Amosando publicacións coa etiqueta 8-M. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta 8-M. Amosar todas as publicacións

26 de marzo de 2019

O #BusUrbano estrea campaña de concienciación sobre as violencias machistas

No marco do 8 de marzo (Día Internacional da Muller), o Concello vén de estrear unha campaña de concienciación e visibilización das violencias machistas no transporte urbano. A acción consistiu na impresión de 50 vinilos informativos sobre como actuar ante as violencias machistas, que foron colocados en cada un dos autobuses urbanos, na parte traseira de cabina do condutor.

Vinilo que, dende onte, atópase pegado en todos os autobuses.

Os carteis fan fincapé en que, nestes casos, non é a muller a que debe abandonar o vehículo, senón o home. Tal e como indicaba Marta Lois, concelleira de Igualdade, «A clave está en colocar o foco no agresor e non na vítima, de tal xeito que debe ser el quen abandone o espazo público e non a muller agredida».

A campaña foi inaugurada onte nun bus urbano da #Liña6 dirección Os Tilos, concretamente durante o tramo praza de Abastos – rúa da Rosa. Na presentación, ademais de Marta Lois, tamén estivo presente o xerente de TUSSA, José Ramón Mosquera. Este indicou que «case o 60% das persoas que usan o transporte público son mulleres, dun total de 27.000 usuarios e usuarias diarios que ten o servizo na cidade» (chámanos a atención os datos, porque parecen ser os máis actualizados e aos que a poboación non poder ter acceso).


Como aspecto a destacar, resulta cando menos curioso que o Concello elixira precisamente este autobús para a presentación da campaña. Como se pode apreciar na imaxe, a parte traseira da cabina atópase sucia e chea de restos de adhesivos, froito de todos os carteis que aí estiveron pegados (e máis, tendo en conta de que estamos a falar dun vehículo de segunda man). Baixo o noso punto de vista, comprería revisar e limpar esta zona naqueles buses nos que fose necesario, pero está claro que se para o acto de onte non se fixo, menos se vai facer sen ningunha outra «escusa» para xustificalo.

Esta campaña, enmarcada dentro do 8-M, complementa á levada a cabo polo Concello e Castrosua durante o mes de novembro, con motivo do 25-N. Nela tinguiuse un bus da #Liña1 completamente de negro coa mensaxe «Espazo libre de violencias machistas».


Fontes de información:

Imaxes: