Amosando publicacións coa etiqueta carril-bus. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta carril-bus. Amosar todas as publicacións

14 de setembro de 2019

Clara Campoamor terá carril bus-taxi

Chíos da oposición despois
de coñecer o proxecto de CA.
Os accesos á futura estación de autobuses a través do vial Clara Campoamor foi un dos asuntos que avivou as confrontacións entre o anterior executivo local de Compostela Aberta e o resto de candidatos durante a campaña electoral. Daquela o PSdeG xa o deixaba claro: no caso de facerse coa alcaldía paralizarían o proxecto do grupo de Martiño Noriega, que cualificaban de «disparate». E o cambio acaba de chegar porque o pasado luns foi presentada a nova proposta de reurbanización dos socialistas.

Antecedentes
As reticencias por parte dos de Bugallo viñan condicionadas, principalmente, polo número de carrís. CA contemplaba reducir os catro actuais a dous para converter Clara Campoamor nun «bulevar urbano», con carrís bici en ambas marxes e límite de velocidade máximo de 30 km/h para os vehículos. Ademais, defendían que o acceso á estación debería
Recreación virtual da rotonda.
ser regulado por semáforos e non a través dunha rotonda, como sostiña a oposición e a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez. 
Tras a presentación do proxecto, a novidade vén dada en que os cambios con respecto ao anterior son, máis ben, menores. Imos velos.



Tres carrís: dous para vehículos e un para buses e taxis
Os carrís son a principal variación no novo deseño do viario. A través da redución da franxa axardinada máis próxima á estación e do ancho das beirarrúas introdúcese un carril bus-taxi dun único sentido (Sar -> Pontepedriña). Deste xeito, preténdese que os buses teñan prioridade para entrar e saír da terminal ao non ter que agardar a que un semáforo se poña en verde. Isto supón axilizar de xeito notable o fluxo de autocares da terminal, especialmente en horas punta onde chegan a acumularse ata dez, como acontece actualmente na de San Caetano.


Unha das dúas capturas facilitadas polo Concello.

A cara negativa deste carril exclusivo é que obriga a dar un rodeo aos buses que veñan polo Castiñeiriño, que terán que circular por Santiago de Cuba, túnel do Hórreo e avenida de Lugo para incorporarse a Clara Campoamor pola rotonda de Sar e poder acceder así á Intermodal. Esta volta supón, máis ou menos, un incremento do tempo de viaxe duns 5-7 min. Deste mesmo xeito, os buses que saian da terminal en dirección norte terán que ir dar a volta á xa de por si saturada rotonda de Pontepedriña.



O carril bus de Clara Campoamor será o terceiro da cidade, uníndose aos existentes no Hórreo e na Rosa. Este último, na práctica, non é máis ca unha «parada ampla» para o transporte metropolitano, posto que non facilita per se a circulación de autobuses. É máis, o habitual é que estean dous ou tres autocares estacionados nel e cando vén o urbano teña que adiantalos polo carril dos coches.

Os dous carrís bici xuntos
No proxecto de CA, os carrís bici estaban situados un a cada beira do vial, no mesmo sentido de circulación que os coches. No novo, trasládanse ambos á marxe máis próxima ás Brañas do Sar para que o que discorría a carón da estación non interrompa a entrada e saída de autobuses. Estarán separados con barreiras físicas do tráfico rodado.

Sen cambios significativos
Polo resto, non hai máis novidades dunha proposta á outra. Os carrís para coches seguirán a ser dous e limitados a 30 km/h e, segundo Bugallo, non se descarta a instalación dun radar no caso de ser preciso. Mantense tamén a praza peonil proxectada dende un primeiro momento, na que convivirán vehículos e peóns de xeito similar a como o fan no cruce de Montero Ríos con Xeneral Pardiñas e a como o farán no de Concheiros. Así mesmo, queda descartada definitivamente a opción da gran rotonda como método de acceso que a Xunta e o propio PSOE defendían no seu día.

Bus urbano en Clara Campoamor
No único plano de calidade deficiente facilitado polo Concello pódese apreciar que se manteñen os espazos reservados para o bus urbano, aínda que nas liñas expostas no Xeoportal non constara ningunha con itinerario por Clara Campoamor. Todo parece indicar que este será un dos asuntos a resolver na «revisión» que os socialistas queren dar ao prego de condicións da nova concesión antes de sacala a concurso.

Futura ubicación das paradas do bus urbano
(captura do proxecto de CA).
Os lugares reservados ao transporte urbano son dous, un en cada extremo da vía. En dirección Sar, o bosquexo recolle unha parada con baía o suficientemente grande como para albergar dous autobuses á vez, a continuación da praza peonil. Segundo a lenda, habilitaranse dúas marquesiñas. Nese mesmo punto pero na beirarrúa de en fronte, cara Pontepedriña, hai un espazo para dous buses diante da parada de taxis, a simple vista menos accesible e sen resgardo algún no caso de choiva. Habería que sumar o posible tráfico de:

➢ Os autobuses do aeroporto da futura #LiñaAP que, de non cambiar nada, terán o Hórreo (zona da escalinata) como cabeceira.

➢ O tráfico relacionado co transporte metropolitano que ata o de agora penetraba na rúa da Rosa. Está previsto trasladalo ao entorno da Intermodal e é probable que se reparta entre dous puntos: o carril bus da rúa do Hórreo (infrautilizado actualmente) e as propias dársenas da nova estación.

