Amosando publicacións coa etiqueta postes informativos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta postes informativos. Amosar todas as publicacións

8 de marzo de 2020

Desvíos nas liñas 9, C4, C6 e C11 polas obras no cruzamento dos Concheiros

O pasado luns arrincaron as obras que remodelarán o cruzamento dos Concheiros para convertelo nunha gran praza pública máis segura para os peóns e, nomeadamente, para os peregrinos. Tras a remodelación do nó poderase cruzar directamente dun punto a outro, sen necesidade de facer zigzag como até agora. Durante os traballos —que teñen un prazo máximo de duración dun ano— haberá importantes modificacións no tráfico. As rúas Berlín e Londres pasarán a ser de sentido único e as liñas 9, C4, C6 e C11 do transporte urbano sufrirán desvíos.

O cambio básico e aplicable ás catro liñas e que deixarán de acceder ao barrio de Fontiñas pola rúa Berlín (agora só aberta o tráfico en sentido subida) para facelo pola de Londres (só baixada). Quedarán anuladas polo tanto para as liñas 9, C4, C6 e C11 as seguintes paradas:


🚏❌ 129, Berlín (xulgados)🚏❌ 294, Lisboa nº 5

Ademais, para a liña C4 quedará tamén anulada a parada 89, avda. de Lugo (xulgados), xa que os autobuses torcerán directamente dende esta avenida cara a rúa Londres. Para a liña 13 si seguirá vixente.

Pola súa banda, as liñas 9, C6 e C11 transitarán polos carrís centrais da avenida dende Concheiros / Rodríguez de Viguri ata a nova rotonda na confluencia da avda. de Lugo con Londres, onde poderán facer o xiro directamente cara Fontiñas.
Un autobús de Freire atravesando a glorieta provisional.
Ao contrario que noutros desvíos por obras de longa duración similares, esta vez actuouse ao xeito e habilitouse unha parada provisional rexistrada no SAE (Sistema de Axuda á Explotación). Así, as de Berlín e Lisboa desapareceron do percorrido das liñas por Fontiñas e no seu lugar foi incorporada a nova, denominada oficialmente «Londres (centro saúde)» e situada xusto a carón do Centro de Saúde de Fontiñas. O seu código é o 88, que foi o que deixou libre a parada do Hórreo (residencia Barroso) tras ser suprimida con carácter definitivo.



Esta nova parada foi sinalizada mediante os habituais sinais redondos que indican a prohibición de estacionar —non de parar— acompañadas das palabras «P BUS». É o suficientemente grande como para que os autobuses poidan achegar as tres portas á beirarrúa e ocupa unha superficie na que antes podían aparcar uns cinco coches. O aspecto negativo atopámolo na falta de información sobre horarios e liñas in situ, extensible á toda a rede. Unha boa idea podería ser trasladar o poste de Lisboa nº 5, que quedará inutilizado durante un ano.


Poste de Lisboa nº 5 inutilizado.
Cómpre salientar que ao tratarse do entorno dun centro hospitalario sería necesario, por parte da Policía Local, extremar as precaucións. É tentador para os condutores ver espazo libre diante do centro de saúde, e máis nos casos de trámites rápidos. De feito, durante esta primeira semana moitos optaron por parar alí o seu coche, impedindo a correcta aproximación do bus á beirarrúa. Neste aspecto pode que o problema quede resolto coa adquisición do multamóbil que TUSSA pretende efectuar de cara ao verán, unha vez aprobados os Orzamentos 2020.

Diversas fases
A fase iniciada o pasado luns na obra dos Concheiros é a primeira. Están contempladas diversas fases —non se especifica cantas— que seguirán a mudar o tráfico e a mobilidade da zona. É probable que nas seguintes, a maiores destas catro liñas, teña que modificar tamén o seu percorrido a 6, que segundo o primeiro documento subido á web por TUSSA —corrixido case ao instante— pasaría a circular pola rúa Monte dos Postes.

Fontes de información:
TUSSA
El Correo Gallego

Fotografías:
Elaboración propia
Google Street View
App maisbus

9 de setembro de 2019

O Concello limpa o panel da #Parada589, en Santiago de Chile

O antes e o despois.
No marco da campaña de mantemento e reparacións de pavimentos, o Concello reasfaltou en agosto parte da rúa Santiago de Chile, co conseguinte repintado da sinalización horizontal das dúas paradas do bus urbano desta vía, a 589 e a 590, que dan servizo ás liñas 15 e C2. Xa expresamos en Twitter a nosa insatisfacción —que non descontento— polo resultado final, posto que se optou polo método «menos visual» aínda que, obviamente, legal e válido segundo a DXT.

