26 de xullo de 2019

Avistado un Citaro L en probas

O pasado luns «pillamos» en Virxe da Cerca a un novo autobús en probas. Trátase dun Mercedes-Benz Citaro L, de tres portas e 15 metros de lonxitude. No seu interior ían dous condutores de Tralusa (un conducindo e outro de pé ao seu lado) e o que parecía ser un técnico asesor.


Este vehículo pertence ao Grupo Monbus (propietario de Tralusa) e tivo varios destinos. Un dos últimos foi Sabadell (Barcelona), onde cubriu un traxecto substitutivo por obras en Renfe. Chegou a Compostela en xuño para formar parte dos servizos lanzadeira para O Son do Camiño e o concerto de Alejandro Sanz, e parece que a súa estadía está a ser prolongada para poñelo a proba.

MONBUS 1817
O 1817 en Sabadell.

Os seus 15 metros converteríano, no caso de que comezara a prestar servizo na cidade, no bus máis longo de toda a frota. Os vehículos máis longos ata o de agora andan en torno aos 12 m. Porén, ben sabido é que a fisionomía de Compostela non está preparada para vehículos destas dimensións. Un dos puntos máis conflitivos é a curva das Rodas:

O Citaro L nas lanzadeiras ao Monte do Gozo.
Con todo, cabe a posibilidade de que este novo autobús estivera sendo probado para destinalo á ruta do aeroporto de Lavacolla, a futura #LiñaAP que o Concello terá que xestionar a partir de decembro coa implantación do novo Plan de transporte da Xunta. Neste caso a lonxitude si estaría xustificada, xa que o percorrido deste servizo que unirá a Estación Intermodal coa terminal discorre por vías periféricas adaptadas a vehículos longos.


O 1917 en Alcalá e
en Santiago.
Guiándonos pola súa matrícula e a través de ferramentas online, podemos saber que foi matriculado en agosto de 2014, polo que este Citaro L cumprirá o lustro nos vindeiros días. Tería a honra de converterse no vehículo máis novo de Tralusa, seguido do Citaro adquirido o ano pasado, de algo máis de oito anos.

Por facer memoria...
Os últimos vehículos cen por cen novos do transporte urbano son os tres Citaro K que entraron en servizo no 2012, que son propiedade do Concello e foron cofinanciados polos Fondos FEDER da Unión Europea. Dende aquela, uníronse á frota en torno a dez vehículos procedentes de Alcalá de Henares (varios Scania CS40 City II, outros Scania N270UB e Citaros de primeira xeración). No verán de 2018 incorporouse un Citaro procedente do aeroporto de El Prat e agora, no de 2019, veremos que acontece con este pequeno gran xigante, o Citaro L.


Fotos: MiQuel Segura, El Intercambiador, asannei e elaboración propia

22 de xullo de 2019

O bus nocturno só funcionará unha noite durante o #Apóstolo2019

Xa estamos en festas!🎉


O venres daban comezo as festas do Apóstolo 2019 co pregón do actor Luis Zahera. Ata o 31 de xullo, a cidade será testemuña dunha infinidade de eventos para todas as clases de persoas e gustos. Destacan os grandes concertos que terán lugar na praza da Quintana, así como os tradicionais fogos nas noites do 24 e do 31.

Por iso, e aínda que moito máis austero que o do ano pasado, porase en funcionamento un servizo nocturno para facilitar a volta a casa de todos os composteláns e compostelás a practicamente calquera punto cuberto pola rede do transporte urbano diúrna. O básico:

12 liñas (1, 4, 5, 6, 7, 8, C11, P1, P2, P3, P7 e P8).
➢ Saídas dende as cabeceiras ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 h. Liñas 4 e 8 tamén ás e medias.
➢ Prolongacións en moitos dos percorridos.
➢ Sistema ideado para desprazarse do centro á periferia, non á inversa.

#Liña1: Rosalía de Castro → Son  Boisaca
➢ Saída dende a #Parada450, en Rosalía de Castro, 87 (cruce con Romero Donallo, ao carón do bar Kampus).
➢ Dende esta cabeceira, percorrido habitual da L1 ata Boisaca con prolongación por Garabal - Son.



