Amosando publicacións coa etiqueta Liña 1. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Liña 1. Amosar todas as publicacións

15 de novembro de 2019

Novidades: marquesiña no aparcadoiro de Santa Marta e panel de chegadas na #Parada691

Pouco a pouco imos vendo como, tras anos e anos de abandono das infraestruturas relacionadas co transporte urbano, a cidade vai recuperando o pulso (cousas do Xacobeo...). Nestas últimas semanas destacamos dúas novidades: a instalación dun panel de chegadas en tempo real na #Parada691 (Hórreo, estación de trens) e dunha marquesiña na parada do aparcadoiro de Santa Marta da #Liña1.

Marquesiña en Santa Marta
No primeiro caso —segundo puidemos saber durante o último Pleno da Corporación—, a marquesiña de Santa Marta foi demandada polo voceiro do Partido Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, nun Consello de Administración de TUSSA. A petición foi admitida e o Goberno municipal reservou unha partida nos seus orzamentos «técnicos» para este propósito. Non foi ata o pasado luns cando a puidemos ver instalada, e polo que a nós respecta, deixa moito que desexar. Así loce:


Non é o suficientemente grande como para atender a alta demanda do estacionamento. En Santa Marta aparcan moitos condutores polas mañás e en horas punta pode chegar a haber en torno a quince persoas agardando ao bus. Na marquesiña caben dez e sentadas, catro. Ademais, no relativo á información ao usuario, non se instalou ningún poste indicador apeadeiro e tampouco o plano coas liñas e horarios que adoita poñerse naquelas paradas que contan con marquesiña.

E aínda que xa sexa fantasear, tampouco estaría de máis ter construído unha plataforma elevada sobre o chan que facilitase o acceso ao autobús. Estamos a falar dunha zona en pendente na que non hai beirarrúas, polo que a tarefa pódeselle complicar a máis dun, especialmente ás PMR. Este tipo de pequenos detalles nunca se teñen en conta en Compostela.

Panel no Hórreo
Na zona do Hórreo, localización da actual estación de trens e da futura Intermodal, vén de instalarse un panel de chegadas en tempo real. Concretamente fíxose na #Parada691 e o modelo é idéntico ao que hai pouco máis dun ano se colocou en Virxe da Cerca.



As vantaxes, como xa indicamos no seu día, pasan pola utilización das cores de cada liña, normalmente infrautilizadas e mesmo cambiadas na app maisbus. Este panel tampouco presenta problemas para visualizalo cando lle da a luz solar de fronte, como si o fan outros (praza de Galicia e rúa da Rosa, entre outros).

Porén, presenta unha serie de inconvenientes:

  • Non se mostra sempre o destino real: esta clase de indicadores mostran a orixe e o destino da liña de forma estática, e non dependendo do punto final real do servizo. Neste caso concreto, por exemplo, a información ofrecida sobre a liña P3 é «Susana - Rúa Valle Inclán», e sempre será esa aínda que a ruta remate ás veces na praza de Galicia. Isto acontece tamén coa liña 6, que non sempre remata en San Marcos para poder prolongarse ata Bando e Vilamaior.
  • Só se mostra o próximo bus: a diferenza dos paneis LED laranxas, estes azuis só mostran o próximo bus de cada liña. É dicir, se lle quedan 2 minutos ao 6 temos que intuír por nós mesmos que o seguinte chegará en 22', e para iso hai que controlar as frecuencias.

Tanto a marquesiña como o panel non deixan de ser boas novas para as persoas que empregan o transporte urbano, pero son estas cuestións menores as que sempre acaban por confirmar o que xa sabemos: o noso servizo de transporte urbano é de segunda, e non parece importarlle moito aos nosos dirixentes.

22 de xullo de 2019

O bus nocturno só funcionará unha noite durante o #Apóstolo2019

Xa estamos en festas!🎉


O venres daban comezo as festas do Apóstolo 2019 co pregón do actor Luis Zahera. Ata o 31 de xullo, a cidade será testemuña dunha infinidade de eventos para todas as clases de persoas e gustos. Destacan os grandes concertos que terán lugar na praza da Quintana, así como os tradicionais fogos nas noites do 24 e do 31.

Por iso, e aínda que moito máis austero que o do ano pasado, porase en funcionamento un servizo nocturno para facilitar a volta a casa de todos os composteláns e compostelás a practicamente calquera punto cuberto pola rede do transporte urbano diúrna. O básico:

12 liñas (1, 4, 5, 6, 7, 8, C11, P1, P2, P3, P7 e P8).
➢ Saídas dende as cabeceiras ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 h. Liñas 4 e 8 tamén ás e medias.
➢ Prolongacións en moitos dos percorridos.
➢ Sistema ideado para desprazarse do centro á periferia, non á inversa.

#Liña1: Rosalía de Castro → Son  Boisaca
➢ Saída dende a #Parada450, en Rosalía de Castro, 87 (cruce con Romero Donallo, ao carón do bar Kampus).
➢ Dende esta cabeceira, percorrido habitual da L1 ata Boisaca con prolongación por Garabal - Son.



#Liña4: As Cancelas ⇆ Casas Novas  Romaño
➢ Itinerario e cabeceiras habituais da L4.
➢ Funcionará nos dous sentidos: saídas dende Romaño ás 00:00, 1:00, 2:00 3:00; dende As Cancelas ás 00:30, 1:30, 2:30, 3:30.
➢ Por Casas Novas só as viaxes en dirección Romaño



#Liña5:
República Arxentina →
 Vite

Estación de autobuses → A Rocha Vella
➢ Dous traxectos que funcionarán só no sentido de circulación indicado.
➢ Saídas das cabeceiras (Rep. Arxentina e est. de autobuses) ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 h.



#Liña6:
Hórreo → Amio → San Marcos → Bando → Vilamaior

San Caetano → Os Tilos
➢ Dous traxectos, un cara San Marcos e outro en dirección Os Tilos. O primeiro realizará prolongacións por Amio, Bando e Vilamaior (destino final).
➢ As saídas das 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 realizaranse dende o Hórreo (estación de trens) e San Caetano (#Parada552).



#Liña7: rúa Valle Inclán → Fornás  Aríns
 Percorrido habitual da L7 (co desvío por obras en Castrón Douro).
➢ Prolongación a Fornás e logo percorrido por Aríns (Lobío, A Pena, rotonda Monte do Gozo, Sanxuás e Torrebranca).



#Liña8: Vidán ⇆ Tanatorio
➢ Xunto coa L4, funcionará tamén nos dous sentidos.
➢ Saídas de Vidán ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00; dende o tanatorio ás 00:30, 1:30, 2:30 e 3:30.
➢ Cabeceiras e percorrido habitual da L8.



#LiñaC11: circular de Fontiñas
➢ A cabeceira trasládase á rúa Bernardo Barreiro (IES de Sar).
➢ Percorrido habitual do C11, pero só con acceso a Fontiñas unha vez (no traxecto de ida).
➢ Prolongación ata o Multiusos Fontes do Sar.



#LiñaP1: estación de autobuses  Folgoso
➢ Mesmas paradas e percorridos que a P1 diúrna.



#LiñaP2: estación de autobuses  A Choupana  Ortoño
➢ Paradas e itinerario habituais da liña P2.
➢ Dará servizo a toda a zona sur (Santa Marta, A Choupana, Volta do Castro, avda. de Barcelona, etc.) ao non chegar a liña 1 nocturna ata ela.



#LiñaP3: rúa Valle Inclán  Lamas de Abade  A Susana
➢ Paradas habituais da liña P3.
➢ Realizarase a prolongación ata o CIFP Compostela e o IES Lamas de Abade.



#LiñaP7: Virxe da Cerca  Pardaces  A Peregrina  Grixoa
➢ Saídas dende a #Parada660, en Virxe da Cerca, onde a escalinata da praza de Abastos.
➢ Primeiro realizará o percorrido por Pardaces para logo seguir cara A Peregrina e Grixoa.
➢ O núcleo de Miramontes non terá servizo de bus nocturno.



#LiñaP8: rúa Valle Inclán  Roxos  Reborido
➢ Pasará por Roxos e Vilastrexe, onde dará media volta para continuar cara Villestro e Reborido.
➢ Paradas habituais da liña P8.



