Amosando publicacións coa etiqueta LiñaC2. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta LiñaC2. Amosar todas as publicacións

26 de xuño de 2019

Carencias (as de sempre) e novidades dos horarios de verán 2019

Como cada ano na última semana de xuño, o pasado luns comezaron a funcionar os horarios de verán nas diferentes liñas do transporte urbano. En teoría, adecúanse os horarios á demanda da tempada estival —sobreenténdese que menor—, mais hai casos nos que se reducen frecuencias e a demanda segue a ser a mesma, como acontece no rural ou nos hospitais. A continuación imos expoñer, en trazos xerais, os principais cambios destes horarios con respecto aos do ano pasado e as súas eivas máis importantes.




Novidades 2019
A principal novidade nos horarios de 2019 é o mantemento do reforzo da #Liña8 nas mañás dos días laborables, cun autobús máis (tres en total). Este incremento do servizo xa leva implantado uns anos nos horarios de inverno, pero é a primeira vez que se aplica nos de verán. Foi introducido en 2015 cando se detectou que a frecuencia de 30 min da liña era imposible de cumprir con só dous vehículos.


Así quedan as saídas da #Liña8 para o verán, coa
nova prolongación ata Os Vilares incluída.
Durante o verán, a frecuencia cumpríase sen maiores problemas ao verse reducido o tráfico no centro da cidade, principal causa de retardación das liñas. Agora mantense, segundo o Concello, por mor das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Resulta paradoxal que este sexa o motivo oficial, xa que eses traballos afectan á case a totalidade das liñas e algunhas teñen unha frecuencia aínda máis difícil de cumprir (véxase a #Liña9 cun só bus).

De todos os xeitos, todo o que sexa incrementar o servizo ofrecido é benvido. Aínda que neste caso en concreto comprería analizar pormenorizadamente a situación, posto que a liña 8 contará este verán con tres autobuses polas mañás (frecuencia de 30 min) e só con un durante as tardes (cada 60 min). Non sería mellor dous e dous e tratar de manter os pasos cada media hora...?

A maiores reaxustáronse as saídas de primeira hora da #LiñaP1 co obxectivo de que manteñan a mesma estrutura horaria que en inverno.

Cobertura do Hospital Provincial
Dúas das liñas nas que máis se nota a redución do servizo son as circulares #LiñaC2 e #LiñaC4: pasan de ter cada unha unha frecuencia de 40 min (20' en combinación) a 60 min (30' en combinación) ou o que é o mesmo, pasan de ter dous buses cada unha a só un. O certo é que non resulta realista pretender que estas liñas realicen o seu percorrido, duns 16 km e máis de 50 paradas, nunha hora. De feito, o C2 ten establecidas as saídas da estación cada hora e dez minutos polas mañás.

Froito desta redución vese minguado o servizo ao Hospital Provincial de Conxo. Na teoría debería pasar ou o C2 ou o C4 cada media hora, pero ese descuadre de 10' nas saídas do C2 provoca que poida ser así como que pasen os dous á vez durante as mañás. Polas tardes si debería cumprirse a frecuencia de 30 min, pero non é raro que algunha das dúas rutas acumule algún atraso que, ao non haber ningunha «tregua» no día para reaxustalo, acabe por facerse cada vez máis e máis grande ata os últimos servizos.

Para colmo, a liña C4 pasa de ter a súa última saída, das 21:50 dos horarios de inverno, ás 19:45 nos de verán. Polo tanto, dende o último paso do C4 polo Provincial (sobre as 20:10), só pasa dúas veces máis o C2 cada hora.

Prolongacións e servizos ao rural
Na tempada estival téndese a reducir algunhas prolongacións a zonas rurais e non tan rurais que baixo o noso punto de vista non están xustificadas. A veciñanza de Vite de Arriba, por exemplo, pasa de ter cinco pasos da #Liña15 repartidos durante toda a tarde a só dous: un ás 15:30 e outro ás 21:30. A #LiñaP4 da Sionlla ten en inverno só dous servizos dende a praza de Galicia, 14:10 e 19:00, e durante o verán suprímese este último. A #Liña4, que non varía horarios nin número de autobuses nos días laborables, pasa de ter cinco prolongacións a Mallou a só dúas, e ambas durante a mañá, quedando esta zona incomunicada durante as tardes.

Este tipo de cuestións contan tamén á hora de ter en conta o reequilibrio territorial tan necesario en prol do rural e que todos os candidatos á alcaldía prometeron en forma de contrato, elaborado por Ferusa. Si é certo que noutras liñas rurais (P1, P2, P3 e P8) mantivéronse practicamente os horarios de inverno.