➢ Os autocares que presten servizos discrecionais. Poderían agardar polos seus viaxeiros nas paradas do transporte urbano de Clara Campoamor, no carril bus do Hórreo ou no interior da terminal.

Coa estación de autobuses e a pasarela xa en construción, o tempo aprema e a previsión do goberno local é que as grúas poidan estar en acción en xaneiro. É obvio que haberá que cortar Clara Campoamor durante os traballos polo que se aproveitará a ocasión para concienciar aos condutores sobre o uso do túnel do Hórreo como viario alternativo, xa que pode soportar aínda 20.000 vehículos máis ao día. Todo deberá estar rematado para agosto do ano que vén, data aproximada da posta en funcionamento da nova estación, a falta de que este mesmo mes saia á luz o proxecto básico de remodelación da estación de tren.

Fontes de información:
La Voz de Galicia
Compostela Aberta
Concello de Santiago (1ª proposta)
Concello de Santiago (2ª proposta)
Cadena COPE
El Correo Gallego
Bus Compostela
Imaxes:
Twitter (@PopularesStgo)
Twitter (@psdegsantiago)
Concello de Santiago
Bus Compostela

25 de agosto de 2019

Analizamos o novo Plan de transporte da Xunta (II): concello de Ames (zona de Bertamiráns) e de Brión


Ames e Brión son, xunto con Teo, os concellos dormitorio por excelencia onde habita unha gran parte da poboación pendular que cada día se despraza a Santiago por motivos laborais, estudos ou outras razóns como o ocio e o entretemento. O censo de ambos os dous concellos non para de medrar e, de feito, o de Ames duplicouse desde o ano 2000 e medrou en máis de 1.000 persoas no último ano e medio. Isto fai que a propia Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, nos anteproxectos das concesións de transporte de viaxeiros, entenda así as relacións de mobilidade destas vilas con Compostela:
[...] se produce una demanda de movilidad muy intensa entre las poblaciones de la periferia y la de cabecera, que incluye la necesidad de realizar incluso varios viajes de ida y vuelta entre ellas a lo largo del día, como consecuencia de los estrechos lazos laborales, asistenciales, comerciales, sociales y de servicios que se producen entre esas poblaciones. En la práctica, las relaciones de movilidad entre las diferentes poblaciones del ámbito territorial de este Proyecto de Explotación se asemejan más a las relaciones entre los diferentes barrios de una gran ciudad que a las clásicas relaciones interurbanas entre varias poblaciones
Neste sentido, apóstase por liñas de curto percorrido e alta frecuencia para estes núcleos dormitorio nos que a demanda de viaxeiros é moito maior que en calquera outro punto da comarca e que, na práctica, non deixan de ser un barrio máis. No caso de Bertamiráns (Ames) e do concello de Brión, serán as concesións XG804 e XG817 as encargadas de cubrir as conexións con Santiago que incluirán, por primeira vez dende a súa supresión en 2011, o Noitebús


Unha das últimas adquisición do Grupo Ferrín, un Irizar I4 Volvo,
na rúa da Rosa na ruta Santiago - A Gándara. Fonte: Asannei.

XG804 - Oeste da comarca de Santiago
A XG804 substituirá a tres concesións actuais:

— V-7026, Muxía - Santiago, con anexos; Aguiño - Noia, con anexos (Hermanos Ferrín).
— V-7027, Santiago - Carballo, con Anexos (Arriva Galicia).
— V-3013, Santiago - A Graña, con anexos (Autocares Modesto Riveiro).

Centrándonos no impacto que terá na área metropolitana de Santiago, a XG804 cubrirá máis da metade da demanda da estrada AC-543 (tramo Santiago - Os Ánxeles), con especial relevancia de certos núcleos atractores / xeradores de viaxeiros como son Brión, Bertamiráns, Aldea Nova, Laraño ou o Centro Superior de Hostalería de Galicia. Os principais cambios que destacamos son:

Dos dous buses que cubrirán o traxecto entre a rúa da Rosa e o cruce dos Ánxeles, un deles pertencerá á XG807 e o outro á XG804 (xa acontece na actualidade: un é da V-7026 e o outro da XG517). O desta última terá as derradeiras saídas dende Santiago ás 22:15 e 23:30 de luns a venres laborables, ampliando o arco horario actual, no que o último traxecto é ás 21:45 h. O servizo seguirá comezando ás 7:15 e mantense a frecuencia de media hora.

➢ A ruta de reforzo entre A Rosa e Pedrouzos (Brión), que tiña oito saídas en cada sentido nos días laborables, pasará a ter a sete. Así, pérdese o servizo das 13:00 desde Santiago e o das 15:30 desde Brión, os de menor uso. Esta supresión permite habilitar os sábados dúas saídas cara Pedrouzos inexistentes ata agora: ás 10:00 e ás 13:00 h.

➢ Os sábados, domingos e festivos elimínase a viaxe Negreira - Santiago das 21:30 para engadir un ás 8:45 (manterase o servizo actual das 9:45).

➢ Crearase unha nova liña ata A Ameixenda con dúas saídas en cada sentido de luns a venres. O seu percorrido coincide co da #LiñaP8 do transporte urbano ata Villestro. Neste sentido é necesario destacar que, previsiblemente, Reborido quedará sen ningún autobús xa que nin as concesións da Xunta nin as futuras liñas expostas no Xeoportal do Concello contemplan percorridos ata este pequeno núcleo de 60 habitantes.

