Amosando publicacións coa etiqueta Cidade da Cultura. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Cidade da Cultura. Amosar todas as publicacións

4 de xullo de 2019

Autobús de volta dende a CdC nos días de «Atardecer no Gaiás»

Este xoves da comezo o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, os solpores musicados que a Cidade da Cultura organiza os xoves, venres e sábados dos meses de xullo e agosto ás 21:00. Os servizos de transporte público para subir ata o Gaiás serán os habituais (#Liña9 os días laborables e prolongacións da #LiñaC11 os sábados), pero TUSSA habilitará un servizo de volta ata o centro con saída ás 23:00 dende a #Parada683 da CdC.



Centro cidade → Gaiás
➢ Xoves e venres (#Liña9): saídas dende Casas Novas ás horas e media e dende a CdC ás en punto. Cómpre destacar que o horario desta liña non adoita cumprirse, e máis aínda os días de concertos con alta afluencia de xente. Na pasada edición, por exemplo, resultou case imposible achegarse ao Gaiás en bus urbano ao concerto de Rels B, que non puido coller a xente máis aló da Senra. Para colmo, en vez do tradicional Citaro que presta servizo na liña, ese día era substituído por un dos pequenos MAN NM223F.
«Termómetro» coas paradas da #Liña9 (ante a falta dun oficial...).

➢ Sábados (#LiñaC11): durante os sábados pola tarde, a #LiñaC11 conta cunha serie de prolongacións ata a Cidade da Cultura. As idóneas para asistir aos concertos de «Atardecer no Gaiás» —todos son ás 21 h— son aquelas que pasan por Xeneral Pardiñas / pza. de Galicia ás 19:55 e 20:15 respectivamente.

Gaiás → centro cidade
Sairá un autobús ás 23:00 dende a #Parada683, cabeceira da #Liña9 na CdC. O seu percorrido será similar ao desta liña, só que en vez de ir por Concheiros e Valle Inclán circulará por Rodríguez de Viguri, Pastoriza e San Roque, e en vez de rematar en Casas Novas terá como destino a pza. de Galicia. Tampouco pasará polo Multiusos. Este servizo só estará dispoñible os días que haxa concerto, que serán:

En xullo: xoves 4, venres 5, sábado 6; xoves 11, venres 12, sábado 13; xoves 18, venres 19, sábado 20; venres 26 e sábado 27.

En agosto: xoves 1, venres 2, sábado 3; xoves 8, venres 9, sábado 10; xoves 15, venres 16, sábado 17.

Mapa co percorrido e paradas deste servizo:


CLICA AQUÍ se non podes visualizar o mapa correctamente

A pé
Dende o centro da cidade, existe unha ruta que conecta o Gaiás a través do barrio de Sar e do Bosque de Galicia. Ten unha duración aproximada duns 40 min e é cen por cen aconsellable pola beleza do trazado e por ser o método máis saudable para chegar aos concertos. 😁



En coche
Para aqueles que decidan ir en vehículo privado ata o Gaiás contan cunha serie de aparcadoiros gratuítos nas inmediacións do recinto con máis de 600 prazas. Os máis próximos ao lugar de celebración dos concertos, a praza central, son o P1 e P2. Ademais, dende febreiro está en servizo unha nova saída que conecta directamente a AP-9 coa Cidade da Cultura.


Fonte de información: TUSSA
Imaxes: Cidade da Cultura

26 de abril de 2019

Servizos extra para a Cidade Imaxinaria e o concerto de Bob Dylan

Con motivo da celebración da Cidade Imaxinaria Primavera na Cidade da Cultura o vindeiro sábado 27 e o concerto de Bob Dylan no Multiusos o luns 29, TUSSA ofrecerá dous servizos especiais durante os dous días para facilitar o acceso aos recintos dende o centro da cidade.

> Sábado 27: Cidade Imaxinaria


Regresa, un ano máis, a Cidade Imaxinaria á Cidade da Cultura. Terá lugar o sábado 27 de abril a partir das 17:00. Como a #Liña9 non funciona os sábados pola tarde, as opcións para subir ata o Gaiás en transporte público serán as seguintes:

#ServizoEspecial: será un autobús que funcionará entre a pza. de Galicia (#Parada410, diante do Massimo Dutti) e a CdC cunha frecuencia de 40 min. A primeira saída dende o Gaiás será ás 14:00 e a última ás 21:20. Dende o Ensanche, o primeiro bus partirá ás 14:20 e o último ás 21:00. Dende a pza. de Galicia, este bus seguirá por Virxe da Cerca seguindo o itinerario da #Liña9, coa única excepción de que non accederá ao Multiusos de Sar na viaxe de ida nin na de volta. As tarifas serán as habituais.

Os horarios detallados son: saídas dende a Cidade da Cultura: 14:00, 14:40, 15:20, 16:00, 16:40, 17:20, 18:00, 18:40, 19:20, 20:00, 20:40, 21:20.
Dende a praza de Galicia: 14:20, 15:00, 15:40, 16:20, 17:00, 17:40, 18:20, 19:00, 19:40, 20:20, 21:00.

#LiñaC11: aínda que o lóxico e o máis practico sería acceder a través do servizo habilitado para a ocasión, a #LiñaC11 conta con tres prolongacións á Cidade da Cultura os sábados tarde, que eles mesmos recomendan na web aínda que os horarios sexan erróneos. Os servizos desta liña con paso por Xeneral Pardiñas ás 17:30, 19:45 e 20:00 subirán ata o Gaiás.

> Luns 29: concerto de Bob Dylan


O luns 29 de abril ás 21:00 Bob Dylan ofrecerá no Multiusos Fontes de Sar o que será o único concerto en Galicia da súa última xira. Ante a escaseza de servizos de transporte ordinarios ata o recinto, TUSSA porá en marcha o habitual #ServizoLanzadeira que se emprega para os eventos no Multiusos. Deste xeito, poderase acceder a través:


Punto de saída do #ServizoLanzadeira.
➢ Do #ServizoLanzadeira: de xeito continuado (isto é, que sempre haberá un bus ao que subirse) dende as 17:00 ata as 21:00. Sairá dende o carril bus do Hórreo, onde comeza a escalinata que baixa á estación de trens. Irá directo ata o Multiusos, sen facer paradas. Manterase en sentido inverso ao remate do concerto, a partir das 22:45.

➢ Da #LiñaC11 (cada 12 min): todos os servizos comprendidos entre as 17:00 e as 21:00 prolongaranse ata o Multiusos. Non sabemos se se reforzará a liña cun autobús máis, pero dende logo cremos que sería o máis conveniente tendo en conta o percorrido extra nun día laborable (hai máis tráfico que durante as fins de semana). No centro, discorre por Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia.

➢ Da #Liña9 (cada hora): no seu percorrido habitual accede ao Multiusos. Sae ás XX:30 de Casas Novas e sobre as XX:40 para na Senra. Logo continúa por Virxe da Cerca, Pastoriza, Anxo Casal, Rodríguez de Viguri e Fontiñas.

➢ Das #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada hora): unicamente as recomendamos para acceder dende zonas periféricas da cidade que non queden cubertas por algunha das outras alternativas, xa que teñen pouca frecuencia e son moi habituais os retrasos.

Fontes de información:
Cidade da Cultura
TUSSA (I) e TUSSA (II)
Imaxes:
Cidade da Cultura
Ticketmaster
Google Maps

25 de outubro de 2018

Finde axetreado: Tribalistas o venres e Carreira Pedestre o domingo

O próximo fin de semana vén movidiño: o venres 26 de outubro Tribalistas ofrecerá un concerto no Multiusos Fontes do Sar e o domingo 28 celebrarase a 41ª edición da xa máis que tradicional Carreira Pedestre Popular de Santiago. Debido a estes dous eventos, TUSSA ofrecerá o venres servizos de transporte adiccionais para os asistentes ao concerto, mentres que o domingo pola mañá haberá desvíos en practicamente a totalidade das liñas.

> Concerto de Tribalistas (venres 26)


Tribalistas, o trío formado por Marisa Monte, Arnaldo Antunes e Carlinhos Brown, ofrecerá un concerto o vindeiro venres 26 de outubro no Multiusos de Sar. A cita será ás 21:00 e, como xa é costumbre ante este tipo de eventos, TUSSA porá a disposicións dos asistentes do concerto servizos de transporte adiccionais:

  • #ServizoLanzadeira: partirá dende o carril-bus do Hórreo (xusto diante de onde comezan a escalinata que baixa ata a estación de trens) ata o Multiusos de forma directa, sen paradas. O horario será de 18:00 a 21:00 ininterrompidamente. Ao remate do concerto a partir das 22:45, aproximadamente— manterase o #ServizoLanzadeira dende o Multiusos ata o cruce da avda. de Lugo co Hórreo. As tarifas deste servizo serán as habituais do transporte urbano. Podes consultalas aquí.
  • #LiñaC11 (cada 12'): prolongarase polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 18:00 e as 21:00.
  • #Liña9 (cada 60'): pode ser outra opción para acceder ao Multiusos con máis «relax», fuxindo do axetreo que caracteriza á #LiñaC11. Iso si, haberá que andar pendente, xa que esta liña só pasa cada hora (ás XX:40 pola Senra, aproximadamente).
  • #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada 60'): poden empregarse tamén para acceder ao Multiusos dende o centro da cidade, mais a súa función principal é a de atender a outras zonas periféricas da cidade (San Lázaro, Amio...).