Concretamente utilizáronse liñas descontinuas amarelas, en vez do tradicional zigzag a miúdo empregado nas paradas do bus, moitas veces acompañado da palabra «BUS». Cremos que para os condutores de vehículos privados é menos intuitivo no sentido en que ao ver as descontinuas (indican textualmente «estacionamento prohibido ou suxeito a algunha restrición temporal»), terá que consultar o sinal que delimita o espazo reservado ao autobús para completar o seu significado. Pola contra, co zigzag enténdese á primeira a mensaxe: nese lugar está prohibido estacionar ou parar. Este método xa se empregou no reasfaltado da Poza Real, aló por marzo.

Aínda así, a mellor solución para estas dúas paradas sería a extensión das beirarrúas ata a estrada, especialmente na parada do cruce coa rúa da Rosa, na que espazo é xa pequeno de por si, e aínda por riba hai un contedor situado nun dos extremos.

A novidade atopámola no poste informativo da #Parada589, un dos que se atopaba en peor estado de toda a rede, ateigado de todo tipo de pegatinas e abandonado durante anos por gobernos locais de todas as cores. Para a nosa sorpresa, nos últimos días déuselle un lavado de cara e xa volve lucir como sempre debeu facelo. Tampouco estaría de máis, por estúpido que poida soar, indicar de algún modo a prohibición de pegar adhesivos neles porque xa volve haber un e é probable que podamos volver ás andadas.



Coidamos e esperamos que esta sexa unha tendencia a seguir noutros postes da rede de paradas, en trazos xerais moi deteriorados polo paso dos anos. Nalgúns casos esta sucidade impide ver a información sobre liñas e horarios, perdendo así este elemento a única función que debe cumprir.


Comparativa: Compostela vs.
A Coruña, xulguen vostedes...
Outra das cuestións a ter en conta de cara á vindeira concesión é o xeito de reflectir a información nos postes. A diferenza do que acontece coas marquesiñas, nos monólitos só están as liñas que pasan por esa parada, cos seus horarios e percorrido aproximado. Nós cremos que debe facerse así, posto que exhibir as 22 liñas no plano non fai máis que confundir ao usuario. Porén, hai formas e formas de expoñer os horarios das rutas. O primeiro e máis fundamental pasaría por elaborar un termómetro para cada liña, isto é, un esquema no que estiveran todas as paradas cos seus correspondentes códigos e transbordos, en vez de simples rúas como se mostran na actualidade.

É certo que o noso sistema de transporte urbano non é tan homoxéneo como o doutras cidades como A Coruña, senón que conta con numerosas liñas que á súa vez teñen diferentes cabeceiras e/ou percorridos dependendo do momento do día. Pero como diría o amigo, xa está todo inventado: en Vigo, Vitrasa, cunha complexa rede de máis de corenta liñas con numerosos itinerarios que incluso varían en verán coa extensión do servizo ás praias, a información móstrase nas paradas dun xeito claro e entendible para o usuario.

En definitiva, moito queda por facer en Compostela, tanto como a dimensión das expectativas ante o novo concurso do transporte urbano😁

Fontes de información:
@Osantodoscroqu1
Concello de Santiago
Imaxes:
Bus Compostela
DXT
Atlántico

6 de xuño de 2019

A #Ascensión2019 quedou sen bus nocturno

Nos Orzamentos Participativos de hai dous anos, no apartado das festas do Apóstolo, unha das propostas gañadoras foi a de implantar o servizo de transporte urbano durante todas as noites dos festexos. O Concello levou a cabo unha proba piloto na #Ascensión2018 e logo implementouno no #Apóstolo2018. Non hai datos —non públicos, polo menos— sobre a utilización do bus nocturno, mais nos pensabamos —e non somos os únicos— que sería algo que xa quedaría asentado e sería implantado no resto de festas. Nada máis lonxe da realidade, posto que non se levou a cabo na #Ascensión2019.


