Amosando publicacións coa etiqueta Xunta de Galicia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xunta de Galicia. Amosar todas as publicacións

14 de setembro de 2019

Clara Campoamor terá carril bus-taxi

Chíos da oposición despois
de coñecer o proxecto de CA.
Os accesos á futura estación de autobuses a través do vial Clara Campoamor foi un dos asuntos que avivou as confrontacións entre o anterior executivo local de Compostela Aberta e o resto de candidatos durante a campaña electoral. Daquela o PSdeG xa o deixaba claro: no caso de facerse coa alcaldía paralizarían o proxecto do grupo de Martiño Noriega, que cualificaban de «disparate». E o cambio acaba de chegar porque o pasado luns foi presentada a nova proposta de reurbanización dos socialistas.

Antecedentes
As reticencias por parte dos de Bugallo viñan condicionadas, principalmente, polo número de carrís. CA contemplaba reducir os catro actuais a dous para converter Clara Campoamor nun «bulevar urbano», con carrís bici en ambas marxes e límite de velocidade máximo de 30 km/h para os vehículos. Ademais, defendían que o acceso á estación debería
Recreación virtual da rotonda.
ser regulado por semáforos e non a través dunha rotonda, como sostiña a oposición e a conselleira de Mobilidade, Ethel Vázquez. 
Tras a presentación do proxecto, a novidade vén dada en que os cambios con respecto ao anterior son, máis ben, menores. Imos velos.



Tres carrís: dous para vehículos e un para buses e taxis
Os carrís son a principal variación no novo deseño do viario. A través da redución da franxa axardinada máis próxima á estación e do ancho das beirarrúas introdúcese un carril bus-taxi dun único sentido (Sar -> Pontepedriña). Deste xeito, preténdese que os buses teñan prioridade para entrar e saír da terminal ao non ter que agardar a que un semáforo se poña en verde. Isto supón axilizar de xeito notable o fluxo de autocares da terminal, especialmente en horas punta onde chegan a acumularse ata dez, como acontece actualmente na de San Caetano.


Unha das dúas capturas facilitadas polo Concello.

A cara negativa deste carril exclusivo é que obriga a dar un rodeo aos buses que veñan polo Castiñeiriño, que terán que circular por Santiago de Cuba, túnel do Hórreo e avenida de Lugo para incorporarse a Clara Campoamor pola rotonda de Sar e poder acceder así á Intermodal. Esta volta supón, máis ou menos, un incremento do tempo de viaxe duns 5-7 min. Deste mesmo xeito, os buses que saian da terminal en dirección norte terán que ir dar a volta á xa de por si saturada rotonda de Pontepedriña.



O carril bus de Clara Campoamor será o terceiro da cidade, uníndose aos existentes no Hórreo e na Rosa. Este último, na práctica, non é máis ca unha «parada ampla» para o transporte metropolitano, posto que non facilita per se a circulación de autobuses. É máis, o habitual é que estean dous ou tres autocares estacionados nel e cando vén o urbano teña que adiantalos polo carril dos coches.

Os dous carrís bici xuntos
No proxecto de CA, os carrís bici estaban situados un a cada beira do vial, no mesmo sentido de circulación que os coches. No novo, trasládanse ambos á marxe máis próxima ás Brañas do Sar para que o que discorría a carón da estación non interrompa a entrada e saída de autobuses. Estarán separados con barreiras físicas do tráfico rodado.

Sen cambios significativos
Polo resto, non hai máis novidades dunha proposta á outra. Os carrís para coches seguirán a ser dous e limitados a 30 km/h e, segundo Bugallo, non se descarta a instalación dun radar no caso de ser preciso. Mantense tamén a praza peonil proxectada dende un primeiro momento, na que convivirán vehículos e peóns de xeito similar a como o fan no cruce de Montero Ríos con Xeneral Pardiñas e a como o farán no de Concheiros. Así mesmo, queda descartada definitivamente a opción da gran rotonda como método de acceso que a Xunta e o propio PSOE defendían no seu día.

