Amosando publicacións coa etiqueta Liña C6. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liña C6. Amosar todas as publicacións

26 de abril de 2019

Servizos extra para a Cidade Imaxinaria e o concerto de Bob Dylan

Con motivo da celebración da Cidade Imaxinaria Primavera na Cidade da Cultura o vindeiro sábado 27 e o concerto de Bob Dylan no Multiusos o luns 29, TUSSA ofrecerá dous servizos especiais durante os dous días para facilitar o acceso aos recintos dende o centro da cidade.

> Sábado 27: Cidade Imaxinaria


Regresa, un ano máis, a Cidade Imaxinaria á Cidade da Cultura. Terá lugar o sábado 27 de abril a partir das 17:00. Como a #Liña9 non funciona os sábados pola tarde, as opcións para subir ata o Gaiás en transporte público serán as seguintes:

#ServizoEspecial: será un autobús que funcionará entre a pza. de Galicia (#Parada410, diante do Massimo Dutti) e a CdC cunha frecuencia de 40 min. A primeira saída dende o Gaiás será ás 14:00 e a última ás 21:20. Dende o Ensanche, o primeiro bus partirá ás 14:20 e o último ás 21:00. Dende a pza. de Galicia, este bus seguirá por Virxe da Cerca seguindo o itinerario da #Liña9, coa única excepción de que non accederá ao Multiusos de Sar na viaxe de ida nin na de volta. As tarifas serán as habituais.

Os horarios detallados son: saídas dende a Cidade da Cultura: 14:00, 14:40, 15:20, 16:00, 16:40, 17:20, 18:00, 18:40, 19:20, 20:00, 20:40, 21:20.
Dende a praza de Galicia: 14:20, 15:00, 15:40, 16:20, 17:00, 17:40, 18:20, 19:00, 19:40, 20:20, 21:00.

#LiñaC11: aínda que o lóxico e o máis practico sería acceder a través do servizo habilitado para a ocasión, a #LiñaC11 conta con tres prolongacións á Cidade da Cultura os sábados tarde, que eles mesmos recomendan na web aínda que os horarios sexan erróneos. Os servizos desta liña con paso por Xeneral Pardiñas ás 17:30, 19:45 e 20:00 subirán ata o Gaiás.

> Luns 29: concerto de Bob Dylan


O luns 29 de abril ás 21:00 Bob Dylan ofrecerá no Multiusos Fontes de Sar o que será o único concerto en Galicia da súa última xira. Ante a escaseza de servizos de transporte ordinarios ata o recinto, TUSSA porá en marcha o habitual #ServizoLanzadeira que se emprega para os eventos no Multiusos. Deste xeito, poderase acceder a través:


Punto de saída do #ServizoLanzadeira.
➢ Do #ServizoLanzadeira: de xeito continuado (isto é, que sempre haberá un bus ao que subirse) dende as 17:00 ata as 21:00. Sairá dende o carril bus do Hórreo, onde comeza a escalinata que baixa á estación de trens. Irá directo ata o Multiusos, sen facer paradas. Manterase en sentido inverso ao remate do concerto, a partir das 22:45.

➢ Da #LiñaC11 (cada 12 min): todos os servizos comprendidos entre as 17:00 e as 21:00 prolongaranse ata o Multiusos. Non sabemos se se reforzará a liña cun autobús máis, pero dende logo cremos que sería o máis conveniente tendo en conta o percorrido extra nun día laborable (hai máis tráfico que durante as fins de semana). No centro, discorre por Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia.

➢ Da #Liña9 (cada hora): no seu percorrido habitual accede ao Multiusos. Sae ás XX:30 de Casas Novas e sobre as XX:40 para na Senra. Logo continúa por Virxe da Cerca, Pastoriza, Anxo Casal, Rodríguez de Viguri e Fontiñas.

➢ Das #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada hora): unicamente as recomendamos para acceder dende zonas periféricas da cidade que non queden cubertas por algunha das outras alternativas, xa que teñen pouca frecuencia e son moi habituais os retrasos.