A diferenza doutras urbes galegas como A Coruña ou Vigo, en Compostela non existe un servizo de transporte nocturno regular, a pesares de termos unha gran superficie rural e de ser unha cidade universitaria. De feito, temos que remontarnos ata a principios de milenio, cando aínda funcionaba a residencia universitaria no Monte do Gozo, para atopar o que cremos que foi o último servizo nocturno en activo.
Extracto dunha memoria de TUSSA, correspondente ao
período 1999 - 2003.

No contexto das eleccións municipais do 26-M, o único partido que incluía no seu programa a posible implantación dun servizo de transporte urbano nocturno foi o BNG. Os nacionalistas propoñían «bufos» os sete días da semana, con «horarios especiais» —intuímos que reforzos— durante as fins de semana. Baixo o noso punto de vista, quizais sexa un pouco ambicioso pasar do nada ao todo, pero si cremos que debería estudarse a viabilidade deste servizo durante as noites dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos. E, como non, tamén durante todas as noites das festas da Ascensión e o Apóstolo.

Para as festas do Apóstolo que estaremos celebrando en menos de dous meses volveu saír elixida a proposta do bus nocturno nos OP. Cómpre resaltar que, desta vez, a proposición inclúe dúas cuestións importantes a matizar: que o servizo sexa accesible e que conte con paradas a demanda. A primeira das cuestións, tendo en conta a situación das paradas e a da propia frota, temémonos que non vai ser posible. A segunda, si. De feito, fora aprobada en Pleno unha proposición para implantar as paradas antiacoso de xeito regular en toda a rede a partir das 22:00, da que non volvemos saber nada máis. Outras empresas como Monbus ou Freire xa comezaron a introducilas nas súas rutas.




De cara ao #Apóstolo2019, cremos que se lle debería dar máis pulo á promoción dos «bufos» para redundar nunha maior utilización deles por parte da cidadanía. Unha das cuestións clave é a súa inclusión no SAE, para que poidan aparecer tamén na app, o principal método de información ao usuario. Tampouco estaría de máis a impresión de folletos liña por liña coa súa correspondente cor, ao igual que se fai cos horarios regulares, así como algunhas notas informativas «in situ» nalgunha das paradas de maior utilización, como a da Senra ou na praza de Galicia.



Fontes de información:
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Compañía de Tranvías de La Coruña
Vitrasa
Memoria TUSSA 1999 - 2003

20 de maio de 2019

Que se fixo (e que non) en materia de mobilidade e transporte público durante a última lexislatura

Agora que estamos en plena campaña electoral para elixir á que será a nova corporación municipal, cómpre facer un pequeno repaso do que se ten feito no eido da mobilidade e do transporte público durante esta lexislatura, pioneira nalgúns aspectos e despreocupada noutros. Neste post analizaremos os aspectos que, ao noso xuízo, son clave e que se levaron a cabo nestes catro anos e aqueles que, aínda que tamén son de vital importancia, seguen igual que estaban no 2015.

> Límite de velocidade a 30 km/h
O Goberno de Compostela Aberta (CA) implementou o límite de velocidade de 30 km/h en todo o Ensanche. Esta medida, acompañada de sinalización vertical e horizontal, tiña como obxectivo facilitar a convivencia entre vehículos e bicicletas, así como unha pacificación do tráfico. Acompañouse da creación de novos aparcadoiros para bicicletas e reforzou a eficacia de medidas xa existentes, como as plataformas de espera para bicis e motos presentes na parte dianteira dos principais semáforos da cidade.
Tres das propostas seleccionadas
nos OP de 2017.

Aínda así, non se acabou por optar por unha mobilidade ciclista real, que pasa pola inescusable construción de carrís bicis. Así llelo fixo saber a cidadanía ao Goberno local a través doutro dos proxectos estrela do mandato, os Orzamentos Participativos «Compostela Decide». No 2018 un dos proxectos elixidos foi «Carril Bici» e en 2017 foron tres os seleccionados que tiñan relación co mundo das dúas rodas.

> Bus nocturno durante as festas
Outra das medidas máis votadas nos OP de 2017 foi a ampliación do horario do
bus urbano durante as noites das festas do Apóstolo 2018. Deste xeito, levouse a cabo unha proba piloto na Ascensión do ano pasado, con buses de 1:00 a 4:00 da madrugada, e durante o Apóstolo volvéronse implementar, desta vez só ata as 3:00. O bus nocturno tivo moi boa acollida por parte da cidadanía e todo parece indicar que vai camiño de converterse en algo habitual durante as grandes festas da cidade, ao ser cuberto todo o territorio ao que chega o transporte público e contar todas as liñas coas súas respectivas prolongacións.