➢ A liña actual ata San Mamede de Piñeiro de Hermanos Ferrín (V-7026) será estendida ata Portomouro (Val do Dubra) e as súas saídas pasarán das cinco actuais a sete en días laborables, mantendo as catro dos sábados e os domingos habilitaranse dúas. A saída extra de luns a venres correspóndese co servizo que se engadirá ás 6:50 (agora o primeiro era ás 7:50), para posibilitar as entradas a centros de traballo e de estudos das 8:00 h.

➢ Engádase unha viaxe máis ata A Picaraña, ás 14:45 h, que se suma ás existentes das 13:30 e 19:00. No traxecto inverso mantéñense os dous actuais: un ás 7:45 e o outro pasa das 14:00 ás 15:15 h.

Como curiosidade, estraña que en todas as concesións que contan con saídas desde as estacións de autobuses das cidades galegas —entre elas Santiago— apareza especificado o cambio de localización destas cabeceiras coa entrada en servizo das novas intermodais. No caso da terminal da rúa da Rosa, o Concello adiantara en febreiro que todo o tráfico de autobuses pasaría ao carril bus do Hórreo, na zona próxima á escalinata. Porén, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade non recolle este cambio no Plan de transporte público. Estaremos pendentes de como se resolverá este asunto.


Captura do anteproxecto da XG804 en referencia á futura Intermodal.

Volve o Noitebús!🚍🌃
Era unha demanda moi recorrente que por fin será satisfeita: a concesión XG804 inclúe sete liñas nocturnas, as popularmente coñecidas como Noitebús. Destas sete, dous terán Santiago como cabeceira, mentres que as outras cinco servirán á zona de Santa Comba. Son as seguintes:

➢ Negreira - Brión - Bertamiráns - Milladoiro - Santiago E.A.
➢ Brión - Bertamiráns - Santiago E.A.

Así quedarían os horarios segundo o reflectido nos anexos:

Noitebús

Venres
Sábados
Domingos e festivos
Negreira -> Santiago

23:30
1:30  3:15  4:45
Brión -> Santiago
23:30
00:30  23:30
00:30
Santiago -> Negreira


00:30 2:30  4:00  5:30
Santiago -> Brión

4:00  6:45
4:00  6:45


Para visualizar correctamente, activar o modo de visualización PC.

XG817 - Eixo Atlántico e conexións con Lugo, Lalín e Fisterra, con anexos
Iveco Evadys H na liña Santiago - Noia - Muros co
distintivo de «Transporte Público de Galicia» que xa
locen todos os vehículos da XG517. Fonte: Asannei
Pasarán polos concellos de Ames e Brión, ao igual que na actualidade, as rutas da XG817 que conectan Compostela con Noia, Muros e Fisterra. Os horarios vanse manter practicamente iguais, e os únicos cambios destacables son: a creación dunha nova saída cara Muros ás 14:00 os días laborables (había un oco sen ningún servizo entre as 13:00 e as 14:35) e o adianto das primeiras viaxes dos sábados, domingos e festivos, que ata o de agora partían dende Santiago ás 10:00 e pasarán a facelo ás 9:00 nunha conexión ata Fisterra (manténdose tamén a actual das 10:00).


As nosas impresións
Tras unha análise detallada dos anteproxectos das concesións XG804 e XG817 podemos afirmar que, en trazos xerais, resultan conservadores e continuistas se os comparamos coas súas antecesoras. Se ben é certo que algunhas demandas históricas puntuais van ter non sen tempo unha solución (Noitebús, últimas frecuencias ata A Gándara), outras, as relacionadas cos municipios máis pequenos e cos horarios das fins de semana, van seguir como estaban. Por tanto, seguirá a existir unha gran parte da poboación da bisbarra que non poida apostar polo autobús como método de transporte nos seus desprazamentos cotiáns.

É o caso, por poñer un exemplo, das rutas ata Portomouro ou A Picaraña. A primeira cobre en exclusiva o traxecto entre a rotonda cara Tapia da AC-543 e a localidade valdubresa, con tan só sete saídas en días laborables que dificilmente permiten cadrar horarios á veciñanza de núcleos como Aguapesadas, Tapia ou Vilouta, para colmo coa última saída ata a cidade moi cedo (16:45). A liña da Picaraña é a única que transcorre pola AC-300, con tres viaxes en todo o día mal repartidas (13:30, 14:45 e 19:00). E xa sin meternos nas conexións non con Santiago, senón as internas entre as propias parroquias, que resultan moi escasas ou directamente inexistentes.


Alegacións do Concello de Ames
O pasado sábado o Concello de Ames deu a coñecer a súa desconformidade con algunhas das liñas e horarios recollidos nos diferentes anteproxectos.
O alcalde de Ames, José Miñones, incide en que “desde o Concello de Ames consideramos preciso modificar a proposta inicial plantexada levando a cabo un maior despliegue de liñas e frecuencias estratéxicas e que van na liña do que xa trasladamos no seu día á Xunta de Galicia e á Consellería de Infraestruturas. Para rematar, engadir que se queremos virar cara a políticas de mobilidade sostibles e seguras temos que reforzar cada vez máis o transporte metropolitano, sendo o momento de educar á nosa cidadanía no uso do transporte público, para seguir avanzando nesta liña e non quedarnos á cola das políticas europeas”
Os cambios requiridos por parte do goberno municipal amiense son:

➢ Unha viaxe máis na liña A Gándara - rúa da Rosa (en dirección Santiago) a primeira hora, para facilitar o transbordo co bus urbano e poder chegar a puntos máis afastados como os polígonos ás 8:00. Actualmente, o primeiro traxecto desta ruta é ás 7:15.

