26 de xuño de 2019

Carencias (as de sempre) e novidades dos horarios de verán 2019

Como cada ano na última semana de xuño, o pasado luns comezaron a funcionar os horarios de verán nas diferentes liñas do transporte urbano. En teoría, adecúanse os horarios á demanda da tempada estival —sobreenténdese que menor—, mais hai casos nos que se reducen frecuencias e a demanda segue a ser a mesma, como acontece no rural ou nos hospitais. A continuación imos expoñer, en trazos xerais, os principais cambios destes horarios con respecto aos do ano pasado e as súas eivas máis importantes.




Novidades 2019
A principal novidade nos horarios de 2019 é o mantemento do reforzo da #Liña8 nas mañás dos días laborables, cun autobús máis (tres en total). Este incremento do servizo xa leva implantado uns anos nos horarios de inverno, pero é a primeira vez que se aplica nos de verán. Foi introducido en 2015 cando se detectou que a frecuencia de 30 min da liña era imposible de cumprir con só dous vehículos.


Así quedan as saídas da #Liña8 para o verán, coa
nova prolongación ata Os Vilares incluída.
Durante o verán, a frecuencia cumpríase sen maiores problemas ao verse reducido o tráfico no centro da cidade, principal causa de retardación das liñas. Agora mantense, segundo o Concello, por mor das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Resulta paradoxal que este sexa o motivo oficial, xa que eses traballos afectan á case a totalidade das liñas e algunhas teñen unha frecuencia aínda máis difícil de cumprir (véxase a #Liña9 cun só bus).

De todos os xeitos, todo o que sexa incrementar o servizo ofrecido é benvido. Aínda que neste caso en concreto comprería analizar pormenorizadamente a situación, posto que a liña 8 contará este verán con tres autobuses polas mañás (frecuencia de 30 min) e só con un durante as tardes (cada 60 min). Non sería mellor dous e dous e tratar de manter os pasos cada media hora...?

A maiores reaxustáronse as saídas de primeira hora da #LiñaP1 co obxectivo de que manteñan a mesma estrutura horaria que en inverno.

Cobertura do Hospital Provincial
Dúas das liñas nas que máis se nota a redución do servizo son as circulares #LiñaC2 e #LiñaC4: pasan de ter cada unha unha frecuencia de 40 min (20' en combinación) a 60 min (30' en combinación) ou o que é o mesmo, pasan de ter dous buses cada unha a só un. O certo é que non resulta realista pretender que estas liñas realicen o seu percorrido, duns 16 km e máis de 50 paradas, nunha hora. De feito, o C2 ten establecidas as saídas da estación cada hora e dez minutos polas mañás.

Froito desta redución vese minguado o servizo ao Hospital Provincial de Conxo. Na teoría debería pasar ou o C2 ou o C4 cada media hora, pero ese descuadre de 10' nas saídas do C2 provoca que poida ser así como que pasen os dous á vez durante as mañás. Polas tardes si debería cumprirse a frecuencia de 30 min, pero non é raro que algunha das dúas rutas acumule algún atraso que, ao non haber ningunha «tregua» no día para reaxustalo, acabe por facerse cada vez máis e máis grande ata os últimos servizos.

Para colmo, a liña C4 pasa de ter a súa última saída, das 21:50 dos horarios de inverno, ás 19:45 nos de verán. Polo tanto, dende o último paso do C4 polo Provincial (sobre as 20:10), só pasa dúas veces máis o C2 cada hora.

Prolongacións e servizos ao rural
Na tempada estival téndese a reducir algunhas prolongacións a zonas rurais e non tan rurais que baixo o noso punto de vista non están xustificadas. A veciñanza de Vite de Arriba, por exemplo, pasa de ter cinco pasos da #Liña15 repartidos durante toda a tarde a só dous: un ás 15:30 e outro ás 21:30. A #LiñaP4 da Sionlla ten en inverno só dous servizos dende a praza de Galicia, 14:10 e 19:00, e durante o verán suprímese este último. A #Liña4, que non varía horarios nin número de autobuses nos días laborables, pasa de ter cinco prolongacións a Mallou a só dúas, e ambas durante a mañá, quedando esta zona incomunicada durante as tardes.

Este tipo de cuestións contan tamén á hora de ter en conta o reequilibrio territorial tan necesario en prol do rural e que todos os candidatos á alcaldía prometeron en forma de contrato, elaborado por Ferusa. Si é certo que noutras liñas rurais (P1, P2, P3 e P8) mantivéronse practicamente os horarios de inverno.

Outros pequenos detalliños que tamén contan
Fóra dos males maiores tamén hai unha serie de cuestións menores que non deixan de ser importantes. Unha delas é o acceso ao Campus Sur da #Liña15, que non se realiza durante os meses de xullo e agosto. Se xa só conta cun bus e frecuencia de 60 min —nós cremos que deberían manterse, aló menos, dous—, por que non facer que siga circulando polo campus universitario? E aínda con máis motivo ao celebrarse os exames extraordinarios en xullo dende a implantación do Plan Bolonia...

En último lugar, simplemente matizar que a frecuencia de 35 min da #LiñaC11 durante os domingos e festivos é insuficiente e irreal, sobre todo naquelas viaxes con prolongación ao Multiusos e ao Gaiás. Nestas xornadas, un dos grandes atractores de viaxeiros como é As Cancelas queda practicamente incomunicado ao pasar as liñas 4 e C2 cada hora e o C11 cada 35'. Comprería botarlle un ollo e ver se resultaría factible introducir un bus máis no C11 para manter os pasos cada 20' dos horarios de inverno.