Bus urbano en Clara Campoamor
No único plano de calidade deficiente facilitado polo Concello pódese apreciar que se manteñen os espazos reservados para o bus urbano, aínda que nas liñas expostas no Xeoportal non constara ningunha con itinerario por Clara Campoamor. Todo parece indicar que este será un dos asuntos a resolver na «revisión» que os socialistas queren dar ao prego de condicións da nova concesión antes de sacala a concurso.

Futura ubicación das paradas do bus urbano
(captura do proxecto de CA).
Os lugares reservados ao transporte urbano son dous, un en cada extremo da vía. En dirección Sar, o bosquexo recolle unha parada con baía o suficientemente grande como para albergar dous autobuses á vez, a continuación da praza peonil. Segundo a lenda, habilitaranse dúas marquesiñas. Nese mesmo punto pero na beirarrúa de en fronte, cara Pontepedriña, hai un espazo para dous buses diante da parada de taxis, a simple vista menos accesible e sen resgardo algún no caso de choiva. Habería que sumar o posible tráfico de:

➢ Os autobuses do aeroporto da futura #LiñaAP que, de non cambiar nada, terán o Hórreo (zona da escalinata) como cabeceira.

➢ O tráfico relacionado co transporte metropolitano que ata o de agora penetraba na rúa da Rosa. Está previsto trasladalo ao entorno da Intermodal e é probable que se reparta entre dous puntos: o carril bus da rúa do Hórreo (infrautilizado actualmente) e as propias dársenas da nova estación.

➢ Os autocares que presten servizos discrecionais. Poderían agardar polos seus viaxeiros nas paradas do transporte urbano de Clara Campoamor, no carril bus do Hórreo ou no interior da terminal.

Coa estación de autobuses e a pasarela xa en construción, o tempo aprema e a previsión do goberno local é que as grúas poidan estar en acción en xaneiro. É obvio que haberá que cortar Clara Campoamor durante os traballos polo que se aproveitará a ocasión para concienciar aos condutores sobre o uso do túnel do Hórreo como viario alternativo, xa que pode soportar aínda 20.000 vehículos máis ao día. Todo deberá estar rematado para agosto do ano que vén, data aproximada da posta en funcionamento da nova estación, a falta de que este mesmo mes saia á luz o proxecto básico de remodelación da estación de tren.

Fontes de información:
La Voz de Galicia
Compostela Aberta
Concello de Santiago (1ª proposta)
Concello de Santiago (2ª proposta)
Cadena COPE
El Correo Gallego
Bus Compostela
Imaxes:
Twitter (@PopularesStgo)
Twitter (@psdegsantiago)
Concello de Santiago
Bus Compostela

2 de agosto de 2019

Analizamos o novo Plan de transporte da Xunta (I): concello de Oroso


A Xunta da Galicia está a elaborar o novo Plan de transporte público que renovará o cen por cen das concesións do transporte de viaxeiros por estrada da comunidade (máis información detallada sobre o Plan no blog de Mr. Vigo). Dende o pasado mes de febreiro a Xunta está a sacar a exposición pública, por lotes, os anteproxectos das diferentes concesións. A nós nos atinxe no sentido de que todo o transporte metropolitano cos concellos e as bisbarras veciñas está incluído dentro do plan. Ata o momento, a área de Santiago non estivo incluída en ningún dos lotes que saíron á luz. Agora, coa publicación do cuarto e último en xullo, fanse públicos os horarios, percorridos e paradas de todas as liñas que teñan como orixe ou destino Compostela.

Pola nosa parte, nós trataremos de analizar polo miúdo en que medida se verá afectado ou non o transporte metropolitano con respecto á súa situación actual. Para facilitar esta análise, farémolo por concellos, aínda que haxa algunhas concesións que afecten a máis dun. Comezaremos neste post polo de Oroso, cuxa demanda será cuberta polos contratos XG800 e XG817.

Un bus de Autos Grabanxa nas inmediacións do IES Xelmírez II.