Outros pequenos detalliños que tamén contan
Fóra dos males maiores tamén hai unha serie de cuestións menores que non deixan de ser importantes. Unha delas é o acceso ao Campus Sur da #Liña15, que non se realiza durante os meses de xullo e agosto. Se xa só conta cun bus e frecuencia de 60 min —nós cremos que deberían manterse, aló menos, dous—, por que non facer que siga circulando polo campus universitario? E aínda con máis motivo ao celebrarse os exames extraordinarios en xullo dende a implantación do Plan Bolonia...

En último lugar, simplemente matizar que a frecuencia de 35 min da #LiñaC11 durante os domingos e festivos é insuficiente e irreal, sobre todo naquelas viaxes con prolongación ao Multiusos e ao Gaiás. Nestas xornadas, un dos grandes atractores de viaxeiros como é As Cancelas queda practicamente incomunicado ao pasar as liñas 4 e C2 cada hora e o C11 cada 35'. Comprería botarlle un ollo e ver se resultaría factible introducir un bus máis no C11 para manter os pasos cada 20' dos horarios de inverno.

En definitiva, os horarios de verán son practicamente idénticos todos os anos dende hai unha década, salvo pequenos axustes de última hora. Non se atopan adaptados á Compostela do 2019 e, polo tanto, resultan irreais para o usuario e difíciles de cumprir para os condutores; todos saímos prexudicados. Sen dúbida algunha, van ter que ser un eixo fundamental a tratar na nova concesión, coa vista posta nas vindeiras tempadas estivais e, sobre todo, no tan temido Xacobeo 2021.

Fontes de información:
TUSSA
Concello de Santiago
La Voz de Galicia

3 de xuño de 2019

A #Parada088 foi eliminada a petición da Valedora do Pobo

A finais de abril TUSSA comunicaba a supresión da #Parada088 (avda. de Lugo, residencia Barroso), xusto despois de que o Concello acometese unha serie de cambios na ordenación do tráfico da avenida de Lugo. Isto propiciou que crésemos que a anulación da parada fose consecuencia destas mudanzas. Porén, no mes de maio soubemos que o apeadeiro foi eliminado a petición da Valedora do Pobo.

Sinalización nula da #Parada088.
Segundo informa Galicia Confidencial, a institución do Valedor do Pobo solicitou o traslado da #Parada088 polas dificultades que unha persoa invidente tivera para localizala, ao non estar sinalizada horizontal nin verticalmente, nin ter pavimento rugoso para persoas con problemas de visión. A valedora, Milagros Otero, púxose en contacto con Monbus (compañía coa que ía viaxar a persoa en cuestión) e coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, e ambas coincidiron na necesidade de trasladar a parada.

Finalmente, optouse directamente por suprimila. A alternativa elixida foi a seguinte xeograficamente, a #Parada694, xusto en fronte da estación de trens. Deste xeito, a #LiñaC2 simplemente eliminou a #Parada088 do seu percorrido e os buses interurbanos intercambiaron unha pola outra, pasando a recoller viaxeiros na nova localización e deixándoo de facer na antiga.


Vista da #Parada694, fronte á
estación de trens.
A dúbida que nos xorde a nós é se a #Parada694, tal e como está a día de hoxe, serve de «substituta» atendendo ás condicións que motivaron o traslado. Está sinalizada con dúas sinais a ambos lados que a delimitan e unhas raias amarelas en zigzag no chan, pero non ten ningún elemento dirixido ás persoas con problemas de visión... Actuarase sobre ela? De momento, un mes despois de ter realizado o cambio, podemos asegurar que non.

O certo é que en Compostela as paradas de autobús urbano —e menos as do interurbano— non están preparadas para persoas que teñan algún tipo de problema, xa sexa de mobilidade, de visión ou de oído. A maioría das paradas non son accesibles para cadeiras de rodas e moi poucas contan con pavimento rugoso nos seus bordos. No interior dos vehículos a situación é semellante: as ramplas eléctricas (só as teñen os máis novos) non adoitan funcionar e os buses non contan cun sistema de información acústico e visual que avise de cal é a próxima parada (esta é unha das propostas do novo goberno de Xosé S. Bugallo, por certo, recollida no programa electoral do PSdeG-PSOE).
A #Parada694 xa está situada
correctamente na web de Monbus.

Como xa comentamos no anterior post, queremos crer que este mandato será, por fin, o da mobilidade, e que se lle comezará a dar solución a algúns dos problemas que lastran á nosa rede de transporte urbano dende hai anos. Sen dúbida, un dos principais é a accesibilización das paradas. Pódese levar a cabo dun xeito progresivo e non precisa de grandes estudos e investimentos como si poden necesitalo outras cuestións pendentes de resolución como, sen ir máis lonxe, a reestruturación das liñas. 


Dúas das escasas paradas con pavimento rugoso. Unha en
Xeneral Pardiñas a outra na rúa Lisboa, en Fontiñas.

Fontes:

TUSSA
Galicia Confidencial
Google Maps
Monbus