➢ Crear unha última viaxe cara A Gándara ás 23:30 de luns a venres. Esta expedición xa vén incluída nos propios anexos do anteproxecto, polo que deducimos que o Concello só estudou a XG817, sendo a XG804 a que terá asignadas as viaxes de última hora (22:15 e 23:30).


Captura dos anexos da XG804 nos que constan
as últimas saídas dende A Rosa ás 22:15 e 23:30.

➢ Nesta mesma ruta, habilitar frecuencias de media hora os sábados pola mañá dende as 8:00 (na actualidade dunha hora a partir das 10:45) e dunha hora polas tardes e os domingos e festivos ata as 23:30 (os sábados son dunha hora e só ata as 20:45; os domingos non se presta este servizo).

➢ Crear unha liña nocturna circular Santiago - Milladoiro - Bertamiráns - Santiago. É certo que non existe esta liña per se, pero si se contemplan outras dúas —explicadas neste mesmo post— que poden cubrir perfectamente a demanda da mocidade amesán, incluso con máis viaxes das que reclama o Concello no seu comunicado.

No próximo post analizaremos os anteproxectos das rutas que atinxen ao outro núcleo urbano do concello de Ames, Milladoiro, e as do concello de Teo. Para este outro lote de liñas, o goberno amiense tamén presentou unha serie de esixencias á Consellería que dirixe Ethel Vázquez sobre as que poñeremos o foco.

Fontes de información:
CIM (XG804, anteproxecto)
CIM (XG804, anexos)
CIM (XG817, anteproxecto)
CIM (XG817, anexos)
Concello de Ames I

Concello de Ames II
La Voz de Galicia
Concello de Santiago
Monbus
Grupo Ferrín
Xeoportal Concello de Santiago
Fotos: Flickr (Asannei)

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda

24 de maio de 2019

Camiño á lexislatura da mobilidade: as propostas dos partidos

Se hai uns días resumiamos as medidas impulsadas nesta lexislatura en prol dunha mellor mobilidade e a pasividade ante a situación do transporte público, hoxe examinaremos polo miúdo as propostas dos partidos candidatos a alcaldía de cara ao 26-M. Esta pequena análise é froito do contido dos propios programas electorais, así como das declaracións dos seus candidatos e candidatas en debates e entrevistas nos medios de comunicación. Os sete aspirantes a alcaldía son: CA, PP, PSdeG-PSOE, BNG, Cs, CxG e VOX (deste último non atopamos información relativa ao tema que nos incumbe).

Compostela Aberta (CA)
Fragmento de O Viso, o xornal de CA.
O partido do candidato á reelección, Martiño Noriega, avoga por manter a liña destes catro últimos anos, priorizando sempre as mobilidades peonil e ciclista xunto co transporte público fronte ao vehículo privado. As medidas máis destacadas do programa pasan por peonalizar e humanizar rúas e reducir a presión do tráfico a través de plans de calmado como o que xa se implementou no Ensanche. Tamén contempla a redacción dun Plan de Mobilidade a nivel metropolitano que analice os desprazamentos da cidadanía e consiga reducir o uso do vehículo privado.

En relación ao transporte público, a liña estratéxica 6 di textualmente: «Mellorar o transporte público e promover o seu uso, tanto o autobús urbano coma
o metropolitano, cun servizo eficiente como medida alternativa ao automóbil». Como exemplos, cítase a introdución de rutas a demanda con microbuses para o rural (contempladas xa no novo contrato), buses máis pequenos e con maiores frecuencias para a cidade e a ansiada instalación dun sistema de aviso de próxima parada no interior dos vehículos, ademais da mellora da información nas paradas.

Nos distintos debates, Martiño Noriega fixo fincapé en que o novo contrato do transporte urbano «xa está deseñado, coas liñas caracterizadas e nestes momentos está na Administración [na Xunta] á espera de ser lanzado». Aproveitou para salientar a boa xestión dos aparcadoiros de borde durante o mandato (a construción do da avda. de Ferrol e o aumento do uso do de Santa Marta, que chega ata o 90% da ocupación, segundo el) e o impulso de iniciativas como Colecamiños, para que a rapazada poida ir de forma segura á escola a pé. Afirmou que «o transporte metropolitano da Xunta leva fracasando anos» e que a solución pasa por outros modelos, como a fusión e a coordinación entre concellos.

Partido Popular (PP)
No ámbito da mobilidade, o programa do PP de Agustín Hernández coincide con CA na gran maioría de puntos importantes. Avoga pola urxente licitación do novo contrato do transporte urbano para poder renovar a frota. Entra algo máis en detalle, especificando que tamén se mellorará a app móbil e o resto de vías informativas ao usuario. Pretenden estender a gratuidade do bus urbano (actualmente de balde só para pensionistas) aos mozos e mozas menores de 19 anos, de igual xeito que fai a Xunta no transporte metropolitano a través da TMG «Xente Nova».
Aparcadoiros de borde nunha das cláusulas do
Contrato Capital de Agustín Hernández.

Cítase tamén a ampliación do transporte público ao rural. A aqueles lugares de escasa demanda, exponse un transporte á demanda ou a posibilidade de implantar o modelo do bus escolar compartido, en marcha en Galicia dende o ano pasado. Pretende adecuar os horarios do bus ao aeroporto ás necesidades reais dos usuarios e mesmo contemplar a posible conexión ferroviaria. Finalmente, e non por iso menos importante, o PP inclúe no seu programa a creación de carrís bus, tan necesarios nalgúns puntos da cidade, e a renovación completa das marquesiñas.

Nos debates e entrevistas, Agustín Hernández anunciou a elaboración dun novo Plan de Mobilidade e outro Plan de Aparcadoiros Disuasorios «realista, financiado e asequible», dándolle prioridade ao proxectado no Campus Sur. Tamén destacou en varias ocasións a necesidade de ampliar as peonalizacións, pero non indicou a que lugares.

Partido dos Socialistas de Galicia (PSdeG-PSOE)
O actual SAE presenta erros
nos tempos de chegada, que son
aínda peores na app. Cando indica
«Saída», poden quedar ata 5 min.
No tema que nos atinxe, o programa electoral do PSdeG-PSOE de Xosé Sánchez Bugallo é o máis completo e específico. Fala, como o resto dos partidos, do novo concurso da prestación do servizo de transporte urbano, renovando a frota para convertela en accesible e en máis respectuosa co medioambiente. Ademais, contempla tamén a renovación do SAE (Sistema de Axuda á Explotación), o sistema que nos permite saber o paso exacto do bus por cada parada, e que na actualidade deixa moito que desexar. Bugallo di comprometerse a instalar, polo menos, 40 novos postes informativos ao longo do mandato, así como a instalar o sistema de aviso de paradas no interior dos buses. 

Así mesmo, o programa fala de carrís bus e dun sistema de preferencia en cruces para as liñas de maior utilización (1, 5, 6 e C11), baixo o marco dun novo Plan de Mobilidade 2020 - 2030. Ao igual que o PP, non se especifica o lugar de implantación do carril bus, só se di que «por onde circulan a maior parte das liñas urbanas». Para o rural, transporte a demanda ou circuítos con autobuses que cubran varias parroquias á vez. É nelas onde se expón que TUSSA realice un seguimento continuado do estado de conservación das marquesiñas, limpándoas e manténdoas en bo estado. 

Nos debates, Xosé S. Bugallo defendeu a creación dun Consorcio Metropolitano de Transportes, no que participarían os Concellos e a Xunta para coordinar o transporte metropolitano. Neste aspecto, prevé crear unha liña de bus Brión - Polígono do Tambre que dea servizo a todas as localidades intermedias e extensible ata Sigüeiro. No bus do aeroporto, avoga pola supresión de paradas e o aumento de frecuencias para reducir o tempo de viaxe.
Servizo de aluguer de bicis que Bugallo impulsou
na súa última lexislatura.

Nos debates, Bugallo insistiu na urxente renovación da frota de autobuses de «14 anos de antigüidade», así como na creación de diversos aparcadoiros de borde (Cruceiro da Coruña, San Lázaro, Castiñeiriño, A Rocha e Hospital Clínico) conectados eficientemente a través do bus urbano. No mundo ciclista, aposta por seguir impulsando unha mellor convivencia entre coche e bici así como recuperar o servizo de aluguer de bicicletas.

Bloque Nacionalista Galego (BNG)
Na actualidade só hai servizo de bus nocturno
durante as festas da Ascensión e o Apóstolo.
O partido de Goretti Sanmartín propón medidas que ningún outro partido contempla no seu programa, pero non por iso menos necesarias. En primeiro lugar, a creación dun servizo de buses nocturno durante todas as noites da semana e con horarios especiais os fins de semana e festivos que conecte o centro coa periferia. O programa fala tamén de «dar prioridade ao autobús urbano e comarcal» a través da mellora de frecuencias, e mesmo de estudar a viabilidade da conexión ferroviaria con municipios veciños como Bertamiráns.
Mapa metrominuto de Pontevedra, modelo que o BNG
pretende instaurar en Compostela.

O BNG avoga pola creación de intercambiadores de transporte nos parkings de borde, que deben ampliarse. Para os ciclistas, proponse a creación de carrís bici nas entradas do Camiño na cidade e interurbanos con localidades veciñas, como o que demanda Composcleta co Milladoiro. E para os peóns, a creación dun mapa metrominuto, como o de Pontevedra, para saber cal é a distancia e tempo de percorrido a pé dun lugar a outro con facilidade. O BNG é o único que partido que fai referencia á adecuación das paradas dos vehículos de transporte público, xa que non é posible acadar a accesibilidade universal só cos vehículos accesibles; as paradas tamén teñen que selo.

Nos medios de comunicación, Goretti Sanmartín insistiu na idea básica de que para a mobilidade en Compostela debe priorizarse, de maior a menor rango, do seguinte xeito: peón, bicicleta, transporte público, vehículo privado. Fixo fincapé nas escasas frecuencias horarias do bus durante as fins de semana (case inexistentes no rural) e na necesidade do bus nocturno nunha cidade universitaria. Para rematar, recalcou a necesidade de construír dous aparcadoiros o antes posible: o do Campus Sur para dar servizo ao pequeno comercio do Ensanche e o de Belvís, para a Praza de Abastos.