> Carreira Pedestre Popular (domingo 26)

E este finde tamén, terá lugar a 41ª edición da Carreira Pedestre Popular. O percorrido abrangue gran parte da cidade, polo que todas as liñas que funcionan os domingos terán desvíos, e mesmo nalgunhas suprimiranse algunha saída. Este é o itinerario da proba:



Imos ver as alteracións que sufrirán as liñas unha por unha:

#Liña1 (cemiterio de Boisaca ⇆ Hospital Clínico)

Entre as 10:00 e as 12:30, haberá percorridos alternativos:

  • Hosp. Clínico → Boisaca: percorrido habitual ata o cruce da avda. Rosalía de Castro con Romero Donallo. Dende aquí, os buses irán por esta última avda. → Hórreo (parada na zona da escalinata que baixa á estación de trens) → avda. de Lugo → Cruceiro da Coruña.
  • Boisaca → Hosp. Clínico: mesmo percorrido que no caso anterior pero á inversa. Neste sentido, a parada alternativa no Hórreo será a #Parada694 da #LiñaC2.

#Liña4 (As Cancelas ⇆ Romaño)

  • As Cancelas  Romaño: suprimidas as viaxes con saída das Cancelas ás 10:30 e 11:30 (coa conseguinte perda tamén da prolongación por Casas Novas).
  • Romaño → As Cancelas: non sairán do Romaño as viaxes das 10:00, 11:00 e 12:00.

#Liña5 (A Rocha ⇆ Vite)

  • Vite → A Rocha: suprimidas as viaxes das 10:00 e das 12:00. Sairá dende Vite o servizo das 9:30, e o próximo será o das 12:30. No seu lugar:
  • Est. de autobuses → A Rocha: os servizos que deberían salir entre as 10:00 e as 12:00 de Vite farano dende a estación de autobuses. Dende aquí, os buses da #Liña5 irán por Rodríguez de Viguri → avda. de Lugo → Hórreo (#Parada694) e percorrido habitual ata A Rocha (ou A Rocha Vella, segundo o horario).
  • A Rocha → est. de autobuses: mesmo percorrido que no caso anterior pero a parada alternativa do Hórreo realizarase no cruce desta rúa coa avda. de Lugo (zona da escalinata que baixa á estación de trens).

#Liña6 (San Marcos ⇆ Os Tilos)

Entre as 9:45 e as 12:15 os autobuses da #Liña6 terán percorridos alternativos:

  • San Marcos → Os Tilos: itinerario habitual ata Fonte dos Concheiros. Dende aquí, os buses seguirán por avda. de Lugo Hórreo (#Parada694) → Amor Ruibal e percorrido ordinario ata Os Tilos. Ao redor das 11:00, neste sentido, os buses poderán acceder á rúa da Rosa, facendo parada aquí e deixando de realizar a provisional no Hórreo. 
  • Os Tilos → San Marcos: percorrido habitual ata o Hórreo. Despois, por avda. de Lugo ata a #Parada409 na rúa das Fontiñas.

#Liña7 (rúa Valle Inclán ⇆ Aríns)

  • Valle Inclán → Aríns: as saídas dende Valle Inclán das 11:00 e 12:00 faranse dende o carril-bus do Hórreo, polo que quedan suprimidas as paradas de Valle Inclán, Virxe da Cerca e pza. de Galicia.
  • Aríns → Valle Inclán: as saídas de Aríns das 10:30 e das 11:30 terán como destino o Hórreo, diante da estación de trens. Polo tanto, quedan suprimidas as paradas de Hórreo nº 23, Virxe da Cerca e Valle Inclán.

#Liña8 (Vidán  Camiño dos Vilares)

  • Vidán → C. Vilares / Tanatorio: as viaxes con saída da urb. Brandía ás 10:30 e 11:30 irán por: avda. Mestra Victoria Míguez → avda. Mestre Mateo → Romero Donallo → Hórreo (parada na zona próxima a escalinata que baixa á estación de trens) → avda. Lugo → avda. Rodríguez de Viguri → r/ dos Irmandiños e itinerario habitual a partir do barrio de Guadalupe.
  • C. Vilares / Tanatorio → Vidán: as saídas das 10:00, 11:00 e 12:00 farán o mesmo percorrido que no caso anterior pero á inversa, realizando a #Parada694 de xeito alternativo.

#LiñaC2 (est. autobuses → Fontiñas → Hospitais → Vite → est. autobuses)

A viaxe con saída ás 10:15 da estación de autobuses quedará suprimida. Reanudarase o servizo co servizo das 11:15.

#LiñaC11 (circular de Fontiñas)

As saídas do Camiño Francés (C.C. As Cancelas) das 10:20, 10:55, 11:30 e 12:05 terán o seu percorrido habitual ata a avda. de Lugo. Seguirán por esta ata o Hórreo, onde darán media volta e volverán cara Fontiñas. Realizaranse as prolongacións polo Multiusos de Sar e a Cidade da Cultura nas horas sinaladas.

#LiñaP1 (est. autobuses  Folgoso)

Suprimidos os servizos con saída ás 10:30 de Folgoso e ás 11:00 dende a estación de autobuses.

#LiñaP2 (est. autobuses  Ortoño)

Nas viaxes con saída ás 10:00 dende Ortoño e ás 11:30 dende a est. de autobuses, o bus da #LiñaP2 irán, dende Rosalía de Castro, por Romero Donallo → Hórreo e avda. de Lugo ata a estación, perdendo así todas as paradas no centro da cidade.

#LiñaP3 (rúa Valle Inclán ⇆ A Susana)

As viaxes con saída de Valle Inclán ás 11:00 e ás 12:00, así como os que saen da Susana ás 10:30 e 11:30, terán como punto de orixe / destino a rúa do Hórreo, non indo así ata Valle Inclán.

Arredor das 11:00, cando se abran as rúas pechadas do Ensanche, as viaxes en dirección A Susana poderán realizar a #Parada479 na rúa da Rosa.

20 de setembro de 2018

Chega a #SupercopaEndesa ao Multiusos de Sar!

Este ano Compostela será a cidade anfitrioa da Supercopa Endesa 2018. Por este motivo, TUSSA ofrecerá servizos de transporte especiais que se sumarán ás liñas habituais para que todas as persoas que así o desexen poidan ir ver os partidos en bus urbano. [ACTUALIZACIÓN] Monbus tamén ofrecerá un #ServizoLanzadeira dende o estadio de San Lázaro. O evento terá lugar durante as tardes do venres 21 e o sábado 22 de setembro. Imos ver as diferentes opcións día por día:



> Venres 21

As opcións serán as seguintes:

  • #ServizoLanzadeira: sairá dende o #CarrilBus da rúa do Hórreo (diante da escalinata que baixa á estación de tren). Irá ata o Multiusos directo, sen facer paradas. Dependendo da hora, funcionará de diferentes xeitos:
  • Entre as 18:00 e as 19:00: só en sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  • Entre as 20:00 e as 22:00: funcionará nos dous sentidos, é dicir, poderase coller no Hórreo para ir ata o Multiusos e no Multiusos para ir ata o Hórreo.
  • Dende as 23:00 e ata o desaloxo de toda a xente: exclusivamente en sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo).

  •  #LiñaC11 (frecuencia de 12'): prolongarase en todas as viaxes con paso por Xeneral Pardiñas comprendidas entre as 18:05 e 21:41. As paradas máis céntricas para coller esta liña serán as de Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia (ferraxería).
  • Outras liñas que acceden ao Multiusos (todas cada 60'): #Liña9 (paradas máis céntricas: San Clemente, Senra, 13), #LiñaC5 (pza. de Galicia, Zara e r/ da Rosa) e #LiñaC6 (Hórreo).
  • [ACTUALIZACIÓN]: a maiores do #ServizoLanzadeira de TUSSA, haberá un de Monbus. Será de 18:00 a 20:30 (cada 30') con saída dende o estadio de San Lázaro (porta 10).

OLLO! O venres celebrarase tamén na Cidade da Cultura un concerto de Emilio Rúa (poderase acceder a través da #Liña9). Por este motivo, xunto coa propia Supercopa Endesa, prevese unha gran afluencia de coches na zona. Polo tanto, recomendamos coller o bus con antelación. No caso do concerto na CDC 
—que é ás 21:00— recomendamos coller o bus con saída de Casas Novas ás 19:30, xa que o das 20:30 xa irá con retraso.




> Sábado 22


  • #ServizoLanzadeira: ao igual que o venres, o servizo fará o percorrido Hórreo (escalinata da estación de tren) >> Multiusos directo, sen paradas intermedias. O horario de funcionamento do servizo este día será:
  • Entre as 17:00 e as 19:15: sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  •  Dende as 20:30 ata a finalización: só sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo). O servizo prolongarase ata que xa non haxa máis xente agardando polo bus.

  •  #LiñaC11 (cada 15'): pasará polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 17:00 e 19:15.
  • Outras liñas: o sábado á tarde, a parte da #LiñaC11, só funciona unha liña máis con paso polo Multiusos: a #LiñaC5 (cada 60').
  • [ACTUALIZACIÓN]: o sábado tamén haberá #ServizoLanzadeira de Monbus. Este día será de 17:00 a 18:30 (cada 30') dende a porta 10 do estadio de San Lázaro ata o Multiusos. Percorrido de volta, Multiusos - estadio S. Lázaro, a partir das 21:15.

Puntualización: non sabemos cantos buses conformarán o #ServizoLanzadeira de TUSSA. Nos partidos do Obradoiro CAB adoita haber un ou dous autobuses para o servizo de ida, e todos os que sexan necesarios para o de volta. Desta vez, ao tratarse dunha ocasión máis «especial» na que se espera máis afluencia de público, pode que vaia a haber máis vehículos.

Fontes de información:
TUSSA
Cidade da Cultura
Obradoiro CAB (Twitter)
Fotografías:
Marca
Cidade da Cultura

19 de xullo de 2018

Servizos de transporte para os concertos de #AtardecernoGaiás na @CidadedaCultura

Como xa é tradición, a @CidadedaCultura organiza un ano máis o ciclo de concertos #AtardecernoGaiás». Terán lugar todos os xoves, venres e sábados durante o mes de xullo e as tres primeiras semanas de agosto. As citas serán todas ás 21:00 na Praza Central, e TUSSA ofrecerá servizos de transporte para poder acceder a eles así como para abandonar o recinto unha vez concluídos.


Programación de «Atardecer no Gaiás 2018».


Imos por partes:


  • Servizos para ACCEDER á Cidadade da Cultura (a partir de agora CDC): os accesos realizaranse a través da #Liña9 e da #LiñaC11 (esta última só para os concertos dos sábados). A nosa propia experiencia dinos que polo xeral non adoita haber ningún tipo de problema para subir á CDC a través destas liñas, se ben é certo que para eventos especialmente demandados si pode haber complicacións. A modo de exemplo, o ano pasado con C. Tangana ou este ano con Rels B, houbo aglomeracións e a #Liña9 tivo que ir dende a #Senra ata a CDC sen recoller pasaxeiros. Aí xa depende do conductor: hainos que chaman e explican a situación para pedir reforzo, e pola contra poden non facelo e continuar co percorrido.
  • Servizos para ABANDONAR a #CidadedaCultura: en principio, haberá un só bus ás 23:00 (os días que non hai sesión DJ) ou ás 00:30 (nos días con DJ -marcados no programa cun asterisco (*)-).
         Días con bus ás 23:00: 7, 12, 13, 14, 20, 21, 26, 27 e 28 de xullo; 2, 3, 4, 10, 11, 16 e 17 de agosto.
         Días con bus ás 00:30: 5, 6 e 19 de xullo; 9 e 18 de agosto.

O bus de regreso poderá collerse en dúas paradas da CDC: na #Parada683, onde inicia o percorrido (que é a parada cabeceira da L9) e na #Parada411, oficialmente denominada «CDC 1», e que está situada no vial de saída do recinto, fronte ao aparcadoiro. Aproveitamos para comentar que nestas paradas a información é incorrecta: as prolongacións que a #LiñaC11 fai ata a CDC os fins de semana non se corresponden coas verdadeiras. Urxe arranxar isto!


Parada [683], na que o bus de regreso inicia o seu percorrido.

O percorrido deste servizo será o seguinte: CDC >> Fontes do Sar >> Fontiñas (Londres, Lisboa e Berlín) >> avda. Rodríguez de Viguri >> Anxo Casal >> Pastoriza >> San Roque >> Virxe da Cerca >> pza. de Galicia.

Chegamos un pouco tarde, pero aínda a tempo para os últimos concertos de xullo e todos os de agosto. Mellor tarde que nunca... 😉

Fontes de información: TUSSA e Cidade da Cultura