XG800 - Comarca de Ordes e norte da de Santiago
A futura concesión XG800 será a herdeira da actual V-1598, explotada por Autos Grabanxa. No relativo á nosa comarca inclúe as viaxes dende e cara Sigüeiro, Porto Avieira, Frades e Abella. Ata o de agora, todas as liñas desta concesión con parada en Sigüeiro tiñan outra localidade como destino final. Por esta razón, o cambio máis destacable é a creación de 16 novos servizos (oito de ida e oito de volta de luns a venres e catro e catro os sábados e domingos) con Sigüeiro como cabeceira, que se unen aos xa existentes cara outras vilas para completar a oferta do transporte metropolitano co concello veciño de Oroso. Estes servizos preexistentes manteranse sen apenas cambios. Os máis destacables, ao noso xuízo, son os seguintes:

➢ A liña de Abella só irá ata Sigüeiro en vez de ata Santiago. Ata o de agora só existía o servizo ATA Abella, pero agora engadirase un DENDE Abella ás 7:20 os días laborables.

➢ A última saída dende Frades ata Santiago (14:20) atrásase dez minutos e pasa a chegar só ata Sigüeiro.

➢ Engádese unha expedición dende Santiago ata Porto Avieira dende a estación ás 14:00 durante a tempada universitaria. A das 21:00, ata agora anual, pasa a prestarse só durante o período lectivo da USC.

➢ Os servizos cara Busto, Namenzo e Berdía deixan de pertencer a esta concesión, xa que se prevé incluílos a demanda dentro do transporte urbano da cidade (ou iso era o que pretendía o anterior equipo de goberno...). A cambio, inclúense moitos outros servizos da parroquia de Ordes.

As nosas conclusións finais son positivas. A creación dos 16 servizos cara Sigüeiro permiten que todos os días haxa un último bus cara a vila orosá ás 22:15. Con todo, lamentamos que non se teña ampliado o servizo dende Porto Avieira á tarde. A última viaxe dende a urbanización e as pequenas localidades anteriores a ela é no entorno das 14:40 h, demasiado cedo e motivo polo cal houbera queixas por parte da poboación. Asemade, mantense para os sábados os dous únicos servizos existentes (un de ida e outro de volta) e os domingos e festivos quedan, de novo, sen autobús.

Podemos afirmar, a modo de resumo, que Sigüeiro gaña, pero o concello de Oroso non. Outra das cuestións que tamén quedará resolta coa nova concesión é a restrición que impide a Tralusa acceder ao interior do polígono do Tambre, que derivou na creación da liña P6 e, en consecuencia, o gran recorte de frecuencia que sufriu a área industrial (que pasou de 16 min a 2 h).


XG817 - Eixo Atlántico e conexións con Lugo, Lalín e Fisterra, con anexos
Servizo actual
da XG517.
Esta megaconcesión, que será a sucesora das actuais XG516 e XG517, cubrirá, entre moitísimas outras, a conexión entre Santiago e A Coruña pola estrada N-550, pasando por Sigüeiro e Ordes. Xa na actualidade a XG517 do Grupo Monbus viña compartindo este traxecto con Grabanxa, e cómpre tela en conta á hora de establecer o número de servizos diarios que terá a capital orosá con Compostela.

Guiándonos sempre polos anexos dos anteproxectos das concesións, podemos establecer, aproximadamente, cales serán os servizos Santiago -> Sigüeiro tras a posta en marcha do Plan:

Luns a venres
Sábados
Domingos e festivos
6:30


7:30


8:00


9:00


9:50


10:00
10:00

11:00


11:45
11:45
11:45
12:00

12:00
12:10


13:00
13:00

13:15
13:15
13:15
14:00*
14:00
14:00
14:15


14:30


15:00


15:25


15:30


16:30
16:30

18:00
18:00
18:00
19:00


19:30
19:30
19:30
20:00


20:15
20:15
20:15
21:00*
21:00

21:15

21:15
22:15
22:15
22:15


Se tes problemas para visualizar a táboa, proba a facelo dende un ordenador!
Lenda:
*Só en período lectivo da USC (de setembro a xuño).
En azul: o bus continúa ata A Coruña / Betanzos.
En vermello: o bus continúa ata Frades.
En verde: o bus continúa ata Porto Avieira.
En amarelo: o bus remata en Sigüeiro.

Podemos observar que o servizo ata Sigüeiro prestado pola liña cara A Coruña mantense como estaba ata o de agora, con trece viaxes de ida e once de volta de luns a venres, seis os sábados e cinco os domingos e festivos. Esta diferenza de viaxes nos días laborables é debido a que a actual XG517 tiña incluídas tres viaxes dende a rúa da Rosa (ás 11:45, 13:15 e 20:15 h) que agora pasan á XG800 para ser operadas tamén os sábados, domingos e festivos.

En último lugar, cabe destacar que as saídas dende Santiago realizaranse en ambas as dúas concesións dende a estación de autobuses, se ben mentres que na XG800 os buses irán despois polo centro (r/ da Rosa, Virxe da Cerca, San Roque, Salgueiriños...), na XG817 circularán, dende a estación, directamente a Salgueiriños e á estrada N-550. Con todo, está previsto o traslado á nova Intermodal para agosto de 2020.
«Rodeo» polo centro da cidade das liñas da XG800.
Fontes:
Mr. Vigo
Consellería de infraestruturas e Mobilidade
La Voz de Galicia
XG800: anteproxecto
XG800: anexos
XG817: anteproxecto
XG817: anexos

Fotos:
El Portal del Autobús
Monbus
Consellería de Infraestruturas e Mobilidade

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda

3 de xuño de 2019

A #Parada088 foi eliminada a petición da Valedora do Pobo

A finais de abril TUSSA comunicaba a supresión da #Parada088 (avda. de Lugo, residencia Barroso), xusto despois de que o Concello acometese unha serie de cambios na ordenación do tráfico da avenida de Lugo. Isto propiciou que crésemos que a anulación da parada fose consecuencia destas mudanzas. Porén, no mes de maio soubemos que o apeadeiro foi eliminado a petición da Valedora do Pobo.

Sinalización nula da #Parada088.
Segundo informa Galicia Confidencial, a institución do Valedor do Pobo solicitou o traslado da #Parada088 polas dificultades que unha persoa invidente tivera para localizala, ao non estar sinalizada horizontal nin verticalmente, nin ter pavimento rugoso para persoas con problemas de visión. A valedora, Milagros Otero, púxose en contacto con Monbus (compañía coa que ía viaxar a persoa en cuestión) e coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, e ambas coincidiron na necesidade de trasladar a parada.

Finalmente, optouse directamente por suprimila. A alternativa elixida foi a seguinte xeograficamente, a #Parada694, xusto en fronte da estación de trens. Deste xeito, a #LiñaC2 simplemente eliminou a #Parada088 do seu percorrido e os buses interurbanos intercambiaron unha pola outra, pasando a recoller viaxeiros na nova localización e deixándoo de facer na antiga.


Vista da #Parada694, fronte á
estación de trens.
A dúbida que nos xorde a nós é se a #Parada694, tal e como está a día de hoxe, serve de «substituta» atendendo ás condicións que motivaron o traslado. Está sinalizada con dúas sinais a ambos lados que a delimitan e unhas raias amarelas en zigzag no chan, pero non ten ningún elemento dirixido ás persoas con problemas de visión... Actuarase sobre ela? De momento, un mes despois de ter realizado o cambio, podemos asegurar que non.

O certo é que en Compostela as paradas de autobús urbano —e menos as do interurbano— non están preparadas para persoas que teñan algún tipo de problema, xa sexa de mobilidade, de visión ou de oído. A maioría das paradas non son accesibles para cadeiras de rodas e moi poucas contan con pavimento rugoso nos seus bordos. No interior dos vehículos a situación é semellante: as ramplas eléctricas (só as teñen os máis novos) non adoitan funcionar e os buses non contan cun sistema de información acústico e visual que avise de cal é a próxima parada (esta é unha das propostas do novo goberno de Xosé S. Bugallo, por certo, recollida no programa electoral do PSdeG-PSOE).
A #Parada694 xa está situada
correctamente na web de Monbus.

Como xa comentamos no anterior post, queremos crer que este mandato será, por fin, o da mobilidade, e que se lle comezará a dar solución a algúns dos problemas que lastran á nosa rede de transporte urbano dende hai anos. Sen dúbida, un dos principais é a accesibilización das paradas. Pódese levar a cabo dun xeito progresivo e non precisa de grandes estudos e investimentos como si poden necesitalo outras cuestións pendentes de resolución como, sen ir máis lonxe, a reestruturación das liñas. 


Dúas das escasas paradas con pavimento rugoso. Unha en
Xeneral Pardiñas a outra na rúa Lisboa, en Fontiñas.

Fontes:

TUSSA
Galicia Confidencial
Google Maps
Monbus

23 de abril de 2019

A reorganización viaria no entorno do túnel do Hórreo elimina a #Parada088

Dende comezos de abril, a avenida de Lugo goza dunha nova reordenación do tráfico que facilita as manobras dos condutores e mellora notablemente a seguridade viaria na zona. Concretamente, actuouse en dous lugares: no cruzamento da avenida coa SC-20 (eliminando unha perigosa incorporación) e nos arredores da entrada este do túnel do Hórreo. Neste último punto, viuse afectada a operatividade da #Parada088, que quedou suprimida para sempre.

Novo aspecto da avda. de Lugo no entorno do túnel do Hórreo.
Fonte: Concello de Santiago.

No transporte urbano, esta #Parada088 só servía á #LiñaC2. Ao quedar excluída, simplemente se derivou aos usuarios á máis próxima, a seguinte, a #Parada694 (Hórreo, fronte á estación de trens). Nela tamén realizaban parada moitas liñas de autobús interurbano, cuxos viaxeiros tamén terán que coller o bus agora na #Parada694. De feito, ao non sinalizar a eliminación do apeadeiro «in situ», son moitas as persoas que seguen a agardar alí erroneamente.

HISTORIA DA #PARADA088
Así lucía a #Parada088 no 2012, cunha marquesiña
non accesible completamente pegada á estrada.
Fonte: Google Maps.
A #Parada088 estivo sinalizada e contou con marquesiña ata a construción do túnel do Hórreo. Un tempo despois de concluír as obras, retirouse a marquesiña e a sinalización horizontal (palabra «BUS» e as liñas amarelas diagonais). Aínda así, a parada non quedou suprimida, senón que se trasladou uns metros máis arriba, a unha isleta na que, en teoría, non podería existir unha parada de autobús.
Lugar onde os autobuses
realizaban a parada ata
hai unhas semanas.

Agora, coa entrada en vigor da liña descontinua que permite aos vehículos procedentes da rotonda inferior de Sar incorporarse ao túnel, o Concello considerou que este punto era o suficientemente conflitivo como para albergar un punto de subida e baixada de viaxeiros, co consecuente vehículo parado na vía. Deste xeito, decidiu suprimir de xeito indefinido a #Parada088.




ALTERNATIVA >> #PARADA694
#Parada694, na que é
habitual encontrar a xente
esperando de pé, ao non
ter onde sentarse.
A alternativa, tanto para a #LiñaC2 como para o bus interurbano, será a #Parada694, no mesma rúa do Hórreo, próxima ao cruce con Santiago León de Caracas e fronte á estación de trens. Este espazo atópase sinalizado verticalmente con dous sinais que delimitan a lonxitude da parada, pero non conta con poste informativo. Neste sentido, e tendo en conta que é a única parada que moitas liñas interurbanas realizan no centro da cidade, ten todas as papeletas para ser un dos lugares nos que a Xunta instale unha das novas marquesiñas (ou polo menos, nós cremos que sería o máis conveniente).

A historia da #Parada694 é máis breve. Foi creada entre 2011 e 2012 (antes só era unha zona de aparcamento, como se pode comprobar en Google Maps) e, ao igual que a #Parada088, só presta servizo á #LiñaC2. As súas condicións de accesibilidade non son as óptimas, pero tampouco as peores: cun pouco de colaboración do condutor, os buses de dous portas da #LiñaC2 poden quedar moi próximos á beirarrúa para a subida de pasaxeiros. Porén, cremos que os grandes e longos buses interurbanos non están preparados para estacionar nesta parada como deberían, polo que non estaría de máis extender o apeadeiro, ocupando un par de prazas de aparcamento máis.