Para os máis tardóns...
Captura da app maisbus do servizo das 6:00
(San Lázaro - Castiñeiriño) e das 6:20
(Castiñeiriño - Vite).
Para aqueles aos que lle resulten demasiado cedo estes servizos, contan con un que percorre unha gran parte da cidade e que circula todos os días do ano. É o máis madrugador e o menos coñecido de toda a rede, e está incluído de forma oficial dentro da #Liña6, aínda que non segue ao cen por cen o percorrido desta, senón que é unha mezcla das L1, 5 e 6. Isto deriva en que presente algún que outro problema no SAE que pode inducir a confusión. Explicarémolo nun post que lle dedicaremos a este peculiar servizo de primeira hora. 😄

E para o día 25...
En último lugar, o xoves 25 de xullo, día de Galicia e festivo en toda a comunidade, veranse reforzadas as liñas 1 e 6:

#Liña1: reforzo no horario de mañá, con pasos cada 20 min. As viaxes en dirección Boisaca prolongaranse polo Recinto Feiral de Amio.

#Liña6: reforzo durante todo o día. Funcionará como un domingo de inverno, con frecuencias de 30 min. Saídas de San Marcos, de 7:30 a 23:00 h; saídas dos Tilos, de 7:15 a 22:45.

Polémica arredor do bus nocturno
O ano pasado saíu elixido nos orzamentos participativos, no apartado das festas do Apóstolo, o bus nocturno. Púxose en marcha durante as once noites coas últimas saídas ás 4:00 (4:30 no caso das liñas 4 e 8). Para as festas deste ano volveu ser escollida a proposta e todo parece indicar que o novo goberno municipal acabou por desbotala. Só funcionará —polo que sabemos ata o momento— a noite do 24 e non terá paradas a demanda. Ademais, as últimas saídas pasarán a ser ás 3:00, unha hora moi cedo para as que son as festas máis importantes da cidade.

Fontes de información: TUSSA, Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Imaxes: Concello, elaboración propia e app maisbus

22 de decembro de 2018

Horarios de Nadal nos transportes urbano e metropolitano e no AeroBus

Como cada ano en Nadal, os transportes urbano e metropolitano modificarán os seus horarios por mor da celebración da Noiteboa e Nadal e Noitevella e Aninovo: os días 24 e 31 de xaneiro os autobuses retiraranse máis cedo do habitual, mentres que o 25 de decembro e o 1 de xaneiro retrasarase a hora de inicio do servizo.


Transporte urbano
Os luns 24 e 31 de decembro, ao ser días laborables, as liñas do transporte urbano funcionarán como tal. Sen embargo, as últimas saídas adiantaranse ata as 20:30 / 21:00, dependendo en todo caso de cada liña concreta. Estas serán as derradeiras saídas dende cada cabeceira:




Pola contra, os días de Nadal e Aninovo, os primeiros servizos sairán das cabeceiras ao filo das 10:00 da mañá. Ao ser días festivos, só funcionarán as liñas propias dos domingos, que son as seguintes:



AeroBus ✈
A liña da Empresa Freire que conecta o centro da cidade co aeroporto de Lavacolla (en breves xa Rosalía de Catro😋) tamén sufrirá variacións no seu horario:

Días 24 e 31 de decembro: última saída da pza. de Galicia ás 19:00 e dende o aeroporto ás 20:00.

Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: a primeira saída dende a pza. de Galicia será ás 10:00 e dende Lavacolla ás 11:00.


Transporte metropolitano
Os horarios do transporte metropolitano tamén se verán afectados durante estes días especiais:

Rúa da Rosa - Bertamiráns - A Gándara:
Días 24 e 31 de decembro: última saída da rúa da Rosa ás 20:45 e último viaxe dende A Gándara ás 21:15.
Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: non haberá servizo porque esta liña só funciona os días laborables.

➢ Est. autobuses - Bertamiráns - Negreira:

Días 24 e 31 de decembro: suprímense as últimas saídas dende Santiago (21:45) e dende Negreira (20:45). As alternativas, as saídas da hora anterior (20:45 e 19:45 respectivamente).
Días 25 de decembro e 1 de xaneiroo servizo comezará á mesma hora que o fai o resto de domingos e festivos do ano, pero suprimirase a saída dende Santiago das 14:45, e a de Negreira das 15:45.

➢ Est. autobuses - Bertamiráns - Noia: 

Días 24 e 31 de decembro: a última saída cara a Noia será ás 20:00 (suprímese polo tanto a das 21:30) e suprímese o servizo Noia → Santiago das 21:00 (sendo o último as 19:00).
Días 25 de decembro e 1 de xaneiro: os primeiros servizos (tanto dende Noia a Santiago como no traxecto inverso) sairán ás 12:00.

Bo Nadal!😄


Nota: foinos imposible contactar con Autobuses de Calo para coñecer os horarios dos autobuses dende / hacia Milladoiro nestas datas de Nadal.

Fontes de información:
TUSSA
Empresa Freire
Monbus
Hermanos Ferrín

29 de novembro de 2018

Obras de accesibilidade no Cruceiro da Coruña: pérdense tres paradas

Aínda que as máquinas xa andaban estes días polo Cruceiro da Coruña, mellorando a accesibilidade da contorna, non será ata hoxe, xoves 29 de novembro, cando se corte a vía de servizo (a dos números pares, sentido saída cidade).

Isto afectará ás tres liñas que por alí pasan, que perderán as tres paradas que se atopan neste carril. Deste xeito, quedan suprimidas ata a finalización das obras (1 mes aproximadamente) as seguintes paradas:

#Parada545, Cruceiro da Coruña nº 24. Parada alternativa máis próxima, a anterior: #Parada551, San Caetano (igrexa).

#Parada546, Cruceiro da Coruña nº 52.

#Parada074, Cruceiro da Coruña (c. Mallou). Parada alternativa máis próxima, a seguinte: #Parada252, Meixonfrío (rotonda).

Durante a realización dos traballos, os buses das #Liña1, #LiñaP4 e #LiñaP6 circularán polos carrís centrais, deixando de atender a estas tres paradas. Asemade, os servizos por Son da #LiñaP2 (só dous diarios) tamén perderán estas paradas.

Como curiosidade, alégranos ver que a nomenclatura destas paradas foi corrixida: antes, aínda que mantiñan o mesmo número, o nome da rúa que figuraba era Salgueiriños de Arriba. Isto non era máis ca un inexplicable fallo, xa que esa rúa é en realidade outra que desemboca no Cruceiro da Coruña, e que non ten moito sentido que se confundira con esta mesma. Aínda así, a nomenclatura da #Parada544 segue a ser «Salgueiriños (aparcadoiro)», que tampouco é cen por cen correcto ao non ser Salgueiriños a rúa na que se atopa, senón o nome do parking ao que fai referencia.


As obras
Pola nosa parte, nós decidimos ir dar unha volta polo barrio para botar unha ollada as actuacións que se están a realizar e ver se estas están a afectar a algunha das tres paradas do transporte urbano. Isto foi o que vimos:


#Parada545...👎🏻
Algúns buses paran deixando as portas traseiras á
 altura do paso de peóns. Outros, déixanas onde están
 situadas as vallas.
Podemos afirmar, case sen súbida algunha, que a #Parada545 é unha das que en peor estado se atopa dentro das liñas urbanas (sen incluír as periféricas). O título de de «parada» teno regalado, pois non é máis ca un simple paso de peóns. De feito, ao non estar sinalizada de ningún xeito, algúns condutor@s paran no propio paso e outros un pouco máis arriba, sobrepasándoo. En fin, un caos que esperemos se solucione con estas obras.

A «parada» de fronte
No referente ás obras en si, pintan ben. A zona onde se están a desenvolver os traballos nunca foran obxecto de actuación, e si parece que se van resolver os grandes problemas de accesibilidade presentes ata o de agora. Estaremos pendentes para ver que ocorre coas paradas do transporte urbano, especialmente con esta #Parada545.


#Parada546...👍🏼
A #Parada546 é a única —polo de agora— á que lle estan a afectar as obras de mellora da accesibilidade de forma directa: ampliouse un cacho de beirarrúa ata onde antes se atopaba o arcén. Sen embargo, ao noso xuízo, deberíase de ampliar aínda algo máis, xa que o tramo agrandado ata o momento non é o suficientemente longo como para que quepa un bus de tres portas, tal e como se pode apreciar na fotografía.


Pese a que esta parada si conta con poste de panel informativo, atópase deteriorado, sucio e cheo de publicidade. Algo habitual, por outra parte, en todas estas estruturas, froito da pasividade de TUSSA ante o paso dos anos.

Panel do transporte urbano ou
taboleiro de anuncios do barrio...?
#Parada074...👎🏻

Só podemos calificar de surrealista a presenza do contedor.
A #Parada074, que conta con óco para a parada de autobuses e está sinalizada, conta cun grave problema facilmente atallable: hai un contedor no medio e medio. Este tipo de situacións resúltannos inexplicables, e non fai falta comentar que de nada serven todas as actuacións que se poidan facer en prol da mellora da accesibilidade se logo hai mobiliario urbano entorpecendo as manobras de aparcamento do bus urbano.

Deste xeito, os condutores prefiren parar uns metros máis adiante da parada «oficial» para facilitar o acceso ao autobús a persoas con mobilidade reducida ou carriños de bebé, tal e como aconteceu na situación da seguinte fotografía:


Que esperamos
Pois esperamos o que é obvio de esperar:

➢ A sinalización da #Parada545, para a que sería necesaria a eliminación dunhas tres prazas de aparcamento.

➢ A mellora da accesibilidade na #Parada546 —que de momento semella ir polo bo camiño—.

➢ O traslado do contedor da #Parada074, así como a mellora da accesibilidade nos seus bordos.

De aquí en un mes valoraremos o resultado final dos traballos.

20 de xullo de 2018

Doce liñas nocturnas para o #Apóstolo2018 e reforzos para o día 25

Chegan as festas do #Apóstolo2018 e con elas 12 liñas nocturnas do transporte urbano que o Concello e TUSSA poñen a disposición dos usuarios e usuarias «co obxectivo de facilitarlle á poboación da zona rural a participación en todas as actividades programadas para as festas». Asemade, o día 25  de xullo, veranse reforzadas a #Liña1 (pola mañá) e a #Liña6 (durante todo o día).

Como xa indicaba hai uns días a concelleira de Acción Cultural Branca Novoneyra, este ano se porán en marcha servizos de transporte urbano nocturnos durante a celebración das festas do #Apóstolo2018. Isto é posible grazas a que esta foi unha das ideas gañadoras dos orzamentos participativos #CompostelaDecide do anterior ano. O pasado mes de maio, durante as festas da #Ascensión2018, levouse a cabo un plan piloto, que agora se repetirá en todas as noites comprendidas entre os días 21 e 31 de xullo (incluída a que vai do 31 de xullo ao 1 de agosto). A concelleira indicou tamén a súa vontade de afianzar estas liñas nocturnas para todas as festas (entendemos que só se refire ao Apóstolo e á Ascensión...). Simplemente destacar como curiosidade que durante o dispositivo da Ascensión, as liñas funcionaron de 00:00 a 4:00 cada hora, e desta vez só o faran ata as 3:00... Non entendemos por que, cando despois das 3:00 non volve a haber transporte ata máis alá das 6:00.



Imos ao importante: as 12 liñas que recorrerán a cidade nas noites do Apóstolo. Aínda que se manteñan as denominacións orixinais para causar as mínimas confusións posibles, hai que dicir que non todas as liñas manteñen os seus perocorridos habituais.


#LIÑA1
Rosalía de Castro >> Son >> Cemiterio Boisaca


Percorrido habitual da #Liña1, só que en vez de comezar no Hosp. Clínico, farao na avda. Rosalía de Castro nº 87 (no cruce ca avda. Romero Donallo). Tamén, antes de chegar ao cemiterio de Boisaca, o autobús fará prolongación a #Son. Non estará habilitado o servizo de volta (Boisaca >> Rosalía de Castro).

Rosalía de Castro >> Son >> Boisaca: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.





