25 de febreiro de 2019

#TransportePúblico en Costa Vella, unha materia pendente

Hai uns días, El Correo Gallego publicaba unhas pezas adicadas ás xa máis que coñecidas e habituais queixas sobre os problemas do transporte urbano no entorno do polígono de Costa Vella. O certo é que só dúas liñas (C5 e C6) conectan esta superficie industrial co centro da cidade, e ambas as dúas teñen frecuencia dunha hora e percorridos inmensos. É de esperar que o primeiro dos problemas se resolva coa nova licitación, pero todo parece indicar que o segundo quedará sen solventar.





Cales son os problemas?
En rasgos xerais, podemos identificar tres problemas básicos:


➢ Frecuencias escasas
De luns a venres e os sábados pola mañá, as liñas que serven ao polígono son dúas: a #LiñaC5 (saídas ás XX:30) e a #LiñaC6 (saídas ás XX:05). A teoría xa non soa ben porque practicamente estamos a falar dun bus cada media hora que, ante a demanda de viaxeiros e coa recente instalación de grandes empresas na zona, resulta insuficiente.


➢ Retrasos máis que habituais
O habitual Citaro da #LiñaC5 na
cabeceira de Eslovenia, en Costa Vella.
Se a teoría xa non soa ben, podemos augurar que a práctica é todavía peor. E é que en realidade, os horarios estipulados para estas dúas liñas son irreais e imposibles de cumprir: unha hora para percorridos circulares duns 15 km que rodean a cidade e atravesas as zonas máis conflitivas en canto á intensidade de tráfico (Virxe da Cerca, Hórreo, Doutor Teixeiro...).

Ademais, a #LiñaC6 tamén se viu afectada pola peonalización da rúa de San Pedro en 2013, polo que agora circula por San Roque → Basquiños → Pastoriza → Rodríguez de Viguri co mesmo tempo de viaxe que por aquel entón. De feito, como comenta unha usuaria no vídeo, ás veces é tan esaxerado o retraso que mesmo á liña C5 chega antes que a C6 —o que implicaría unha demora de 25 min—.

➢ Percorridos
O último dos problemas que habería que solventar é, baixo o noso punto de vista, o dos percorridos. Imos exemplificalo collendo como punto de referencia o centro da cidade:

— Centro cidade → Costa Vella: se empregamos o circular C5, a viaxe poderíanos levar ata 40 min, xa que teríamos que ir percorrendo Restollal, a rúa da Estrada, Fontiñas e Amio. No caso do C6, o tempo de traxecto sería algo máis curto, pero en todo caso próximo á media hora.

— Costa Vella → centro cidade: a opción máis «rápida» sería empregar a #LiñaC5, que, despois de percorrer Amio e Fontiñas, accede ao centro a través de Bonaval e Virxe da Cerca (sobre 25 min). No caso da C6, dende Fontiñas, habería que percorrer a rúa de Diego Bernal, a da Estrada e o Restollal ata chegar ao Hórreo (uns 30 min).

Que se contempla na nova concesión ao respecto?
Basta con botar un ollo ao Xeoportal do Concello para consultar os itinerarios das liñas da nova concesión. As substitutas das actuais rutas que conectan a cidade co polígono serán as #Liña30+ e #Liña30-, que contan cun percorrido practicamente igual que os dos circulares C5 e C6, como xa comentamos no seu día.



Visualización das futuras liñas 30+ e 30- no Xeoportal
(clic para ampliar).


Aínda que non coñecemos os horarios, supoñemos que estas novas liñas funcionarán tamén os domingos e festivos —cumprindo así unha vella demanda da veciñanza de Amio—, posto que o tramo do polígono aparece como unha prolongación.

Con todo, o problema dos itinerarios non quedaría resolto con esta nova proposta, xa que habería que dar a mesma volta para chegar á zona industrial dende o Ensanche. Agardamos polo menos que si se solucione a cuestión das frecuencias dotando a cada liña con, polo menos, dous autobuses.

Posibles solucións buscomposteleiras


Recreación da prolongación da #Liña1 polo
polígono de Costa Vella.
Unha das posibles solucións para poder acceder a Costa Vella dun xeito máis áxil e cun percorrido menor que os actuais, sería prolongar a #Liña1 dirección Boisaca, como xa se vén facendo dende hai anos para dar servizo á Feira de Amio durante a Ascensión. Con todo, sería unicamente un método de acceso, xa que para o regreso implicaría unha gran cantidade de tempo, ao ter os buses que ir ata Boisaca (de cara á nova concesión, aínda peor, ata o Tambre), facer alí regulación horaria e logo volver.

Esta prolongación non sería posible na viaxe cara o Hospital Clínico, xa que dende o carril sentido centro cidade do Cruceiro da Coruña non se pode acceder á rúa de Amio.


Fontes de información:
El Correo Gallego (08/02/2019)

14 de xaneiro de 2019

Obras en Frei Rosendo Salvado desviarán á #Liña5 durante un mes

Dende hoxe [luns 14 de xaneiro] ás 8:30 h e ata dentro de, aproximadamente, un mes, queda pechada ao tráfico a rúa Frei Rosendo Salvado, concretamente o tramo que vai dende o cruce con Ramón Cabanillas ata a confluencia con Santiago de Chile. Por este motivo, a #Liña5 do transporte urbano verase desviada:


A imaxe mostra un mapa do desvío da liña cinco, sinalando as paradas suprimidas e as alternativas

Tras sobrepasar a praza de Galicia, os buses da #Liña5 con dirección A Rocha / A Rocha Vella seguirán por Doutor Teixeiro ata a rúa da Rosa, en vez de xirar á dereita cara República de El Salvador. Percorrerán A Rosa enteira para enfilar Santiago de Chile. No cruce desta rúa con Frei Rosendo, incorporaranse ao seu itinerario habitual.

Durante o tempo que duren estas obras —que teñen como obxectivo a mellora da drenaxe en Frei Rosendo Salvado para evitar os grandes asolagamentos vividos nas épocas de chuvias—, quedarán anuladas dúas paradas:

🚏👎 #Parada433, República de El Salvador.
🚏👎 #Parada263, Frei Rosendo Salvado.

No seu lugar, habilitaranse outras dúas como alternativa:

🚏👍 #Parada479, rúa da Rosa.
🚏👍 #Parada589, Santiago de Chile (c. Frei Rosendo).

App e sinalización «in situ»
Así estaba sinalizada a
suspensión da #Parada263
no pasado mes de xullo.
De todos os xeitos, na app seguirán figurando como paradas de paso as anuladas e tampouco haberá rastro da #Liña5 nas alternativas. Lembra que a mellor de todas e a única que combina transporte urbano e metropolitano é Buscq.

Nas paradas físicas, coidamos que o que se fará é pegar un papel nunha das farolas próximas —xa que non hai poste informativo en ningunha das dúas suprimidas— cunha copia da información ofrecida na web de TUSSA. Coas chuvias previstas para a próxima semana, esta folla mollarase e perderase a información... A importancia dos paneis!

Fontes de información:

12 de xaneiro de 2019

Primeiro bus híbrido en Compostela!



O pasado venres eramos testigos dun feito inédito na nosa cidade: a presenza de autobuses híbridos!. Para a nosa sorpresa, puidemos comprobar «in situ» a silenciosa entrada que o King Long E12 Clase II realizaba na rúa da Rosa. Esta xoia é propiedade de Autobuses de Calo, empresa que realiza servizos interurbanos entre Compostela e Milladoiro, Luou e Firmistáns, principalmente. Probablemente sexa herencia da súa empresa irmá, Empresa Boadilla, que presta servizos interurbanos en Madrid e que adquirira catro unidades deste vehículo en 2016.

Comparativa da visibilidade do
panel LED branco fronte aos
paneis do transporte urbano
(panel LED laranxa e panel DOT).
Este autobús mide 12,18 m e ten capacidade para albergar a 41 persoas sentadas e a 7 de pé, así como espazo para unha persoa con mobilidade reducida. Contén cargadores USB para a recarga de dispositivos móbiles e conta cun sistema antibacteriano que reduce ao mínimo as posibilidades de contaxio de enfermidades. No aspecto exterior, o máis rechamante é o seu amplio cristal dianteiro e o panel LAWO LED de cor branca, que mellora notablemente a visibilidade con respecto ao LED laranxa e, por suposto, con respecto aos característicos paneis DOT do noso transporte urbano (incluso algúns teñen as luces de iluminación nocturna estragadas...).

O King Long E12 de Autobuses de Calo opera na ruta Santiago – Firmistáns (concretamente, o día que foi visto —venres 11/01— estaba a realizar as saídas ás horas e media dende a rúa da Rosa).

Fontes de información:
Imaxe: Diario de Madrid e elaboración propia