Fontes de información:
Concello de Santiago
Google Maps
TUSSA

16 de marzo de 2019

A futura #LiñaAP ao aeroporto será xestionada polo Concello

Era un segredo sabido por todos (constaba no Xeoportal do Concello), pero o pasado martes confirmouse: a Dirección Xeral de Mobilidade cedeu ante o Concello, que pasará a xestionar o servizo da ruta de autobús que une Compostela co aeroporto de Lavacolla baixo a denominación «liña AP», no marco de remodelación do Plan de Transporte Metropolitano de 2020. Será engadida como unha liña máis ao transporte urbano, con todas as vantaxes e inconvenientes que iso supón.


Os principais cambios serán:

HORARIOS
Como podedes comprobar no post sobre esta liña, os horarios operados por Empresa Freire son bastante flexibles, cun bus ao aeroporto cada media hora dende as 6:00 (7:00 no sentido inverso) ata as 00:00 (1:00 dende Lavacolla). Aínda así, estes servizos son insuficientes, pois non chegan a tempo para embarcar nos voos máis madrugadores, cuxos viaxeiros adoitan coller máis o bus que os do resto da xornada.

A vontade do Concello é ampliar este horario, facendo que o primeiro bus saia cara a terminal ás 5:00, unha hora antes, para chegar aos primeiros voos. Asemade, tamén é probable que o último dende Santiago sexa á 1:00, en vez de ás 00:00 como ata agora. Non se ten pensado modificar a frecuencia (cada 30 min). Neste sentido, Freire xa solicitara á Xunta hai uns anos o adianto do comezo do servizo, pero fóralle denegado.



UNHA LIÑA MÁIS DO TRANSPORTE URBANO

A ruta de Empresa Freire transporta, basicamente, dous tipos de viaxeiros: os usuarios do aeroporto e os veciños de Lacavolla e arredores. Coa inclusión da liña dentro do transporte urbano, poderanse engadir a estes perfís outros de carácter urbano. Por exemplo, sería a mellor opción para trasladarse dende o centro da cidade á estación de autobuses dun xeito máis rápido e con menos paradas que a #Liña5 ou para chegar ata a pza. de Galicia dende o centro comercial As Cancelas, sen ter que estar 25 minutos nun bus da #LiñaC11.


ITINERARIO E PARADAS
O percorrido da #LiñaAP será similar ao actual, pero contempla algúns cambios:

Seguirá partindo dende a pza. de Galicia (#Parada410), seguindo pola rúa da Rosa e as dúas estacións (a de tren e a de bus, respectivamente). Para cando estea en funcionamento a nova estación de autobuses no complexo da Intermodal, suprimirase a parada na actual.

➢ Crearase unha nova parada en Fontiñas, para dar cobertura aos habitantes do barrio e aos seus traballadores, así como á zona norte da cidade. Isto lévanos a pensar que, de non variar o percorrido, a que máis papeletas ten é a #Parada153 (fronte ao C.C. As Cancelas), onde actualmente só para a #LiñaC2. Porén, no Xeoportal, o itinerario está marcado polas rúas de Londres e París, pero cómpre destacar que foi ideado para cando xa non funcione a estación de San Caetano, posto que non a contempla como parada. No contexto actual, resulta inviable o percorrido por Londres despois de parar na estación de buses, xa que non se pode acceder a Fontiñas a través da avda. de Lugo.

➢ Os buses accederán ata as portas da CRTVG, en vez de parar a pé de estrada como fai ata o de agora Empresa Freire. Deste xeito, cúmprese unha vella demanda dos traballadores do ente público, que só podían acceder ás instalacións a través das contadas prolongacións da #Liña6 a Vilamaior.


NOVAS TARIFAS...?
Empresa Freire conta cunha subvención da Xunta que lle axuda a sufragar os gastos da liña. Coa entrada desta no mapa do transporte urbano, enténdese que pasará a ter as tarifas do resto das liñas municipais, é dicir, de 1€ en metálico e 0,60€ con tarxeta (tanto as TMG e a TMG «Xente Nova» como os cartóns de TUSSA). Outra das novidades é que, ao deixar de formar parte do transporte metropolitano, os importes das viaxes realizadas coa «Xente Nova» deixarán de ser reembolsados aos seus posuidores porque xa non as pagará a Xunta. Porén, as realizadas coa TMG normal (0,86€) pasarán a ter un custo de 0,60€, unha rebaixa considerable.