#LIÑA4
As Cancelas <> Casas Novas <> Romaño


Percorrido habitual da #Liña4, que en sentido #Romaño fará prolongación por #CasasNovas. Funcionarán tanto o servizo de ida coma o de volta, só que en dirección #AsCancelas NON se fará prolongación por Casas Novas.

As Cancelas >> Casas Novas >> Romaño: 00:30, 1:30, 2:30, 3:30.

Romaño >> As Cancelas: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.




#LIÑA5
República Arxentina >> Vite
Est. autobuses >> A Rocha Vella

A #Liña5 estará dividida en dous servizos: un dende a parada Rep. Arxentina nº 43 (cruce con Romero Donallo) ata #Vite e outro dende a est. de autobuses ata #ARochaVella. Ambos os dous farán o percorrido habitual da #Liña5.

Rep. Arxentina >> Vite: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00 (a volta dende Vite farase sen pasaxeiros).
Est. de autobuses >> Conxo >> A Rocha Vella: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00 (o traxecto inverso farase sen pasaxeiros).


Clic para ampliar imaxe

#LIÑA6
Hórreo >> Amio >> San Marcos >> Bando >> Vilamaior
San Caetano >> Os Tilos

A #Liña6 tamén estará dividida en dous servizos: un partirá da parada do Hórreo (est. de trens) e irá ata #SanMarcos facendo a prolongación por #Amio para longo dirixirse ata #Bando e #Vilamaior; o outro sairá de #SanCaetano (parada 552) ata #OsTilos. Ambos os dous farán o percorrido habitual da #Liña6.

Hórreo >> Amio >> S. Marcos >> Bando >> Vilamaior: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00 (a volta realizarase sen pasaxeiros).
S. Caetano >> Os Tilos: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00 (o regreso a S. Caetano farase sen pasaxeiros).


Clic para ampliar imaxe



#LIÑA7
Valle Inclán >> Sar >> Fornás >> Aríns

Percorrido habitual da #Liña7, con prolongación a #Fornás incluída. O regreso dende Aríns farase sen pasaxeiros.

Valle Inclán >> Sar >> Fornás >> Aríns: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.



Clic para ampliar imaxe


#LIÑA8
Tanatorio <> Vidán

A #Liña8 estará operativa nos dous sentidos, sendo as súas cabeceiras as habituais.

Tanatorio >> Camiño dos Vilares >> Vidán: 00:30, 1:30, 2:30, 3:30.

Vidán >> Camiño dos Vilares >> Tanatorio: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.


Clic para ampliar imaxe

#LIÑAC11
Circ. de Fontiñas

Percorrido habitual da #LiñaC11, só que en vez de comezar na avda. do Camiño Francés (diante do C. C. As Cancelas) farao en #BernardoBarreiro (diante do IES de Sar). Tamén fara prolongación ata o #Multiusos Fontes do Sar. Ao ser un circular, calqueira persoa poderá subirse en calqueira punto do percorrido.

Bernardo Barreiro >> X. Pardiñas >> pza. Galicia >> S. Pedro >> Fontiñas >> Multiusos >> Camiño Francés >> Fontiñas >> avda. Lugo >> Bernardo Barreiro: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.

Clic para ampliar imaxe


#LIÑAP1
Est. autobuses >> Folgoso

Idéntica á #LiñaP1 diurna, co mesmo recorrido e cabeceiras. A viaxe de volta (Folgoso >> est. autobuses) farase fóra de servizo, sen pasaxeiros.

Est. autobuses >> Figueiras >> Folgoso: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.



Clic para ampliar imaxe

#LIÑAP2
Est. autobuses >> Ortoño

Tamén percorrido e cabeceiras habituais da liña. Dará servizo tamén á zona da #Choupana (no lugar da L1). Traxecto Ortoño >> est. autobuses farase sen pasaxeiros.

Est. autobuses >> Choupana >> Laraño >> Ortoño: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.



Clic para ampliar imaxe


#LIÑAP3
Valle Inclán >> Lamas de Abade >> A Susana

Cabeceiras habituais da liña P3, e recorrido habitual tamén pero con prolongación a #LamasdeAbade (concretamente, ao IES Lamas de Abade e ao CIFP Compostela). Traxecto A Susana >> Valle Inclán farase fóra de servizo, regresando o autobús valeiro.


Valle Inclán >> Lamas de Abade >> Sta. Lucía >> A Susana: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.



Clic para ampliar imaxe


#LIÑAP7
V. da Cerca >> Pardaces >> A Peregrina >> Grixoa

Percorrido habitual da #LiñaP7 ata #Grixoa pero pasando por #Pardaces. Ollo: o bus sae da #Parada660 Virxe da Cerca (Praza de Abastos 1, antes da escalinata); non confundir ca que está despois das escaleiras. A zona de #Miramontes queda sen servizo de transporte. Percorrido de volta á cidade co bus baleiro.


Virxe da Cerca >> Pardaces >> A Peregrina >> Grixoa: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.





#LIÑAP8
Valle Inclán >> Roxos >> Reborido

Percorrido habitual da #Liña P8, que en vez de pasar por #Roxos no traxecto de volta, farao xa no de ida (porque á volta o bus volve baleiro a Santiago).


Valle Inclán >> Roxos >> Villestro >> Reborido: 00:00, 1:00, 2:00, 3:00.



Clic para ampliar imaxe

Para os que se retiren máis tarde...

Recordar que existen dous servizos «madrugadores» todos os días da semana (incluídos domingos e festivos):


  • Costa de San Marcos (hotel Santiago Apóstol) >> #Castiñeiriño ás 6:00. Percorrido habitual da #Liña6.
  • #Castiñeiriño (El Corte Inglés) >> #Vite (ata onde remata a #Liña5) ás 6:20. Aínda que este servizo oficialmente estea integrado na L6, cambia o seu percorrido: é o habitual da liña ata Amor Ruibal, logo Romero Donallo >> Rosalía de Castro >> Xoán Carlos I >> Senra >> pza. de Galicia (ferraxería) >> Virxe da Cerca >> San Roque >> Pastoriza >> est. autobuses >> avda. Castelao >> Vite.


De luns a venres laborables, tamén hai posibilidade de coller:


  • O primeiro servizo da #Liña1, que sae do #HospitalClínico ás 6:30.
  • As #LiñaC2 e #LiñaC4, que saen ambos os dous ás 6:30 da est. de autobuses.
  • A #Liña4, con saídas dende ambas cabeceiras ás 7:00.

E o día 25...

O día 25 de xullo haberá reforzos en dúas liñas (o resto terán horarios de domingos e festivos):



  • #Liña1: funcionará cada 20' de 8:00 a 15:00, prolongándose dentro deste horario ata o #RecintoFeiraldeAmio todas as viaxes dirección #Boisaca. A partir das 15:00, rexirá o horario de domingos e festivos de verán (cada 30').
  • #Liña6: funcionará coma os domingos e festivos da tempada de inverno, é dicir, cada 30'. Saídas de #SanMarcos: de 7:30 a 23:00 (cada 30'); saídas de #OsTilos: de 7:15 a 22:45 (cada 30' tamén).


Dende o noso punto de vista, aplaudimos a iniciativa do #BusNocturno, moi necesaria en Santiago e demandada dende fai anos. Resulta un pouco paradoxal que tivera que levarse a cabo a través dos orzamentos participativos, pero de todos modos alegrámonos da intención do Concello de mantela para todas as festas.

A modo de apunte, gustaríanos destacar que estaría ben que houbese viaxe de volta nalgunhas liñas máis (a parte da 4 e da 8), xa que nestas datas hai persoas que poden traballar durante a noite, ou mesmo persoas ás que lle gustaría achegarse á festa máis alá da hora á que rematan os servizos de transporte diurnos, e que se ven obrigadas a ir andando ou en taxi. Esperemos que o sistema vaia evolucionando, e que tal vez algún día poidamos ter estas viaxes nocturnas ata horas máis próximas ao amencer (aínda que desta vez todo o contrario, xa que se recortou nunha hora o servizo).



FELICES FESTAS!🎉


Fontes de información: TUSSA e Concello de Santiago de Compostela
Gráficas: Bus Compostela