Mapa proporcionado pola organización do festival cos lugares clave. CLICA AQUÍ se non podes visualizalo correctamente.
Horarios
As dúas liñas que servirán ao festival serán:
> Liña Especial 1 (centro cidade ⇄ Monte do Gozo)
> Liña Especial 2 (Recinto Feiral de Amio ⇄ San Lázaro)
E para ambas as dúas, os horarios serán os seguintes:
> Sentida IDA: servizos cara o festival.
> Sentido VOLTA: servizos cara centro cidade e Amio.
A partir das 23:00, as dúas liñas especiais só realizarán os servizos de VOLTA, polo que o último servizo de IDA sairá ás 23:00 dende o centro da cidade e Amio respectivamente.
As tarifas serán as habituais do transporte urbano, que podes consultar nesta ligazón.
Liña Especial 1 (centro cidade ⇄ Monte do Gozo)
A LE1, no servizo de IDA, conectará o Hórreo (carril bus diante da escalinata da estación de tren) coa rotonda baixo a SC-20, punto onde comeza a rúa das Estrelas. Dende este punto haberá que ir a pé ata o recinto, un traxecto duns 20 min aproximadamente. O ano pasado este servizo continuaba un pouco máis aló, ata o cruce desta rúa con Agra dos Campos. Todo parece indicar que a redución do percorrido foi debida aos incidentes acontecidos na edición anterior.
O servizo de VOLTA partirá da avda. Fernando Casas Novoa, na confluencia coa rotonda baixo a SC-20, e terá como destino a avda. de Lugo, no cruce co Hórreo. O percorrido realizarase a través da SC-20 para transportar aos viaxeiros da forma máis veloz posible.
Mapa do percorrido e plano explicativo dos puntos de orixe / destino da LE1:
Liña Especial 2 (Recinto Feiral de Amio ⇄ San Lázaro)
A LE2 dará servizo a aquelas persoas que veñan á cidade en vehículo privado e decidan deixalo aparcado no aparcadoiro que se habilitará no Recinto Feiral de Amio. Para aparcar aquí será preciso ter unha entrada ao festival. O servizo de IDA conectará este parking (#Parada429 do transporte urbano) con San Lázaro, nas inmediacións do Palacio de Congresos. Dende aquí ata o Monte do Gozo o traxecto andando ten uns 26 min de duración ou tamén se pode coller a #Liña6 dirección San Marcos (consultar final do post).
A viaxe de VOLTA partirá da parada máis próxima ao Palacio de Congresos, a #Parada560 da #Liña6. Ao igual que a LE1, a LE2 discorrerá pola SC-20 nun traxecto de apenas 5-7 min de duración. Este o mapa do percorrido e das paradas de cada cabeceira:
Outras liñas con paradas preto do festival
As liñas 6 e 7 complementarán ás dúas liñas especiais:
> #Liña6 (cada 20 min): para acceder ao festival (dirección San Marcos), a parada máis próxima ao Monte do Gozo é a #Parada204, Costa de San Marcos (fronte ao hotel Santiago Apóstol), a uns 8 min a pé ata o recinto. Para regresar á cidade coa L6 (dirección Os Tilos), débese coller o bus na de en fronte, a #Parada282.
Paradas da #Liña6 no entorno do hotel Santiago Apóstol.
> #Liña7 (cada hora): é a liña que para máis cerca do Monte do Gozo. Para ir ao festival hai que coller os buses que teñan como destino final Aríns, NON VALEN os que van a Fornás. A #Parada320, na rotonda de Agra dos Campos, será tanto o punto de baixada coma o de subida para os que escollan a L7 para volver a Santiago.
#Parada320 da #Liña7.
Problemas cos buses durante a primeira edición
O ano pasado só funcinou un dos servizos lanzadeira, o que conecta o festival coa estación de trens. Aparentemente non houbo maiores problemas, pero no remate da última xornada, ás 3:45 horas, o Posto Avanzado de Mando decidía suprimir o servizo de autobuses ante a aglomeración de persoas no entorno da parada de Agra dos Campos.
TUSSA enviara 20 autobuses á vez para intentar cubrir toda a demanda, pero resultaron insuficientes ao estar abandonando o recinto practicamente a totalidade das persoas que accederan ao mesmo en transporte público. O xerente da empresa, José Ramón Mosquera, chegou a propoñer que non se cobrararan as viaxes, co obxectivo de axilizar o desaloxo de xente, pero a Policía Nacional preferiu suspendelo.
Os asistentes, máis que da propia decisión, queixáronse de non ser avisados por ninguén. Moita xente seguía a agardar polo bus no lugar indicado tempo despois que fora suspendido. Tampouco agradou a xestión de TUSSA, xa que era obvio que 20 buses non eran suficientes para as miles de persoas que naquel momento abandoaban o festival. Hai que ter en conta que era a primeira vez que se levaba a cabo un servizo lanzadeira de tales dimensións, con horarios amplos e moita demanda de viaxeiros.
Este ano o dispositivo semella estar mellor planificado. Botamos en falta, iso si, sinalización «in situ» na cabeceira da LE1 en Fernando Casas de Novoa: ao non ser unha parada de bus habitual pode resultar algo confuso. Iso si, aínda que a decisión de non deixar pasar á LE ata a rotonda de Agra dos Campos redundará nunha maior fluidez para os viandantes na contorna do festival, quizais elevará demasiado o tempo de traxecto a pé, que rondará os 20 min.
Fontes de información:📝 Nota aclaratoria diante das publicacións xurdidas nos últimos días ao respecto da suspensión do servizo de autobuses lanzadeira para o festival O Son do Camiño na madrugada do sábado— Concello de Santiago (@PazodeRaxoi) 5 de xullo de 2018
TUSSA
O Son do Camiño
Concello de Santiago
La Voz de Galicia