Ciudadanos (Cs)
A candidata de Cs Santiago, María Vilas, aspira a entrar na corporación con nada  máis e nada menos que tres que concelleiros, tal e como lle contou o outro día na Ser a Luís Pardo. A pesar de non ser tratada a mobilidade nas súas entrevistas e de non ter participado nos debates co resto de candidatos, o programa de Ciudadanos si conta con algúns puntos destacables.
A tecnoloxía NFC permite pagar o autobús co móbil.
Ciudadanos quere implantar en Santiago este método
de pago.

No relativo ao transporte público, como o resto dos grupos, propón a reordenación das liñas e o aumento de frecuencias, así como a extensión do bus ao rural. Para lograr a maior efectividade posible nesta remodelación, defenden o uso do Big Data neste aspecto, que sen dúbida é o mellor xeito de coñecer as rutinas e o xeito de moverse da cidadanía. De feito, dende finais do ano pasado, a EMT de Madrid comezou a usar o Big Data de Moovit para tentar mellorar os seus servizos. 

Queren modernizar a frota de buses en aras de electrificala, pero a proposta soa utópica, xa que habería que establecer en polo menos, unha das cabeceiras de cada liña, un punto de recarga. Iso si, pretenden mellorar a velocidade media na rede a través de prioridade semafórica. Todo isto iría complementado cunha app móbil que, a parte de para consultar os percorridos e paradas, serviría para abonar os billetes e bonos!

Compromiso por Galicia (CxG)
O partido liderado por Xoán Bascuas é o único que, máis aló de manifestar o seu desexo de remodelar as liñas de autobús, é un pouco máis concreto: especifican que o actual sistema radial debe ser substituído por un con dous intercambiadores que, unidos á Intermodal, serán conectados entre si a través de só dúas liñas. Destes intercambiadores partirán as liñas cara os diferentes barrios, así como algúns circulares de longo percorrido (supoñemos que similares aos actuais C2 e C4). 
Sistema de aviso de próxima parada nun bus
urbano da Coruña.

Falan tamén da necesidade da instalación dun sistema de aviso acústico e visual de cada parada no interior dos buses. Chama a atención que sexa o único grupo político que nomee a inexistencia en España dunha Lei de Financiamento do Transporte Urbano. Aínda que aseguren instar ao Goberno para a súa elaboración —moi improbable—, nós, polo menos, temos en conta o detalle e a vontade.

Conclusións
Se aínda quedaba algunha dúbida, tras a campaña electoral confirmouse que o vindeiro mandato será o da mobilidade. Todos os partidos coinciden na remodelación das liñas e da necesidade de que cheguen ao rural, así como na construción de máis aparcadoiros de borde. Agora ben, hai outras cuestións que só algúns deles, simplemente, nomean e que non deixa de ser preocupante, como por exemplo a accesibilización de paradas (BNG), o sistema de aviso sonoro e acústico (CA, PSdeG-PSOE e CxG), o uso do Big Data (Cs) ou a renovación do SAE (PSdeG-PSOE).

Fontes de información:
Compostela Aberta (programa electoral)
Populares de Santiago (programa electoral)
PSdeG-PSOE Santiago (programa electoral)
BNG Compostela (programa electoral)
Ciudadanos Santiago (programa electoral)
Compromiso por Galicia Santiago (programa electoral)
Compromiso por Galicia (propostas)
Xeoportal Concello de Santiago
Cadena SER (debate infraestruturas)
Diario de Madrid
La Voz de Galicia (debate electoral)
Correo TV (debate electoral)

20 de maio de 2019

Que se fixo (e que non) en materia de mobilidade e transporte público durante a última lexislatura

Agora que estamos en plena campaña electoral para elixir á que será a nova corporación municipal, cómpre facer un pequeno repaso do que se ten feito no eido da mobilidade e do transporte público durante esta lexislatura, pioneira nalgúns aspectos e despreocupada noutros. Neste post analizaremos os aspectos que, ao noso xuízo, son clave e que se levaron a cabo nestes catro anos e aqueles que, aínda que tamén son de vital importancia, seguen igual que estaban no 2015.

> Límite de velocidade a 30 km/h
O Goberno de Compostela Aberta (CA) implementou o límite de velocidade de 30 km/h en todo o Ensanche. Esta medida, acompañada de sinalización vertical e horizontal, tiña como obxectivo facilitar a convivencia entre vehículos e bicicletas, así como unha pacificación do tráfico. Acompañouse da creación de novos aparcadoiros para bicicletas e reforzou a eficacia de medidas xa existentes, como as plataformas de espera para bicis e motos presentes na parte dianteira dos principais semáforos da cidade.
Tres das propostas seleccionadas
nos OP de 2017.

Aínda así, non se acabou por optar por unha mobilidade ciclista real, que pasa pola inescusable construción de carrís bicis. Así llelo fixo saber a cidadanía ao Goberno local a través doutro dos proxectos estrela do mandato, os Orzamentos Participativos «Compostela Decide». No 2018 un dos proxectos elixidos foi «Carril Bici» e en 2017 foron tres os seleccionados que tiñan relación co mundo das dúas rodas.

