20 de maio de 2019

Que se fixo (e que non) en materia de mobilidade e transporte público durante a última lexislatura

Agora que estamos en plena campaña electoral para elixir á que será a nova corporación municipal, cómpre facer un pequeno repaso do que se ten feito no eido da mobilidade e do transporte público durante esta lexislatura, pioneira nalgúns aspectos e despreocupada noutros. Neste post analizaremos os aspectos que, ao noso xuízo, son clave e que se levaron a cabo nestes catro anos e aqueles que, aínda que tamén son de vital importancia, seguen igual que estaban no 2015.

> Límite de velocidade a 30 km/h
O Goberno de Compostela Aberta (CA) implementou o límite de velocidade de 30 km/h en todo o Ensanche. Esta medida, acompañada de sinalización vertical e horizontal, tiña como obxectivo facilitar a convivencia entre vehículos e bicicletas, así como unha pacificación do tráfico. Acompañouse da creación de novos aparcadoiros para bicicletas e reforzou a eficacia de medidas xa existentes, como as plataformas de espera para bicis e motos presentes na parte dianteira dos principais semáforos da cidade.
Tres das propostas seleccionadas
nos OP de 2017.

Aínda así, non se acabou por optar por unha mobilidade ciclista real, que pasa pola inescusable construción de carrís bicis. Así llelo fixo saber a cidadanía ao Goberno local a través doutro dos proxectos estrela do mandato, os Orzamentos Participativos «Compostela Decide». No 2018 un dos proxectos elixidos foi «Carril Bici» e en 2017 foron tres os seleccionados que tiñan relación co mundo das dúas rodas.

> Bus nocturno durante as festas
Outra das medidas máis votadas nos OP de 2017 foi a ampliación do horario do
bus urbano durante as noites das festas do Apóstolo 2018. Deste xeito, levouse a cabo unha proba piloto na Ascensión do ano pasado, con buses de 1:00 a 4:00 da madrugada, e durante o Apóstolo volvéronse implementar, desta vez só ata as 3:00. O bus nocturno tivo moi boa acollida por parte da cidadanía e todo parece indicar que vai camiño de converterse en algo habitual durante as grandes festas da cidade, ao ser cuberto todo o territorio ao que chega o transporte público e contar todas as liñas coas súas respectivas prolongacións.

> Renovación da frota
A xoia da corona, o 2424 (Mercedes-Benz
O 530 K) que circula dende xuño de 2018.
O certo é que durante o mandato de CA non se adquiriu ningún bus novo, pero si algún de segunda man. Segundo os nosos cálculos, entre 10 e 15 unidades. Estas son os Scania N270UB que adoitan circular na #Liña5 (matriculados no 2007), os Mercedes-Benz O530 de dúas portas da #Liña6 (tamén do 2007) e o O530 K de tres portas, que actualmente recorre a #Liña6 e cuxa matriculación data de 2011. Aínda que escasas, estas renovacións permitiron xubilar o material que estaba completamente obsoleto, malia que aínda quede algunha reliquia en circulación. Como dato, a antigüidade media da frota ronda os 12-14 anos.

> Accesibilización das paradas
Durante a lexislatura podemos contar cos dedos das mans aquelas paradas que foron adaptadas para facelas accesibles. En trazos xerais, só foron obxecto de reforma aquelas que figuraban no espazo de actuación dalgunha obra non relacionada co transporte urbano, e non sempre co resultado esperado, relegando case sempre ao bus a un segundo plano. Porén, en cidades con Gobernos similares ideoloxicamente como o da Coruña, si se teñen realizado accesibilizacións en paradas por toda a rede.

Por poñer algún exemplo, unha das paradas máis utilizadas de toda a rede, a #Parada674, Xeneral Pardiñas nº 7, foi accesibilizada dentro do proxecto da praza semipeonil no cruce desta rúa con Montero Ríos: engadiuse pavimento rugoso para as persoas con problemas visuais e aumentouse a largura para que coubesen ben os autobuses. Aínda así, aos de tres portas élles difícil deixar a traseira de forma que o usuario poida baixar directamente do vehículo á beirarrúa.

Outras paradas non accesibles pero que non figuraron dentro de ningún proxecto externo quedaron tal e como estaban. E isto xa vén de atrás, de anteriores lexislaturas. É o caso, por citar un de moitos, da #Parada277, Hórreo nº 23, na que se ampliou a beirarrúa só na parte frontal da marquesiña para poder colocala, polo que a porta traseira dos buses queda sempre a carón da estada. A situación podería mellorarse coa simple prolongación da ampliación da beirarrúa uns metros máis.


Simplemente extender a beirarrúa sería
suficiente para accesibilizar a #Parada277.

De cara á vindeira lexislatura...
Se ben Compostela Aberta —sempre baixo o noso punto de vista— non cumpriu con todas as expectativas postas nel no ámbito da mobilidade, si deixou marcadas unha serie de directrices clave que marcarán o devir próximo da forma en que nos desprazaremos pola cidade: máis espazo para o peón, menos para o vehículo privado, máis humanizacións e peonalizacións... De feito, outros partidos comezan xa a asumir estes ideais como propios nos seus programas.

Sen dúbida, a gran materia pendente foi a nova licitación do transporte urbano, prometida dende 2017 e da que só sabemos o percorrido das futuras liñas. O caso é que aínda así puido terse actuado na accesibilización de paradas, nas melloras puntuais dos percorridos e horarios (curiosamente presentouse a prolongación da #Liña8 ata Os Vilares durante a precampaña) ou no rexuvenecemento da frota con vehículos novos. Os últimos de primeira man datan de 2012, e só foron tres e porque foron adquiridos con fondos europeos...

Esperamos que a vindeira lexislatura, sexa quen sexa o alcalde ou alcaldesa, sexa a da mobilidade. A Intermodal suporá un cambio radical na cidade, que terá que adaptarse a ela. O transporte urbano non será unha excepción e, a parte dos novos percorridos e horarios, precisa dunha renovación da frota e dunhas paradas sinalizadas e accesibles para todas as persoas, tanto na cidade como no rural. O bus compostelán debe coordinarse co novo Plan que programa a Xunta, que debe cumprir tamén coas demandas e necesidades da veciñanza dos concellos limítrofes. Sen dúbida, durante o próximo mandato preséntase un gran reto en materia de mobilidade. Esperemos que o Concello e o resto das Admistracións poidan estar á altura e cumprir.

Fontes de información:
TUSSA

Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Concello de Santiago

Fotos:
Google Maps
Concello de Santiago
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
La Voz de Galicia

3 de maio de 2019

Nova prolongación da #Liña8 ata Os Vilares

Resulta curioso que, tras anos sen introducir ningún cambio nos percorridos das liñas do bus urbano (máis aló dalgúns puntuais por cortes de tráfico, obras...), decida ampliarse a #Liña8 a días das eleccións municipais do 26-M. Aínda así, benvido sexa se as modificacións serven para mellorar a mobilidade da veciñanza.

Neste caso, os beneficiados serán os veciños e veciñas do núcleo de Os Vilares. Esta pequena aldea atópase na rúa dos Vilares, case á mesma altura da nova variante de Aradas, preto ao vial de Marconi do polígono do Tambre. Ata o de agora, tiñan que camiñar un quilómetro para chegar á parada de bus máis próxima da #Liña8. Cos novos cambios, esta prolongarase e a distancia será de 400 metros.



A partir do próximo luns e durante todos os días laborables, algúns dos servizos da #Liña8 con destino Camiño dos Vilares (non os que seguen ata o tanatorio, posto que irían moi xustos de tempo) xirarán a esquerda, dende o propio Camiño dos Vilares, ata a rúa dos Vilares. Continuarán recto ata o nº 76, onde darán media volta para chegar ata a cabeceira habitual de C. Vilares (este é o nome «oficial», xa que en realidade atópase na rúa do Tambre).

Durante o percorrido prolongado, realizaranse tres novas paradas:

➢ Rúa dos Vilares nº 45.
➢ Rúa dos Vilares nº 65.
➢ Rúa dos Vilares nº 76.

O Concello indica que estas servirán tanto para a subida como para a baixada de viaxeiros, e nós entendemos que se realizarán todas nun mesmo sentido de circulación (supoñemos que no de ida cara Os Vilares). De ser así, ten pouco sentido que dous deles sexan números impares e o outro par. Adoita empregarse o número da beirarrúa de en fronte cando non o hai no lado da estrada no que se precisa. O que ocorre é que, nestes casos, o lóxico sería facelo indicando que o nº é o de en fronte. Por exemplo, na zona dos Vilares, a #Parada649 denomínase, oficialmente, «Rúa do Tambre nº 197», aínda que na realidade estea fronte ao nº 197. Existen moitísimos máis casos en toda a rede.

En todo caso, e sen irse máis polas ramas, estes son os horarios da nova prolongación, que se realizará cinco días á semana (de luns a venres laborables):

➢ Saídas de Vidán: 9:00, 11:15, 13:45, 16:00 e 20:00.
➢ Pasos aproximados por Os Vilares (entendemos que non haberá regulación horaria): 9:45, 11:45, 14:20, 16:25, 20:25.
➢ Saídas de C. Vilares tras pasar por Os Vilares: 10:00, 12:00, 14:30, 16:30, 20:30.
Antes, o panel indicaba «Vidán
- Camiño dos Vilares» e non cabía
todo nos paneis DOT (nos LED, si).

Son só cinco servizos ao día, pero semellan bastantes para ser a primeira vez que se pon en marcha un servizo de transporte ata un lugar ata onde nunca antes chegara (a #LiñaP4 ten menos frecuencias, por exemplo). Cremos que tampouco haberá problemas de horario con esta prolongación, posto que durante as mañás a #Liña8 conta —dende 2015— con tres autobuses que cobren de sobras o horario e pola tarde, as viaxes non son en horas puntas para evitar o tráfico.

Sobre a sinalización das paradas, e baseándonos na experiencia doutras, supoñemos que se instalará sinalización vertical (sinais que delimiten o espazo) e, no mellor dos casos, horizontal (liñas amarelas). Debido a que non haberá regulación horaria nas novas paradas, queremos pensar que serán incorporadas ao SAE máis pronto que tarde, para poder consultar os tempos de chegada dende a aplicación móbil.

Tampouco cremos que se vaia indicar nos paneis de destino dos buses esta nova prolongación, xa que sería algo similar a «Vidán - Os Vilares - C. Vilares», e pode resultar confuso para os usuarios. Lembramos, iso si, que TUSSA cambiou de «Camiño dos Vilares» a «C. Vilares» nos paneis DOT a petición nosa😎

En definitva, para nós a inauguración desta prolongación é unha boa nova e supón luz ao final do túnel, posto que demostra, en certa medida, que o transporte urbano de Compostela non está abandonado á súa sorte. Comprería facer máis revisións coma esta para tentar dar servizo de autobús a zonas do rural tradicionalmente esquecidas. Unha pena que isto, no mellor dos casos, só se leve a cabo cando teñamos cita nas urnas.

Fontes de información:
Concello de Santiago

TUSSA

26 de abril de 2019

Servizos extra para a Cidade Imaxinaria e o concerto de Bob Dylan

Con motivo da celebración da Cidade Imaxinaria Primavera na Cidade da Cultura o vindeiro sábado 27 e o concerto de Bob Dylan no Multiusos o luns 29, TUSSA ofrecerá dous servizos especiais durante os dous días para facilitar o acceso aos recintos dende o centro da cidade.

> Sábado 27: Cidade Imaxinaria


Regresa, un ano máis, a Cidade Imaxinaria á Cidade da Cultura. Terá lugar o sábado 27 de abril a partir das 17:00. Como a #Liña9 non funciona os sábados pola tarde, as opcións para subir ata o Gaiás en transporte público serán as seguintes:

#ServizoEspecial: será un autobús que funcionará entre a pza. de Galicia (#Parada410, diante do Massimo Dutti) e a CdC cunha frecuencia de 40 min. A primeira saída dende o Gaiás será ás 14:00 e a última ás 21:20. Dende o Ensanche, o primeiro bus partirá ás 14:20 e o último ás 21:00. Dende a pza. de Galicia, este bus seguirá por Virxe da Cerca seguindo o itinerario da #Liña9, coa única excepción de que non accederá ao Multiusos de Sar na viaxe de ida nin na de volta. As tarifas serán as habituais.

Os horarios detallados son: saídas dende a Cidade da Cultura: 14:00, 14:40, 15:20, 16:00, 16:40, 17:20, 18:00, 18:40, 19:20, 20:00, 20:40, 21:20.
Dende a praza de Galicia: 14:20, 15:00, 15:40, 16:20, 17:00, 17:40, 18:20, 19:00, 19:40, 20:20, 21:00.

#LiñaC11: aínda que o lóxico e o máis practico sería acceder a través do servizo habilitado para a ocasión, a #LiñaC11 conta con tres prolongacións á Cidade da Cultura os sábados tarde, que eles mesmos recomendan na web aínda que os horarios sexan erróneos. Os servizos desta liña con paso por Xeneral Pardiñas ás 17:30, 19:45 e 20:00 subirán ata o Gaiás.

> Luns 29: concerto de Bob Dylan


O luns 29 de abril ás 21:00 Bob Dylan ofrecerá no Multiusos Fontes de Sar o que será o único concerto en Galicia da súa última xira. Ante a escaseza de servizos de transporte ordinarios ata o recinto, TUSSA porá en marcha o habitual #ServizoLanzadeira que se emprega para os eventos no Multiusos. Deste xeito, poderase acceder a través:


Punto de saída do #ServizoLanzadeira.
➢ Do #ServizoLanzadeira: de xeito continuado (isto é, que sempre haberá un bus ao que subirse) dende as 17:00 ata as 21:00. Sairá dende o carril bus do Hórreo, onde comeza a escalinata que baixa á estación de trens. Irá directo ata o Multiusos, sen facer paradas. Manterase en sentido inverso ao remate do concerto, a partir das 22:45.

➢ Da #LiñaC11 (cada 12 min): todos os servizos comprendidos entre as 17:00 e as 21:00 prolongaranse ata o Multiusos. Non sabemos se se reforzará a liña cun autobús máis, pero dende logo cremos que sería o máis conveniente tendo en conta o percorrido extra nun día laborable (hai máis tráfico que durante as fins de semana). No centro, discorre por Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia.

➢ Da #Liña9 (cada hora): no seu percorrido habitual accede ao Multiusos. Sae ás XX:30 de Casas Novas e sobre as XX:40 para na Senra. Logo continúa por Virxe da Cerca, Pastoriza, Anxo Casal, Rodríguez de Viguri e Fontiñas.

➢ Das #LiñaC5 e #LiñaC6 (cada hora): unicamente as recomendamos para acceder dende zonas periféricas da cidade que non queden cubertas por algunha das outras alternativas, xa que teñen pouca frecuencia e son moi habituais os retrasos.

Fontes de información:
Cidade da Cultura
TUSSA (I) e TUSSA (II)
Imaxes:
Cidade da Cultura
Ticketmaster
Google Maps