> Renovación da frota
A xoia da corona, o 2424 (Mercedes-Benz
O 530 K) que circula dende xuño de 2018.
O certo é que durante o mandato de CA non se adquiriu ningún bus novo, pero si algún de segunda man. Segundo os nosos cálculos, entre 10 e 15 unidades. Estas son os Scania N270UB que adoitan circular na #Liña5 (matriculados no 2007), os Mercedes-Benz O530 de dúas portas da #Liña6 (tamén do 2007) e o O530 K de tres portas, que actualmente recorre a #Liña6 e cuxa matriculación data de 2011. Aínda que escasas, estas renovacións permitiron xubilar o material que estaba completamente obsoleto, malia que aínda quede algunha reliquia en circulación. Como dato, a antigüidade media da frota ronda os 12-14 anos.

> Accesibilización das paradas
Durante a lexislatura podemos contar cos dedos das mans aquelas paradas que foron adaptadas para facelas accesibles. En trazos xerais, só foron obxecto de reforma aquelas que figuraban no espazo de actuación dalgunha obra non relacionada co transporte urbano, e non sempre co resultado esperado, relegando case sempre ao bus a un segundo plano. Porén, en cidades con Gobernos similares ideoloxicamente como o da Coruña, si se teñen realizado accesibilizacións en paradas por toda a rede.

Por poñer algún exemplo, unha das paradas máis utilizadas de toda a rede, a #Parada674, Xeneral Pardiñas nº 7, foi accesibilizada dentro do proxecto da praza semipeonil no cruce desta rúa con Montero Ríos: engadiuse pavimento rugoso para as persoas con problemas visuais e aumentouse a largura para que coubesen ben os autobuses. Aínda así, aos de tres portas élles difícil deixar a traseira de forma que o usuario poida baixar directamente do vehículo á beirarrúa.

Outras paradas non accesibles pero que non figuraron dentro de ningún proxecto externo quedaron tal e como estaban. E isto xa vén de atrás, de anteriores lexislaturas. É o caso, por citar un de moitos, da #Parada277, Hórreo nº 23, na que se ampliou a beirarrúa só na parte frontal da marquesiña para poder colocala, polo que a porta traseira dos buses queda sempre a carón da estada. A situación podería mellorarse coa simple prolongación da ampliación da beirarrúa uns metros máis.


Simplemente extender a beirarrúa sería
suficiente para accesibilizar a #Parada277.

De cara á vindeira lexislatura...
Se ben Compostela Aberta —sempre baixo o noso punto de vista— non cumpriu con todas as expectativas postas nel no ámbito da mobilidade, si deixou marcadas unha serie de directrices clave que marcarán o devir próximo da forma en que nos desprazaremos pola cidade: máis espazo para o peón, menos para o vehículo privado, máis humanizacións e peonalizacións... De feito, outros partidos comezan xa a asumir estes ideais como propios nos seus programas.

Sen dúbida, a gran materia pendente foi a nova licitación do transporte urbano, prometida dende 2017 e da que só sabemos o percorrido das futuras liñas. O caso é que aínda así puido terse actuado na accesibilización de paradas, nas melloras puntuais dos percorridos e horarios (curiosamente presentouse a prolongación da #Liña8 ata Os Vilares durante a precampaña) ou no rexuvenecemento da frota con vehículos novos. Os últimos de primeira man datan de 2012, e só foron tres e porque foron adquiridos con fondos europeos...

Esperamos que a vindeira lexislatura, sexa quen sexa o alcalde ou alcaldesa, sexa a da mobilidade. A Intermodal suporá un cambio radical na cidade, que terá que adaptarse a ela. O transporte urbano non será unha excepción e, a parte dos novos percorridos e horarios, precisa dunha renovación da frota e dunhas paradas sinalizadas e accesibles para todas as persoas, tanto na cidade como no rural. O bus compostelán debe coordinarse co novo Plan que programa a Xunta, que debe cumprir tamén coas demandas e necesidades da veciñanza dos concellos limítrofes. Sen dúbida, durante o próximo mandato preséntase un gran reto en materia de mobilidade. Esperemos que o Concello e o resto das Admistracións poidan estar á altura e cumprir.

Fontes de información:
TUSSA

Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Concello de Santiago

Fotos:
Google Maps
Concello de Santiago
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
La Voz de Galicia

23 de abril de 2019

A reorganización viaria no entorno do túnel do Hórreo elimina a #Parada088

Dende comezos de abril, a avenida de Lugo goza dunha nova reordenación do tráfico que facilita as manobras dos condutores e mellora notablemente a seguridade viaria na zona. Concretamente, actuouse en dous lugares: no cruzamento da avenida coa SC-20 (eliminando unha perigosa incorporación) e nos arredores da entrada este do túnel do Hórreo. Neste último punto, viuse afectada a operatividade da #Parada088, que quedou suprimida para sempre.

Novo aspecto da avda. de Lugo no entorno do túnel do Hórreo.
Fonte: Concello de Santiago.

No transporte urbano, esta #Parada088 só servía á #LiñaC2. Ao quedar excluída, simplemente se derivou aos usuarios á máis próxima, a seguinte, a #Parada694 (Hórreo, fronte á estación de trens). Nela tamén realizaban parada moitas liñas de autobús interurbano, cuxos viaxeiros tamén terán que coller o bus agora na #Parada694. De feito, ao non sinalizar a eliminación do apeadeiro «in situ», son moitas as persoas que seguen a agardar alí erroneamente.

HISTORIA DA #PARADA088
Así lucía a #Parada088 no 2012, cunha marquesiña
non accesible completamente pegada á estrada.
Fonte: Google Maps.
A #Parada088 estivo sinalizada e contou con marquesiña ata a construción do túnel do Hórreo. Un tempo despois de concluír as obras, retirouse a marquesiña e a sinalización horizontal (palabra «BUS» e as liñas amarelas diagonais). Aínda así, a parada non quedou suprimida, senón que se trasladou uns metros máis arriba, a unha isleta na que, en teoría, non podería existir unha parada de autobús.
Lugar onde os autobuses
realizaban a parada ata
hai unhas semanas.

Agora, coa entrada en vigor da liña descontinua que permite aos vehículos procedentes da rotonda inferior de Sar incorporarse ao túnel, o Concello considerou que este punto era o suficientemente conflitivo como para albergar un punto de subida e baixada de viaxeiros, co consecuente vehículo parado na vía. Deste xeito, decidiu suprimir de xeito indefinido a #Parada088.




ALTERNATIVA >> #PARADA694
#Parada694, na que é
habitual encontrar a xente
esperando de pé, ao non
ter onde sentarse.
A alternativa, tanto para a #LiñaC2 como para o bus interurbano, será a #Parada694, no mesma rúa do Hórreo, próxima ao cruce con Santiago León de Caracas e fronte á estación de trens. Este espazo atópase sinalizado verticalmente con dous sinais que delimitan a lonxitude da parada, pero non conta con poste informativo. Neste sentido, e tendo en conta que é a única parada que moitas liñas interurbanas realizan no centro da cidade, ten todas as papeletas para ser un dos lugares nos que a Xunta instale unha das novas marquesiñas (ou polo menos, nós cremos que sería o máis conveniente).

A historia da #Parada694 é máis breve. Foi creada entre 2011 e 2012 (antes só era unha zona de aparcamento, como se pode comprobar en Google Maps) e, ao igual que a #Parada088, só presta servizo á #LiñaC2. As súas condicións de accesibilidade non son as óptimas, pero tampouco as peores: cun pouco de colaboración do condutor, os buses de dous portas da #LiñaC2 poden quedar moi próximos á beirarrúa para a subida de pasaxeiros. Porén, cremos que os grandes e longos buses interurbanos non están preparados para estacionar nesta parada como deberían, polo que non estaría de máis extender o apeadeiro, ocupando un par de prazas de aparcamento máis.

Fontes de información:
Concello de Santiago
Google Maps
TUSSA

29 de novembro de 2018

Obras de accesibilidade no Cruceiro da Coruña: pérdense tres paradas

Aínda que as máquinas xa andaban estes días polo Cruceiro da Coruña, mellorando a accesibilidade da contorna, non será ata hoxe, xoves 29 de novembro, cando se corte a vía de servizo (a dos números pares, sentido saída cidade).

Isto afectará ás tres liñas que por alí pasan, que perderán as tres paradas que se atopan neste carril. Deste xeito, quedan suprimidas ata a finalización das obras (1 mes aproximadamente) as seguintes paradas:

#Parada545, Cruceiro da Coruña nº 24. Parada alternativa máis próxima, a anterior: #Parada551, San Caetano (igrexa).

