Amosando publicacións coa etiqueta Praza de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Praza de Galicia. Amosar todas as publicacións

26 de febreiro de 2020

O Concello acometerá modificacións puntuais na mobilidade da cidade de cara ao Xacobeo 2021

O Concello publicou o pasado mes o Documento sobre actuacións urxentes no entorno da catedral de Santiago e nas zonas anexas da Cidade Histórica para o ano 2021. Neste manual recóllense unha serie de actuacións básicas que o Goberno local considera imprescindibles de cara ao vindeiro Ano Xacobeo. Trátanse de intervencións menores, de custo non moi elevado, pero necesarias para asegurar o fluxo adecuado dos turistas e visitantes para tentar compatibilizalo co día a día da veciñanza.

No tocante á mobilidade e ao transporte público cítanse algunhas cuestións que ben merecen ser mencionadas neste post: modificacións nas paradas de bus da praza de Galicia, reparto de mercadorías a cargo de TUSSA, relocalización dos trens turísticos e cambios nas liñas por mor da futura reurbanización da rúa dos Concheiros.

Praza de Galicia máis adecuada ás persoas
Xa quedou máis que demostrado durante os últimos anos e no 2021 será peor: a beirarrúa da praza de Galicia non é ancha dabondo como para acoller a todos os viaxeiros que agardan polo bus urbano (alí paran as liñas 5, 6, 7, 12, 13, 15, C5, P3, P4 e P6) mais o do aeroporto. A situación agrávase no verán e por este motivo as decisións que o Concello levará a cabo serán:

➣ O traslado da actual cabeceira da liña de bus ao aeroporto á isleta paralela á rúa da Senra. Dotarase ao espazo do mobiliario urbano preciso para facer efectivo o cambio, é dicir, de marquesiña e un panel de información en tempo real, segundo o Concello. Aínda que polo de agora, lembramos, os buses ao aeroporto de Freire non contan con SAE pero, como xa adiantamos hai meses, é probable que a súa xestión sexa asumida directamente por Raxoi para incorporalos ao transporte urbano.

Futura localización da parada do bus ao aeroporto.

➣ Ampliación das beirarrúas e mellora da accesibilidade nos pasos de peóns. Tanto a beirarrúa da parada 409 (ferretería) como a da 410 (Massimo Dutti) serán prolongadas e os bordos e o firme de baldosas de cemento serán substituídos por bordos e lousas de granito. Esta é a oportunidade idónea para instalar nunha das paradas máis empregadas de toda a rede o pavimento podotáctil, necesario para as persoas con algunha discapacidade visual e practicamente inexistente en Compostela.
É escaso o número de paradas nas que está
instalado o pavimento podotáctil.


➣ Reforma dos pasos de peóns. Actualmente non son accesibles ao cen por cento. Contan cunha pequena rampla —con demasiada inclinación— que facilita a labor aos usuarios de cadeiras de rodas, mais na práctica non é útil. Por este motivo, o Concello propón accesibilizalos segundo a fórmula do coxín berlinés, é dicir, elevándoos para buscar a comodidade do peón ao non haber elevacións e, de paso, facer reducir a velocidade ao tráfico rodado. 

Aínda que as intencións —facilitar o tránsito do transporte público e o peonil— sexan boas, coidamos que a localización escollida para a nova parada non é a máis axeitada. Ao perder os vehículos ese carril de entrada ao parking, colapsado habitualmente en verán, o taponamento será maior e terá lugar en medio e medio da praza, en vez de nese carril concreto. Deste xeito, pódese ver interrompido o tráfico procedente tanto da Senra como de Virxe da Cerca ao non poder circular por mor do atasco que terá lugar nos carrís de paso da praza. En definitiva, que se non se acompaña a medida dun plan de redución do tráfico no centro da cidade, o remedio pode ser peor ca enfermidade.

Por non comentar o feito de que nun contexto de atasco, o bus do aeroporto non podería efectuar a saída desde a nova parada ao estar a zona colapsada polos turismos que tratan de acceder ao aparcadoiro subterráneo.

Reparto de mercadorías no Casco Antigo
O estado do pavimento da zona histórica está esnaquizado, así como diversas fontes do recinto do intramuros, por mor do paso de grandes camións de carga e descarga. Neste sentido, o Concello expón establecer unha ou varias zonas na fronteira da améndoa nas que realizar as descargas, que logo serían entregadas ao destinatario final mediante pequenos vehículos eléctricos, ben a través de TUSSA ou mediante unha empresa externa. Esta medida iría acompañada dunha redución no horario de CeD, que se estende ata as 10:30 h nalgunha zona.

Trens turísticos fóra do Obradoiro
O dos trens turísticos é outro dos sen sentidos vixente na actualidade: en verán, un tren de tres vagóns (os da ruta monumental) percorre cada media hora a rúa de San Francisco ata chegar ao Obradoiro, ao que se suma outro máis nalgunhas horas puntuais (o da ruta dos parques). Agora o Concello quere limitar o itinerario desta atracción turística ata a dársena de Xoán XXIII ou «outra localización máis axeitada». Xa era hora.

As [ansiadas] obras de reurbanización en Concheiros
Este ano darán comezo as tan demandadas obras de reurbanización da rúa dos Concheiros. Desde que se semipeonalizou San Pedro en 2013, só discorre por estas dúas rúas a #LiñaC11, que se verá desviada mentres duren os traballos. No documento indícase nun par de parágrafos que os percorridos alternativos (previsiblemente por San Roque, Pastoriza, Anxo Casal e Rodríguez de Viguri) suporán un sobrecusto para Tralusa que «deberá recibir a correspondente contía compensatoria».

Supoñemos que, como xa se ten feito noutras ocasións, non se reforzará o servizo da #LiñaC11 cun bus máis durante o desvío. Porén, o non facelo implicará non cumprir a frecuencia de 12 min establecida para a ruta, que non descartamos que sexa ampliada a 15. Xorden tamén dúbidas sobre o encaixe que terán estas obras no novo mapa de liñas que se pretende licitar no primeiro trimestre deste 2020.

Como curiosidade, lemos onte en La Voz de Galicia as alteracións no tráfico previstas de cara ás obras na avenida de Lugo, á altura da rotonda dos Concheiros, executadas pola Xunta dentro do plan de mellora das entradas do Camiño na cidade. Quedamos á agarda do que comunique o Pazo de Raxoi, pero parece ser que as liñas que pasen pola zona (L6, 9, 13, C2, C4, C5, C6 e C11) van ter que verse desviadas mentres duren os traballos.

Fontes:
Concello de Santiago
La Voz de Galicia
Google Maps

4 de xullo de 2019

Autobús de volta dende a CdC nos días de «Atardecer no Gaiás»

Este xoves da comezo o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, os solpores musicados que a Cidade da Cultura organiza os xoves, venres e sábados dos meses de xullo e agosto ás 21:00. Os servizos de transporte público para subir ata o Gaiás serán os habituais (#Liña9 os días laborables e prolongacións da #LiñaC11 os sábados), pero TUSSA habilitará un servizo de volta ata o centro con saída ás 23:00 dende a #Parada683 da CdC.



Centro cidade → Gaiás
➢ Xoves e venres (#Liña9): saídas dende Casas Novas ás horas e media e dende a CdC ás en punto. Cómpre destacar que o horario desta liña non adoita cumprirse, e máis aínda os días de concertos con alta afluencia de xente. Na pasada edición, por exemplo, resultou case imposible achegarse ao Gaiás en bus urbano ao concerto de Rels B, que non puido coller a xente máis aló da Senra. Para colmo, en vez do tradicional Citaro que presta servizo na liña, ese día era substituído por un dos pequenos MAN NM223F.
«Termómetro» coas paradas da #Liña9 (ante a falta dun oficial...).

➢ Sábados (#LiñaC11): durante os sábados pola tarde, a #LiñaC11 conta cunha serie de prolongacións ata a Cidade da Cultura. As idóneas para asistir aos concertos de «Atardecer no Gaiás» —todos son ás 21 h— son aquelas que pasan por Xeneral Pardiñas / pza. de Galicia ás 19:55 e 20:15 respectivamente.

Gaiás → centro cidade
Sairá un autobús ás 23:00 dende a #Parada683, cabeceira da #Liña9 na CdC. O seu percorrido será similar ao desta liña, só que en vez de ir por Concheiros e Valle Inclán circulará por Rodríguez de Viguri, Pastoriza e San Roque, e en vez de rematar en Casas Novas terá como destino a pza. de Galicia. Tampouco pasará polo Multiusos. Este servizo só estará dispoñible os días que haxa concerto, que serán:

En xullo: xoves 4, venres 5, sábado 6; xoves 11, venres 12, sábado 13; xoves 18, venres 19, sábado 20; venres 26 e sábado 27.

En agosto: xoves 1, venres 2, sábado 3; xoves 8, venres 9, sábado 10; xoves 15, venres 16, sábado 17.

Mapa co percorrido e paradas deste servizo:


CLICA AQUÍ se non podes visualizar o mapa correctamente

A pé
Dende o centro da cidade, existe unha ruta que conecta o Gaiás a través do barrio de Sar e do Bosque de Galicia. Ten unha duración aproximada duns 40 min e é cen por cen aconsellable pola beleza do trazado e por ser o método máis saudable para chegar aos concertos. 😁



En coche
Para aqueles que decidan ir en vehículo privado ata o Gaiás contan cunha serie de aparcadoiros gratuítos nas inmediacións do recinto con máis de 600 prazas. Os máis próximos ao lugar de celebración dos concertos, a praza central, son o P1 e P2. Ademais, dende febreiro está en servizo unha nova saída que conecta directamente a AP-9 coa Cidade da Cultura.


Fonte de información: TUSSA
Imaxes: Cidade da Cultura

6 de xuño de 2019

A #Ascensión2019 quedou sen bus nocturno

Nos Orzamentos Participativos de hai dous anos, no apartado das festas do Apóstolo, unha das propostas gañadoras foi a de implantar o servizo de transporte urbano durante todas as noites dos festexos. O Concello levou a cabo unha proba piloto na #Ascensión2018 e logo implementouno no #Apóstolo2018. Non hai datos —non públicos, polo menos— sobre a utilización do bus nocturno, mais nos pensabamos —e non somos os únicos— que sería algo que xa quedaría asentado e sería implantado no resto de festas. Nada máis lonxe da realidade, posto que non se levou a cabo na #Ascensión2019.


A diferenza doutras urbes galegas como A Coruña ou Vigo, en Compostela non existe un servizo de transporte nocturno regular, a pesares de termos unha gran superficie rural e de ser unha cidade universitaria. De feito, temos que remontarnos ata a principios de milenio, cando aínda funcionaba a residencia universitaria no Monte do Gozo, para atopar o que cremos que foi o último servizo nocturno en activo.
Extracto dunha memoria de TUSSA, correspondente ao
período 1999 - 2003.

No contexto das eleccións municipais do 26-M, o único partido que incluía no seu programa a posible implantación dun servizo de transporte urbano nocturno foi o BNG. Os nacionalistas propoñían «bufos» os sete días da semana, con «horarios especiais» —intuímos que reforzos— durante as fins de semana. Baixo o noso punto de vista, quizais sexa un pouco ambicioso pasar do nada ao todo, pero si cremos que debería estudarse a viabilidade deste servizo durante as noites dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos. E, como non, tamén durante todas as noites das festas da Ascensión e o Apóstolo.

Para as festas do Apóstolo que estaremos celebrando en menos de dous meses volveu saír elixida a proposta do bus nocturno nos OP. Cómpre resaltar que, desta vez, a proposición inclúe dúas cuestións importantes a matizar: que o servizo sexa accesible e que conte con paradas a demanda. A primeira das cuestións, tendo en conta a situación das paradas e a da propia frota, temémonos que non vai ser posible. A segunda, si. De feito, fora aprobada en Pleno unha proposición para implantar as paradas antiacoso de xeito regular en toda a rede a partir das 22:00, da que non volvemos saber nada máis. Outras empresas como Monbus ou Freire xa comezaron a introducilas nas súas rutas.




De cara ao #Apóstolo2019, cremos que se lle debería dar máis pulo á promoción dos «bufos» para redundar nunha maior utilización deles por parte da cidadanía. Unha das cuestións clave é a súa inclusión no SAE, para que poidan aparecer tamén na app, o principal método de información ao usuario. Tampouco estaría de máis a impresión de folletos liña por liña coa súa correspondente cor, ao igual que se fai cos horarios regulares, así como algunhas notas informativas «in situ» nalgunha das paradas de maior utilización, como a da Senra ou na praza de Galicia.



Fontes de información:
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Compañía de Tranvías de La Coruña
Vitrasa
Memoria TUSSA 1999 - 2003

26 de abril de 2019

Servizos extra para a Cidade Imaxinaria e o concerto de Bob Dylan

Con motivo da celebración da Cidade Imaxinaria Primavera na Cidade da Cultura o vindeiro sábado 27 e o concerto de Bob Dylan no Multiusos o luns 29, TUSSA ofrecerá dous servizos especiais durante os dous días para facilitar o acceso aos recintos dende o centro da cidade.

> Sábado 27: Cidade Imaxinaria


Regresa, un ano máis, a Cidade Imaxinaria á Cidade da Cultura. Terá lugar o sábado 27 de abril a partir das 17:00. Como a #Liña9 non funciona os sábados pola tarde, as opcións para subir ata o Gaiás en transporte público serán as seguintes:

#ServizoEspecial: será un autobús que funcionará entre a pza. de Galicia (#Parada410, diante do Massimo Dutti) e a CdC cunha frecuencia de 40 min. A primeira saída dende o Gaiás será ás 14:00 e a última ás 21:20. Dende o Ensanche, o primeiro bus partirá ás 14:20 e o último ás 21:00. Dende a pza. de Galicia, este bus seguirá por Virxe da Cerca seguindo o itinerario da #Liña9, coa única excepción de que non accederá ao Multiusos de Sar na viaxe de ida nin na de volta. As tarifas serán as habituais.

Os horarios detallados son: saídas dende a Cidade da Cultura: 14:00, 14:40, 15:20, 16:00, 16:40, 17:20, 18:00, 18:40, 19:20, 20:00, 20:40, 21:20.
Dende a praza de Galicia: 14:20, 15:00, 15:40, 16:20, 17:00, 17:40, 18:20, 19:00, 19:40, 20:20, 21:00.

#LiñaC11: aínda que o lóxico e o máis practico sería acceder a través do servizo habilitado para a ocasión, a #LiñaC11 conta con tres prolongacións á Cidade da Cultura os sábados tarde, que eles mesmos recomendan na web aínda que os horarios sexan erróneos. Os servizos desta liña con paso por Xeneral Pardiñas ás 17:30, 19:45 e 20:00 subirán ata o Gaiás.

> Luns 29: concerto de Bob Dylan


O luns 29 de abril ás 21:00 Bob Dylan ofrecerá no Multiusos Fontes de Sar o que será o único concerto en Galicia da súa última xira. Ante a escaseza de servizos de transporte ordinarios ata o recinto, TUSSA porá en marcha o habitual #ServizoLanzadeira que se emprega para os eventos no Multiusos. Deste xeito, poderase acceder a través:


Punto de saída do #ServizoLanzadeira.
➢ Do #ServizoLanzadeira: de xeito continuado (isto é, que sempre haberá un bus ao que subirse) dende as 17:00 ata as 21:00. Sairá dende o carril bus do Hórreo, onde comeza a escalinata que baixa á estación de trens. Irá directo ata o Multiusos, sen facer paradas. Manterase en sentido inverso ao remate do concerto, a partir das 22:45.

➢ Da #LiñaC11 (cada 12 min): todos os servizos comprendidos entre as 17:00 e as 21:00 prolongaranse ata o Multiusos. Non sabemos se se reforzará a liña cun autobús máis, pero dende logo cremos que sería o máis conveniente tendo en conta o percorrido extra nun día laborable (hai máis tráfico que durante as fins de semana). No centro, discorre por Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia.

➢ Da #Liña9 (cada hora): no seu percorrido habitual accede ao Multiusos. Sae ás XX:30 de Casas Novas e sobre as XX:40 para na Senra. Logo continúa por Virxe da Cerca, Pastoriza, Anxo Casal, Rodríguez de Viguri e Fontiñas.

➢ Das #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada hora): unicamente as recomendamos para acceder dende zonas periféricas da cidade que non queden cubertas por algunha das outras alternativas, xa que teñen pouca frecuencia e son moi habituais os retrasos.

Fontes de información:
Cidade da Cultura
TUSSA (I) e TUSSA (II)
Imaxes:
Cidade da Cultura
Ticketmaster
Google Maps

16 de marzo de 2019

A futura #LiñaAP ao aeroporto será xestionada polo Concello

Era un segredo sabido por todos (constaba no Xeoportal do Concello), pero o pasado martes confirmouse: a Dirección Xeral de Mobilidade cedeu ante o Concello, que pasará a xestionar o servizo da ruta de autobús que une Compostela co aeroporto de Lavacolla baixo a denominación «liña AP», no marco de remodelación do Plan de Transporte Metropolitano de 2020. Será engadida como unha liña máis ao transporte urbano, con todas as vantaxes e inconvenientes que iso supón.


Os principais cambios serán:

HORARIOS
Como podedes comprobar no post sobre esta liña, os horarios operados por Empresa Freire son bastante flexibles, cun bus ao aeroporto cada media hora dende as 6:00 (7:00 no sentido inverso) ata as 00:00 (1:00 dende Lavacolla). Aínda así, estes servizos son insuficientes, pois non chegan a tempo para embarcar nos voos máis madrugadores, cuxos viaxeiros adoitan coller máis o bus que os do resto da xornada.

A vontade do Concello é ampliar este horario, facendo que o primeiro bus saia cara a terminal ás 5:00, unha hora antes, para chegar aos primeiros voos. Asemade, tamén é probable que o último dende Santiago sexa á 1:00, en vez de ás 00:00 como ata agora. Non se ten pensado modificar a frecuencia (cada 30 min). Neste sentido, Freire xa solicitara á Xunta hai uns anos o adianto do comezo do servizo, pero fóralle denegado.



UNHA LIÑA MÁIS DO TRANSPORTE URBANO

A ruta de Empresa Freire transporta, basicamente, dous tipos de viaxeiros: os usuarios do aeroporto e os veciños de Lacavolla e arredores. Coa inclusión da liña dentro do transporte urbano, poderanse engadir a estes perfís outros de carácter urbano. Por exemplo, sería a mellor opción para trasladarse dende o centro da cidade á estación de autobuses dun xeito máis rápido e con menos paradas que a #Liña5 ou para chegar ata a pza. de Galicia dende o centro comercial As Cancelas, sen ter que estar 25 minutos nun bus da #LiñaC11.


ITINERARIO E PARADAS
O percorrido da #LiñaAP será similar ao actual, pero contempla algúns cambios:

Seguirá partindo dende a pza. de Galicia (#Parada410), seguindo pola rúa da Rosa e as dúas estacións (a de tren e a de bus, respectivamente). Para cando estea en funcionamento a nova estación de autobuses no complexo da Intermodal, suprimirase a parada na actual.

➢ Crearase unha nova parada en Fontiñas, para dar cobertura aos habitantes do barrio e aos seus traballadores, así como á zona norte da cidade. Isto lévanos a pensar que, de non variar o percorrido, a que máis papeletas ten é a #Parada153 (fronte ao C.C. As Cancelas), onde actualmente só para a #LiñaC2. Porén, no Xeoportal, o itinerario está marcado polas rúas de Londres e París, pero cómpre destacar que foi ideado para cando xa non funcione a estación de San Caetano, posto que non a contempla como parada. No contexto actual, resulta inviable o percorrido por Londres despois de parar na estación de buses, xa que non se pode acceder a Fontiñas a través da avda. de Lugo.

➢ Os buses accederán ata as portas da CRTVG, en vez de parar a pé de estrada como fai ata o de agora Empresa Freire. Deste xeito, cúmprese unha vella demanda dos traballadores do ente público, que só podían acceder ás instalacións a través das contadas prolongacións da #Liña6 a Vilamaior.


NOVAS TARIFAS...?
Empresa Freire conta cunha subvención da Xunta que lle axuda a sufragar os gastos da liña. Coa entrada desta no mapa do transporte urbano, enténdese que pasará a ter as tarifas do resto das liñas municipais, é dicir, de 1€ en metálico e 0,60€ con tarxeta (tanto as TMG e a TMG «Xente Nova» como os cartóns de TUSSA). Outra das novidades é que, ao deixar de formar parte do transporte metropolitano, os importes das viaxes realizadas coa «Xente Nova» deixarán de ser reembolsados aos seus posuidores porque xa non as pagará a Xunta. Porén, as realizadas coa TMG normal (0,86€) pasarán a ter un custo de 0,60€, unha rebaixa considerable.


Estas son as nosas suposicións, posto que nada se sabe aínda de se TUSSA variará ou non as tarifas, polo menos aquelas que se pagan en efectivo, posto que o prezo actual é de 3€ ida e 5,10€ ida e volta, a pesares de contar coa subvención autonómica. 



CAMBIOS PREVISTOS COA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DA INTERMODAL
Para cando deixe de funcionar a estación de autobuses de San Caetano e comece a facelo a ubicada en Clara Campoamor, a liña sufrirá cambios considerables no seu percorrido. Concretamente, os xa recollidos no Xeoportal, que pasan por substituír a saída dende a praza de Galicia pola propia Intermodal, e contemplan un percorrido circular polo Ensanche a través do Hórreo, Senra, Xoán Carlos I, Rosalía de Castro e Romero Donallo, cunha nova parada na pza. de Vigo.


Detalle do percorrido da futura #LiñaAP polo Ensanche, unha
vez estea en funcionamento a Intermodal.
VEHÍCULOS
Empresa Freire opera a liña con vehículos adaptados ás necesidades do servizo. Concretamente, os buses teñen porta maletas e un servizo de información ao viaxeiro en galego, castelán e inglés, no que se poden visualizar as paradas dispostas nun mapa nunha pantalla. Conta tamén con avisos sonoros de «próxima parada».

Cando pase a ser operada por TUSSA, será necesario a adquisición de novos autobuses, xa que os actuais non chegan para cubrir a liña. Queremos crer que se terán en conta as peculiaridades deste servizo á hora de facelo, posto que é inviable —e máis en tempada alta e con vistas ao Xacobeo 2021— realizalo con buses estándar.

Fontes de información:
Empresa Freire
La Voz de Galicia (12/03/2019)
La Voz de Galicia (13/03/2019)
La Voz de Galicia (14/03/2019)
Xeoportal do Concello

4 de xaneiro de 2019

A cabalgata dos Reis Magos provocará retrasos no transporte urbano

Como todos os anos, o próximo sábado 5 de xaneiro as SS.MM. os Reis Magos de Oriente percorrerán as rúas da cidade para tomar nota dos regalos de última hora dos máis cativos. Para poder levar a cabo a cabalgata, será necesario cortar ao tráfico algunhas rúas do Ensanche e o transporte urbano tamén se verá afectado. Imos ver a cronoloxía do evento:

14:00: hora de prohibición de aparcamento no parking da estación de tren, lugar dende onde sairá a cabalgata.

15:00: prohibición de aparcamento nas rúas que forman parte do percorrido da cabalgata: Santiago de Chile (só dende o cruce coa Rosa ata o de Frei Rosendo) >> Frei Rosendo Salvado (entre o cruce con Stgo. de Chile e a pza. Roxa) >> pza. Roxa >> República de El Salvador >> Hórreo (dende o cruce con Rep. El Salvador ata pza. de Galicia).

18:00: hora de saída da cabalgata dende a estación de trens cara o Obradoiro co seguinte itinerario:





Mentres as carrozas estean a percorrer as rúas da cidade, o Concello recomenda aos vehículos evitar o Ensanche. Aqueles que queiran atravesar a avda. de Lugo, é mellor que o fagan empregando o túnel do Hórreo. A rúa Virxe da Cerca —pola que pasan máis do 90% das liñas do transporte urbano— tamén estará pechada ata que remate o desfile, que previsiblemente chegará á pza. do Obradoiro cara ás 19:30.


Transporte urbano
TUSSA nunca prepara ningún dispositivo especial nin para a cabalgata dos Reis Magos nin para o desfile de Entroido. A única indicación oficial é que se informará das «pequenas alteracións» que poidan ter lugar durante a tarde «a través dos paneis informativos».

No entanto, e baseándonos nas experiencias doutros anos, podemos afirmar que o que previsiblemente farán os buses é esperar a que o desfile acabe de pasar pola rúa pola que van circular. É habitual nesta xornada ver longas coles de autobuses ao longo de toda a Virxe da Cerca esperando a poder pasar, cando quizais a opción máis razoable tería sido desvialos pola avda. de Lugo.

Tampouco podemos confirmar nada 100% seguros, xa que nos inquieta iso de que se vai informar a través dos paneis —non nos consta que se fixera nunca antes—. En todo caso, estaremos atentos para ver se de verdade hai unha boa planificación que redunde nunha información clara e sinxela de entender para o usuario. Aínda que de ser así e cun percorrido xa programado de antemán, tampouco entendemos por que non mostrar estas «pequenas alteracións» na web uns días antes.

A nosa recomendación persoal para o 5 de xaneiro é, en definitiva, paciencia. Adoita ser unha tarde de descontrol e desinformación e complicada para moverse en transporte urbano por Compostela. A ver se este ano, por primeira vez, TUSSA consegue que non o sexa —ou, polo menos, non tanto—.😆

Fonte de información:

30 de decembro de 2018

A @SanSilvestreStg causará desvíos en todas as liñas o último día do ano

Como cada ano, o vindeiro luns 31 de decembro terá lugar a San Silvestre Santiago, carreira coa que tradicionalmente despedimos o ano en Compostela. Este ano participarán arredor dunhas 2.200 persoas e a cidade adaptarase para dar cabida a este evento. Isto implicará un corte de tráfico no eixo Xoán Carlos I - Senra - Virxe da Cerca, que afectará a todas as liñas do transporte urbano. Lembra tamén que este día os autobuses adiantarán a súa hora de retirada para poder chegar á tempo a comer as doce uvas da sorte ;)


Percorrido da San Silvestre Santiago 2018

17:45: corte do tráfico no eixo Xoán Carlos I - Senra - Virxe da Cerca. Eixo alternativo: Doutor Teixeiro - avda. de Lugo.

➢ As liñas sufrirán desvíos na zona centro da cidade. O resto dos percorridos pola periferia serán os habituais.

Praza de Galicia será o punto de referencia para coller o bus urbano na zona do Ensanche:

- #Parada409 (ferretería): nela pararán todos os autobuses de todas as liñas (excepto as #LiñaC2 e a #LiñaC4) que se dirixan en dirección
#Parada409, pza. de Galicia (ferretería), na que
pararán as liñas dirección norte.

norte, coa excepción da #Liña6 cara San Marcos e os circulares C5 e C6, que pararán na outra parada da pza. de Galicia, a #Parada410. Pola súa banda, a #Liña13 non realizará ningunha parada na praza, posto que xirará dende Montero Ríos cara Doutor Teixeiro directamente.

- #Parada410 (Massimo Dutti): nela
#Parada410, pza. de Galicia (Massimo Dutti) na que
pararán as liñas no resto das direccións.

pararán os buses (exceptuando outra vez os das #LiñaC2 e #LiñaC4) que vaian en calquera outra dirección que non sexa a norte. Tamén o farán, aínda que si vaian en dirección norte, a #Liña6 cara San Marcos, a #LiñaC5 e a #LiñaC6.


Casos «especiais»
➢ #Liña6: os buses da #Liña6, en ámbolos dous sentidos de circulación (San Marcos e Os Tilos), irán polo Hórreo ata a #Parada410 (pza. de Galicia, Massimo Dutti). Polo tanto, coincidirán nesta parada os buses que se dirixan cara ambas cabeceiras; haberá que prestar atención ao panel de destino!

➢ #Liña7: rematará o percorrido na #Parada410, sen acceder a Valle Inclán. Esta será o punto de referencia para coller a liña en sentido Aríns / Fornás.

➢ #Liña13: para coller a liña en dirección norte (cara Belvís), non se poderá empregar a #Parada409 coma no resto das liñas; empregaranse as dúas de Xeneral Pardiñas. De tódolos xeitos e ante o amplo percorrido que terá que percorrer o bus desta liña en sentido X. Pardiñas, os 20 min. habituais resultarán —aínda máis— insuficientes, polo que funcionará indo e vindo de xeito continuo, tratando de adaptarse a un horario irreal.

➢ #LiñaC2 e #LiñaC4: estas dúas liñas non poderán realizar o tramo Pombal - San Clemente - Xoán Carlos I. Só quedarán suprimidas as paradas comprendidas entre eses dous puntos e o resto do percorrido será o habitual.

➢ #LiñaC5 e #LiñaC6: ámbalas dúas virán polo Hórreo e despois farán parada na #Parada410 (Massimo Dutti). Logo, a primeira seguirá o seu percorrido habitual pola rúa da Rosa e a segunda irá ata Fontiñas pola avda. de Lugo.

➢ #LiñaC11: aínda que catalogada de circular de forma oficial, o certo é que a #LiñaC11 ben podería ser dividida en dúas viaxes, e de feito así fai TUSSA para indicar os desvíos da mesma: no sentido C.C. As Cancelas - Xeneral Pardiñas o percorrido será o habitual. No inverso, os buses irán, dende a #Parada409 (pza. de Galicia, ferretería), por Doutor Teixeiro e avda. de Lugo ata Fontiñas.

Fontes de información / das imaxes:
Google Maps

10 de decembro de 2018

Martiño Noriega fala sobre as avarías dos paneis e a nova licitación do contrato do transporte urbano

É unha situación coñecida por todos os habituais do transporte urbano na cidade: os paneis informativos das paradas non funcionan. Non é que estean todos estragados, pero si é verdade que, de forma conxunta, nunca están cen por cen operativos. De feito, poderiamos afirmar e afirmamos que fai máis dun ano dende a última vez que todos funcionaron á vez sen ningunha incidencia. Os actualmente inoperativos —pode que se nos escape algún de zonas máis periféricas—, son os de praza de Galicia nº 3, Pastoriza nº 103A e San Roque (La Salle).

Respecto a isto, Martiño Noriega respondeu o pasado martes en Cope+Santiago a un ouvinte que comunicaba a avaría do panel de praza de Galicia. O rexedor contaba que o tema foi tratado no último Consello de Administración de TUSSA, e que o xerente, José Ramón Mosquera, tomou nota para tentar arranxalo despois de que a concelleira María Antón dese aviso da incidencia. 

A duda que nos xorde a nós é: realmente hai un control do funcionamento dos paneis por parte de TUSSA? É necesario que un/unha concelleiro/a teña que notificar a avaría? Aínda que non esteamos capacitados para responder a esta cuestión, si podemos tirar de arquivo tuiteiro para ilustrar como TUSSA tiraba de demagoxia para xustificar a súa desantención:
O certo é que supoñemos —xa só pola nosa insistencia— que TUSSA está ao tanto destes tres paneis que están sen funcionar na actualidade. En teoría, deberían de ser arranxados no menor tempo posible, pero na práctica, algún xa leva máis dun mes inoperativo. Por que sempre estes prazos tan longos? Isto lémbranos a unha cuestión similar: a vivida este verán cunha escaleira mecánica da estación de autobuses, que estivo nada máis e nada menos que ata tres meses parada...

Novos paneis
O alcalde comentou tamén que se van licitar novos paneis que deberían estar en pleno funcionamento en dous ou tres meses. Gustaríanos pensar que van estar destinados a novas paradas, pero visto o funcionamento dos actuais naquelas nas que xa os temos, todo parece indicar que simplemente substituirán aos avariados.

Así loce actualmente o panel da
#Parada660, cunha brillantez moito
maior ca do seu predecesor.
Isto aconteceu, como único exemplo ata o de agora, co panel da #Parada660, Virxe da Cerca (Praza de Abastos 1): levaba sen funcionar máis dun ano, e este verano por fin substituíuse por un novo, xa que o anterior presentaba problemas de luminosidade (co mínimo raio de sol xa non se podía apreciar nada). Aínda así, houbo pequenos problemas de inoperatividade con el ata fai non máis dun mes. Actualmente, funciona xa sen incidencias.

Nesta foto do panel de
Pastoriza —inoperativo
para variar— pode
apreciarse a «viseira»
que se lle implementou.
Un caso similar acontece co panel da #Parada367, Pastoriza nº 103A: tampouco se vía nada cando lle daba o sol de fronte —practicamente durante toda a mañá—. Para «arranxalo», TUSSA decidiu instalar nel unha peza metálica a modo de viseira, coa finalidade de resgardarlo da luz solar. Na práctica, non serviu absolutamente para nada, xa que seguía sen poder verse a pantalla. Agora que está estropeado, nós agardamos que sexa substituído por un como o de Virxe da Cerca.


Nova licitación: «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo»
Preguntado por se remataremos a lexislatura cos autobuses máis vellos de Galicia, Martiño Noriega respondou que «esperemos que non». Explicou que iso dependerá da nova licitación do contrato, que se atopa na Intervención Xeral dende hai meses. Ao parecer, hai «un novo interventor que está a desbloquear moitos asuntos pendentes do concello», e que sen dúbida o transporte urbano podería ser un máis. De feito, Noriega resalta que «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo». Quedamos á espera para ver, neste 2019, se as promesas feitas se van poder cumprir.


Fontes:

19 de xullo de 2018

Servizos de transporte para os concertos de #AtardecernoGaiás na @CidadedaCultura

Como xa é tradición, a @CidadedaCultura organiza un ano máis o ciclo de concertos #AtardecernoGaiás». Terán lugar todos os xoves, venres e sábados durante o mes de xullo e as tres primeiras semanas de agosto. As citas serán todas ás 21:00 na Praza Central, e TUSSA ofrecerá servizos de transporte para poder acceder a eles así como para abandonar o recinto unha vez concluídos.


Programación de «Atardecer no Gaiás 2018».


Imos por partes:


  • Servizos para ACCEDER á Cidadade da Cultura (a partir de agora CDC): os accesos realizaranse a través da #Liña9 e da #LiñaC11 (esta última só para os concertos dos sábados). A nosa propia experiencia dinos que polo xeral non adoita haber ningún tipo de problema para subir á CDC a través destas liñas, se ben é certo que para eventos especialmente demandados si pode haber complicacións. A modo de exemplo, o ano pasado con C. Tangana ou este ano con Rels B, houbo aglomeracións e a #Liña9 tivo que ir dende a #Senra ata a CDC sen recoller pasaxeiros. Aí xa depende do conductor: hainos que chaman e explican a situación para pedir reforzo, e pola contra poden non facelo e continuar co percorrido.
  • Servizos para ABANDONAR a #CidadedaCultura: en principio, haberá un só bus ás 23:00 (os días que non hai sesión DJ) ou ás 00:30 (nos días con DJ -marcados no programa cun asterisco (*)-).
         Días con bus ás 23:00: 7, 12, 13, 14, 20, 21, 26, 27 e 28 de xullo; 2, 3, 4, 10, 11, 16 e 17 de agosto.
         Días con bus ás 00:30: 5, 6 e 19 de xullo; 9 e 18 de agosto.

O bus de regreso poderá collerse en dúas paradas da CDC: na #Parada683, onde inicia o percorrido (que é a parada cabeceira da L9) e na #Parada411, oficialmente denominada «CDC 1», e que está situada no vial de saída do recinto, fronte ao aparcadoiro. Aproveitamos para comentar que nestas paradas a información é incorrecta: as prolongacións que a #LiñaC11 fai ata a CDC os fins de semana non se corresponden coas verdadeiras. Urxe arranxar isto!


Parada [683], na que o bus de regreso inicia o seu percorrido.

O percorrido deste servizo será o seguinte: CDC >> Fontes do Sar >> Fontiñas (Londres, Lisboa e Berlín) >> avda. Rodríguez de Viguri >> Anxo Casal >> Pastoriza >> San Roque >> Virxe da Cerca >> pza. de Galicia.

Chegamos un pouco tarde, pero aínda a tempo para os últimos concertos de xullo e todos os de agosto. Mellor tarde que nunca... 😉

Fontes de información: TUSSA e Cidade da Cultura