Tras a autorización da Xunta de Goberno local a Tralusa para o troco dos vehículos, queda por ver se se traerán unidades procedentes doutras empresas do Grupo Monbus ou se adquirirán de primeira man. Por experiencias pasadas, todo parece indicar que serán de segunda man, aínda que o alcalde, Sánchez Bugallo, incidiu en que os buses serán «novos ou case novos».
Por facer memoria...
Un dos Scania alcalaínos, o 2338 (antes do cambio a «C. Vilares» no panel😉) |
Paralelamente tamén se introduciron varios CS-40 City II —tamén de Alcalá— para tratar de salvar os casos imposibles, aqueles vehículos que xa morreran ou que pouco lles quedaba para. Podemos distinguilos dos CS-40 orixinais de Tralusa porque as barras do interior están pintadas de vermello (igual que nos Scania) en vez do tradicional amarelo. Estas unidades viñeron xa con moitos km enriba e agora, con 16 anos e medio de antigüidade, non se atopan en condicións decentes para prestar un bo servizo.
O bus máis novo de toda a rede (o Citaro de Grabanxa), xunto a un dos máis vellos, o 1956 de Tralusa (aínda hoxe circulou na #LiñaC6). Foto: Asannei. |
Xa no verán do ano pasado comezou a circular o que ata agora é o vehículo máis recente de toda a frota (exceptuando o Citaro de Autos Grabanxa para a #LiñaP6): un Citaro O530 matriculado en 2011. O seu número de empresa é o 2424 —o máis alto— e ten tres portas, coas barras interiores en cor azul. Procedía do aeroporto de El Prat.
Para atopar as últimas adquisicións de primeira man temos que remontarnos ata 2012, ano no que o Concello —non Tralusa— mercou tres Citaro K cofinanciados con fondos da Unión Europea. A súa característica máis singular é que están repintados metade en azul e metade en amarelo. Nos días laborables adoitan circular nas liñas 9, C2 e C5.
Buses saíntes
Como é de esperar, os buses novos entrarán para substituír aos que máis anos teñen enriba. Actualmente, as liñas máis castigadas coas vellas glorias acostuman ser a 1 e a C11, que alternan entre elas o peor do parque móbil. A P1 e sobre todo a C6, cun bus cada unha, tamén levan parte do premio. En definitiva, coidamos que a intención é tentar retirar os vehículos anteriores ao 1965 (aínda que hai algún con numeración maior antigo dos traídos de Alcalá), que teñen matrículas coa letra C.
Buses entrantes
Tendo en conta que os autobuses que circulan polas rúas de Santiago son pouco máis de corenta, unha renovación de nove representa case un cuarto da frota, polo que é un cambio significativo. Agora a dúbida é con que nos sorprenderá Tralusa. Para prestar os servizos do festival O Son do Camiño a empresa trouxera varios Scania City Versus de Alcalá así coma uns Citaro C2 e un Citaro L, que máis tarde pillamos en probas en Virxe da Cerca. Queremos pensar que podemos descartar os Scania, enormes e ruidosos, coa escusa de «novos ou case novos». Non así os Citaro C2, que poderían encaixar co de «case novos».
"Cazado" este Citaro L procedente de Ibiza en probas en Virxe da Cerca con condutores de @maisbus— Bus Compostela 🚍 (@BusCompostela) July 22, 2019
Este vehículo xa prestara servizo nas lanzadeiras do @OSonDoCamino e do concerto de Alejandro Sanz
Significará isto algo...?😏 pic.twitter.com/R3rryHxRp2
Sen dúbida, a renovación destes vehículos será ben recibida polos usuari@s e condutor@s, pero o momento no que se decide facela resulta sospeitoso, ás portas duns novos pregos. Isto é debido a que é probable que o proceso sufra o vixésimo atraso: se Muíños citaba decembro como data para o concurso, o alcalde falou antonte do «primeiro trimestre de 2020». A cuestión é, será o último...?
Fontes de información:
Concello de Santiago
La Voz de Galicia
CIG
Fotos:
Asannei
Bus Compostela
Estou leendo isto dende a liña 15 que collin na Av. Barcelona con case 20 minutos de retraso. Fai 4 anos que comezamos a escoitar falar da nova concesión e seguimos igual. Moverse pola cidade é un caos. Moitas veces xa é mellor ir andando, chegas antes.
ResponderEliminar