Fontes de información:
Cidade da Cultura
TUSSA (I) e TUSSA (II)
Imaxes:
Cidade da Cultura
Ticketmaster
Google Maps

25 de febreiro de 2019

#TransportePúblico en Costa Vella, unha materia pendente

Hai uns días, El Correo Gallego publicaba unhas pezas adicadas ás xa máis que coñecidas e habituais queixas sobre os problemas do transporte urbano no entorno do polígono de Costa Vella. O certo é que só dúas liñas (C5 e C6) conectan esta superficie industrial co centro da cidade, e ambas as dúas teñen frecuencia dunha hora e percorridos inmensos. É de esperar que o primeiro dos problemas se resolva coa nova licitación, pero todo parece indicar que o segundo quedará sen solventar.





Cales son os problemas?
En rasgos xerais, podemos identificar tres problemas básicos:


➢ Frecuencias escasas
De luns a venres e os sábados pola mañá, as liñas que serven ao polígono son dúas: a #LiñaC5 (saídas ás XX:30) e a #LiñaC6 (saídas ás XX:05). A teoría xa non soa ben porque practicamente estamos a falar dun bus cada media hora que, ante a demanda de viaxeiros e coa recente instalación de grandes empresas na zona, resulta insuficiente.


➢ Retrasos máis que habituais
O habitual Citaro da #LiñaC5 na
cabeceira de Eslovenia, en Costa Vella.
Se a teoría xa non soa ben, podemos augurar que a práctica é todavía peor. E é que en realidade, os horarios estipulados para estas dúas liñas son irreais e imposibles de cumprir: unha hora para percorridos circulares duns 15 km que rodean a cidade e atravesas as zonas máis conflitivas en canto á intensidade de tráfico (Virxe da Cerca, Hórreo, Doutor Teixeiro...).

Ademais, a #LiñaC6 tamén se viu afectada pola peonalización da rúa de San Pedro en 2013, polo que agora circula por San Roque → Basquiños → Pastoriza → Rodríguez de Viguri co mesmo tempo de viaxe que por aquel entón. De feito, como comenta unha usuaria no vídeo, ás veces é tan esaxerado o retraso que mesmo á liña C5 chega antes que a C6 —o que implicaría unha demora de 25 min—.

➢ Percorridos
O último dos problemas que habería que solventar é, baixo o noso punto de vista, o dos percorridos. Imos exemplificalo collendo como punto de referencia o centro da cidade:

— Centro cidade → Costa Vella: se empregamos o circular C5, a viaxe poderíanos levar ata 40 min, xa que teríamos que ir percorrendo Restollal, a rúa da Estrada, Fontiñas e Amio. No caso do C6, o tempo de traxecto sería algo máis curto, pero en todo caso próximo á media hora.

— Costa Vella → centro cidade: a opción máis «rápida» sería empregar a #LiñaC5, que, despois de percorrer Amio e Fontiñas, accede ao centro a través de Bonaval e Virxe da Cerca (sobre 25 min). No caso da C6, dende Fontiñas, habería que percorrer a rúa de Diego Bernal, a da Estrada e o Restollal ata chegar ao Hórreo (uns 30 min).

Que se contempla na nova concesión ao respecto?
Basta con botar un ollo ao Xeoportal do Concello para consultar os itinerarios das liñas da nova concesión. As substitutas das actuais rutas que conectan a cidade co polígono serán as #Liña30+ e #Liña30-, que contan cun percorrido practicamente igual que os dos circulares C5 e C6, como xa comentamos no seu día.



Visualización das futuras liñas 30+ e 30- no Xeoportal
(clic para ampliar).


Aínda que non coñecemos os horarios, supoñemos que estas novas liñas funcionarán tamén os domingos e festivos —cumprindo así unha vella demanda da veciñanza de Amio—, posto que o tramo do polígono aparece como unha prolongación.

Con todo, o problema dos itinerarios non quedaría resolto con esta nova proposta, xa que habería que dar a mesma volta para chegar á zona industrial dende o Ensanche. Agardamos polo menos que si se solucione a cuestión das frecuencias dotando a cada liña con, polo menos, dous autobuses.

Posibles solucións buscomposteleiras


Recreación da prolongación da #Liña1 polo
polígono de Costa Vella.
Unha das posibles solucións para poder acceder a Costa Vella dun xeito máis áxil e cun percorrido menor que os actuais, sería prolongar a #Liña1 dirección Boisaca, como xa se vén facendo dende hai anos para dar servizo á Feira de Amio durante a Ascensión. Con todo, sería unicamente un método de acceso, xa que para o regreso implicaría unha gran cantidade de tempo, ao ter os buses que ir ata Boisaca (de cara á nova concesión, aínda peor, ata o Tambre), facer alí regulación horaria e logo volver.

Esta prolongación non sería posible na viaxe cara o Hospital Clínico, xa que dende o carril sentido centro cidade do Cruceiro da Coruña non se pode acceder á rúa de Amio.


Fontes de información:
El Correo Gallego (08/02/2019)

22 de decembro de 2018

Horarios de Nadal nos transportes urbano e metropolitano e no AeroBus

Como cada ano en Nadal, os transportes urbano e metropolitano modificarán os seus horarios por mor da celebración da Noiteboa e Nadal e Noitevella e Aninovo: os días 24 e 31 de xaneiro os autobuses retiraranse máis cedo do habitual, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro retrasarase a hora de inicio do servizo.


Transporte urbano
Os luns 24 e 31 de decembro, ao ser días laborables, as liñas do transporte urbano funcionarán como tal. Sen embargo, as últimas saídas adiantaranse ata as 20:30 / 21:00, dependendo en todo caso de cada liña concreta. Estas serán as derradeiras saídas dende cada cabeceira:




Pola contra, os días de Nadal e Aninovo, os primeiros servizos sairán das cabeceiras ao filo das 10:00 da mañá. Ao ser días festivos, só funcionarán as liñas propias dos domingos, que son as seguintes:



AeroBus ✈
A liña da Empresa Freire que conecta o centro da cidade co aeroporto de Lavacolla (en breves xa Rosalía de Catro😋) tamén sufrirá variacións no seu horario:

Días 24 e 31 de decembro: última saída da pza. de Galicia ás 19:00 e dende o aeroporto ás 20:00.

Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: a primeira saída dende a pza. de Galicia será ás 10:00 e dende Lavacolla ás 11:00.


Transporte metropolitano
Os horarios do transporte metropolitano tamén se verán afectados durante estes días especiais:

Rúa da Rosa - Bertamiráns - A Gándara:
Días 24 e 31 de decembro: última saída da rúa da Rosa ás 20:45 e último viaxe dende A Gándara ás 21:15.
Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: non haberá servizo porque esta liña só funciona os días laborables.

➢ Est. autobuses - Bertamiráns - Negreira:

Días 24 e 31 de decembro: suprímense as últimas saídas dende Santiago (21:45) e dende Negreira (20:45). As alternativas, as saídas da hora anterior (20:45 e 19:45 respectivamente).
Días 25 de decembro e 1 de xaneiroo servizo comezará á mesma hora que o fai o resto de domingos e festivos do ano, pero suprimirase a saída dende Santiago das 14:45, e a de Negreira das 15:45.

➢ Est. autobuses - Bertamiráns - Noia: 

Días 24 e 31 de decembro: a última saída cara a Noia será ás 20:00 (suprímese polo tanto a das 21:30) e suprímese o servizo Noia → Santiago das 21:00 (sendo o último as 19:00).
Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: os primeiros servizos (tanto dende Noia a Santiago como no traxecto inverso) sairán ás 12:00.

Bo Nadal!😄


Nota: foinos imposible contactar con Autobuses de Calo para coñecer os horarios dos autobuses dende / hacia Milladoiro nestas datas de Nadal.