#Liña4: As Cancelas ⇆ Casas Novas  Romaño
➢ Itinerario e cabeceiras habituais da L4.
➢ Funcionará nos dous sentidos: saídas dende Romaño ás 00:00, 1:00, 2:00 3:00; dende As Cancelas ás 00:30, 1:30, 2:30, 3:30.
➢ Por Casas Novas só as viaxes en dirección Romaño



#Liña5:
República Arxentina →
 Vite

Estación de autobuses → A Rocha Vella
➢ Dous traxectos que funcionarán só no sentido de circulación indicado.
➢ Saídas das cabeceiras (Rep. Arxentina e est. de autobuses) ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 h.



#Liña6:
Hórreo → Amio → San Marcos → Bando → Vilamaior

San Caetano → Os Tilos
➢ Dous traxectos, un cara San Marcos e outro en dirección Os Tilos. O primeiro realizará prolongacións por Amio, Bando e Vilamaior (destino final).
➢ As saídas das 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00 realizaranse dende o Hórreo (estación de trens) e San Caetano (#Parada552).



#Liña7: rúa Valle Inclán → Fornás  Aríns
 Percorrido habitual da L7 (co desvío por obras en Castrón Douro).
➢ Prolongación a Fornás e logo percorrido por Aríns (Lobío, A Pena, rotonda Monte do Gozo, Sanxuás e Torrebranca).



#Liña8: Vidán ⇆ Tanatorio
➢ Xunto coa L4, funcionará tamén nos dous sentidos.
➢ Saídas de Vidán ás 00:00, 1:00, 2:00 e 3:00; dende o tanatorio ás 00:30, 1:30, 2:30 e 3:30.
➢ Cabeceiras e percorrido habitual da L8.



#LiñaC11: circular de Fontiñas
➢ A cabeceira trasládase á rúa Bernardo Barreiro (IES de Sar).
➢ Percorrido habitual do C11, pero só con acceso a Fontiñas unha vez (no traxecto de ida).
➢ Prolongación ata o Multiusos Fontes do Sar.



#LiñaP1: estación de autobuses  Folgoso
➢ Mesmas paradas e percorridos que a P1 diúrna.



#LiñaP2: estación de autobuses  A Choupana  Ortoño
➢ Paradas e itinerario habituais da liña P2.
➢ Dará servizo a toda a zona sur (Santa Marta, A Choupana, Volta do Castro, avda. de Barcelona, etc.) ao non chegar a liña 1 nocturna ata ela.



#LiñaP3: rúa Valle Inclán  Lamas de Abade  A Susana
➢ Paradas habituais da liña P3.
➢ Realizarase a prolongación ata o CIFP Compostela e o IES Lamas de Abade.



#LiñaP7: Virxe da Cerca  Pardaces  A Peregrina  Grixoa
➢ Saídas dende a #Parada660, en Virxe da Cerca, onde a escalinata da praza de Abastos.
➢ Primeiro realizará o percorrido por Pardaces para logo seguir cara A Peregrina e Grixoa.
➢ O núcleo de Miramontes non terá servizo de bus nocturno.



#LiñaP8: rúa Valle Inclán  Roxos  Reborido
➢ Pasará por Roxos e Vilastrexe, onde dará media volta para continuar cara Villestro e Reborido.
➢ Paradas habituais da liña P8.



Para os máis tardóns...
Captura da app maisbus do servizo das 6:00
(San Lázaro - Castiñeiriño) e das 6:20
(Castiñeiriño - Vite).
Para aqueles aos que lle resulten demasiado cedo estes servizos, contan con un que percorre unha gran parte da cidade e que circula todos os días do ano. É o máis madrugador e o menos coñecido de toda a rede, e está incluído de forma oficial dentro da #Liña6, aínda que non segue ao cen por cen o percorrido desta, senón que é unha mezcla das L1, 5 e 6. Isto deriva en que presente algún que outro problema no SAE que pode inducir a confusión. Explicarémolo nun post que lle dedicaremos a este peculiar servizo de primeira hora. 😄

E para o día 25...
En último lugar, o xoves 25 de xullo, día de Galicia e festivo en toda a comunidade, veranse reforzadas as liñas 1 e 6:

#Liña1: reforzo no horario de mañá, con pasos cada 20 min. As viaxes en dirección Boisaca prolongaranse polo Recinto Feiral de Amio.

