Novidades 2019
A principal novidade nos horarios de 2019 é o mantemento do reforzo da #Liña8 nas mañás dos días laborables, cun autobús máis (tres en total). Este incremento do servizo xa leva implantado uns anos nos horarios de inverno, pero é a primeira vez que se aplica nos de verán. Foi introducido en 2015 cando se detectou que a frecuencia de 30 min da liña era imposible de cumprir con só dous vehículos.
Así quedan as saídas da #Liña8 para o verán, coa nova prolongación ata Os Vilares incluída. |
De todos os xeitos, todo o que sexa incrementar o servizo ofrecido é benvido. Aínda que neste caso en concreto comprería analizar pormenorizadamente a situación, posto que a liña 8 contará este verán con tres autobuses polas mañás (frecuencia de 30 min) e só con un durante as tardes (cada 60 min). Non sería mellor dous e dous e tratar de manter os pasos cada media hora...?
A maiores reaxustáronse as saídas de primeira hora da #LiñaP1 co obxectivo de que manteñan a mesma estrutura horaria que en inverno.
Cobertura do Hospital Provincial
Dúas das liñas nas que máis se nota a redución do servizo son as circulares #LiñaC2 e #LiñaC4: pasan de ter cada unha unha frecuencia de 40 min (20' en combinación) a 60 min (30' en combinación) ou o que é o mesmo, pasan de ter dous buses cada unha a só un. O certo é que non resulta realista pretender que estas liñas realicen o seu percorrido, duns 16 km e máis de 50 paradas, nunha hora. De feito, o C2 ten establecidas as saídas da estación cada hora e dez minutos polas mañás.
Froito desta redución vese minguado o servizo ao Hospital Provincial de Conxo. Na teoría debería pasar ou o C2 ou o C4 cada media hora, pero ese descuadre de 10' nas saídas do C2 provoca que poida ser así como que pasen os dous á vez durante as mañás. Polas tardes si debería cumprirse a frecuencia de 30 min, pero non é raro que algunha das dúas rutas acumule algún atraso que, ao non haber ningunha «tregua» no día para reaxustalo, acabe por facerse cada vez máis e máis grande ata os últimos servizos.
Para colmo, a liña C4 pasa de ter a súa última saída, das 21:50 dos horarios de inverno, ás 19:45 nos de verán. Polo tanto, dende o último paso do C4 polo Provincial (sobre as 20:10), só pasa dúas veces máis o C2 cada hora.
Prolongacións e servizos ao rural
Na tempada estival téndese a reducir algunhas prolongacións a zonas rurais e non tan rurais que baixo o noso punto de vista non están xustificadas. A veciñanza de Vite de Arriba, por exemplo, pasa de ter cinco pasos da #Liña15 repartidos durante toda a tarde a só dous: un ás 15:30 e outro ás 21:30. A #LiñaP4 da Sionlla ten en inverno só dous servizos dende a praza de Galicia, 14:10 e 19:00, e durante o verán suprímese este último. A #Liña4, que non varía horarios nin número de autobuses nos días laborables, pasa de ter cinco prolongacións a Mallou a só dúas, e ambas durante a mañá, quedando esta zona incomunicada durante as tardes.
Este tipo de cuestións contan tamén á hora de ter en conta o reequilibrio territorial tan necesario en prol do rural e que todos os candidatos á alcaldía prometeron en forma de contrato, elaborado por Ferusa. Si é certo que noutras liñas rurais (P1, P2, P3 e P8) mantivéronse practicamente os horarios de inverno.
Outros pequenos detalliños que tamén contan
Fóra dos males maiores tamén hai unha serie de cuestións menores que non deixan de ser importantes. Unha delas é o acceso ao Campus Sur da #Liña15, que non se realiza durante os meses de xullo e agosto. Se xa só conta cun bus e frecuencia de 60 min —nós cremos que deberían manterse, aló menos, dous—, por que non facer que siga circulando polo campus universitario? E aínda con máis motivo ao celebrarse os exames extraordinarios en xullo dende a implantación do Plan Bolonia...
En último lugar, simplemente matizar que a frecuencia de 35 min da #LiñaC11 durante os domingos e festivos é insuficiente e irreal, sobre todo naquelas viaxes con prolongación ao Multiusos e ao Gaiás. Nestas xornadas, un dos grandes atractores de viaxeiros como é As Cancelas queda practicamente incomunicado ao pasar as liñas 4 e C2 cada hora e o C11 cada 35'. Comprería botarlle un ollo e ver se resultaría factible introducir un bus máis no C11 para manter os pasos cada 20' dos horarios de inverno.
En definitiva, os horarios de verán son practicamente idénticos todos os anos dende hai unha década, salvo pequenos axustes de última hora. Non se atopan adaptados á Compostela do 2019 e, polo tanto, resultan irreais para o usuario e difíciles de cumprir para os condutores; todos saímos prexudicados. Sen dúbida algunha, van ter que ser un eixo fundamental a tratar na nova concesión, coa vista posta nas vindeiras tempadas estivais e, sobre todo, no tan temido Xacobeo 2021.
Fontes de información:
TUSSA
Concello de Santiago
La Voz de Galicia