Como todos os anos, o próximo sábado 5 de xaneiro as SS.MM. os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas da cidade para tomar nota dos regalos de última hora dos máis cativos. Para poder levar a cabo a cabalgata, será necesario cortar ao tráfico algunhas rúas do Ensanche e o transporte urbano tamén se verá afectado. Imos ver a cronoloxía do evento:
14:00: hora de prohibición de aparcamento no parking da estación de tren, lugar dende onde sairá a cabalgata.
15:00: prohibición de aparcamento nas rúas que forman parte do percorrido da cabalgata: Santiago de Chile (só dende o cruce coa Rosa ata o de Frei Rosendo) >> Frei Rosendo Salvado (entre o cruce con Stgo. de Chile e a pza. Roxa) >> pza. Roxa >> República de El Salvador >> Hórreo (dende o cruce con Rep. El Salvador ata pza. de Galicia).
18:00: hora de saída da cabalgata dende a estación de trens cara o Obradoiro co seguinte itinerario:
Mentres as carrozas estean a percorrer as rúas da cidade, o Concello recomenda aos vehículos evitar o Ensanche. Aqueles que queiran atravesar a avda. de Lugo, é mellor que o fagan empregando o túnel do Hórreo. A rúa Virxe da Cerca —pola que pasan máis do 90% das liñas do transporte urbano— tamén estará pechada ata que remate o desfile, que previsiblemente chegará á pza. do Obradoiro cara ás 19:30.
Transporte urbano
TUSSA nunca prepara ningún dispositivo especial nin para a cabalgata dos Reis Magos nin para o desfile de Entroido. A única indicación oficial é que se informará das «pequenas alteracións» que poidan ter lugar durante a tarde «a través dos paneis informativos».
No entanto, e baseándonos nas experiencias doutros anos, podemos afirmar que o que previsiblemente farán os buses é esperar a que o desfile acabe de pasar pola rúa pola que van circular. É habitual nesta xornada ver longas coles de autobuses ao longo de toda a Virxe da Cerca esperando a poder pasar, cando quizais a opción máis razoable tería sido desvialos pola avda. de Lugo.
Tampouco podemos confirmar nada 100% seguros, xa que nos inquieta iso de que se vai informar a través dos paneis —non nos consta que se fixera nunca antes—. En todo caso, estaremos atentos para ver se de verdade hai unha boa planificación que redunde nunha información clara e sinxela de entender para o usuario. Aínda que de ser así e cun percorrido xa programado de antemán, tampouco entendemos por que non mostrar estas «pequenas alteracións» na web uns días antes.
A nosa recomendación persoal para o 5 de xaneiro é, en definitiva, paciencia. Adoita ser unha tarde de descontrol e desinformación e complicada para moverse en transporte urbano por Compostela. A ver se este ano, por primeira vez, TUSSA consegue que non o sexa —ou, polo menos, non tanto—.😆
Fonte de información:
Ningún comentario:
Publicar un comentario