Fontes de información:
TUSSA
Empresa Freire
Monbus
Hermanos Ferrín

6 de decembro de 2018

O sábado 8, concerto de @helloweenorg e reforzos no transporte urbano

Nunha das semanas máis raras do ano como é esta, coa ponte da Constitución de por medio, en Compostela poderemos gozar do concerto do grupo de heavy metal Helloween. Isto será o sábado 8, día no que tamén se reforzarán algunhas das liñas para «compensar» o festivo do xoves. Do mesmo xeito, o domingo 9 verase reforzada tamén a #LiñaC11.


Concerto de Helloween
📅 Sábado 8 de decembro
🕖 19:30 (apertura de portas ás 19:00)
📍Multiusos Fontes do Sar
Aínda que o cartel indique as 21:30, en realidade
o concerto é ás 19:30. Fonte: RockNRock

Para este concerto habilitarase o dispositivo habitual para eventos no Multiusos Fontes do Sar, que consiste en:

#ServizoLanzadeira: segundo a información proporcionada por TUSSA, funcionará de xeito continuado de 17:30 a 20:00. O punto de saída será o habitual: o #CarrilBus da rúa do Hórreo, xusto diante da escalinata que baixa á estación de trens. Ao final do concerto, ao filo das 22:30 se todo marcha como está previsto, o #ServizoLanzadeira funcionará en sentido inverso (Multiusos → avda. de Lugo, cruce co Hórreo).

Con «de xeito continuado» entendemos que serán varios os autobuses que se destinarán á realización deste servizo, polo que deducimos que sempre vai haber polo menos un na cabeceira do Hórreo. Comentar tamén que este servizo é directo, polo que non realizará ningunha parada entre as dúas cabeceiras.


#LiñaC11: como tamén é habitual nesta clase de eventos, a #LiñaC11 prolongarase ata o Multiusos. Desta vez, farao en todas as viaxes con paso aproximado por Xeneral Pardiñas entre as 17:30 e as 20:00 (cada 20 min.).

Aínda que TUSSA nos confirmara en Twitter que o amañaría, o certo é que ata o de agora, os servizos da #LiñaC11 prolongados de xeito extraordinario ao Multiusos non aparecen reflectidos na app. É dicir, consta coma que fan a súa viaxe habitual, o que pode causar confusións aos usuarios que busquen acceder ao recinto en bus...



A nosa recomendación
Nós recomendamos ir e regresar do Multiusos utilizando o #ServizoLanzadeira: é máis directo, ten (case) asegurada unha frecuencia e non ten problemas de retraso ao ir directo pola avda. de Lugo. Pola contra, a #LiñaC11, só contará con dous autobuses ao ser festivo que, unido ao intenso tráfico que haberá no entorno do C.C. As Cancelas, acabará por derivar en retencións e retrasos. Mellor non arriscarse.


Reforzos para a finde
- Sábado 8
O sábado 8 de decembro, para compensar os horarios de día festivo que xa haberá durante o xoves 6, as seguintes liñas do transporte urbano se verán reforzadas dende o inicio do servizo ata as 15:00:
Liñas 6, 7, C5, C6, P1, P2 e P3

A partir das 15:00, estas liñas tamén terán horario de domingos e festivos.

Por outra banda, a #LiñaC11 terá unha frecuencia de 15-20 min. a partir das 10:00 e ata as 15:30.

- Domingo 9
O domingo 9 de decembro só será reforzada a #LiñaC11 do mesmo xeito en que o fará o sábado: con pasos de 15-20 min. entre as 10:00 e as 15:30.

As restantes liñas terán o domingo horario de domingos e festivos.

25 de outubro de 2018

Finde axetreado: Tribalistas o venres e Carreira Pedestre o domingo

O próximo fin de semana vén movidiño: o venres 26 de outubro Tribalistas ofrecerá un concerto no Multiusos Fontes do Sar e o domingo 28 celebrarase a 41ª edición da xa máis que tradicional Carreira Pedestre Popular de Santiago. Debido a estes dous eventos, TUSSA ofrecerá o venres servizos de transporte adiccionais para os asistentes ao concerto, mentres que o domingo pola mañá haberá desvíos en practicamente a totalidade das liñas.

