Amosando publicacións coa etiqueta Coronavirus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Coronavirus. Amosar todas as publicacións

16 de marzo de 2020

O transporte urbano tamén se adapta ao coronavirus: #QuedaNaCasa

🦠TODA A INFORMACIÓN RELATIVA AO COVID-19 ACTUALIZADA NESTE FÍO DA NOSA CONTA DE TWITTER🦠


[Actualizado a 16/03]


SÓ SE PODERÁ PAGAR CON TARXETA, QUEDA ANULADO O PAGO EN EFECTIVO a partir do XOVES 19 DE MARZO. Nestes días estanse a recolocar as canceladoras nas portas traseiras dos autobuses. Deste xeito, ao non poder pagar en efectivo, habilitaranse tres puntos para a compra e recarga das tarxetas ubicados en: praza de Galicia (ferretería), rúa Lisboa (preto da parada de taxis) e avda. de Vilagarcía nº 28. Ambos os tres puntos se corresponden cunha parada do transporte urbano:

Clica aquí se non podes visualizar correctamente o mapa

Na rolda de prensa tras a Xunta de Goberno, o alcalde Xosé A. Sánchez Bugallo indicou que o xoves haberá unha nova xuntanza na que, moi probablemente, se reaxustarán os horarios do bus urbano para adaptalos á escasa demanda existente durante estes días. Permaneceremos atentos.

Primeira versión do post [domingo 15/03]:

Parecía afastado hai tan só unha semana, pero o certo é que chegou para quedarse (polo menos durante os próximos quince días). O coronavirus xa forma parte do noso día a día. Dende o pasado xoves no que o presidente Feijóo anunciaba o cese da actividade docente ata a publicación do Real Decreto que establece o estado de alarma a partir do domingo, a poboación asistiu a un goteo constante de cese das actividades económicas. Finalmente, vémonos obrigados a quedar nas nosas casas para frear a expansión do virus e evitar o colapso do noso sistema sanitario.
Recomendacións da Xunta para
o uso do transporte público.

Malia isto hai unha serie de servizos que por seren imprescindibles continúan a continuar con normalidade, polo menos con toda a normalidade posible nestas circunstancias. Un deles é o transporte urbano. O Real Decreto deixaba a súa xestión en mans dos concellos, e en Santiago tomouse a decisión de mantelo ao cento por cento, agás algunhas excepcións puntuais.

Considerámolo obvio a estas alturas mais incidimos: #QuedaNaCasa. O emprego do bus urbano só está xustificado para aquelas persoas que non interrompen os seus traballos e aos que estes días agradecemos máis ca nunca a súa labor: persoal dos hospitais, do servizo de limpeza, dos supermercados... e do transporte urbano. TUSSA porá en vigor as seguintes medidas a partir do luns 16 para garantir a seguridade dos condutores/as no desempeño da súa labor.

Medidas xerais para toda a rede
➣ Só poderán viaxar en cada bus 30 persoas como máximo para evitar aglomeracións (que serán máis ca improbables durante o estado de alarma...).
Unhas cintas asegura o espazo
de seguridade do condutor/a.

➣ Haberá unha cinta de separación entre os asentos dianteiros e o posto de condución. Esta medida foi adoptada xa en moitas outras cidades do Estado co obxectivo de limitar ao mínimo o contacto entre condutor e cliente.

Accederase aos autobuses pola porta central. As indicacións textuais de TUSSA indican que «Os usuarios deberán validar o seu título de viaxe dende a parte de atrás do condutor, ou no seu caso deixar a súa tarxeta ou moedas no punto habilitado para evitar o contacto co condutor». O lóxico sería que se trasladara a canceladora á carón da porta traseira. Aínda que teñamos serias dúbidas de se se realizará isto, resulta ser o lóxico se vai haber unha cinta separadora.

➣ Os condutores/as deben empregar luvas. Comezaron a facelo xa o domingo.



Mantéñense os horarios, pero con pequenos reaxustes
Practicamente a totalidade da frota sairá ás rúas (menos un ou dous buses) durante estes días de corentena. Iso si, adaptaranse algúns servizos á escasa demanda existente:

#Liña8: elimínase o bus de reforzo que circula polas mañás, pasando de 3 a 2 vehículos que operarán a liña durante todo o día. Deste xeito, os horarios quedarán así:
Saídas C. Vilares → Vidán: de 7:00 a 22:30 (cada 30 min).
Saídas de Vidán → C. Vilares: de 7:30 a 22:30 (cada 30 min).

Saídas Tanatorio → Vidán: as mesmas que nos horarios actuais.

Saídas Vidán → Tanatorio: 7:30 8:00 8:30 9:00 10:00 10:30 12:00 12:30 13:00 14:30 15:00 16:30 17:00 18:30 19:00 20:30 21:00 21:30 22:00 22:30

Saídas de Vidán con prolongación aos Vilares: 9:30 14:00 16:00 20:00

#Liña15: mesmos horarios, pero os servizos rematarán na avda. de Barcelona en vez de no Campus Sur, tal e como se fai durante os períodos non lectivos.


[Actualización a 16/03] → #LiñaP2: suprímense os servizos de reforzo que rematan na pza. de Vigo. Son as saídas de Ortoño das 7:20 e 8:00.

Liña P3: elimínase o servizo específico que ía dende a pza. de Galicia ata o entorno educativo de Lamas de Abade, así como os pasos por alí dos buses da propia liña P3 no seu percorrido cara Valle Inclán ou A Susana. Ademais, elimínase tamén o bus de reforzo das mañás e do mediodía. TUSSA non especifica os novos horarios, pero segundo os nosos cálculos quedarían así:



Saídas Valle Inclán → A Susana: 8:20 10:00 11:15 12:15 13:30 15:00

Saídas A Susana → Valle Inclán: 7:45 9:00 10:45 11:45 13:00 14:05 15:30

A partir das 16:00 h, os servizos continuarían cos seus horarios habituais, saíndo durante as tardes dende a pza. de Galicia.


#LiñaP4: cremos que a información ofrecida por TUSSA para a liña P4 é confusa. Indícase que funcionará «como lectivo», pero despois se di que sen realizar «o servizo dobre ao mediodía nin o servizo de tarde». En cristián, entendemos que só se mantén un servizo, o de ida dende A Sionlla ata o centro das 7:20.

Polo de agora, mantéñense tamén todos os servizos ao aeroporto de Empresa Freire e non hai cambios no transporte metropolitano tampouco, segundo o publicado nas webs das empresas concesionarias.

Estas son as únicas restricións que haberá no transporte urbano, polo de agora, durante os días de corentena. Lembrámosvos que podedes seguir actualizados na nosa conta de Twitter @BusCompostela e, concretamente sobre o COVID-19 neste fío.

Fontes de información:
TUSSA
Xunta de Galicia
Boletín Oficial del EstadoConcello de Santiago
Imaxes:
Elaboración propia
Xunta de Galicia - CIM
Mapa:
Elaboración propia a través de My Google Maps