10 de decembro de 2018

Martiño Noriega fala sobre as avarías dos paneis e a nova licitación do contrato do transporte urbano

É unha situación coñecida por todos os habituais do transporte urbano na cidade: os paneis informativos das paradas non funcionan. Non é que estean todos estragados, pero si é verdade que, de forma conxunta, nunca están cen por cen operativos. De feito, poderiamos afirmar e afirmamos que fai máis dun ano dende a última vez que todos funcionaron á vez sen ningunha incidencia. Os actualmente inoperativos —pode que se nos escape algún de zonas máis periféricas—, son os de praza de Galicia nº 3, Pastoriza nº 103A e San Roque (La Salle).

Respecto a isto, Martiño Noriega respondeu o pasado martes en Cope+Santiago a un ouvinte que comunicaba a avaría do panel de praza de Galicia. O rexedor contaba que o tema foi tratado no último Consello de Administración de TUSSA, e que o xerente, José Ramón Mosquera, tomou nota para tentar arranxalo despois de que a concelleira María Antón dese aviso da incidencia. 

A duda que nos xorde a nós é: realmente hai un control do funcionamento dos paneis por parte de TUSSA? É necesario que un/unha concelleiro/a teña que notificar a avaría? Aínda que non esteamos capacitados para responder a esta cuestión, si podemos tirar de arquivo tuiteiro para ilustrar como TUSSA tiraba de demagoxia para xustificar a súa desantención:
O certo é que supoñemos —xa só pola nosa insistencia— que TUSSA está ao tanto destes tres paneis que están sen funcionar na actualidade. En teoría, deberían de ser arranxados no menor tempo posible, pero na práctica, algún xa leva máis dun mes inoperativo. Por que sempre estes prazos tan longos? Isto lémbranos a unha cuestión similar: a vivida este verán cunha escaleira mecánica da estación de autobuses, que estivo nada máis e nada menos que ata tres meses parada...

Novos paneis
O alcalde comentou tamén que se van licitar novos paneis que deberían estar en pleno funcionamento en dous ou tres meses. Gustaríanos pensar que van estar destinados a novas paradas, pero visto o funcionamento dos actuais naquelas nas que xa os temos, todo parece indicar que simplemente substituirán aos avariados.

Así loce actualmente o panel da
#Parada660, cunha brillantez moito
maior ca do seu predecesor.
Isto aconteceu, como único exemplo ata o de agora, co panel da #Parada660, Virxe da Cerca (Praza de Abastos 1): levaba sen funcionar máis dun ano, e este verano por fin substituíuse por un novo, xa que o anterior presentaba problemas de luminosidade (co mínimo raio de sol xa non se podía apreciar nada). Aínda así, houbo pequenos problemas de inoperatividade con el ata fai non máis dun mes. Actualmente, funciona xa sen incidencias.

Nesta foto do panel de
Pastoriza —inoperativo
para variar— pode
apreciarse a «viseira»
que se lle implementou.
Un caso similar acontece co panel da #Parada367, Pastoriza nº 103A: tampouco se vía nada cando lle daba o sol de fronte —practicamente durante toda a mañá—. Para «arranxalo», TUSSA decidiu instalar nel unha peza metálica a modo de viseira, coa finalidade de resgardarlo da luz solar. Na práctica, non serviu absolutamente para nada, xa que seguía sen poder verse a pantalla. Agora que está estropeado, nós agardamos que sexa substituído por un como o de Virxe da Cerca.


Nova licitación: «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo»
Preguntado por se remataremos a lexislatura cos autobuses máis vellos de Galicia, Martiño Noriega respondou que «esperemos que non». Explicou que iso dependerá da nova licitación do contrato, que se atopa na Intervención Xeral dende hai meses. Ao parecer, hai «un novo interventor que está a desbloquear moitos asuntos pendentes do concello», e que sen dúbida o transporte urbano podería ser un máis. De feito, Noriega resalta que «en breves, e con bastante retraso, deberíase iniciar a contratación do servizo». Quedamos á espera para ver, neste 2019, se as promesas feitas se van poder cumprir.


Fontes:

6 de decembro de 2018

O sábado 8, concerto de @helloweenorg e reforzos no transporte urbano

Nunha das semanas máis raras do ano como é esta, coa ponte da Constitución de por medio, en Compostela poderemos gozar do concerto do grupo de heavy metal Helloween. Isto será o sábado 8, día no que tamén se reforzarán algunhas das liñas para «compensar» o festivo do xoves. Do mesmo xeito, o domingo 9 verase reforzada tamén a #LiñaC11.


Concerto de Helloween
📅 Sábado 8 de decembro
🕖 19:30 (apertura de portas ás 19:00)
📍Multiusos Fontes do Sar
Aínda que o cartel indique as 21:30, en realidade
o concerto é ás 19:30. Fonte: RockNRock

Para este concerto habilitarase o dispositivo habitual para eventos no Multiusos Fontes do Sar, que consiste en:

#ServizoLanzadeira: segundo a información proporcionada por TUSSA, funcionará de xeito continuado de 17:30 a 20:00. O punto de saída será o habitual: o #CarrilBus da rúa do Hórreo, xusto diante da escalinata que baixa á estación de trens. Ao final do concerto, ao filo das 22:30 se todo marcha como está previsto, o #ServizoLanzadeira funcionará en sentido inverso (Multiusos → avda. de Lugo, cruce co Hórreo).

Con «de xeito continuado» entendemos que serán varios os autobuses que se destinarán á realización deste servizo, polo que deducimos que sempre vai haber polo menos un na cabeceira do Hórreo. Comentar tamén que este servizo é directo, polo que non realizará ningunha parada entre as dúas cabeceiras.


#LiñaC11: como tamén é habitual nesta clase de eventos, a #LiñaC11 prolongarase ata o Multiusos. Desta vez, farao en todas as viaxes con paso aproximado por Xeneral Pardiñas entre as 17:30 e as 20:00 (cada 20 min.).

Aínda que TUSSA nos confirmara en Twitter que o amañaría, o certo é que ata o de agora, os servizos da #LiñaC11 prolongados de xeito extraordinario ao Multiusos non aparecen reflectidos na app. É dicir, consta coma que fan a súa viaxe habitual, o que pode causar confusións aos usuarios que busquen acceder ao recinto en bus...



A nosa recomendación
Nós recomendamos ir e regresar do Multiusos utilizando o #ServizoLanzadeira: é máis directo, ten (case) asegurada unha frecuencia e non ten problemas de retraso ao ir directo pola avda. de Lugo. Pola contra, a #LiñaC11, só contará con dous autobuses ao ser festivo que, unido ao intenso tráfico que haberá no entorno do C.C. As Cancelas, acabará por derivar en retencións e retrasos. Mellor non arriscarse.


Reforzos para a finde
- Sábado 8
O sábado 8 de decembro, para compensar os horarios de día festivo que xa haberá durante o xoves 6, as seguintes liñas do transporte urbano se verán reforzadas dende o inicio do servizo ata as 15:00:
Liñas 6, 7, C5, C6, P1, P2 e P3

A partir das 15:00, estas liñas tamén terán horario de domingos e festivos.

Por outra banda, a #LiñaC11 terá unha frecuencia de 15-20 min. a partir das 10:00 e ata as 15:30.

- Domingo 9
O domingo 9 de decembro só será reforzada a #LiñaC11 do mesmo xeito en que o fará o sábado: con pasos de 15-20 min. entre as 10:00 e as 15:30.

As restantes liñas terán o domingo horario de domingos e festivos.

29 de novembro de 2018

Obras de accesibilidade no Cruceiro da Coruña: pérdense tres paradas

Aínda que as máquinas xa andaban estes días polo Cruceiro da Coruña, mellorando a accesibilidade da contorna, non será ata hoxe, xoves 29 de novembro, cando se corte a vía de servizo (a dos números pares, sentido saída cidade).

Isto afectará ás tres liñas que por alí pasan, que perderán as tres paradas que se atopan neste carril. Deste xeito, quedan suprimidas ata a finalización das obras (1 mes aproximadamente) as seguintes paradas:

#Parada545, Cruceiro da Coruña nº 24. Parada alternativa máis próxima, a anterior: #Parada551, San Caetano (igrexa).

#Parada546, Cruceiro da Coruña nº 52.

