Amosando publicacións coa etiqueta Paneis DOT. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Paneis DOT. Amosar todas as publicacións

12 de xaneiro de 2019

Primeiro bus híbrido en Compostela!



O pasado venres eramos testigos dun feito inédito na nosa cidade: a presenza de autobuses híbridos!. Para a nosa sorpresa, puidemos comprobar «in situ» a silenciosa entrada que o King Long E12 Clase II realizaba na rúa da Rosa. Esta xoia é propiedade de Autobuses de Calo, empresa que realiza servizos interurbanos entre Compostela e Milladoiro, Luou e Firmistáns, principalmente. Probablemente sexa herencia da súa empresa irmá, Empresa Boadilla, que presta servizos interurbanos en Madrid e que adquirira catro unidades deste vehículo en 2016.

Comparativa da visibilidade do
panel LED branco fronte aos
paneis do transporte urbano
(panel LED laranxa e panel DOT).
Este autobús mide 12,18 m e ten capacidade para albergar a 41 persoas sentadas e a 7 de pé, así como espazo para unha persoa con mobilidade reducida. Contén cargadores USB para a recarga de dispositivos móbiles e conta cun sistema antibacteriano que reduce ao mínimo as posibilidades de contaxio de enfermidades. No aspecto exterior, o máis rechamante é o seu amplio cristal dianteiro e o panel LAWO LED de cor branca, que mellora notablemente a visibilidade con respecto ao LED laranxa e, por suposto, con respecto aos característicos paneis DOT do noso transporte urbano (incluso algúns teñen as luces de iluminación nocturna estragadas...).

O King Long E12 de Autobuses de Calo opera na ruta Santiago – Firmistáns (concretamente, o día que foi visto —venres 11/01— estaba a realizar as saídas ás horas e media dende a rúa da Rosa).

Fontes de información:
Imaxe: Diario de Madrid e elaboración propia

10 de agosto de 2018

[Des]información nos buses

Non é a primeira vez que se escoitan queixas na cidade (e máis aínda por parte dos turistas, como conta La Voz de Galicia  neste artigo) pola dificultade que implica coller o bus que se quere coller á primeira. E o certo é que dende TUSSA non parece que nos queiran facilitar moito a labor, incluso ás veces parece que nola dificultan, e imos explicar por que:


Paneis de destino confusos


En primeiro lugar, aclarar que co termo panel de destino referímonos ao indicador que levan os buses na parte posterior dianteira, onde está indicado o nº de liña e a orixe e o destino da viaxe.

En Santiago contamos con dous tipos de paneis de destino: os paneis DOT (letras verdes) e os paneis LED (letras laranxas).

Os paneis DOT (literalmente 'punto' traducido do inglés) funcionan mediante unhas láminas de cor verde que se deixan caer formando as letras e os números. A isto habería que engadirlle un sistema de iluminación para facelos visibles durante a noite (aínda que esta luz ás veces é demasiado branca, e entorpece máis do que esclarece).

Pola contra, os paneis LED, coma ben indica o seu nome, están formados por luces LED. Estas teñen unha visibilide óptima en case todas as condicións meteorolóxicas, iluminación nocturna propia e evitan as mensaxes cambiantes (que explicaremos ao final do post).


Comparativa entre panel DOT e panel LED; a difereza é evidente
O lóxico sería apostar polos LED, xa que son os máis punteiros e os que mellores condicións de visibilidade teñen para os usuari@s. Pero o certo é que TUSSA, aínda o pasado verán, adquiriu algunhas unidades con DOT... A modo de exemplo, cómpre destacar o caso de cidades como A Coruña, onde Tranvías xa decidiu implatar os paneis LED en toda a frota no ano 2012.

Aquí nós xa non podemos facer nada, simplemente explicamos a situación actual e as posibles solucións -a substitución dos paneis DOT por LED-, pero a súa execución xa depende doutras persoas. Iso si, dende aquí cremos que este cambio si podería ser viable economicamente, xa que estamos a falar dunha frota de menos de 60 autobuses, dos cales algúns xa teñen na actualidade os LED.


Pero antes, aprender a usar o que xa temos...


Sen embargo, tamén é certo que propoñer o cambio de todos os paneis a paneis LED pode resultar «poñer o carro diante dos bois», xa que polo que semella non sabemos empregar nin o que temos.


En Santiago -ao noso xuízo erroneamente- os paneis de destino nalgunhas liñas mostran, en vez de só orixe e destino, lugares intermedios do percorrido. Isto cobra sentido se a liña pasa por algún punto de interese, pero pérdeo cando nos ofrece lugares máis innecesarios. Imos ilustralo, neste caso ca #Liña5 dirección #Vite. Así é como loce o panel dos buses:


Son dúas mensaxes que se van alternando. Na primeira, «A 
Rocha - Xral. Pardiñas», e na segunda «E. Autobuses - Vite».
Isto conleva dous problemas: 

  • Mensaxes cambiantes: o único que fan é despistar máis a persoa que quere coller o bus, xa que lle vai custar máis interpretar o destino dunha soa ollada.
  • Sobreinformación: ao incluir lugares innecesarios, é máis lioso tamén para o usuario, que chegado un momento xa non sabe interpretar o destino. Por exemplo, na fotografía anterior, algún foráneo podería interpretar «Pardiñas» como o final da liña, en vez de «Vite».


Solucións buscomposteleiras ;)


Pero todos problemas teñen unha solución, e nós dende aquí imos intentar aportar o noso chisco de area para solucionar este a través dun cutre arranxo made in Bus Compostela, que dende aquí trasladamos a TUSSA ;)


Este sería, dende o noso punto de vista, a forma
correcta de mostrar os paneis da #Liña5
(o de arriba
dirección #Vite e o de abaixo dirección #ARocha).

E para cando o destino fora A Rocha Vella en vez de A Rocha, non sería necesario mostrar «A Rocha - A Rocha Vella» como agora, sobreenténdese que se vai á Rocha Vella pasa primeiro pola Rocha.

Isto sería extensible a outras liñas nas que tamén se ofrecen demasiados lugares de paso, tales como a #Liña6 (Os Tilos - Castiñeiriño - San Lázaro - San Marcos).


Aínda que para que todo isto funcione...


#Liña1 dirección Boisaca (co panel indicando Hosp.
Clínico) e #Liña9 dirección Casas Novas (co panel indi-
cando Cidade da Cultura)
Nada disto serviría de nada se @s condutor@s non levan o panel correctamente. Calquera persona que se poña cinco minutos na Virxe da Cerca poderá comprobar que algúns autobuses (cada vez menos, todo hai que dicilo) levan o panel ao revés, é dicir, orixe e destino están intercambiados.

Pode que isto lle pareza unha chorrada ás persoas familiarizadas coas liñas e percorridos, que estando na parada saben que bus coller independentemente do que indique o seu panel. Pero para os menos familiarizados e os turistas, isto pode converterse nun verdadero calvario: xa non é demasiado boa a información que se achega ao usuario, como para colmo se os buses andan a indicar o sentido contrario ao que verdadeiramente circulan.

E o certo é que isto ten fácil solución: o único que teñen que facer os condutores é pulsar un botón para inverter orixe e destino ao chegar a cabeceira. De todos modos, en moitas cidades o SAE (que coñece á perfección os horarios, paradas e percorridos) está vinculado ao panel de destino, e este cámbiase só ao chegar a cabeceira, eliminando calquera posibilidade de erro humano. Poñendo o exemplo á cidade herculina outra vez, retamos a que alguén atope nela algún bus co panel ao revés... Non cremos que sexa capaz de dar con ningún 😉

Fontes de información:
La Voz de Galicia
El Blog Busurbano

Fotografías:
Bus Compostela