Estas son as nosas suposicións, posto que nada se sabe aínda de se TUSSA variará ou non as tarifas, polo menos aquelas que se pagan en efectivo, posto que o prezo actual é de 3€ ida e 5,10€ ida e volta, a pesares de contar coa subvención autonómica. 



CAMBIOS PREVISTOS COA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DA INTERMODAL
Para cando deixe de funcionar a estación de autobuses de San Caetano e comece a facelo a ubicada en Clara Campoamor, a liña sufrirá cambios considerables no seu percorrido. Concretamente, os xa recollidos no Xeoportal, que pasan por substituír a saída dende a praza de Galicia pola propia Intermodal, e contemplan un percorrido circular polo Ensanche a través do Hórreo, Senra, Xoán Carlos I, Rosalía de Castro e Romero Donallo, cunha nova parada na pza. de Vigo.


Detalle do percorrido da futura #LiñaAP polo Ensanche, unha
vez estea en funcionamento a Intermodal.
VEHÍCULOS
Empresa Freire opera a liña con vehículos adaptados ás necesidades do servizo. Concretamente, os buses teñen porta maletas e un servizo de información ao viaxeiro en galego, castelán e inglés, no que se poden visualizar as paradas dispostas nun mapa nunha pantalla. Conta tamén con avisos sonoros de «próxima parada».

Cando pase a ser operada por TUSSA, será necesario a adquisición de novos autobuses, xa que os actuais non chegan para cubrir a liña. Queremos crer que se terán en conta as peculiaridades deste servizo á hora de facelo, posto que é inviable —e máis en tempada alta e con vistas ao Xacobeo 2021— realizalo con buses estándar.

Fontes de información:
Empresa Freire
La Voz de Galicia (12/03/2019)
La Voz de Galicia (13/03/2019)
La Voz de Galicia (14/03/2019)
Xeoportal do Concello

1 de marzo de 2019

Un carril para cada sentido e regulada mediante semáforos: así será a nova Clara Campoamor

Xa o viñamos anunciando dende setembro, e onte confirmouno o concelleiro Jorge Duarte: Clara Campoamor convertirase nun bulevar urbano, cun carril para cada sentido de circulación —dous nas proximidades das rotondas e da estación de autobuses— e carril-bici e beirarrúas en ambas as dúas marxes. Finalmente e tras diversas tensións coa Xunta, o acceso á estación regularase mediante semáforos, e non a través dunha glorieta como defendía a conselleira Ethel Vázquez. Unha das principais novedades será o traslado da cabeceira dos buses metropolitanos dende A Rosa ata o carril-bus do Hórreo.



SEMÁFOROS, NON ROTONDA

Unha das tantas polémicas creadas a raíz da reurbanización de Clara Campoamor foi a elección do que será o acceso á estación de autobuses: o Goberno local apostaba pola instalación de semáforos e tanto a oposición como a Xunta defendían a implantación dunha gran rotonda. Finalmente serán os primeiros os encargados de regular o acceso dos autobuses á terminal.

Recreación virtual da gran rotonda que a Xunta
pretendía construír.
Estes semáforos cambiarán de cor cada 3 min, posto que, segundo o concelleiro, serán 20 os buses que entren / saian da estación cada hora (430 ao día). De todos os xeitos, se dividimos ese total entre o número de horas aproximadas nas que verdadeiramente funciona a terminal (17, de 6:00 a 23:00), o resultado é de 25 buses/hora. Aínda así, a primeira vista resulta máis factible a opción dos semáforos, posto que, no caso de construír a rotonda, o máis probable é que os buses, debido á súa lonxitude, colapsen os seus dous carrís, como xa fan agora nas que se atopan nos dous extremos de C. Campoamor. Non semella a infraestrutura máis axeitada para vehículos longos.


UN CARRIL PARA CADA SENTIDO

A vontade do Goberno local de rebaixar os dous carrís para cada sentido actuais a un efectuarase, e así vén definido no proxecto. Con todo e tras advertencias da empresa IDOM, haberá tres puntos nos que se manterá o dobre carril:

No acceso á estación (dirección Pontepedriña → avda. de Lugo). Neste punto, haberá un segundo carril que funcionará como vía de espera para os autobuses que estean agardando a que o semáforo se poña en verde para darlles paso á terminal.

Nos accesos ás dúas rotondas colindantes. Para acceder a Clara Campoamor dende calquera das dúas glorietas que a delimitan, haberá un só carril. En cambio, para abandonar o vial a través delas, serán dous.


Os tres lugares onde haberá dobre carril.
O número de carrís é outro dos temas, como o do método de acceso, que non deixa de xerar disputas entre Compostela Aberta e o resto das forzas políticas de Compostela. O PSdeG xa anunciou que paralizará o contrato no caso de gobernar durante a seguinte lexislatura.


CARRIL-BICI
Outra das novas infraestruturas coas que contará o vial de Clara Campoamor será un carril-bici. Aínda que nun primeiro momento estaba pensado que os carrís de ida e volta estivesen xuntos, finalmente discorrerán un por cada marxe. Aplaudimos a vontade do Goberno local por pensar na mobilidade ciclista, pero xustamente nesta rúa non ten moito sentido a súa instalación, salvo que se lle de algún tipo de continuidade nos extremos —a rotonda de Pontepedriña e a inferior baixo a avda. de Lugo—.



OS BUSES METROPOLITANOS, AO HÓRREO
Tras anos demandándoo, os veciños da Rosa poderán por fin descansar en paz, xa que tras a entrada en funcionamento da Intermodal, prevese que os buses metropolitanos trasladen a súa cabeceira ata o carril-bus do Hórreo. Isto supón toda unha tregua para o tráfico do Ensanche, ao liberar á República Arxentina do paso de 230 buses cada día que, por outra banda, irán a parar á xa colapsada rotonda da Galuresa.

Pola nosa parte, simplemente esperamos que se adecúe a zona do Hórreo para acoller o tránsito de todo o transporte metropolitano, do mesmo xeito que se fixo na Coruña coa parada de Entrexardíns hai dous anos.

Na actualidade, o carril-bus do Hórreo só se emprega para os #ServizosLanzadeira

Duarte avoga por potenciar o uso do túnel do Hórreo para os vehículos procedentes do Restollal e do Castiñeiriño, que accederían a el a través do viario Santiago de Cuba. Isto na teoría, porque na práctica é ben sabido por todos o dificultoso de cambiar os costumes dos condutores. De todos os xeitos, o Concello atópase negociando con Fomento a eliminación da liña continua que impide acceder á rotonda baixo a SC-20, co obxectivo de poder potenciar o uso do subterráneo.

HABERÁ BUS URBANO EN CLARA CAMPOAMOR?
Era e segue a ser unha das nosas dúbidas. No marco da nova concesión, e polos percorridos que se poden visualizar no Xeoportal do Concello, non consta que ningunha liña vaia circular por Clara Campoamor. Nin sequera a denominada «Liña AP», que conectará o aeroporto coa Intermodal, posto que, sempre segundo o Xeoportal, rematará no mencionado carril-bus do Hórreo.

Porén, tras botarlle unha ollada aos planos na web do Concello, atopámonos co seguinte:

Clic para ampliar
Por unha banda, un espazo reservado para «autobuses urbanos». Aparentemente, non serían máis de dúas ou tres prazas, pero resulta chamativo cando, repetimos, parece non estar contemplado o paso de ningunha liña urbana pola rúa. Por outra banda, na outra beirarrúa, unha parada de autobús con dúas marquesiñas, segundo a lenda. Non tería moito sentido que foran os buses interurbanos os que foran parar nese punto, posto que xa o farían na propia estación. Baixo este punto de vista, as únicas explicacións posibles serían que estivera reservada para o bus urbano ou para transporte discrecional.


Fontes de información: