8 de marzo de 2020

Desvíos nas liñas 9, C4, C6 e C11 polas obras no cruzamento dos Concheiros

O pasado luns arrincaron as obras que remodelarán o cruzamento dos Concheiros para convertelo nunha gran praza pública máis segura para os peóns e, nomeadamente, para os peregrinos. Tras a remodelación do nó poderase cruzar directamente dun punto a outro, sen necesidade de facer zigzag como até agora. Durante os traballos —que teñen un prazo máximo de duración dun ano— haberá importantes modificacións no tráfico. As rúas Berlín e Londres pasarán a ser de sentido único e as liñas 9, C4, C6 e C11 do transporte urbano sufrirán desvíos.

O cambio básico e aplicable ás catro liñas e que deixarán de acceder ao barrio de Fontiñas pola rúa Berlín (agora só aberta o tráfico en sentido subida) para facelo pola de Londres (só baixada). Quedarán anuladas polo tanto para as liñas 9, C4, C6 e C11 as seguintes paradas:


🚏❌ 129, Berlín (xulgados)🚏❌ 294, Lisboa nº 5

Ademais, para a liña C4 quedará tamén anulada a parada 89, avda. de Lugo (xulgados), xa que os autobuses torcerán directamente dende esta avenida cara a rúa Londres. Para a liña 13 si seguirá vixente.

Pola súa banda, as liñas 9, C6 e C11 transitarán polos carrís centrais da avenida dende Concheiros / Rodríguez de Viguri ata a nova rotonda na confluencia da avda. de Lugo con Londres, onde poderán facer o xiro directamente cara Fontiñas.
Un autobús de Freire atravesando a glorieta provisional.
Ao contrario que noutros desvíos por obras de longa duración similares, esta vez actuouse ao xeito e habilitouse unha parada provisional rexistrada no SAE (Sistema de Axuda á Explotación). Así, as de Berlín e Lisboa desapareceron do percorrido das liñas por Fontiñas e no seu lugar foi incorporada a nova, denominada oficialmente «Londres (centro saúde)» e situada xusto a carón do Centro de Saúde de Fontiñas. O seu código é o 88, que foi o que deixou libre a parada do Hórreo (residencia Barroso) tras ser suprimida con carácter definitivo.



Esta nova parada foi sinalizada mediante os habituais sinais redondos que indican a prohibición de estacionar —non de parar— acompañadas das palabras «P BUS». É o suficientemente grande como para que os autobuses poidan achegar as tres portas á beirarrúa e ocupa unha superficie na que antes podían aparcar uns cinco coches. O aspecto negativo atopámolo na falta de información sobre horarios e liñas in situ, extensible á toda a rede. Unha boa idea podería ser trasladar o poste de Lisboa nº 5, que quedará inutilizado durante un ano.


Poste de Lisboa nº 5 inutilizado.
Cómpre salientar que ao tratarse do entorno dun centro hospitalario sería necesario, por parte da Policía Local, extremar as precaucións. É tentador para os condutores ver espazo libre diante do centro de saúde, e máis nos casos de trámites rápidos. De feito, durante esta primeira semana moitos optaron por parar alí o seu coche, impedindo a correcta aproximación do bus á beirarrúa. Neste aspecto pode que o problema quede resolto coa adquisición do multamóbil que TUSSA pretende efectuar de cara ao verán, unha vez aprobados os Orzamentos 2020.

Diversas fases
A fase iniciada o pasado luns na obra dos Concheiros é a primeira. Están contempladas diversas fases —non se especifica cantas— que seguirán a mudar o tráfico e a mobilidade da zona. É probable que nas seguintes, a maiores destas catro liñas, teña que modificar tamén o seu percorrido a 6, que segundo o primeiro documento subido á web por TUSSA —corrixido case ao instante— pasaría a circular pola rúa Monte dos Postes.

Fontes de información:
TUSSA
El Correo Gallego

Fotografías:
Elaboración propia
Google Street View
App maisbus

26 de febreiro de 2020

O Concello acometerá modificacións puntuais na mobilidade da cidade de cara ao Xacobeo 2021

O Concello publicou o pasado mes o Documento sobre actuacións urxentes no entorno da catedral de Santiago e nas zonas anexas da Cidade Histórica para o ano 2021. Neste manual recóllense unha serie de actuacións básicas que o Goberno local considera imprescindibles de cara ao vindeiro Ano Xacobeo. Trátanse de intervencións menores, de custo non moi elevado, pero necesarias para asegurar o fluxo adecuado dos turistas e visitantes para tentar compatibilizalo co día a día da veciñanza.