> Bus nocturno durante as festas
Outra das medidas máis votadas nos OP de 2017 foi a ampliación do horario do
bus urbano durante as noites das festas do Apóstolo 2018. Deste xeito, levouse a cabo unha proba piloto na Ascensión do ano pasado, con buses de 1:00 a 4:00 da madrugada, e durante o Apóstolo volvéronse implementar, desta vez só ata as 3:00. O bus nocturno tivo moi boa acollida por parte da cidadanía e todo parece indicar que vai camiño de converterse en algo habitual durante as grandes festas da cidade, ao ser cuberto todo o territorio ao que chega o transporte público e contar todas as liñas coas súas respectivas prolongacións.

> Renovación da frota
A xoia da corona, o 2424 (Mercedes-Benz
O 530 K) que circula dende xuño de 2018.
O certo é que durante o mandato de CA non se adquiriu ningún bus novo, pero si algún de segunda man. Segundo os nosos cálculos, entre 10 e 15 unidades. Estas son os Scania N270UB que adoitan circular na #Liña5 (matriculados no 2007), os Mercedes-Benz O530 de dúas portas da #Liña6 (tamén do 2007) e o O530 K de tres portas, que actualmente recorre a #Liña6 e cuxa matriculación data de 2011. Aínda que escasas, estas renovacións permitiron xubilar o material que estaba completamente obsoleto, malia que aínda quede algunha reliquia en circulación. Como dato, a antigüidade media da frota ronda os 12-14 anos.

> Accesibilización das paradas
Durante a lexislatura podemos contar cos dedos das mans aquelas paradas que foron adaptadas para facelas accesibles. En trazos xerais, só foron obxecto de reforma aquelas que figuraban no espazo de actuación dalgunha obra non relacionada co transporte urbano, e non sempre co resultado esperado, relegando case sempre ao bus a un segundo plano. Porén, en cidades con Gobernos similares ideoloxicamente como o da Coruña, si se teñen realizado accesibilizacións en paradas por toda a rede.

Por poñer algún exemplo, unha das paradas máis utilizadas de toda a rede, a #Parada674, Xeneral Pardiñas nº 7, foi accesibilizada dentro do proxecto da praza semipeonil no cruce desta rúa con Montero Ríos: engadiuse pavimento rugoso para as persoas con problemas visuais e aumentouse a largura para que coubesen ben os autobuses. Aínda así, aos de tres portas élles difícil deixar a traseira de forma que o usuario poida baixar directamente do vehículo á beirarrúa.

Outras paradas non accesibles pero que non figuraron dentro de ningún proxecto externo quedaron tal e como estaban. E isto xa vén de atrás, de anteriores lexislaturas. É o caso, por citar un de moitos, da #Parada277, Hórreo nº 23, na que se ampliou a beirarrúa só na parte frontal da marquesiña para poder colocala, polo que a porta traseira dos buses queda sempre a carón da estada. A situación podería mellorarse coa simple prolongación da ampliación da beirarrúa uns metros máis.


Simplemente extender a beirarrúa sería
suficiente para accesibilizar a #Parada277.

De cara á vindeira lexislatura...
Se ben Compostela Aberta —sempre baixo o noso punto de vista— non cumpriu con todas as expectativas postas nel no ámbito da mobilidade, si deixou marcadas unha serie de directrices clave que marcarán o devir próximo da forma en que nos desprazaremos pola cidade: máis espazo para o peón, menos para o vehículo privado, máis humanizacións e peonalizacións... De feito, outros partidos comezan xa a asumir estes ideais como propios nos seus programas.

Sen dúbida, a gran materia pendente foi a nova licitación do transporte urbano, prometida dende 2017 e da que só sabemos o percorrido das futuras liñas. O caso é que aínda así puido terse actuado na accesibilización de paradas, nas melloras puntuais dos percorridos e horarios (curiosamente presentouse a prolongación da #Liña8 ata Os Vilares durante a precampaña) ou no rexuvenecemento da frota con vehículos novos. Os últimos de primeira man datan de 2012, e só foron tres e porque foron adquiridos con fondos europeos...

Esperamos que a vindeira lexislatura, sexa quen sexa o alcalde ou alcaldesa, sexa a da mobilidade. A Intermodal suporá un cambio radical na cidade, que terá que adaptarse a ela. O transporte urbano non será unha excepción e, a parte dos novos percorridos e horarios, precisa dunha renovación da frota e dunhas paradas sinalizadas e accesibles para todas as persoas, tanto na cidade como no rural. O bus compostelán debe coordinarse co novo Plan que programa a Xunta, que debe cumprir tamén coas demandas e necesidades da veciñanza dos concellos limítrofes. Sen dúbida, durante o próximo mandato preséntase un gran reto en materia de mobilidade. Esperemos que o Concello e o resto das Admistracións poidan estar á altura e cumprir.

Fontes de información:
TUSSA

Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Concello de Santiago

Fotos:
Google Maps
Concello de Santiago
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
La Voz de Galicia

1 de marzo de 2019

Un carril para cada sentido e regulada mediante semáforos: así será a nova Clara Campoamor

Xa o viñamos anunciando dende setembro, e onte confirmouno o concelleiro Jorge Duarte: Clara Campoamor convertirase nun bulevar urbano, cun carril para cada sentido de circulación —dous nas proximidades das rotondas e da estación de autobuses— e carril-bici e beirarrúas en ambas as dúas marxes. Finalmente e tras diversas tensións coa Xunta, o acceso á estación regularase mediante semáforos, e non a través dunha glorieta como defendía a conselleira Ethel Vázquez. Unha das principais novedades será o traslado da cabeceira dos buses metropolitanos dende A Rosa ata o carril-bus do Hórreo.