#Parada546, Cruceiro da Coruña nº 52.

#Parada074, Cruceiro da Coruña (c. Mallou). Parada alternativa máis próxima, a seguinte: #Parada252, Meixonfrío (rotonda).

Durante a realización dos traballos, os buses das #Liña1, #LiñaP4 e #LiñaP6 circularán polos carrís centrais, deixando de atender a estas tres paradas. Asemade, os servizos por Son da #LiñaP2 (só dous diarios) tamén perderán estas paradas.

Como curiosidade, alégranos ver que a nomenclatura destas paradas foi corrixida: antes, aínda que mantiñan o mesmo número, o nome da rúa que figuraba era Salgueiriños de Arriba. Isto non era máis ca un inexplicable fallo, xa que esa rúa é en realidade outra que desemboca no Cruceiro da Coruña, e que non ten moito sentido que se confundira con esta mesma. Aínda así, a nomenclatura da #Parada544 segue a ser «Salgueiriños (aparcadoiro)», que tampouco é cen por cen correcto ao non ser Salgueiriños a rúa na que se atopa, senón o nome do parking ao que fai referencia.


As obras
Pola nosa parte, nós decidimos ir dar unha volta polo barrio para botar unha ollada as actuacións que se están a realizar e ver se estas están a afectar a algunha das tres paradas do transporte urbano. Isto foi o que vimos:


#Parada545...👎🏻
Algúns buses paran deixando as portas traseiras á
 altura do paso de peóns. Outros, déixanas onde están
 situadas as vallas.
Podemos afirmar, case sen súbida algunha, que a #Parada545 é unha das que en peor estado se atopa dentro das liñas urbanas (sen incluír as periféricas). O título de de «parada» teno regalado, pois non é máis ca un simple paso de peóns. De feito, ao non estar sinalizada de ningún xeito, algúns condutor@s paran no propio paso e outros un pouco máis arriba, sobrepasándoo. En fin, un caos que esperemos se solucione con estas obras.

A «parada» de fronte
No referente ás obras en si, pintan ben. A zona onde se están a desenvolver os traballos nunca foran obxecto de actuación, e si parece que se van resolver os grandes problemas de accesibilidade presentes ata o de agora. Estaremos pendentes para ver que ocorre coas paradas do transporte urbano, especialmente con esta #Parada545.


#Parada546...👍🏼
A #Parada546 é a única —polo de agora— á que lle estan a afectar as obras de mellora da accesibilidade de forma directa: ampliouse un cacho de beirarrúa ata onde antes se atopaba o arcén. Sen embargo, ao noso xuízo, deberíase de ampliar aínda algo máis, xa que o tramo agrandado ata o momento non é o suficientemente longo como para que quepa un bus de tres portas, tal e como se pode apreciar na fotografía.


Pese a que esta parada si conta con poste de panel informativo, atópase deteriorado, sucio e cheo de publicidade. Algo habitual, por outra parte, en todas estas estruturas, froito da pasividade de TUSSA ante o paso dos anos.

Panel do transporte urbano ou
taboleiro de anuncios do barrio...?
#Parada074...👎🏻

Só podemos calificar de surrealista a presenza do contedor.
A #Parada074, que conta con óco para a parada de autobuses e está sinalizada, conta cun grave problema facilmente atallable: hai un contedor no medio e medio. Este tipo de situacións resúltannos inexplicables, e non fai falta comentar que de nada serven todas as actuacións que se poidan facer en prol da mellora da accesibilidade se logo hai mobiliario urbano entorpecendo as manobras de aparcamento do bus urbano.

Deste xeito, os condutores prefiren parar uns metros máis adiante da parada «oficial» para facilitar o acceso ao autobús a persoas con mobilidade reducida ou carriños de bebé, tal e como aconteceu na situación da seguinte fotografía:


Que esperamos
Pois esperamos o que é obvio de esperar:

➢ A sinalización da #Parada545, para a que sería necesaria a eliminación dunhas tres prazas de aparcamento.

➢ A mellora da accesibilidade na #Parada546 —que de momento semella ir polo bo camiño—.

➢ O traslado do contedor da #Parada074, así como a mellora da accesibilidade nos seus bordos.

De aquí en un mes valoraremos o resultado final dos traballos.