10 de decembro de 2018

Martiño Noriega fala sobre as avarías dos paneis e a nova licitación do contrato do transporte urbano

É unha situación coñecida por todos os habituais do transporte urbano na cidade: os paneis informativos das paradas non funcionan. Non é que estean todos estragados, pero si é verdade que, de forma conxunta, nunca están cen por cen operativos. De feito, poderiamos afirmar e afirmamos que fai máis dun ano dende a última vez que todos funcionaron á vez sen ningunha incidencia. Os actualmente inoperativos —pode que se nos escape algún de zonas máis periféricas—, son os de praza de Galicia nº 3, Pastoriza nº 103A e San Roque (La Salle).

Respecto a isto, Martiño Noriega respondeu o pasado martes en Cope+Santiago a un ouvinte que comunicaba a avaría do panel de praza de Galicia. O rexedor contaba que o tema foi tratado no último Consello de Administración de TUSSA, e que o xerente, José Ramón Mosquera, tomou nota para tentar arranxalo despois de que a concelleira María Antón dese aviso da incidencia. 

A duda que nos xorde a nós é: realmente hai un control do funcionamento dos paneis por parte de TUSSA? É necesario que un/unha concelleiro/a teña que notificar a avaría? Aínda que non esteamos capacitados para responder a esta cuestión, si podemos tirar de arquivo tuiteiro para ilustrar como TUSSA tiraba de demagoxia para xustificar a súa desantención:
O certo é que supoñemos —xa só pola nosa insistencia— que TUSSA está ao tanto destes tres paneis que están sen funcionar na actualidade. En teoría, deberían de ser arranxados no menor tempo posible, pero na práctica, algún xa leva máis dun mes inoperativo. Por que sempre estes prazos tan longos? Isto lémbranos a unha cuestión similar: a vivida este verán cunha escaleira mecánica da estación de autobuses, que estivo nada máis e nada menos que ata tres meses parada...

Novos paneis
O alcalde comentou tamén que se van licitar novos paneis que deberían estar en pleno funcionamento en dous ou tres meses. Gustaríanos pensar que van estar destinados a novas paradas, pero visto o funcionamento dos actuais naquelas nas que xa os temos, todo parece indicar que simplemente substituirán aos avariados.

Así loce actualmente o panel da
#Parada660, cunha brillantez moito
maior ca do seu predecesor.
Isto aconteceu, como único exemplo ata o de agora, co panel da #Parada660, Virxe da Cerca (Praza de Abastos 1): levaba sen funcionar máis dun ano, e este verano por fin substituíuse por un novo, xa que o anterior presentaba problemas de luminosidade (co mínimo raio de sol xa non se podía apreciar nada). Aínda así, houbo pequenos problemas de inoperatividade con el ata fai non máis dun mes. Actualmente, funciona xa sen incidencias.

Nesta foto do panel de
Pastoriza —inoperativo
para variar— pode
apreciarse a «viseira»
que se lle implementou.
Un caso similar acontece co panel da #Parada367, Pastoriza nº 103A: tampouco se vía nada cando lle daba o sol de fronte —practicamente durante toda a mañá—. Para «arranxalo», TUSSA decidiu instalar nel unha peza metálica a modo de viseira, coa finalidade de resgardarlo da luz solar. Na práctica, non serviu absolutamente para nada, xa que seguía sen poder verse a pantalla. Agora que está estropeado, nós agardamos que sexa substituído por un como o de Virxe da Cerca.


Nova licitación: «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo»
Preguntado por se remataremos a lexislatura cos autobuses máis vellos de Galicia, Martiño Noriega respondou que «esperemos que non». Explicou que iso dependerá da nova licitación do contrato, que se atopa na Intervención Xeral dende hai meses. Ao parecer, hai «un novo interventor que está a desbloquear moitos asuntos pendentes do concello», e que sen dúbida o transporte urbano podería ser un máis. De feito, Noriega resalta que «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo». Quedamos á espera para ver, neste 2019, se as promesas feitas se van poder cumprir.


Fontes:

Ningún comentario:

Publicar un comentario