SEMÁFOROS, NON ROTONDA

Unha das tantas polémicas creadas a raíz da reurbanización de Clara Campoamor foi a elección do que será o acceso á estación de autobuses: o Goberno local apostaba pola instalación de semáforos e tanto a oposición como a Xunta defendían a implantación dunha gran rotonda. Finalmente serán os primeiros os encargados de regular o acceso dos autobuses á terminal.

Recreación virtual da gran rotonda que a Xunta
pretendía construír.
Estes semáforos cambiarán de cor cada 3 min, posto que, segundo o concelleiro, serán 20 os buses que entren / saian da estación cada hora (430 ao día). De todos os xeitos, se dividimos ese total entre o número de horas aproximadas nas que verdadeiramente funciona a terminal (17, de 6:00 a 23:00), o resultado é de 25 buses/hora. Aínda así, a primeira vista resulta máis factible a opción dos semáforos, posto que, no caso de construír a rotonda, o máis probable é que os buses, debido á súa lonxitude, colapsen os seus dous carrís, como xa fan agora nas que se atopan nos dous extremos de C. Campoamor. Non semella a infraestrutura máis axeitada para vehículos longos.


UN CARRIL PARA CADA SENTIDO

A vontade do Goberno local de rebaixar os dous carrís para cada sentido actuais a un efectuarase, e así vén definido no proxecto. Con todo e tras advertencias da empresa IDOM, haberá tres puntos nos que se manterá o dobre carril:

No acceso á estación (dirección Pontepedriña → avda. de Lugo). Neste punto, haberá un segundo carril que funcionará como vía de espera para os autobuses que estean agardando a que o semáforo se poña en verde para darlles paso á terminal.

Nos accesos ás dúas rotondas colindantes. Para acceder a Clara Campoamor dende calquera das dúas glorietas que a delimitan, haberá un só carril. En cambio, para abandonar o vial a través delas, serán dous.


Os tres lugares onde haberá dobre carril.
O número de carrís é outro dos temas, como o do método de acceso, que non deixa de xerar disputas entre Compostela Aberta e o resto das forzas políticas de Compostela. O PSdeG xa anunciou que paralizará o contrato no caso de gobernar durante a seguinte lexislatura.


CARRIL-BICI
Outra das novas infraestruturas coas que contará o vial de Clara Campoamor será un carril-bici. Aínda que nun primeiro momento estaba pensado que os carrís de ida e volta estivesen xuntos, finalmente discorrerán un por cada marxe. Aplaudimos a vontade do Goberno local por pensar na mobilidade ciclista, pero xustamente nesta rúa non ten moito sentido a súa instalación, salvo que se lle de algún tipo de continuidade nos extremos —a rotonda de Pontepedriña e a inferior baixo a avda. de Lugo—.



OS BUSES METROPOLITANOS, AO HÓRREO
Tras anos demandándoo, os veciños da Rosa poderán por fin descansar en paz, xa que tras a entrada en funcionamento da Intermodal, prevese que os buses metropolitanos trasladen a súa cabeceira ata o carril-bus do Hórreo. Isto supón toda unha tregua para o tráfico do Ensanche, ao liberar á República Arxentina do paso de 230 buses cada día que, por outra banda, irán a parar á xa colapsada rotonda da Galuresa.

Pola nosa parte, simplemente esperamos que se adecúe a zona do Hórreo para acoller o tránsito de todo o transporte metropolitano, do mesmo xeito que se fixo na Coruña coa parada de Entrexardíns hai dous anos.

Na actualidade, o carril-bus do Hórreo só se emprega para os #ServizosLanzadeira

Duarte avoga por potenciar o uso do túnel do Hórreo para os vehículos procedentes do Restollal e do Castiñeiriño, que accederían a el a través do viario Santiago de Cuba. Isto na teoría, porque na práctica é ben sabido por todos o dificultoso de cambiar os costumes dos condutores. De todos os xeitos, o Concello atópase negociando con Fomento a eliminación da liña continua que impide acceder á rotonda baixo a SC-20, co obxectivo de poder potenciar o uso do subterráneo.

HABERÁ BUS URBANO EN CLARA CAMPOAMOR?
Era e segue a ser unha das nosas dúbidas. No marco da nova concesión, e polos percorridos que se poden visualizar no Xeoportal do Concello, non consta que ningunha liña vaia circular por Clara Campoamor. Nin sequera a denominada «Liña AP», que conectará o aeroporto coa Intermodal, posto que, sempre segundo o Xeoportal, rematará no mencionado carril-bus do Hórreo.

Porén, tras botarlle unha ollada aos planos na web do Concello, atopámonos co seguinte:

Clic para ampliar
Por unha banda, un espazo reservado para «autobuses urbanos». Aparentemente, non serían máis de dúas ou tres prazas, pero resulta chamativo cando, repetimos, parece non estar contemplado o paso de ningunha liña urbana pola rúa. Por outra banda, na outra beirarrúa, unha parada de autobús con dúas marquesiñas, segundo a lenda. Non tería moito sentido que foran os buses interurbanos os que foran parar nese punto, posto que xa o farían na propia estación. Baixo este punto de vista, as únicas explicacións posibles serían que estivera reservada para o bus urbano ou para transporte discrecional.


Fontes de información: