15 de novembro de 2019

Novidades: marquesiña no aparcadoiro de Santa Marta e panel de chegadas na #Parada691

Pouco a pouco imos vendo como, tras anos e anos de abandono das infraestruturas relacionadas co transporte urbano, a cidade vai recuperando o pulso (cousas do Xacobeo...). Nestas últimas semanas destacamos dúas novidades: a instalación dun panel de chegadas en tempo real na #Parada691 (Hórreo, estación de trens) e dunha marquesiña na parada do aparcadoiro de Santa Marta da #Liña1.

Marquesiña en Santa Marta
No primeiro caso —segundo puidemos saber durante o último Pleno da Corporación—, a marquesiña de Santa Marta foi demandada polo voceiro do Partido Popular, Alejandro Sánchez-Brunete, nun Consello de Administración de TUSSA. A petición foi admitida e o Goberno municipal reservou unha partida nos seus orzamentos «técnicos» para este propósito. Non foi ata o pasado luns cando a puidemos ver instalada, e polo que a nós respecta, deixa moito que desexar. Así loce:


Non é o suficientemente grande como para atender a alta demanda do estacionamento. En Santa Marta aparcan moitos condutores polas mañás e en horas punta pode chegar a haber en torno a quince persoas agardando ao bus. Na marquesiña caben dez e sentadas, catro. Ademais, no relativo á información ao usuario, non se instalou ningún poste indicador apeadeiro e tampouco o plano coas liñas e horarios que adoita poñerse naquelas paradas que contan con marquesiña.

E aínda que xa sexa fantasear, tampouco estaría de máis ter construído unha plataforma elevada sobre o chan que facilitase o acceso ao autobús. Estamos a falar dunha zona en pendente na que non hai beirarrúas, polo que a tarefa pódeselle complicar a máis dun, especialmente ás PMR. Este tipo de pequenos detalles nunca se teñen en conta en Compostela.

Panel no Hórreo
Na zona do Hórreo, localización da actual estación de trens e da futura Intermodal, vén de instalarse un panel de chegadas en tempo real. Concretamente fíxose na #Parada691 e o modelo é idéntico ao que hai pouco máis dun ano se colocou en Virxe da Cerca.



As vantaxes, como xa indicamos no seu día, pasan pola utilización das cores de cada liña, normalmente infrautilizadas e mesmo cambiadas na app maisbus. Este panel tampouco presenta problemas para visualizalo cando lle da a luz solar de fronte, como si o fan outros (praza de Galicia e rúa da Rosa, entre outros).

Porén, presenta unha serie de inconvenientes:

  • Non se mostra sempre o destino real: esta clase de indicadores mostran a orixe e o destino da liña de forma estática, e non dependendo do punto final real do servizo. Neste caso concreto, por exemplo, a información ofrecida sobre a liña P3 é «Susana - Rúa Valle Inclán», e sempre será esa aínda que a ruta remate ás veces na praza de Galicia. Isto acontece tamén coa liña 6, que non sempre remata en San Marcos para poder prolongarse ata Bando e Vilamaior.
  • Só se mostra o próximo bus: a diferenza dos paneis LED laranxas, estes azuis só mostran o próximo bus de cada liña. É dicir, se lle quedan 2 minutos ao 6 temos que intuír por nós mesmos que o seguinte chegará en 22', e para iso hai que controlar as frecuencias.

Tanto a marquesiña como o panel non deixan de ser boas novas para as persoas que empregan o transporte urbano, pero son estas cuestións menores as que sempre acaban por confirmar o que xa sabemos: o noso servizo de transporte urbano é de segunda, e non parece importarlle moito aos nosos dirixentes.

30 de outubro de 2019

Tralusa renovará nove autobuses por outros «novos ou case novos»

Semella que pouco a pouco os axentes protagonistas da posta en marcha da nova concesión do transporte urbano da cidade van movendo ficha: hai un mes o concelleiro Gonzalo Muíños expresaba a súa intención de convocar o concurso público antes de fin de ano; a principios de outubro, os condutor@s demandaban a inclusión das súas demandas nos pregos e agora tocoulle á empresa operadora, a UTE Tralusa (Aulusa + Trapsa). A compañía pediu autorización ao Concello para a substitución de nove vehículos dada «a antigüidade da frota» e «as reiteradas avarías». Foille concedida.

Tras a autorización da Xunta de Goberno local a Tralusa para o troco dos vehículos, queda por ver se se traerán unidades procedentes doutras empresas do Grupo Monbus ou se adquirirán de primeira man. Por experiencias pasadas, todo parece indicar que serán de segunda man, aínda que o alcalde, Sánchez Bugallo, incidiu en que os buses serán «novos ou case novos».

Por facer memoria...
Un dos Scania alcalaínos, o 2338 (antes do cambio
a «C. Vilares» no panel😉)
A frota, segundo declarou antonte o rexedor, ten unha media de idade de 15 anos. O problema xa vén de atrás e nos últimos anos a situación non fixo máis que agravarse, con avarías recorrentes, pingueiras dentro dos buses, aire acondicionado / calefaccións que non funcionaban, etc. Así, a partir do verán de 2017 Tralusa comezou a incorporar á frota varios Scania N270 UB Carsa City Versus procedentes de Alcalá de Henares, cuxa empresa operadora tamén pertence ao Grupo Monbus. En total, en Santiago calculamos que hai arredor de nove unidades.

Paralelamente tamén se introduciron varios CS-40 City II —tamén de Alcalá— para tratar de salvar os casos imposibles, aqueles vehículos que xa morreran ou que pouco lles quedaba para. Podemos distinguilos dos CS-40 orixinais de Tralusa porque as barras do interior están pintadas de vermello (igual que nos Scania) en vez do tradicional amarelo. Estas unidades viñeron xa con moitos km enriba e agora, con 16 anos e medio de antigüidade, non se atopan en condicións decentes para prestar un bo servizo.
O bus máis novo de toda a rede (o Citaro de Grabanxa),
xunto a un dos máis vellos, o 1956 de Tralusa (aínda
hoxe circulou na #LiñaC6). Foto: Asannei.

Xa no verán do ano pasado comezou a circular o que ata agora é o vehículo máis recente de toda a frota (exceptuando o Citaro de Autos Grabanxa para a #LiñaP6): un Citaro O530 matriculado en 2011. O seu número de empresa é o 2424 —o máis alto— e ten tres portas, coas barras interiores en cor azul. Procedía do aeroporto de El Prat.

Para atopar as últimas adquisicións de primeira man temos que remontarnos ata 2012, ano no que o Concello —non Tralusa— mercou tres Citaro K cofinanciados con fondos da Unión Europea. A súa característica máis singular é que están repintados metade en azul e metade en amarelo. Nos días laborables adoitan circular nas liñas 9, C2 e C5.



Buses saíntes
Como é de esperar, os buses novos entrarán para substituír aos que máis anos teñen enriba. Actualmente, as liñas máis castigadas coas vellas glorias acostuman ser a 1 e a C11, que alternan entre elas o peor do parque móbil. A P1 e sobre todo a C6, cun bus cada unha, tamén levan parte do premio. En definitiva, coidamos que a intención é tentar retirar os vehículos anteriores ao 1965 (aínda que hai algún con numeración maior antigo dos traídos de Alcalá), que teñen matrículas coa letra C.

Buses entrantes
Tendo en conta que os autobuses que circulan polas rúas de Santiago son pouco máis de corenta, unha renovación de nove representa case un cuarto da frota, polo que é un cambio significativo. Agora a dúbida é con que nos sorprenderá Tralusa. Para prestar os servizos do festival O Son do Camiño a empresa trouxera varios Scania City Versus de Alcalá así coma uns Citaro C2 e un Citaro L, que máis tarde pillamos en probas en Virxe da Cerca. Queremos pensar que podemos descartar os Scania, enormes e ruidosos, coa escusa de «novos ou case novos». Non así os Citaro C2, que poderían encaixar co de «case novos».




Sen dúbida, a renovación destes vehículos será ben recibida polos usuari@s e condutor@s, pero o momento no que se decide facela resulta sospeitoso, ás portas duns novos pregos. Isto é debido a que é probable que o proceso sufra o vixésimo atraso: se Muíños citaba decembro como data para o concurso, o alcalde falou antonte do «primeiro trimestre de 2020». A cuestión é, será o último...?

Fontes de información:
Concello de Santiago
La Voz de Galicia
CIG
Fotos:
Asannei
Bus Compostela

27 de outubro de 2019

A CIG logra a maioría nas eleccións sindicais de Tralusa

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de conseguir tres dos cinco representantes do comité de empresa de Tralusa nas recentemente celebradas eleccións sindicais. Segundo a propia CIG, as votacións realizáronse nun contexto de «moitas presións» por parte da empresa, que apoiaba «descaradamente» a candidatura de UGT.

Unha vez constituído o novo Comité retomaranse as negociacións coa Inspección de Traballo para solucionar temas pendentes como os contratos en fraude de lei ou o rexistro da xornada laboral. Tamén se tratará de negociar co Concello a inclusión das demandas dos traballadores e traballadoras nos novos pregos da concesión que están a piques de ser publicados. Entre as peticións destacan a mellora das condicións sociais, do estado dos autobuses e da calidade do servizo prestado.

Tralusa, pertencente ao Grupo Monbus, é a empresa encargada de explotar a concesión do servizo do transporte urbano de Santiago. Das 22 liñas que ten a rede, Tralusa encárgase de 18 (todas menos a 7, P6, P7 e P8). A intención do Concello é a de unificar todas as rutas nunha soa empresa na próxima concesión.

Candidatura da CIG, na súa maioría
conformada por condutores/as de Tralusa.
Fonte: CIG
Imaxe: CIG