Amosando publicacións coa etiqueta Cabalgata. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cabalgata. Amosar todas as publicacións

4 de marzo de 2019

Os desfiles do Entroido alteran os buses en Santiago e Bertamiráns

O luns 4 de marzo en Bertamiráns (concello de Ames) e o martes 4 en Compostela, o transporte público sufrirá retencións e desvíos por mor dos desfiles de Entroido que terán lugar nas dúas localidades. Ademais, en Santiago tamén se verán desviadas as #Liña5 e #LiñaC4, ao quedar cortada ao tráfico a avda. de Ferrol, punto onde se concentrarán as carrozas.


LUNS 4 DE MARZO, DESFILE EN BERTAMIRÁNS

➢ A partir do luns 4 (ás 00:00) e ata as 12:00 do martes 5, queda prohibido estacionar no aparcadoiro da Telleira (preto da piscina homónima), que será o lugar onde se concentren as carrozas.

➢ Luns 4 de 14:00 a 20:00: prohibido estacionar nas rúas que rodean ao aparcadoiro (travesía do Lodeiro, avda. da Peregrina, rúa do Cómaro e a rúa sen nome que delimita polo nordés).

➢ DESFILE: está previsto que comece ás 18:00 e sairá do propio aparcadoiro da Telleira co seguinte percorrido: avda. da Peregrina (I) ➤ avda. da Maía (I) ➤ Poeta da Maía ➤ Pedregal ➤ avda. da Maía (II) ➤ avda. da Peregrina (II).

Plano explicativo do desfile de Entroido de Bertamiráns.


Transporte metropolitano

Previsiblemente, os buses metropolitanos que atravesan Bertamiráns sufrirán retrasos e retencións puntuais, ao ter que agardar ao paso do desfile para poder continuar os seus percorridos. Os viaxes máis susceptibles de verse afectados son:
  • XG517, Santiago (r/ da Rosa) ⇆ cruce dos Ánxeles (operada por Monbus e Grupo Ferrín): as viaxes con saída de ambas cabeceiras ás 17:45 e 18:15.
  • V-7026, Santiago (est. autobuses) ⇆ Negreira (Grupo Ferrín): as viaxes con saída de ambas cabeceiras ás 17:45.


MARTES 5 DE MARZO, DESFILE EN SANTIAGO

➢ A partir das 14:00 e ata o remate do desfile quedará prohibido aparcar en todas as rúas polas que circulará. O percorrido será o seguinte: avda. de Ferrol ➤ Romero Donallo ➤ Frei Rosendo Salvado ➤ pza. Roxa ➤ República do Salvador ➤ Hórreo ➤ Senra ➤ Xoán Carlos I. Dende aquí, continuarán por Rosalía de Castro e avda. da Coruña, para rematar no estanque do Campus Sur, onde quedarán «aparcadas» as carrozas.





A avenida de Ferrol será o punto no que se concentrarán as carrozas antes de comezar o desfile. Estará pechada ao tráfico de 16:30 a 17:30. Por este motivo, as #Liña5 e #LiñaC4 deixarán de circular pola avenida durante este horario, desviándose pola avda. de Antonio Fraguas (SC-20) e Romero Donallo, recuperando o itinerario habitual en República Arxentina.

De 16:30 a 17:30, quedarán suprimidas as #Parada085, avda. de Ferrol (pza. da Mercé); #Parada084, avda. de Ferrol nº 51 (c. Xosé Pasín); #Parada083, avda. de Ferrol nº 19 (c. Doutor Maceira).

O desfile comezará ás 17:30, e non se prevén desvíos nas liñas do #BusUrbano, senón que os autobuses agardarán a que pase a comitiva para poder continuar os seus percorridos, baixo as instruccións da Policía Local. Así, prevense retrasos e retencións puntuais en practicamente todas as liñas para a tarde do martes, entre as 17:30 e as 19:00, aproximadamente. Será unha tarde complicada para utilizar o transporte público na cidade.


Transporte metropolitano

As liñas do #BusMetropolitano que teñan cabeceira na rúa da Rosa tamén se verán afectadas, pero en menor medida. Simplemente terán que esperar a que o desfile vaia dende a avda. de Ferrol ata Frei Rosendo Salvado, para que quede Romero Donallo libre e poidan acceder ata a República Arxentina para continuar ata A Rosa.

Bo Entroido a tod@s!🎭



Fontes de información:


4 de xaneiro de 2019

A cabalgata dos Reis Magos provocará retrasos no transporte urbano

Como todos os anos, o próximo sábado 5 de xaneiro as SS.MM. os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas da cidade para tomar nota dos regalos de última hora dos máis cativos. Para poder levar a cabo a cabalgata, será necesario cortar ao tráfico algunhas rúas do Ensanche e o transporte urbano tamén se verá afectado. Imos ver a cronoloxía do evento:

14:00: hora de prohibición de aparcamento no parking da estación de tren, lugar dende onde sairá a cabalgata.

15:00: prohibición de aparcamento nas rúas que forman parte do percorrido da cabalgata: Santiago de Chile (só dende o cruce coa Rosa ata o de Frei Rosendo) >> Frei Rosendo Salvado (entre o cruce con Stgo. de Chile e a pza. Roxa) >> pza. Roxa >> República de El Salvador >> Hórreo (dende o cruce con Rep. El Salvador ata pza. de Galicia).

18:00: hora de saída da cabalgata dende a estación de trens cara o Obradoiro co seguinte itinerario:





Mentres as carrozas estean a percorrer as rúas da cidade, o Concello recomenda aos vehículos evitar o Ensanche. Aqueles que queiran atravesar a avda. de Lugo, é mellor que o fagan empregando o túnel do Hórreo. A rúa Virxe da Cerca —pola que pasan máis do 90% das liñas do transporte urbano— tamén estará pechada ata que remate o desfile, que previsiblemente chegará á pza. do Obradoiro cara ás 19:30.


Transporte urbano
TUSSA nunca prepara ningún dispositivo especial nin para a cabalgata dos Reis Magos nin para o desfile de Entroido. A única indicación oficial é que se informará das «pequenas alteracións» que poidan ter lugar durante a tarde «a través dos paneis informativos».

No entanto, e baseándonos nas experiencias doutros anos, podemos afirmar que o que previsiblemente farán os buses é esperar a que o desfile acabe de pasar pola rúa pola que van circular. É habitual nesta xornada ver longas coles de autobuses ao longo de toda a Virxe da Cerca esperando a poder pasar, cando quizais a opción máis razoable tería sido desvialos pola avda. de Lugo.

Tampouco podemos confirmar nada 100% seguros, xa que nos inquieta iso de que se vai informar a través dos paneis —non nos consta que se fixera nunca antes—. En todo caso, estaremos atentos para ver se de verdade hai unha boa planificación que redunde nunha información clara e sinxela de entender para o usuario. Aínda que de ser así e cun percorrido xa programado de antemán, tampouco entendemos por que non mostrar estas «pequenas alteracións» na web uns días antes.

A nosa recomendación persoal para o 5 de xaneiro é, en definitiva, paciencia. Adoita ser unha tarde de descontrol e desinformación e complicada para moverse en transporte urbano por Compostela. A ver se este ano, por primeira vez, TUSSA consegue que non o sexa —ou, polo menos, non tanto—.😆

Fonte de información: