Amosando publicacións coa etiqueta aeroporto. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta aeroporto. Amosar todas as publicacións

26 de febreiro de 2020

O Concello acometerá modificacións puntuais na mobilidade da cidade de cara ao Xacobeo 2021

O Concello publicou o pasado mes o Documento sobre actuacións urxentes no entorno da catedral de Santiago e nas zonas anexas da Cidade Histórica para o ano 2021. Neste manual recóllense unha serie de actuacións básicas que o Goberno local considera imprescindibles de cara ao vindeiro Ano Xacobeo. Trátanse de intervencións menores, de custo non moi elevado, pero necesarias para asegurar o fluxo adecuado dos turistas e visitantes para tentar compatibilizalo co día a día da veciñanza.

No tocante á mobilidade e ao transporte público cítanse algunhas cuestións que ben merecen ser mencionadas neste post: modificacións nas paradas de bus da praza de Galicia, reparto de mercadorías a cargo de TUSSA, relocalización dos trens turísticos e cambios nas liñas por mor da futura reurbanización da rúa dos Concheiros.

Praza de Galicia máis adecuada ás persoas
Xa quedou máis que demostrado durante os últimos anos e no 2021 será peor: a beirarrúa da praza de Galicia non é ancha dabondo como para acoller a todos os viaxeiros que agardan polo bus urbano (alí paran as liñas 5, 6, 7, 12, 13, 15, C5, P3, P4 e P6) mais o do aeroporto. A situación agrávase no verán e por este motivo as decisións que o Concello levará a cabo serán:

➣ O traslado da actual cabeceira da liña de bus ao aeroporto á isleta paralela á rúa da Senra. Dotarase ao espazo do mobiliario urbano preciso para facer efectivo o cambio, é dicir, de marquesiña e un panel de información en tempo real, segundo o Concello. Aínda que polo de agora, lembramos, os buses ao aeroporto de Freire non contan con SAE pero, como xa adiantamos hai meses, é probable que a súa xestión sexa asumida directamente por Raxoi para incorporalos ao transporte urbano.

Futura localización da parada do bus ao aeroporto.

➣ Ampliación das beirarrúas e mellora da accesibilidade nos pasos de peóns. Tanto a beirarrúa da parada 409 (ferretería) como a da 410 (Massimo Dutti) serán prolongadas e os bordos e o firme de baldosas de cemento serán substituídos por bordos e lousas de granito. Esta é a oportunidade idónea para instalar nunha das paradas máis empregadas de toda a rede o pavimento podotáctil, necesario para as persoas con algunha discapacidade visual e practicamente inexistente en Compostela.
É escaso o número de paradas nas que está
instalado o pavimento podotáctil.


➣ Reforma dos pasos de peóns. Actualmente non son accesibles ao cen por cento. Contan cunha pequena rampla —con demasiada inclinación— que facilita a labor aos usuarios de cadeiras de rodas, mais na práctica non é útil. Por este motivo, o Concello propón accesibilizalos segundo a fórmula do coxín berlinés, é dicir, elevándoos para buscar a comodidade do peón ao non haber elevacións e, de paso, facer reducir a velocidade ao tráfico rodado. 

Aínda que as intencións —facilitar o tránsito do transporte público e o peonil— sexan boas, coidamos que a localización escollida para a nova parada non é a máis axeitada. Ao perder os vehículos ese carril de entrada ao parking, colapsado habitualmente en verán, o taponamento será maior e terá lugar en medio e medio da praza, en vez de nese carril concreto. Deste xeito, pódese ver interrompido o tráfico procedente tanto da Senra como de Virxe da Cerca ao non poder circular por mor do atasco que terá lugar nos carrís de paso da praza. En definitiva, que se non se acompaña a medida dun plan de redución do tráfico no centro da cidade, o remedio pode ser peor ca enfermidade.

Por non comentar o feito de que nun contexto de atasco, o bus do aeroporto non podería efectuar a saída desde a nova parada ao estar a zona colapsada polos turismos que tratan de acceder ao aparcadoiro subterráneo.

Reparto de mercadorías no Casco Antigo
O estado do pavimento da zona histórica está esnaquizado, así como diversas fontes do recinto do intramuros, por mor do paso de grandes camións de carga e descarga. Neste sentido, o Concello expón establecer unha ou varias zonas na fronteira da améndoa nas que realizar as descargas, que logo serían entregadas ao destinatario final mediante pequenos vehículos eléctricos, ben a través de TUSSA ou mediante unha empresa externa. Esta medida iría acompañada dunha redución no horario de CeD, que se estende ata as 10:30 h nalgunha zona.

Trens turísticos fóra do Obradoiro
O dos trens turísticos é outro dos sen sentidos vixente na actualidade: en verán, un tren de tres vagóns (os da ruta monumental) percorre cada media hora a rúa de San Francisco ata chegar ao Obradoiro, ao que se suma outro máis nalgunhas horas puntuais (o da ruta dos parques). Agora o Concello quere limitar o itinerario desta atracción turística ata a dársena de Xoán XXIII ou «outra localización máis axeitada». Xa era hora.

As [ansiadas] obras de reurbanización en Concheiros
Este ano darán comezo as tan demandadas obras de reurbanización da rúa dos Concheiros. Desde que se semipeonalizou San Pedro en 2013, só discorre por estas dúas rúas a #LiñaC11, que se verá desviada mentres duren os traballos. No documento indícase nun par de parágrafos que os percorridos alternativos (previsiblemente por San Roque, Pastoriza, Anxo Casal e Rodríguez de Viguri) suporán un sobrecusto para Tralusa que «deberá recibir a correspondente contía compensatoria».

Supoñemos que, como xa se ten feito noutras ocasións, non se reforzará o servizo da #LiñaC11 cun bus máis durante o desvío. Porén, o non facelo implicará non cumprir a frecuencia de 12 min establecida para a ruta, que non descartamos que sexa ampliada a 15. Xorden tamén dúbidas sobre o encaixe que terán estas obras no novo mapa de liñas que se pretende licitar no primeiro trimestre deste 2020.

Como curiosidade, lemos onte en La Voz de Galicia as alteracións no tráfico previstas de cara ás obras na avenida de Lugo, á altura da rotonda dos Concheiros, executadas pola Xunta dentro do plan de mellora das entradas do Camiño na cidade. Quedamos á agarda do que comunique o Pazo de Raxoi, pero parece ser que as liñas que pasen pola zona (L6, 9, 13, C2, C4, C5, C6 e C11) van ter que verse desviadas mentres duren os traballos.

Fontes:
Concello de Santiago
La Voz de Galicia
Google Maps

14 de setembro de 2019

Clara Campoamor terá carril bus-taxi

Chíos da oposición despois
de coñecer o proxecto de CA.
Os accesos á futura estación de autobuses a través do vial Clara Campoamor foi un dos asuntos que avivou as confrontacións entre o anterior executivo local de Compostela Aberta e o resto de candidatos durante a campaña electoral. Daquela o PSdeG xa o deixaba claro: no caso de facerse coa alcaldía paralizarían o proxecto do grupo de Martiño Noriega, que cualificaban de «disparate». E o cambio acaba de chegar porque o pasado luns foi presentada a nova proposta de reurbanización dos socialistas.

Antecedentes
As reticencias por parte dos de Bugallo viñan condicionadas, principalmente, polo número de carrís. CA contemplaba reducir os catro actuais a dous para converter Clara Campoamor nun «bulevar urbano», con carrís bici en ambas marxes e límite de velocidade máximo de 30 km/h para os vehículos. Ademais, defendían que o acceso á estación debería
Recreación virtual da rotonda.
ser regulado por semáforos e non a través dunha rotonda, como sostiña a oposición e a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez. 
Tras a presentación do proxecto, a novidade vén dada en que os cambios con respecto ao anterior son, máis ben, menores. Imos velos.



Tres carrís: dous para vehículos e un para buses e taxis
Os carrís son a principal variación no novo deseño do viario. A través da redución da franxa axardinada máis próxima á estación e do ancho das beirarrúas introdúcese un carril bus-taxi dun único sentido (Sar -> Pontepedriña). Deste xeito, preténdese que os buses teñan prioridade para entrar e saír da terminal ao non ter que agardar a que un semáforo se poña en verde. Isto supón axilizar de xeito notable o fluxo de autocares da terminal, especialmente en horas punta onde chegan a acumularse ata dez, como acontece actualmente na de San Caetano.


Unha das dúas capturas facilitadas polo Concello.

A cara negativa deste carril exclusivo é que obriga a dar un rodeo aos buses que veñan polo Castiñeiriño, que terán que circular por Santiago de Cuba, túnel do Hórreo e avenida de Lugo para incorporarse a Clara Campoamor pola rotonda de Sar e poder acceder así á Intermodal. Esta volta supón, máis ou menos, un incremento do tempo de viaxe duns 5-7 min. Deste mesmo xeito, os buses que saian da terminal en dirección norte terán que ir dar a volta á xa de por si saturada rotonda de Pontepedriña.



O carril bus de Clara Campoamor será o terceiro da cidade, uníndose aos existentes no Hórreo e na Rosa. Este último, na práctica, non é máis ca unha «parada ampla» para o transporte metropolitano, posto que non facilita per se a circulación de autobuses. É máis, o habitual é que estean dous ou tres autocares estacionados nel e cando vén o urbano teña que adiantalos polo carril dos coches.

Os dous carrís bici xuntos
No proxecto de CA, os carrís bici estaban situados un a cada beira do vial, no mesmo sentido de circulación que os coches. No novo, trasládanse ambos á marxe máis próxima ás Brañas do Sar para que o que discorría a carón da estación non interrompa a entrada e saída de autobuses. Estarán separados con barreiras físicas do tráfico rodado.

Sen cambios significativos
Polo resto, non hai máis novidades dunha proposta á outra. Os carrís para coches seguirán a ser dous e limitados a 30 km/h e, segundo Bugallo, non se descarta a instalación dun radar no caso de ser preciso. Mantense tamén a praza peonil proxectada dende un primeiro momento, na que convivirán vehículos e peóns de xeito similar a como o fan no cruce de Montero Ríos con Xeneral Pardiñas e a como o farán no de Concheiros. Así mesmo, queda descartada definitivamente a opción da gran rotonda como método de acceso que a Xunta e o propio PSOE defendían no seu día.

Bus urbano en Clara Campoamor
No único plano de calidade deficiente facilitado polo Concello pódese apreciar que se manteñen os espazos reservados para o bus urbano, aínda que nas liñas expostas no Xeoportal non constara ningunha con itinerario por Clara Campoamor. Todo parece indicar que este será un dos asuntos a resolver na «revisión» que os socialistas queren dar ao prego de condicións da nova concesión antes de sacala a concurso.

Futura ubicación das paradas do bus urbano
(captura do proxecto de CA).
Os lugares reservados ao transporte urbano son dous, un en cada extremo da vía. En dirección Sar, o bosquexo recolle unha parada con baía o suficientemente grande como para albergar dous autobuses á vez, a continuación da praza peonil. Segundo a lenda, habilitaranse dúas marquesiñas. Nese mesmo punto pero na beirarrúa de en fronte, cara Pontepedriña, hai un espazo para dous buses diante da parada de taxis, a simple vista menos accesible e sen resgardo algún no caso de choiva. Habería que sumar o posible tráfico de:

➢ Os autobuses do aeroporto da futura #LiñaAP que, de non cambiar nada, terán o Hórreo (zona da escalinata) como cabeceira.

➢ O tráfico relacionado co transporte metropolitano que ata o de agora penetraba na rúa da Rosa. Está previsto trasladalo ao entorno da Intermodal e é probable que se reparta entre dous puntos: o carril bus da rúa do Hórreo (infrautilizado actualmente) e as propias dársenas da nova estación.

➢ Os autocares que presten servizos discrecionais. Poderían agardar polos seus viaxeiros nas paradas do transporte urbano de Clara Campoamor, no carril bus do Hórreo ou no interior da terminal.

Coa estación de autobuses e a pasarela xa en construción, o tempo aprema e a previsión do goberno local é que as grúas poidan estar en acción en xaneiro. É obvio que haberá que cortar Clara Campoamor durante os traballos polo que se aproveitará a ocasión para concienciar aos condutores sobre o uso do túnel do Hórreo como viario alternativo, xa que pode soportar aínda 20.000 vehículos máis ao día. Todo deberá estar rematado para agosto do ano que vén, data aproximada da posta en funcionamento da nova estación, a falta de que este mesmo mes saia á luz o proxecto básico de remodelación da estación de tren.

Fontes de información:
La Voz de Galicia
Compostela Aberta
Concello de Santiago (1ª proposta)
Concello de Santiago (2ª proposta)
Cadena COPE
El Correo Gallego
Bus Compostela
Imaxes:
Twitter (@PopularesStgo)
Twitter (@psdegsantiago)
Concello de Santiago
Bus Compostela

26 de xullo de 2019

Avistado un Citaro L en probas

O pasado luns «pillamos» en Virxe da Cerca a un novo autobús en probas. Trátase dun Mercedes-Benz Citaro L, de tres portas e 15 metros de lonxitude. No seu interior ían dous condutores de Tralusa (un conducindo e outro de pé ao seu lado) e o que parecía ser un técnico asesor.


Este vehículo pertence ao Grupo Monbus (propietario de Tralusa) e tivo varios destinos. Un dos últimos foi Sabadell (Barcelona), onde cubriu un traxecto substitutivo por obras en Renfe. Chegou a Compostela en xuño para formar parte dos servizos lanzadeira para O Son do Camiño e o concerto de Alejandro Sanz, e parece que a súa estadía está a ser prolongada para poñelo a proba.

MONBUS 1817
O 1817 en Sabadell.

Os seus 15 metros converteríano, no caso de que comezara a prestar servizo na cidade, no bus máis longo de toda a frota. Os vehículos máis longos ata o de agora andan en torno aos 12 m. Porén, ben sabido é que a fisionomía de Compostela non está preparada para vehículos destas dimensións. Un dos puntos máis conflitivos é a curva das Rodas:

O Citaro L nas lanzadeiras ao Monte do Gozo.
Con todo, cabe a posibilidade de que este novo autobús estivera sendo probado para destinalo á ruta do aeroporto de Lavacolla, a futura #LiñaAP que o Concello terá que xestionar a partir de decembro coa implantación do novo Plan de transporte da Xunta. Neste caso a lonxitude si estaría xustificada, xa que o percorrido deste servizo que unirá a Estación Intermodal coa terminal discorre por vías periféricas adaptadas a vehículos longos.


O 1917 en Alcalá e
en Santiago.
Guiándonos pola súa matrícula e a través de ferramentas online, podemos saber que foi matriculado en agosto de 2014, polo que este Citaro L cumprirá o lustro nos vindeiros días. Tería a honra de converterse no vehículo máis novo de Tralusa, seguido do Citaro adquirido o ano pasado, de algo máis de oito anos.

Por facer memoria...
Os últimos vehículos cen por cen novos do transporte urbano son os tres Citaro K que entraron en servizo no 2012, que son propiedade do Concello e foron cofinanciados polos Fondos FEDER da Unión Europea. Dende aquela, uníronse á frota en torno a dez vehículos procedentes de Alcalá de Henares (varios Scania CS40 City II, outros Scania N270UB e Citaros de primeira xeración). No verán de 2018 incorporouse un Citaro procedente do aeroporto de El Prat e agora, no de 2019, veremos que acontece con este pequeno gran xigante, o Citaro L.


Fotos: MiQuel Segura, El Intercambiador, asannei e elaboración propia

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda

16 de marzo de 2019

A futura #LiñaAP ao aeroporto será xestionada polo Concello

Era un segredo sabido por todos (constaba no Xeoportal do Concello), pero o pasado martes confirmouse: a Dirección Xeral de Mobilidade cedeu ante o Concello, que pasará a xestionar o servizo da ruta de autobús que une Compostela co aeroporto de Lavacolla baixo a denominación «liña AP», no marco de remodelación do Plan de Transporte Metropolitano de 2020. Será engadida como unha liña máis ao transporte urbano, con todas as vantaxes e inconvenientes que iso supón.


Os principais cambios serán:

HORARIOS
Como podedes comprobar no post sobre esta liña, os horarios operados por Empresa Freire son bastante flexibles, cun bus ao aeroporto cada media hora dende as 6:00 (7:00 no sentido inverso) ata as 00:00 (1:00 dende Lavacolla). Aínda así, estes servizos son insuficientes, pois non chegan a tempo para embarcar nos voos máis madrugadores, cuxos viaxeiros adoitan coller máis o bus que os do resto da xornada.

A vontade do Concello é ampliar este horario, facendo que o primeiro bus saia cara a terminal ás 5:00, unha hora antes, para chegar aos primeiros voos. Asemade, tamén é probable que o último dende Santiago sexa á 1:00, en vez de ás 00:00 como ata agora. Non se ten pensado modificar a frecuencia (cada 30 min). Neste sentido, Freire xa solicitara á Xunta hai uns anos o adianto do comezo do servizo, pero fóralle denegado.



UNHA LIÑA MÁIS DO TRANSPORTE URBANO

A ruta de Empresa Freire transporta, basicamente, dous tipos de viaxeiros: os usuarios do aeroporto e os veciños de Lacavolla e arredores. Coa inclusión da liña dentro do transporte urbano, poderanse engadir a estes perfís outros de carácter urbano. Por exemplo, sería a mellor opción para trasladarse dende o centro da cidade á estación de autobuses dun xeito máis rápido e con menos paradas que a #Liña5 ou para chegar ata a pza. de Galicia dende o centro comercial As Cancelas, sen ter que estar 25 minutos nun bus da #LiñaC11.


ITINERARIO E PARADAS
O percorrido da #LiñaAP será similar ao actual, pero contempla algúns cambios:

Seguirá partindo dende a pza. de Galicia (#Parada410), seguindo pola rúa da Rosa e as dúas estacións (a de tren e a de bus, respectivamente). Para cando estea en funcionamento a nova estación de autobuses no complexo da Intermodal, suprimirase a parada na actual.

➢ Crearase unha nova parada en Fontiñas, para dar cobertura aos habitantes do barrio e aos seus traballadores, así como á zona norte da cidade. Isto lévanos a pensar que, de non variar o percorrido, a que máis papeletas ten é a #Parada153 (fronte ao C.C. As Cancelas), onde actualmente só para a #LiñaC2. Porén, no Xeoportal, o itinerario está marcado polas rúas de Londres e París, pero cómpre destacar que foi ideado para cando xa non funcione a estación de San Caetano, posto que non a contempla como parada. No contexto actual, resulta inviable o percorrido por Londres despois de parar na estación de buses, xa que non se pode acceder a Fontiñas a través da avda. de Lugo.

➢ Os buses accederán ata as portas da CRTVG, en vez de parar a pé de estrada como fai ata o de agora Empresa Freire. Deste xeito, cúmprese unha vella demanda dos traballadores do ente público, que só podían acceder ás instalacións a través das contadas prolongacións da #Liña6 a Vilamaior.


NOVAS TARIFAS...?
Empresa Freire conta cunha subvención da Xunta que lle axuda a sufragar os gastos da liña. Coa entrada desta no mapa do transporte urbano, enténdese que pasará a ter as tarifas do resto das liñas municipais, é dicir, de 1€ en metálico e 0,60€ con tarxeta (tanto as TMG e a TMG «Xente Nova» como os cartóns de TUSSA). Outra das novidades é que, ao deixar de formar parte do transporte metropolitano, os importes das viaxes realizadas coa «Xente Nova» deixarán de ser reembolsados aos seus posuidores porque xa non as pagará a Xunta. Porén, as realizadas coa TMG normal (0,86€) pasarán a ter un custo de 0,60€, unha rebaixa considerable.


Estas son as nosas suposicións, posto que nada se sabe aínda de se TUSSA variará ou non as tarifas, polo menos aquelas que se pagan en efectivo, posto que o prezo actual é de 3€ ida e 5,10€ ida e volta, a pesares de contar coa subvención autonómica. 



CAMBIOS PREVISTOS COA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DA INTERMODAL
Para cando deixe de funcionar a estación de autobuses de San Caetano e comece a facelo a ubicada en Clara Campoamor, a liña sufrirá cambios considerables no seu percorrido. Concretamente, os xa recollidos no Xeoportal, que pasan por substituír a saída dende a praza de Galicia pola propia Intermodal, e contemplan un percorrido circular polo Ensanche a través do Hórreo, Senra, Xoán Carlos I, Rosalía de Castro e Romero Donallo, cunha nova parada na pza. de Vigo.


Detalle do percorrido da futura #LiñaAP polo Ensanche, unha
vez estea en funcionamento a Intermodal.
VEHÍCULOS
Empresa Freire opera a liña con vehículos adaptados ás necesidades do servizo. Concretamente, os buses teñen porta maletas e un servizo de información ao viaxeiro en galego, castelán e inglés, no que se poden visualizar as paradas dispostas nun mapa nunha pantalla. Conta tamén con avisos sonoros de «próxima parada».

Cando pase a ser operada por TUSSA, será necesario a adquisición de novos autobuses, xa que os actuais non chegan para cubrir a liña. Queremos crer que se terán en conta as peculiaridades deste servizo á hora de facelo, posto que é inviable —e máis en tempada alta e con vistas ao Xacobeo 2021— realizalo con buses estándar.

Fontes de información:
Empresa Freire
La Voz de Galicia (12/03/2019)
La Voz de Galicia (13/03/2019)
La Voz de Galicia (14/03/2019)
Xeoportal do Concello