No tocante á mobilidade e ao transporte público cítanse algunhas cuestións que ben merecen ser mencionadas neste post: modificacións nas paradas de bus da praza de Galicia, reparto de mercadorías a cargo de TUSSA, relocalización dos trens turísticos e cambios nas liñas por mor da futura reurbanización da rúa dos Concheiros.

Praza de Galicia máis adecuada ás persoas
Xa quedou máis que demostrado durante os últimos anos e no 2021 será peor: a beirarrúa da praza de Galicia non é ancha dabondo como para acoller a todos os viaxeiros que agardan polo bus urbano (alí paran as liñas 5, 6, 7, 12, 13, 15, C5, P3, P4 e P6) mais o do aeroporto. A situación agrávase no verán e por este motivo as decisións que o Concello levará a cabo serán:

➣ O traslado da actual cabeceira da liña de bus ao aeroporto á isleta paralela á rúa da Senra. Dotarase ao espazo do mobiliario urbano preciso para facer efectivo o cambio, é dicir, de marquesiña e un panel de información en tempo real, segundo o Concello. Aínda que polo de agora, lembramos, os buses ao aeroporto de Freire non contan con SAE pero, como xa adiantamos hai meses, é probable que a súa xestión sexa asumida directamente por Raxoi para incorporalos ao transporte urbano.

Futura localización da parada do bus ao aeroporto.

➣ Ampliación das beirarrúas e mellora da accesibilidade nos pasos de peóns. Tanto a beirarrúa da parada 409 (ferretería) como a da 410 (Massimo Dutti) serán prolongadas e os bordos e o firme de baldosas de cemento serán substituídos por bordos e lousas de granito. Esta é a oportunidade idónea para instalar nunha das paradas máis empregadas de toda a rede o pavimento podotáctil, necesario para as persoas con algunha discapacidade visual e practicamente inexistente en Compostela.
É escaso o número de paradas nas que está
instalado o pavimento podotáctil.


➣ Reforma dos pasos de peóns. Actualmente non son accesibles ao cen por cento. Contan cunha pequena rampla —con demasiada inclinación— que facilita a labor aos usuarios de cadeiras de rodas, mais na práctica non é útil. Por este motivo, o Concello propón accesibilizalos segundo a fórmula do coxín berlinés, é dicir, elevándoos para buscar a comodidade do peón ao non haber elevacións e, de paso, facer reducir a velocidade ao tráfico rodado. 

Aínda que as intencións —facilitar o tránsito do transporte público e o peonil— sexan boas, coidamos que a localización escollida para a nova parada non é a máis axeitada. Ao perder os vehículos ese carril de entrada ao parking, colapsado habitualmente en verán, o taponamento será maior e terá lugar en medio e medio da praza, en vez de nese carril concreto. Deste xeito, pódese ver interrompido o tráfico procedente tanto da Senra como de Virxe da Cerca ao non poder circular por mor do atasco que terá lugar nos carrís de paso da praza. En definitiva, que se non se acompaña a medida dun plan de redución do tráfico no centro da cidade, o remedio pode ser peor ca enfermidade.

Por non comentar o feito de que nun contexto de atasco, o bus do aeroporto non podería efectuar a saída desde a nova parada ao estar a zona colapsada polos turismos que tratan de acceder ao aparcadoiro subterráneo.

Reparto de mercadorías no Casco Antigo
O estado do pavimento da zona histórica está esnaquizado, así como diversas fontes do recinto do intramuros, por mor do paso de grandes camións de carga e descarga. Neste sentido, o Concello expón establecer unha ou varias zonas na fronteira da améndoa nas que realizar as descargas, que logo serían entregadas ao destinatario final mediante pequenos vehículos eléctricos, ben a través de TUSSA ou mediante unha empresa externa. Esta medida iría acompañada dunha redución no horario de CeD, que se estende ata as 10:30 h nalgunha zona.

Trens turísticos fóra do Obradoiro
O dos trens turísticos é outro dos sen sentidos vixente na actualidade: en verán, un tren de tres vagóns (os da ruta monumental) percorre cada media hora a rúa de San Francisco ata chegar ao Obradoiro, ao que se suma outro máis nalgunhas horas puntuais (o da ruta dos parques). Agora o Concello quere limitar o itinerario desta atracción turística ata a dársena de Xoán XXIII ou «outra localización máis axeitada». Xa era hora.

As [ansiadas] obras de reurbanización en Concheiros
Este ano darán comezo as tan demandadas obras de reurbanización da rúa dos Concheiros. Desde que se semipeonalizou San Pedro en 2013, só discorre por estas dúas rúas a #LiñaC11, que se verá desviada mentres duren os traballos. No documento indícase nun par de parágrafos que os percorridos alternativos (previsiblemente por San Roque, Pastoriza, Anxo Casal e Rodríguez de Viguri) suporán un sobrecusto para Tralusa que «deberá recibir a correspondente contía compensatoria».

Supoñemos que, como xa se ten feito noutras ocasións, non se reforzará o servizo da #LiñaC11 cun bus máis durante o desvío. Porén, o non facelo implicará non cumprir a frecuencia de 12 min establecida para a ruta, que non descartamos que sexa ampliada a 15. Xorden tamén dúbidas sobre o encaixe que terán estas obras no novo mapa de liñas que se pretende licitar no primeiro trimestre deste 2020.

Como curiosidade, lemos onte en La Voz de Galicia as alteracións no tráfico previstas de cara ás obras na avenida de Lugo, á altura da rotonda dos Concheiros, executadas pola Xunta dentro do plan de mellora das entradas do Camiño na cidade. Quedamos á agarda do que comunique o Pazo de Raxoi, pero parece ser que as liñas que pasen pola zona (L6, 9, 13, C2, C4, C5, C6 e C11) van ter que verse desviadas mentres duren os traballos.

Fontes:
Concello de Santiago
La Voz de Galicia
Google Maps

15 de novembro de 2019

Novidades: marquesiña no aparcadoiro de Santa Marta e panel de chegadas na #Parada691

Pouco a pouco imos vendo como, tras anos e anos de abandono das infraestruturas relacionadas co transporte urbano, a cidade vai recuperando o pulso (cousas do Xacobeo...). Nestas últimas semanas destacamos dúas novidades: a instalación dun panel de chegadas en tempo real na #Parada691 (Hórreo, estación de trens) e dunha marquesiña na parada do aparcadoiro de Santa Marta da #Liña1.

Marquesiña en Santa Marta
No primeiro caso —segundo puidemos saber durante o último Pleno da Corporación—, a marquesiña de Santa Marta foi demandada polo voceiro do Partido Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, nun Consello de Administración de TUSSA. A petición foi admitida e o Goberno municipal reservou unha partida nos seus orzamentos «técnicos» para este propósito. Non foi ata o pasado luns cando a puidemos ver instalada, e polo que a nós respecta, deixa moito que desexar. Así loce:


Non é o suficientemente grande como para atender a alta demanda do estacionamento. En Santa Marta aparcan moitos condutores polas mañás e en horas punta pode chegar a haber en torno a quince persoas agardando ao bus. Na marquesiña caben dez e sentadas, catro. Ademais, no relativo á información ao usuario, non se instalou ningún poste indicador apeadeiro e tampouco o plano coas liñas e horarios que adoita poñerse naquelas paradas que contan con marquesiña.

E aínda que xa sexa fantasear, tampouco estaría de máis ter construído unha plataforma elevada sobre o chan que facilitase o acceso ao autobús. Estamos a falar dunha zona en pendente na que non hai beirarrúas, polo que a tarefa pódeselle complicar a máis dun, especialmente ás PMR. Este tipo de pequenos detalles nunca se teñen en conta en Compostela.

Panel no Hórreo
Na zona do Hórreo, localización da actual estación de trens e da futura Intermodal, vén de instalarse un panel de chegadas en tempo real. Concretamente fíxose na #Parada691 e o modelo é idéntico ao que hai pouco máis dun ano se colocou en Virxe da Cerca.



As vantaxes, como xa indicamos no seu día, pasan pola utilización das cores de cada liña, normalmente infrautilizadas e mesmo cambiadas na app maisbus. Este panel tampouco presenta problemas para visualizalo cando lle da a luz solar de fronte, como si o fan outros (praza de Galicia e rúa da Rosa, entre outros).

Porén, presenta unha serie de inconvenientes:

  • Non se mostra sempre o destino real: esta clase de indicadores mostran a orixe e o destino da liña de forma estática, e non dependendo do punto final real do servizo. Neste caso concreto, por exemplo, a información ofrecida sobre a liña P3 é «Susana - Rúa Valle Inclán», e sempre será esa aínda que a ruta remate ás veces na praza de Galicia. Isto acontece tamén coa liña 6, que non sempre remata en San Marcos para poder prolongarse ata Bando e Vilamaior.
  • Só se mostra o próximo bus: a diferenza dos paneis LED laranxas, estes azuis só mostran o próximo bus de cada liña. É dicir, se lle quedan 2 minutos ao 6 temos que intuír por nós mesmos que o seguinte chegará en 22', e para iso hai que controlar as frecuencias.

Tanto a marquesiña como o panel non deixan de ser boas novas para as persoas que empregan o transporte urbano, pero son estas cuestións menores as que sempre acaban por confirmar o que xa sabemos: o noso servizo de transporte urbano é de segunda, e non parece importarlle moito aos nosos dirixentes.