> Concerto de Tribalistas (venres 26)


Tribalistas, o trío formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown, ofrecerá un concerto o vindeiro venres 26 de outubro no Multiusos de Sar. A cita será ás 21:00 e, como xa é costumbre ante este tipo de eventos, TUSSA porá a disposicións dos asistentes do concerto servizos de transporte adiccionais:

  • #ServizoLanzadeira: partirá dende o carril-bus do Hórreo (xusto diante de onde comezan a escalinata que baixa ata a estación de trens) ata o Multiusos de forma directa, sen paradas. O horario será de 18:00 a 21:00 ininterrompidamente. Ao remate do concerto a partir das 22:45, aproximadamente— manterase o #ServizoLanzadeira dende o Multiusos ata o cruce da avda. de Lugo co Hórreo. As tarifas deste servizo serán as habituais do transporte urbano. Podes consultalas aquí.
  • #LiñaC11 (cada 12'): prolongarase polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 18:00 e as 21:00.
  • #Liña9 (cada 60'): pode ser outra opción para acceder ao Multiusos con máis «relax», fuxindo do axetreo que caracteriza á #LiñaC11. Iso si, haberá que andar pendente, xa que esta liña só pasa cada hora (ás XX:40 pola Senra, aproximadamente).
  • #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada 60'): poden empregarse tamén para acceder ao Multiusos dende o centro da cidade, mais a súa función principal é a de atender a outras zonas periféricas da cidade (San Lázaro, Amio...).


> Carreira Pedestre Popular (domingo 26)

E este finde tamén, terá lugar a 41ª edición da Carreira Pedestre Popular. O percorrido abrangue gran parte da cidade, polo que todas as liñas que funcionan os domingos terán desvíos, e mesmo nalgunhas suprimiranse algunha saída. Este é o itinerario da proba:



Imos ver as alteracións que sufrirán as liñas unha por unha:

#Liña1 (cemiterio de Boisaca ⇆ Hospital Clínico)

Entre as 10:00 e as 12:30, haberá percorridos alternativos:

  • Hosp. Clínico → Boisaca: percorrido habitual ata o cruce da avda. Rosalía de Castro con Romero Donallo. Dende aquí, os buses irán por esta última avda. → Hórreo (parada na zona da escalinata que baixa á estación de trens) → avda. de Lugo → Cruceiro da Coruña.
  • Boisaca → Hosp. Clínico: mesmo percorrido que no caso anterior pero á inversa. Neste sentido, a parada alternativa no Hórreo será a #Parada694 da #LiñaC2.

#Liña4 (As Cancelas ⇆ Romaño)

  • As Cancelas  Romaño: suprimidas as viaxes con saída das Cancelas ás 10:30 e 11:30 (coa conseguinte perda tamén da prolongación por Casas Novas).
  • Romaño → As Cancelas: non sairán do Romaño as viaxes das 10:00, 11:00 e 12:00.

#Liña5 (A Rocha ⇆ Vite)

  • Vite → A Rocha: suprimidas as viaxes das 10:00 e das 12:00. Sairá dende Vite o servizo das 9:30, e o próximo será o das 12:30. No seu lugar:
  • Est. de autobuses → A Rocha: os servizos que deberían salir entre as 10:00 e as 12:00 de Vite farano dende a estación de autobuses. Dende aquí, os buses da #Liña5 irán por Rodríguez de Viguri → avda. de Lugo → Hórreo (#Parada694) e percorrido habitual ata A Rocha (ou A Rocha Vella, segundo o horario).
  • A Rocha → est. de autobuses: mesmo percorrido que no caso anterior pero a parada alternativa do Hórreo realizarase no cruce desta rúa coa avda. de Lugo (zona da escalinata que baixa á estación de trens).

#Liña6 (San Marcos ⇆ Os Tilos)

Entre as 9:45 e as 12:15 os autobuses da #Liña6 terán percorridos alternativos:

  • San Marcos → Os Tilos: itinerario habitual ata Fonte dos Concheiros. Dende aquí, os buses seguirán por avda. de Lugo Hórreo (#Parada694) → Amor Ruibal e percorrido ordinario ata Os Tilos. Ao redor das 11:00, neste sentido, os buses poderán acceder á rúa da Rosa, facendo parada aquí e deixando de realizar a provisional no Hórreo. 
  • Os Tilos → San Marcos: percorrido habitual ata o Hórreo. Despois, por avda. de Lugo ata a #Parada409 na rúa das Fontiñas.

#Liña7 (rúa Valle Inclán ⇆ Aríns)

  • Valle Inclán → Aríns: as saídas dende Valle Inclán das 11:00 e 12:00 faranse dende o carril-bus do Hórreo, polo que quedan suprimidas as paradas de Valle Inclán, Virxe da Cerca e pza. de Galicia.
  • Aríns → Valle Inclán: as saídas de Aríns das 10:30 e das 11:30 terán como destino o Hórreo, diante da estación de trens. Polo tanto, quedan suprimidas as paradas de Hórreo nº 23, Virxe da Cerca e Valle Inclán.

#Liña8 (Vidán  Camiño dos Vilares)

  • Vidán → C. Vilares / Tanatorio: as viaxes con saída da urb. Brandía ás 10:30 e 11:30 irán por: avda. Mestra Victoria Míguez → avda. Mestre Mateo → Romero Donallo → Hórreo (parada na zona próxima a escalinata que baixa á estación de trens) → avda. Lugo → avda. Rodríguez de Viguri → r/ dos Irmandiños e itinerario habitual a partir do barrio de Guadalupe.
  • C. Vilares / Tanatorio → Vidán: as saídas das 10:00, 11:00 e 12:00 farán o mesmo percorrido que no caso anterior pero á inversa, realizando a #Parada694 de xeito alternativo.

#LiñaC2 (est. autobuses → Fontiñas → Hospitais → Vite → est. autobuses)

A viaxe con saída ás 10:15 da estación de autobuses quedará suprimida. Reanudarase o servizo co servizo das 11:15.

#LiñaC11 (circular de Fontiñas)

As saídas do Camiño Francés (C.C. As Cancelas) das 10:20, 10:55, 11:30 e 12:05 terán o seu percorrido habitual ata a avda. de Lugo. Seguirán por esta ata o Hórreo, onde darán media volta e volverán cara Fontiñas. Realizaranse as prolongacións polo Multiusos de Sar e a Cidade da Cultura nas horas sinaladas.

#LiñaP1 (est. autobuses  Folgoso)

Suprimidos os servizos con saída ás 10:30 de Folgoso e ás 11:00 dende a estación de autobuses.

#LiñaP2 (est. autobuses  Ortoño)

Nas viaxes con saída ás 10:00 dende Ortoño e ás 11:30 dende a est. de autobuses, o bus da #LiñaP2 irán, dende Rosalía de Castro, por Romero Donallo → Hórreo e avda. de Lugo ata a estación, perdendo así todas as paradas no centro da cidade.

#LiñaP3 (rúa Valle Inclán ⇆ A Susana)

As viaxes con saída de Valle Inclán ás 11:00 e ás 12:00, así como os que saen da Susana ás 10:30 e 11:30, terán como punto de orixe / destino a rúa do Hórreo, non indo así ata Valle Inclán.

Arredor das 11:00, cando se abran as rúas pechadas do Ensanche, as viaxes en dirección A Susana poderán realizar a #Parada479 na rúa da Rosa.

20 de setembro de 2018

Chega a #SupercopaEndesa ao Multiusos de Sar!

Este ano Compostela será a cidade anfitrioa da Supercopa Endesa 2018. Por este motivo, TUSSA ofrecerá servizos de transporte especiais que se sumarán ás liñas habituais para que todas as persoas que así o desexen poidan ir ver os partidos en bus urbano. [ACTUALIZACIÓN] Monbus tamén ofrecerá un #ServizoLanzadeira dende o estadio de San Lázaro. O evento terá lugar durante as tardes do venres 21 e o sábado 22 de setembro. Imos ver as diferentes opcións día por día:



> Venres 21

As opcións serán as seguintes:

  • #ServizoLanzadeira: sairá dende o #CarrilBus da rúa do Hórreo (diante da escalinata que baixa á estación de tren). Irá ata o Multiusos directo, sen facer paradas. Dependendo da hora, funcionará de diferentes xeitos:
  • Entre as 18:00 e as 19:00: só en sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  • Entre as 20:00 e as 22:00: funcionará nos dous sentidos, é dicir, poderase coller no Hórreo para ir ata o Multiusos e no Multiusos para ir ata o Hórreo.
  • Dende as 23:00 e ata o desaloxo de toda a xente: exclusivamente en sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo).

  •  #LiñaC11 (frecuencia de 12'): prolongarase en todas as viaxes con paso por Xeneral Pardiñas comprendidas entre as 18:05 e 21:41. As paradas máis céntricas para coller esta liña serán as de Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia (ferraxería).
  • Outras liñas que acceden ao Multiusos (todas cada 60'): #Liña9 (paradas máis céntricas: San Clemente, Senra, 13), #LiñaC5 (pza. de Galicia, Zara e r/ da Rosa) e #LiñaC6 (Hórreo).
  • [ACTUALIZACIÓN]: a maiores do #ServizoLanzadeira de TUSSA, haberá un de Monbus. Será de 18:00 a 20:30 (cada 30') con saída dende o estadio de San Lázaro (porta 10).

OLLO! O venres celebrarase tamén na Cidade da Cultura un concerto de Emilio Rúa (poderase acceder a través da #Liña9). Por este motivo, xunto coa propia Supercopa Endesa, prevese unha gran afluencia de coches na zona. Polo tanto, recomendamos coller o bus con antelación. No caso do concerto na CDC 
—que é ás 21:00— recomendamos coller o bus con saída de Casas Novas ás 19:30, xa que o das 20:30 xa irá con retraso.




> Sábado 22


  • #ServizoLanzadeira: ao igual que o venres, o servizo fará o percorrido Hórreo (escalinata da estación de tren) >> Multiusos directo, sen paradas intermedias. O horario de funcionamento do servizo este día será:
  • Entre as 17:00 e as 19:15: sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  •  Dende as 20:30 ata a finalización: só sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo). O servizo prolongarase ata que xa non haxa máis xente agardando polo bus.

  •  #LiñaC11 (cada 15'): pasará polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 17:00 e 19:15.
  • Outras liñas: o sábado á tarde, a parte da #LiñaC11, só funciona unha liña máis con paso polo Multiusos: a #LiñaC5 (cada 60').
  • [ACTUALIZACIÓN]: o sábado tamén haberá #ServizoLanzadeira de Monbus. Este día será de 17:00 a 18:30 (cada 30') dende a porta 10 do estadio de San Lázaro ata o Multiusos. Percorrido de volta, Multiusos - estadio S. Lázaro, a partir das 21:15.

Puntualización: non sabemos cantos buses conformarán o #ServizoLanzadeira de TUSSA. Nos partidos do Obradoiro CAB adoita haber un ou dous autobuses para o servizo de ida, e todos os que sexan necesarios para o de volta. Desta vez, ao tratarse dunha ocasión máis «especial» na que se espera máis afluencia de público, pode que vaia a haber máis vehículos.

Fontes de información:
TUSSA
Cidade da Cultura
Obradoiro CAB (Twitter)
Fotografías:
Marca
Cidade da Cultura

24 de xullo de 2018

#Liñas 9, C5, C6 e C11 + #ServizoLanzadeira para o concerto de @BadBunnypr

O martes 24 de xullo, preámbulo do día grande das festas do Apóstolo, terá lugar unha das que será, sen dúbida, das citas musicais máis importantes do ano na cidade: o concerto de Bad Bunny no Multiusos Fontes do Sar. E como non podía ser doutro xeito, e ante o sold out conseguido polo artista, TUSSA porá a disposición dos usuarios e usuarias servizos de transporte para as persoas que asistan ao concerto.

Xa é tradición en Compostela o clásico concerto do 24 de xullo. Nesta ocasión, teremos a honra de ter na cidade (ou máis ben, el terá a honra de estar aquí😏), ao trapeiro Bad Bunny. Ofrecerá un concerto no Multiusos Fontes do Sar ás 21:00, e TUSSA porá algunha que outra facilidade para aqueles interesados e interesadas en asistir. Imos por partes. Primeiro imos ver os servizos de liñas regulares, as habituais para acceder ao Multiusos:

#Liñas 9, C5, C6 e C11 (ida)


  • #Liña9: ten unha frecuencia de 60'. Sae de Casas Novas ás horas e medias. As paradas máis céntricas para coller esta son a #Parada553 San Clemente, fronte ao IES Rosalía de Castro e a #Parada598 Senra nº 13, Burger King. Logo segue ata o Multiusos por Virxe da Cerca >> Pastoriza >> Rodríguez de Viguri >> Fontiñas.


Clic para ampliar


  • #LiñaC5: sae do polígono Costa Vella ás horas e media (frecuencia de 60'). As paradas máis céntricas para coller esta liña son a #Parada410 Pza. Galicia nº 3 (Zara) e a #Parada479 Rúa da Rosa. Logo vai ata o Multiusos por Restollal >> rúa da Estrada >> Diego Bernal.


Clic para ampliar

  • #LiñaC6: sae do polígono Costa Vella ás horas e cinco (frecuencia de 60'). As paradas máis céntricas desta liña son as situadas na rúa do Hórreo: #Parada691 Hórreo, estación de trens; #Parada276 Hórreo, Parlamento de Galicia e #Parada277 Hórreo nº 23. Segue o seu camiño ata o concerto polo mesmo percorrido que a #Liña9 dende Virxe da Cerca.
Clic para ampliar




  • #LiñaC11. Ten unha frecuencia de 15'Prolongarase ata o Multiusos en todas as viaxes comprendidas entre as 16:00 e as 22:00. As paradas máis céntricas para coller esta liña son a #Parada673 Xeneral Pardiñas nº 35; #Parada674 Xeneral Pardiñas nº 7 e #Parada409 Praza de Galicia, ferraxería.
Clic para ampliar





#ServizoLanzadeira (ida e volta)


Asemade, haberá un #ServizoLanzadeira que sairá dende o carril bus da rúa do Hórreo, diante da escalinata que baixa á estación de trens. Este servizo estará operativo entre as 16:00 e as 22:00. TUSSA non o concretou, pero supoñemos que se tratará dun só autobús que irá ata o Multiusos con pasaxeir@s e volverá baleiro. Non ten horario, simplemente vai e volve todo o rato, leve o tempo que lle leve.



Punto de saída do servizo lanzadeira no Hórreo


O #ServizoLanzadeira será tamén o único modo de regreso dende o Multiusos ata o centro ao remate do concerto. Estará operativo de novo a partir das 00:00 cun percorrido directo ata a rúa do Hórreo, sen facer paradas intermedias. Neste caso, supoñemos que o servizo si contará con varios autobuses para atender a todas as persoas que saian do concerto.


A nosa recomendación


Baixo o noso punto de vista, a opción idílica para ir dende o centro ata o Multiusos é utilizar o servizo lanzadeira. Pero posto que este non ten un horario fixo e tampouco aparece na app, recomendamos empregar a #LiñaC11, xa que é a que máis frecuencia de paso ten, e o seu percorrido é o que da menos rodeo para chegar. Iso si, tamén é a que máis chea de xente irá.

Á volta non queda máis remedio que utilizar o #ServizoLanzadeira. Non adoita haber problemas, xa que para a hora de finalización do evento sobre as 00:00– o servizo diurno xa está máis que rematado e hai buses e condutor@s de sobra para poder realizar esta ruta sen problemas.