#Parada074, Cruceiro da Coruña (c. Mallou). Parada alternativa máis próxima, a seguinte: #Parada252, Meixonfrío (rotonda).

Durante a realización dos traballos, os buses das #Liña1, #LiñaP4 e #LiñaP6 circularán polos carrís centrais, deixando de atender a estas tres paradas. Asemade, os servizos por Son da #LiñaP2 (só dous diarios) tamén perderán estas paradas.

Como curiosidade, alégranos ver que a nomenclatura destas paradas foi corrixida: antes, aínda que mantiñan o mesmo número, o nome da rúa que figuraba era Salgueiriños de Arriba. Isto non era máis ca un inexplicable fallo, xa que esa rúa é en realidade outra que desemboca no Cruceiro da Coruña, e que non ten moito sentido que se confundira con esta mesma. Aínda así, a nomenclatura da #Parada544 segue a ser «Salgueiriños (aparcadoiro)», que tampouco é cen por cen correcto ao non ser Salgueiriños a rúa na que se atopa, senón o nome do parking ao que fai referencia.


As obras
Pola nosa parte, nós decidimos ir dar unha volta polo barrio para botar unha ollada as actuacións que se están a realizar e ver se estas están a afectar a algunha das tres paradas do transporte urbano. Isto foi o que vimos:


#Parada545...👎🏻
Algúns buses paran deixando as portas traseiras á
 altura do paso de peóns. Outros, déixanas onde están
 situadas as vallas.
Podemos afirmar, case sen súbida algunha, que a #Parada545 é unha das que en peor estado se atopa dentro das liñas urbanas (sen incluír as periféricas). O título de de «parada» teno regalado, pois non é máis ca un simple paso de peóns. De feito, ao non estar sinalizada de ningún xeito, algúns condutor@s paran no propio paso e outros un pouco máis arriba, sobrepasándoo. En fin, un caos que esperemos se solucione con estas obras.

A «parada» de fronte
No referente ás obras en si, pintan ben. A zona onde se están a desenvolver os traballos nunca foran obxecto de actuación, e si parece que se van resolver os grandes problemas de accesibilidade presentes ata o de agora. Estaremos pendentes para ver que ocorre coas paradas do transporte urbano, especialmente con esta #Parada545.


#Parada546...👍🏼
A #Parada546 é a única —polo de agora— á que lle estan a afectar as obras de mellora da accesibilidade de forma directa: ampliouse un cacho de beirarrúa ata onde antes se atopaba o arcén. Sen embargo, ao noso xuízo, deberíase de ampliar aínda algo máis, xa que o tramo agrandado ata o momento non é o suficientemente longo como para que quepa un bus de tres portas, tal e como se pode apreciar na fotografía.


Pese a que esta parada si conta con poste de panel informativo, atópase deteriorado, sucio e cheo de publicidade. Algo habitual, por outra parte, en todas estas estruturas, froito da pasividade de TUSSA ante o paso dos anos.

Panel do transporte urbano ou
taboleiro de anuncios do barrio...?
#Parada074...👎🏻

Só podemos calificar de surrealista a presenza do contedor.
A #Parada074, que conta con óco para a parada de autobuses e está sinalizada, conta cun grave problema facilmente atallable: hai un contedor no medio e medio. Este tipo de situacións resúltannos inexplicables, e non fai falta comentar que de nada serven todas as actuacións que se poidan facer en prol da mellora da accesibilidade se logo hai mobiliario urbano entorpecendo as manobras de aparcamento do bus urbano.

Deste xeito, os condutores prefiren parar uns metros máis adiante da parada «oficial» para facilitar o acceso ao autobús a persoas con mobilidade reducida ou carriños de bebé, tal e como aconteceu na situación da seguinte fotografía:


Que esperamos
Pois esperamos o que é obvio de esperar:

➢ A sinalización da #Parada545, para a que sería necesaria a eliminación dunhas tres prazas de aparcamento.

➢ A mellora da accesibilidade na #Parada546 —que de momento semella ir polo bo camiño—.

➢ O traslado do contedor da #Parada074, así como a mellora da accesibilidade nos seus bordos.

De aquí en un mes valoraremos o resultado final dos traballos.