20 de agosto de 2018

Arrincan as obras en Patio de Madres e Castrón Douro. Desvíos na #Liña7!

Nós xa o adiantabamos hai uns días en Twitter:
O certo é que o de «grandes» era debido a que pensabamos que o luns 20 de agosto darían comezo dúas grandes obras no entorno de Sar: a rexeneración da calzada de #PonteMarzán - #Sandino - #CruceirodeSar e reurbanización de #PatiodeMadres e #CastrónDouro. Pero parece ser que polo de agora, só esta última comezará na devandita data. Os autobuses da #Liña7, que nas súas viaxes dirección #Aríns / #Fornás transcorren por estas dúas rúas, veranse desviados. 

Desvío #Liña7 dirección Aríns / Fornás
Obras en Patio de Madres / Castrón Douro

Estas obras teñen unha duración estimada de 18 meses, e provocarán un desvío na #Liña7 dirección Aríns / Fornás: dende a #Parada410 (pza. Galicia nº 3, Zara) os buses continuarán por Doutor Teixeiro >> pza. Puente Castro >> Hórreo >> avda. de Lugo >> Bernardo Barreiro >> Curros Enríquez, retomando o percorrido en Castrón Douro (xa que as obras nesta rúa só afectarán ata o cruce con Curros Enríquez).

As paradas anuladas son: 

  • #Parada368, Patio de Madres. A alternativa máis próxima é a #Parada247, Fonte de Santo Antonio, 3. É moito peor no sentido que, en vez de coller o bus en Patio de Madres e baixar xa cara Sar, agora habería que collelo en Fte. de Sto. Antonio e padecer todo o desvío, pero no fondo, non queda outra.
  • #Parada462, Castrón Douro c. Curros Enríquez. Establecerase unha #ParadaProvisional, mentres duren as obras e o desvío, no mesmo cruce pero na rúa Curros Enríquez (é dicir, Curros Enríquez c. Castrón Douro). Non cremos que vaia ser sinalizada, xa que por non estalo non o está nin a oficial...

Plano do desvío (clic para ampliar)

NOTA: aínda que Patio de Madres e Castrón Douro se cortarán por tramos (nunca estarán as dúas rúas cortadas na súa totalidade ao mesmo tempo), o desvío da #Liña7 será efectivo durante todo o tempo que duren as obras, independentemente do tramo que estea restrinxido ao tráfico. Toda a info sobre a reordenación do tráfico na web do Concello.

As obras en si

As obras consisten nun lavado de cara completo da rúa: rebaixarase o rasante para mellorar o acceso ás vivendas, mellorando tamén así a accesibilidade e evitando a acumulación de agua en épocas chuviosas. As beirarrúas serán máis amplas actualmente apenas cabe un carriño de bebé mediante a eliminación de prazas de aparcamento. Só quedarán dispoñibles prazas de carga e descarga e áreas de estacionamento rápido (nas que só se poderá aparcar por un máximo de 10 min.).

 Estado da #Parada368 arriba (con furgoneta mal
 aparcada incluída...) e da #Parada462 abaixo.
No ámbito do transporte urbano, o cambio máis notable será a substitución do pavimento actual por formigón, que permitirá aforrar a inxente cantidade de baches e fochancas que os buses da #Liña7 tiñan que soportar. Tamén a eliminación de prazas de aparcamento aforrará máis dun atasco ao bus, que en diversas ocasións se vía «atrapado» debido aos coches que aparcaban na liña amarela da parte superior de Patio de Madres.

#Liña7 «atrapada» en Patio de Madres
Esperamos tamén que neste proxecto se tiveran en conta as dúas paradas do transporte urbano situadas dentro da zona de actuación: a #Parada368, Patio de Madres (sinalizada pero sen panel de información de liñas) e a #Parada462, Castrón Douro (sen ningún tipo de sinalización e por tanto, tamén sen poste de información).







A nosa humilde opinión

O percorrido da #Liña7 (sentido Aríns / Fornás), unha vez alcanzado o barrio de Sar, é sinxelo e con pouco tráfico. Isto significa que os autobuses poden cumprir o horario sen problemas, con tempo de sobra en moitas viaxes. Incluso con este novo desvío, non cremos que vaia a haber problemas para seguir cumpríndoo, agás algún servizo en horas punta que si poderá ir uns minutos fóra de tempo.

Pero si auguramos problemas para cando comecen as obras de rexeneración de Ponte Marzán, Sandino e Cruceiro de Sar, xa que o máis probable e que a #Liña7 (desta vez dirección Valle Inclán) se tivese que desviar por Fontiñas e avda. de Lugo. E ao xuntar as 15 viaxes diarias con estes dous desvíos, chegaría un momento na que a situación sería insostible e non se poderían cumprir os horarios. Pero polo de agora, non nos imos adiantar aos acontecementos...

Fonte de información: TUSSA
Fotografías: Bus Compostela
Plano desvío: Bus Compostela

18 de agosto de 2018

#Liña6, #Liña 7 e #ServizoLanzadeira para o concerto de @ricky_martin no #MontedoGozo

Este sábado 18 de agosto Ricky Martin ofrecerá un concerto na cidade. A cita terá lugar ás 22:00 no Monte do Gozo, aínda que a apertura de portas comezará a partir das 20:00.

Ante o gran número de xente que se prevé que acuda ao evento, TUSSA porá a disposición d@s asistentes ao concerto un #ServizoLanzadeira, que complementará á #Liña6 e a #Liña7:

#ServizoLanzadeira (IDA e VOLTA)
  • IDA: os datos que aporta TUSSA son que este servizo funcionará entre as 16:00 e 22:00, pero descoñecemos cantos buses o formarán, polo que tampouco sabemos a frecuencia de paso. O punto de orixe será o carril bus do Hórreo (diante da escalinata da est. de trens) e o de destino será a rotonda na que conflúen a rúa das Estrelas con Agra dos Campos. En teoría, o/os bus/buses que estean a facer esta ruta farano de xeito continuado, é dicir, irán ata o Monte do Gozo con pasaxeir@s e volverán baleiros, de xeito continuado sen parar.

Punto de saída do #ServizoLanzadeira cara o Monte do Gozo

  • VOLTA: tras a finalización do concerto, o #ServizoLanzadeira funcionará dende as 00:00 ata as 2:30. O punto de saída será de novo a rotonda da rúa das Estrelas con Agra dos Campos, e o de destino a rúa do Hórreo (diante do Parlamento). Unha puntualización: se se desaloxa o recinto antes das 2:30, as lanzadeiras deixarán de funcionar. Desta vez ampliouse o horario (tendo en conta que o concerto rematará sobre as 00:30/1:00), feito que aplaudimos despois do vivido no #SondoCamiño...


Punto de saída do #ServizoLanzadeira ao remate do concerto

#Liña6 (só IDA)
Haberá que coller o bus en dirección San Marcos. A parada máis próxima ao Monte do Gozo é a #Parada204, Costa de San Marcos, fronte ao hotel Santiago Apóstol.

#Liña7 (só IDA)
Liña dirección Aríns e baixarse na #Parada320, na rotonda da rúa das Estrelas con Agra dos Campos (o punto de destino do #ServizoLanzadeira tamén).

Tarifas
As tarifas serán as habituais do transporte urbano. Podes consultalas aquí.
Fonte de información: TUSSA

10 de agosto de 2018

[Des]información nos buses

Non é a primeira vez que se escoitan queixas na cidade (e máis aínda por parte dos turistas, como conta La Voz de Galicia  neste artigo) pola dificultade que implica coller o bus que se quere coller á primeira. E o certo é que dende TUSSA non parece que nos queiran facilitar moito a labor, incluso ás veces parece que nola dificultan, e imos explicar por que:


Paneis de destino confusos


En primeiro lugar, aclarar que co termo panel de destino referímonos ao indicador que levan os buses na parte posterior dianteira, onde está indicado o nº de liña e a orixe e o destino da viaxe.

En Santiago contamos con dous tipos de paneis de destino: os paneis DOT (letras verdes) e os paneis LED (letras laranxas).

Os paneis DOT (literalmente 'punto' traducido do inglés) funcionan mediante unhas láminas de cor verde que se deixan caer formando as letras e os números. A isto habería que engadirlle un sistema de iluminación para facelos visibles durante a noite (aínda que esta luz ás veces é demasiado branca, e entorpece máis do que esclarece).

Pola contra, os paneis LED, coma ben indica o seu nome, están formados por luces LED. Estas teñen unha visibilide óptima en case todas as condicións meteorolóxicas, iluminación nocturna propia e evitan as mensaxes cambiantes (que explicaremos ao final do post).


Comparativa entre panel DOT e panel LED; a difereza é evidente
O lóxico sería apostar polos LED, xa que son os máis punteiros e os que mellores condicións de visibilidade teñen para os usuari@s. Pero o certo é que TUSSA, aínda o pasado verán, adquiriu algunhas unidades con DOT... A modo de exemplo, cómpre destacar o caso de cidades como A Coruña, onde Tranvías xa decidiu implatar os paneis LED en toda a frota no ano 2012.

Aquí nós xa non podemos facer nada, simplemente explicamos a situación actual e as posibles solucións -a substitución dos paneis DOT por LED-, pero a súa execución xa depende doutras persoas. Iso si, dende aquí cremos que este cambio si podería ser viable economicamente, xa que estamos a falar dunha frota de menos de 60 autobuses, dos cales algúns xa teñen na actualidade os LED.


Pero antes, aprender a usar o que xa temos...


Sen embargo, tamén é certo que propoñer o cambio de todos os paneis a paneis LED pode resultar «poñer o carro diante dos bois», xa que polo que semella non sabemos empregar nin o que temos.


En Santiago -ao noso xuízo erroneamente- os paneis de destino nalgunhas liñas mostran, en vez de só orixe e destino, lugares intermedios do percorrido. Isto cobra sentido se a liña pasa por algún punto de interese, pero pérdeo cando nos ofrece lugares máis innecesarios. Imos ilustralo, neste caso ca #Liña5 dirección #Vite. Así é como loce o panel dos buses:


Son dúas mensaxes que se van alternando. Na primeira, «A 
Rocha - Xral. Pardiñas», e na segunda «E. Autobuses - Vite».
Isto conleva dous problemas: 

  • Mensaxes cambiantes: o único que fan é despistar máis a persoa que quere coller o bus, xa que lle vai custar máis interpretar o destino dunha soa ollada.
  • Sobreinformación: ao incluir lugares innecesarios, é máis lioso tamén para o usuario, que chegado un momento xa non sabe interpretar o destino. Por exemplo, na fotografía anterior, algún foráneo podería interpretar «Pardiñas» como o final da liña, en vez de «Vite».


Solucións buscomposteleiras ;)


Pero todos problemas teñen unha solución, e nós dende aquí imos intentar aportar o noso chisco de area para solucionar este a través dun cutre arranxo made in Bus Compostela, que dende aquí trasladamos a TUSSA ;)


Este sería, dende o noso punto de vista, a forma
correcta de mostrar os paneis da #Liña5
(o de arriba
dirección #Vite e o de abaixo dirección #ARocha).

E para cando o destino fora A Rocha Vella en vez de A Rocha, non sería necesario mostrar «A Rocha - A Rocha Vella» como agora, sobreenténdese que se vai á Rocha Vella pasa primeiro pola Rocha.

Isto sería extensible a outras liñas nas que tamén se ofrecen demasiados lugares de paso, tales como a #Liña6 (Os Tilos - Castiñeiriño - San Lázaro - San Marcos).


Aínda que para que todo isto funcione...


#Liña1 dirección Boisaca (co panel indicando Hosp.
Clínico) e #Liña9 dirección Casas Novas (co panel indi-
cando Cidade da Cultura)
Nada disto serviría de nada se @s condutor@s non levan o panel correctamente. Calquera persona que se poña cinco minutos na Virxe da Cerca poderá comprobar que algúns autobuses (cada vez menos, todo hai que dicilo) levan o panel ao revés, é dicir, orixe e destino están intercambiados.

Pode que isto lle pareza unha chorrada ás persoas familiarizadas coas liñas e percorridos, que estando na parada saben que bus coller independentemente do que indique o seu panel. Pero para os menos familiarizados e os turistas, isto pode converterse nun verdadero calvario: xa non é demasiado boa a información que se achega ao usuario, como para colmo se os buses andan a indicar o sentido contrario ao que verdadeiramente circulan.

E o certo é que isto ten fácil solución: o único que teñen que facer os condutores é pulsar un botón para inverter orixe e destino ao chegar a cabeceira. De todos modos, en moitas cidades o SAE (que coñece á perfección os horarios, paradas e percorridos) está vinculado ao panel de destino, e este cámbiase só ao chegar a cabeceira, eliminando calquera posibilidade de erro humano. Poñendo o exemplo á cidade herculina outra vez, retamos a que alguén atope nela algún bus co panel ao revés... Non cremos que sexa capaz de dar con ningún 😉

Fontes de información:
La Voz de Galicia
El Blog Busurbano

Fotografías:
Bus Compostela