Amosando publicacións coa etiqueta Patio de Madres. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Patio de Madres. Amosar todas as publicacións

26 de xuño de 2019

Carencias (as de sempre) e novidades dos horarios de verán 2019

Como cada ano na última semana de xuño, o pasado luns comezaron a funcionar os horarios de verán nas diferentes liñas do transporte urbano. En teoría, adecúanse os horarios á demanda da tempada estival —sobreenténdese que menor—, mais hai casos nos que se reducen frecuencias e a demanda segue a ser a mesma, como acontece no rural ou nos hospitais. A continuación imos expoñer, en trazos xerais, os principais cambios destes horarios con respecto aos do ano pasado e as súas eivas máis importantes.




Novidades 2019
A principal novidade nos horarios de 2019 é o mantemento do reforzo da #Liña8 nas mañás dos días laborables, cun autobús máis (tres en total). Este incremento do servizo xa leva implantado uns anos nos horarios de inverno, pero é a primeira vez que se aplica nos de verán. Foi introducido en 2015 cando se detectou que a frecuencia de 30 min da liña era imposible de cumprir con só dous vehículos.


Así quedan as saídas da #Liña8 para o verán, coa
nova prolongación ata Os Vilares incluída.
Durante o verán, a frecuencia cumpríase sen maiores problemas ao verse reducido o tráfico no centro da cidade, principal causa de retardación das liñas. Agora mantense, segundo o Concello, por mor das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Resulta paradoxal que este sexa o motivo oficial, xa que eses traballos afectan á case a totalidade das liñas e algunhas teñen unha frecuencia aínda máis difícil de cumprir (véxase a #Liña9 cun só bus).

De todos os xeitos, todo o que sexa incrementar o servizo ofrecido é benvido. Aínda que neste caso en concreto comprería analizar pormenorizadamente a situación, posto que a liña 8 contará este verán con tres autobuses polas mañás (frecuencia de 30 min) e só con un durante as tardes (cada 60 min). Non sería mellor dous e dous e tratar de manter os pasos cada media hora...?

A maiores reaxustáronse as saídas de primeira hora da #LiñaP1 co obxectivo de que manteñan a mesma estrutura horaria que en inverno.

Cobertura do Hospital Provincial
Dúas das liñas nas que máis se nota a redución do servizo son as circulares #LiñaC2 e #LiñaC4: pasan de ter cada unha unha frecuencia de 40 min (20' en combinación) a 60 min (30' en combinación) ou o que é o mesmo, pasan de ter dous buses cada unha a só un. O certo é que non resulta realista pretender que estas liñas realicen o seu percorrido, duns 16 km e máis de 50 paradas, nunha hora. De feito, o C2 ten establecidas as saídas da estación cada hora e dez minutos polas mañás.

Froito desta redución vese minguado o servizo ao Hospital Provincial de Conxo. Na teoría debería pasar ou o C2 ou o C4 cada media hora, pero ese descuadre de 10' nas saídas do C2 provoca que poida ser así como que pasen os dous á vez durante as mañás. Polas tardes si debería cumprirse a frecuencia de 30 min, pero non é raro que algunha das dúas rutas acumule algún atraso que, ao non haber ningunha «tregua» no día para reaxustalo, acabe por facerse cada vez máis e máis grande ata os últimos servizos.

Para colmo, a liña C4 pasa de ter a súa última saída, das 21:50 dos horarios de inverno, ás 19:45 nos de verán. Polo tanto, dende o último paso do C4 polo Provincial (sobre as 20:10), só pasa dúas veces máis o C2 cada hora.

Prolongacións e servizos ao rural
Na tempada estival téndese a reducir algunhas prolongacións a zonas rurais e non tan rurais que baixo o noso punto de vista non están xustificadas. A veciñanza de Vite de Arriba, por exemplo, pasa de ter cinco pasos da #Liña15 repartidos durante toda a tarde a só dous: un ás 15:30 e outro ás 21:30. A #LiñaP4 da Sionlla ten en inverno só dous servizos dende a praza de Galicia, 14:10 e 19:00, e durante o verán suprímese este último. A #Liña4, que non varía horarios nin número de autobuses nos días laborables, pasa de ter cinco prolongacións a Mallou a só dúas, e ambas durante a mañá, quedando esta zona incomunicada durante as tardes.

Este tipo de cuestións contan tamén á hora de ter en conta o reequilibrio territorial tan necesario en prol do rural e que todos os candidatos á alcaldía prometeron en forma de contrato, elaborado por Ferusa. Si é certo que noutras liñas rurais (P1, P2, P3 e P8) mantivéronse practicamente os horarios de inverno.

Outros pequenos detalliños que tamén contan
Fóra dos males maiores tamén hai unha serie de cuestións menores que non deixan de ser importantes. Unha delas é o acceso ao Campus Sur da #Liña15, que non se realiza durante os meses de xullo e agosto. Se xa só conta cun bus e frecuencia de 60 min —nós cremos que deberían manterse, aló menos, dous—, por que non facer que siga circulando polo campus universitario? E aínda con máis motivo ao celebrarse os exames extraordinarios en xullo dende a implantación do Plan Bolonia...

En último lugar, simplemente matizar que a frecuencia de 35 min da #LiñaC11 durante os domingos e festivos é insuficiente e irreal, sobre todo naquelas viaxes con prolongación ao Multiusos e ao Gaiás. Nestas xornadas, un dos grandes atractores de viaxeiros como é As Cancelas queda practicamente incomunicado ao pasar as liñas 4 e C2 cada hora e o C11 cada 35'. Comprería botarlle un ollo e ver se resultaría factible introducir un bus máis no C11 para manter os pasos cada 20' dos horarios de inverno.

En definitiva, os horarios de verán son practicamente idénticos todos os anos dende hai unha década, salvo pequenos axustes de última hora. Non se atopan adaptados á Compostela do 2019 e, polo tanto, resultan irreais para o usuario e difíciles de cumprir para os condutores; todos saímos prexudicados. Sen dúbida algunha, van ter que ser un eixo fundamental a tratar na nova concesión, coa vista posta nas vindeiras tempadas estivais e, sobre todo, no tan temido Xacobeo 2021.

Fontes de información:
TUSSA
Concello de Santiago
La Voz de Galicia

20 de agosto de 2018

Arrincan as obras en Patio de Madres e Castrón Douro. Desvíos na #Liña7!

Nós xa o adiantabamos hai uns días en Twitter:
O certo é que o de «grandes» era debido a que pensabamos que o luns 20 de agosto darían comezo dúas grandes obras no entorno de Sar: a rexeneración da calzada de #PonteMarzán - #Sandino - #CruceirodeSar e reurbanización de #PatiodeMadres e #CastrónDouro. Pero parece ser que polo de agora, só esta última comezará na devandita data. Os autobuses da #Liña7, que nas súas viaxes dirección #Aríns / #Fornás transcorren por estas dúas rúas, veranse desviados. 

Desvío #Liña7 dirección Aríns / Fornás
Obras en Patio de Madres / Castrón Douro

Estas obras teñen unha duración estimada de 18 meses, e provocarán un desvío na #Liña7 dirección Aríns / Fornás: dende a #Parada410 (pza. Galicia nº 3, Zara) os buses continuarán por Doutor Teixeiro >> pza. Puente Castro >> Hórreo >> avda. de Lugo >> Bernardo Barreiro >> Curros Enríquez, retomando o percorrido en Castrón Douro (xa que as obras nesta rúa só afectarán ata o cruce con Curros Enríquez).

As paradas anuladas son: 

  • #Parada368, Patio de Madres. A alternativa máis próxima é a #Parada247, Fonte de Santo Antonio, 3. É moito peor no sentido que, en vez de coller o bus en Patio de Madres e baixar xa cara Sar, agora habería que collelo en Fte. de Sto. Antonio e padecer todo o desvío, pero no fondo, non queda outra.
  • #Parada462, Castrón Douro c. Curros Enríquez. Establecerase unha #ParadaProvisional, mentres duren as obras e o desvío, no mesmo cruce pero na rúa Curros Enríquez (é dicir, Curros Enríquez c. Castrón Douro). Non cremos que vaia ser sinalizada, xa que por non estalo non o está nin a oficial...

Plano do desvío (clic para ampliar)

NOTA: aínda que Patio de Madres e Castrón Douro se cortarán por tramos (nunca estarán as dúas rúas cortadas na súa totalidade ao mesmo tempo), o desvío da #Liña7 será efectivo durante todo o tempo que duren as obras, independentemente do tramo que estea restrinxido ao tráfico. Toda a info sobre a reordenación do tráfico na web do Concello.

As obras en si

As obras consisten nun lavado de cara completo da rúa: rebaixarase o rasante para mellorar o acceso ás vivendas, mellorando tamén así a accesibilidade e evitando a acumulación de agua en épocas chuviosas. As beirarrúas serán máis amplas actualmente apenas cabe un carriño de bebé mediante a eliminación de prazas de aparcamento. Só quedarán dispoñibles prazas de carga e descarga e áreas de estacionamento rápido (nas que só se poderá aparcar por un máximo de 10 min.).

 Estado da #Parada368 arriba (con furgoneta mal
 aparcada incluída...) e da #Parada462 abaixo.
No ámbito do transporte urbano, o cambio máis notable será a substitución do pavimento actual por formigón, que permitirá aforrar a inxente cantidade de baches e fochancas que os buses da #Liña7 tiñan que soportar. Tamén a eliminación de prazas de aparcamento aforrará máis dun atasco ao bus, que en diversas ocasións se vía «atrapado» debido aos coches que aparcaban na liña amarela da parte superior de Patio de Madres.

#Liña7 «atrapada» en Patio de Madres
Esperamos tamén que neste proxecto se tiveran en conta as dúas paradas do transporte urbano situadas dentro da zona de actuación: a #Parada368, Patio de Madres (sinalizada pero sen panel de información de liñas) e a #Parada462, Castrón Douro (sen ningún tipo de sinalización e por tanto, tamén sen poste de información).







A nosa humilde opinión

O percorrido da #Liña7 (sentido Aríns / Fornás), unha vez alcanzado o barrio de Sar, é sinxelo e con pouco tráfico. Isto significa que os autobuses poden cumprir o horario sen problemas, con tempo de sobra en moitas viaxes. Incluso con este novo desvío, non cremos que vaia a haber problemas para seguir cumpríndoo, agás algún servizo en horas punta que si poderá ir uns minutos fóra de tempo.

Pero si auguramos problemas para cando comecen as obras de rexeneración de Ponte Marzán, Sandino e Cruceiro de Sar, xa que o máis probable e que a #Liña7 (desta vez dirección Valle Inclán) se tivese que desviar por Fontiñas e avda. de Lugo. E ao xuntar as 15 viaxes diarias con estes dous desvíos, chegaría un momento na que a situación sería insostible e non se poderían cumprir os horarios. Pero polo de agora, non nos imos adiantar aos acontecementos...

Fonte de información: TUSSA
Fotografías: Bus Compostela
Plano desvío: Bus Compostela