|
Comparativa 2017-18. Algunhas cifras non poderían ser fieis á realidade por mor da folga de transporte de 2017. |
CIFRAS 2018
O número total de usuarias e usuarios foi de:
7.447.300
Isto supón un incremento dun 5,97% con respecto a 2017, no que a cifra alcanzou os 7.027.665 (419.635 viaxeiros máis). Como vén acontecendo dende hai anos, a máis utilizada foi a #Liña6 (San Marcos – Os Tilos; 16,16% da utilización total), seguida das #LiñaC11 (Circ. de Fontiñas; 15,88%) e #Liña1 (Boisaca – Hosp. Clínico; 15,29%).
Destaca o incremento de usuarios nos servizos especiais, que pasan de ser utilizados por 3.691 persoas a 50.036. Isto débese á participación de TUSSA durante a primeira edición de O Son do Camiño, a pesares de todos os problemas tiveron lugar (un dos días, a Policía mandara suspender o servizo de buses pola masificación de xente).
En canto aos métodos de pago, os bonos ordinario, escolar, mensual e universitario (este último, só para aqueles con TUI anterior ao 1 de xullo de 2017) foron empregados polo 45,89% das persoas. O bono pensionista, por un 32,03%. Ao noso xuízo, esta cifra debería facer reformularnos o modelo de pago que temos e se queremos mantelo. En Compostela, lembramos, os e as pensionistas viaxan practicamente de balde (720 viaxes anuais), sen ter en conta criterios económicos ou similares para a concesión destas viaxes. Polo tanto, estamos a falar de que un terzo dos pasaxe viaxa gratis. Porén, outros colectivos como as persoas con discapacidade ou as desempregadas non gozan de descontos. Estamos seguros de que imos polo bo camiño?
FOLGA DE 2017
|
Servizos mínimos «teóricos» para a folga de 2017. Na práctica apenas se cumpriron. |
Hai que ter en conta que durante o 2017 tivo lugar a folga do transporte, que foi secundada polos condutores e condutoras do bus urbano de Compostela nas oito xornadas de paros. Durante todos os martes e mércores, dende o 20 de xuño ata o 12 de xullo, só circularon uns servizos mínimos estipulados de antemán, e que non foron cumpridos na súa totalidade. Isto tivo a súa repercusión nas cifras de 2017, polo que non é axeitado comparalas coas de 2018, pois o aumento / redución de pasaxeiros podería non ser 100% real.
Con todo, ao comparar as cifras de 2018 coas de 2016, seguimos a obter bos resultados. No 2016 empregaron o bus urbano 7.135.858, o que supón un incremento dun 4,36%. Obviamente non é tan acusado como o 5,97% tomando 2017 como ano de referencia.
No tocante ás liñas, todas gañan usuarios excepto a #Liña8, #Liña9, #LiñaP1, #LiñaP3, #LiñaP7 e #LiñaP8. No caso da L9, supoñemos que perde usuarios debido ao seu pésimo funcionamento, con retrasos de ata 20 min en horas punta. No caso das liñas periféricas, a escaseza de frecuencias pode acabar repercutindo na súa non utilización, substituíndo o transporte público polo vehículo privado.
En peor situación se atopan algunhas parroquias do rural que non contan cun só bus urbano en todo o día. É o caso de San Xoán de Fecha ou Namenzo. En teoría, o problema quedará resolto, como non, coa nova concesión, a través dun sistema de transporte a demanda.
CONCLUSIÓNS
Supoñemos que o crecemento de viaxeiros non se debe a factores directamente relacionados co bus urbano, posto que o sistema leva funcionando practicamente sen cambios dende 2012. O único relevante a destacar, a renovación dalgúns vehículos (contadas cos dedos das mans) e a inclusión da cidade na aplicación Moovit, que puido ser un incentivo máis para o usuario —sobre todo turistas— de cara á utilización do transporte público, posto que suple algunhas das funcións que non cumpre a oficial de TUSSA. Con todo, non conta con tempo real nas paradas.
Fontes de información
Concello de Santiago (I)
Concello de Santiago (II)