#Liña6: reforzo durante todo o día. Funcionará como un domingo de inverno, con frecuencias de 30 min. Saídas de San Marcos, de 7:30 a 23:00 h; saídas dos Tilos, de 7:15 a 22:45.

Polémica arredor do bus nocturno
O ano pasado saíu elixido nos orzamentos participativos, no apartado das festas do Apóstolo, o bus nocturno. Púxose en marcha durante as once noites coas últimas saídas ás 4:00 (4:30 no caso das liñas 4 e 8). Para as festas deste ano volveu ser escollida a proposta e todo parece indicar que o novo goberno municipal acabou por desbotala. Só funcionará —polo que sabemos ata o momento— a noite do 24 e non terá paradas a demanda. Ademais, as últimas saídas pasarán a ser ás 3:00, unha hora moi cedo para as que son as festas máis importantes da cidade.

Fontes de información: TUSSA, Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Imaxes: Concello, elaboración propia e app maisbus

4 de xullo de 2019

Autobús de volta dende a CdC nos días de «Atardecer no Gaiás»

Este xoves da comezo o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás, os solpores musicados que a Cidade da Cultura organiza os xoves, venres e sábados dos meses de xullo e agosto ás 21:00. Os servizos de transporte público para subir ata o Gaiás serán os habituais (#Liña9 os días laborables e prolongacións da #LiñaC11 os sábados), pero TUSSA habilitará un servizo de volta ata o centro con saída ás 23:00 dende a #Parada683 da CdC.



Centro cidade → Gaiás
➢ Xoves e venres (#Liña9): saídas dende Casas Novas ás horas e media e dende a CdC ás en punto. Cómpre destacar que o horario desta liña non adoita cumprirse, e máis aínda os días de concertos con alta afluencia de xente. Na pasada edición, por exemplo, resultou case imposible achegarse ao Gaiás en bus urbano ao concerto de Rels B, que non puido coller a xente máis aló da Senra. Para colmo, en vez do tradicional Citaro que presta servizo na liña, ese día era substituído por un dos pequenos MAN NM223F.
«Termómetro» coas paradas da #Liña9 (ante a falta dun oficial...).

➢ Sábados (#LiñaC11): durante os sábados pola tarde, a #LiñaC11 conta cunha serie de prolongacións ata a Cidade da Cultura. As idóneas para asistir aos concertos de «Atardecer no Gaiás» —todos son ás 21 h— son aquelas que pasan por Xeneral Pardiñas / pza. de Galicia ás 19:55 e 20:15 respectivamente.

Gaiás → centro cidade
Sairá un autobús ás 23:00 dende a #Parada683, cabeceira da #Liña9 na CdC. O seu percorrido será similar ao desta liña, só que en vez de ir por Concheiros e Valle Inclán circulará por Rodríguez de Viguri, Pastoriza e San Roque, e en vez de rematar en Casas Novas terá como destino a pza. de Galicia. Tampouco pasará polo Multiusos. Este servizo só estará dispoñible os días que haxa concerto, que serán:

En xullo: xoves 4, venres 5, sábado 6; xoves 11, venres 12, sábado 13; xoves 18, venres 19, sábado 20; venres 26 e sábado 27.

En agosto: xoves 1, venres 2, sábado 3; xoves 8, venres 9, sábado 10; xoves 15, venres 16, sábado 17.

Mapa co percorrido e paradas deste servizo:


CLICA AQUÍ se non podes visualizar o mapa correctamente

A pé
Dende o centro da cidade, existe unha ruta que conecta o Gaiás a través do barrio de Sar e do Bosque de Galicia. Ten unha duración aproximada duns 40 min e é cen por cen aconsellable pola beleza do trazado e por ser o método máis saudable para chegar aos concertos. 😁



En coche
Para aqueles que decidan ir en vehículo privado ata o Gaiás contan cunha serie de aparcadoiros gratuítos nas inmediacións do recinto con máis de 600 prazas. Os máis próximos ao lugar de celebración dos concertos, a praza central, son o P1 e P2. Ademais, dende febreiro está en servizo unha nova saída que conecta directamente a AP-9 coa Cidade da Cultura.


Fonte de información: TUSSA
Imaxes: Cidade da Cultura