño ata o 12 de xullo, só circularon uns servizos mínimos estipulados de antemán, e que non foron cumpridos na súa totalidade. Isto tivo a súa repercusión nas cifras de 2017, polo que non é axeitado comparalas coas de 2018, pois o aumento / redución de pasaxeiros podería non ser 100% real.

Con todo, ao comparar as cifras de 2018 coas de 2016, seguimos a obter bos resultados. No 2016 empregaron o bus urbano 7.135.858, o que supón un incremento dun 4,36%. Obviamente non é tan acusado como o 5,97% tomando 2017 como ano de referencia.

No tocante ás liñas, todas gañan usuarios excepto a #Liña8, #Liña9, #LiñaP1, #LiñaP3, #LiñaP7 e #LiñaP8. No caso da L9, supoñemos que perde usuarios debido ao seu pésimo funcionamento, con retrasos de ata 20 min en horas punta. No caso das liñas periféricas, a escaseza de frecuencias pode acabar repercutindo na súa non utilización, substituíndo o transporte público polo vehículo privado.

En peor situación se atopan algunhas parroquias do rural que non contan cun só bus urbano en todo o día. É o caso de San Xoán de Fecha ou Namenzo. En teoría, o problema quedará resolto, como non, coa nova concesión, a través dun sistema de transporte a demanda.


CONCLUSIÓNS
Supoñemos que o crecemento de viaxeiros non se debe a factores directamente relacionados co bus urbano, posto que o sistema leva funcionando practicamente sen cambios dende 2012. O único relevante a destacar, a renovación dalgúns vehículos (contadas cos dedos das mans) e a inclusión da cidade na aplicación Moovit, que puido ser un incentivo máis para o usuario —sobre todo turistas— de cara á utilización do transporte público, posto que suple algunhas das funcións que non cumpre a oficial de TUSSA. Con todo, non conta con tempo real nas paradas.

Fontes de información
Concello de Santiago (I)
Concello de Santiago (II)