En definitiva, os horarios de verán son practicamente idénticos todos os anos dende hai unha década, salvo pequenos axustes de última hora. Non se atopan adaptados á Compostela do 2019 e, polo tanto, resultan irreais para o usuario e difíciles de cumprir para os condutores; todos saímos prexudicados. Sen dúbida algunha, van ter que ser un eixo fundamental a tratar na nova concesión, coa vista posta nas vindeiras tempadas estivais e, sobre todo, no tan temido Xacobeo 2021.

Fontes de información:
TUSSA
Concello de Santiago
La Voz de Galicia

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda

22 de xuño de 2019

TUSSA trasladou a máis de 50.000 persoas a O Son do Camiño

O Concello vén de publicar as cifras oficiais correspondentes ao uso do transporte público para desprazarse ata O Son do Camiño. O número total de usuari@s foi 50.695. Destes, 45.545 (o 89,84%) empregaron os servizos lanzadeira habilitados para a ocasión e os restantes distribuíronse entre as liñas 6 e 7, cunha afluencia maior na primeira. O certo é que non acabamos de entender o sistema de medición nas liñas regulares, posto que se rexistra á persoa cando sube ao bus, pero non en que parada baixa.

O servizo lanzadeira foi prestado con vehículos de
Tralusa e con vehículos «prestados» doutras empresas.

Cifras por día
O venres e o sábado foron os días nos que máis se empregou o bus urbano. Foron entre 15.000 e 18.000 as persoas usuarias dos servizos ofertados. O xoves, o primeiro día do festival, foi o que menos tivo, uns 12.000.


Cifras por franxa horaria
Das catro franxas establecidas por TUSSA (inicio - 15:00, 15:00 - 23:00, 23:00 - 00:00 e 00:00 - fin), as máis empregadas foron, obviamente, as que máis horas abarcaban, é dicir, de 15:00 a 23:00 h  e de 00:00 ao final (en torno as 4:30 ou 5:00 h). Destaca o feito de que, aproximadamente, foi o mesmo o nº de persoas que empregaron o bus tanto para ir como para volver nas distintas xornadas.

Comparativa coa edición anterior
Non hai cifras oficiais das persoas transportadas durante a primeira edición de O Son do Camiño, en 2018. Porén, as cifras da globalidade da rede si recollen o número de persoas que empregaron os servizos especiais durante todo o ano: 50.036. Tendo en conta que no 2019 só neste festival foron 50.695, podemos concluír que o balance dos servizos extraordinarios prestados por TUSSA para determinados eventos é positivo e que está á alza.

Fonte de información: Concello de Santiago
Gráficas (cifras por día e por franxa horaria): Concello de Santiago

10 de xuño de 2019

Dous servizos lanzadeira atenderán a demanda dos asistentes de O Son do Camiño

Esta semana arrinca por fin a segunda edición do festival O Son do Camiño no Monte do Gozo. Terá lugar durante o xoves 13, venres 14 e sábado 15 de xuño. Este ano, como novidade, TUSSA porá en marcha dous servizos lanzadeira a disposición dos asistentes: un conectará o recinto co centro da cidade e o outro co aparcadoiro que será habilitando no Recinto Feiral de Amio. Complementarán ás liñas 6 e 7, que tamén contan con paradas nas inmediacións do Monte do Gozo.


Mapa proporcionado pola organización do festival cos lugares clave. CLICA AQUÍ se non podes visualizalo correctamente.

Horarios
As dúas liñas que servirán ao festival serán:

> Liña Especial 1 (centro cidade ⇄ Monte do Gozo)
> Liña Especial 2 (Recinto Feiral de Amio ⇄ San Lázaro)

E para ambas as dúas, os horarios serán os seguintes:

> Sentida IDA: servizos cara o festival.
> Sentido VOLTA: servizos cara centro cidade e Amio.

A partir das 23:00, as dúas liñas especiais só realizarán os servizos de VOLTA, polo que o último servizo de IDA sairá ás 23:00 dende o centro da cidade e Amio respectivamente.

As tarifas serán as habituais do transporte urbano, que podes consultar nesta ligazón.

Liña Especial 1 (centro cidade ⇄ Monte do Gozo)
A LE1, no servizo de IDA, conectará o Hórreo (carril bus diante da escalinata da estación de tren) coa rotonda baixo a SC-20, punto onde comeza a rúa das Estrelas. Dende este punto haberá que ir a pé ata o recinto, un traxecto duns 20 min aproximadamente. O ano pasado este servizo continuaba un pouco máis aló, ata o cruce desta rúa con Agra dos Campos. Todo parece indicar que a redución do percorrido foi debida aos incidentes acontecidos na edición anterior

O servizo de VOLTA partirá da avda. Fernando Casas Novoa, na confluencia coa rotonda baixo a SC-20, e terá como destino a avda. de Lugo, no cruce co Hórreo. O percorrido realizarase a través da SC-20 para transportar aos viaxeiros da forma máis veloz posible.

Mapa do percorrido e plano explicativo dos puntos de orixe / destino da LE1:


Liña Especial 2 (Recinto Feiral de Amio ⇄ San Lázaro)
A LE2 dará servizo a aquelas persoas que veñan á cidade en vehículo privado e decidan deixalo aparcado no aparcadoiro que se habilitará no Recinto Feiral de Amio. Para aparcar aquí será preciso ter unha entrada ao festival. O servizo de IDA conectará este parking (#Parada429 do transporte urbano) con San Lázaro, nas inmediacións do Palacio de Congresos. Dende aquí ata o Monte do Gozo o traxecto andando ten uns 26 min de duración ou tamén se pode coller a #Liña6 dirección San Marcos (consultar final do post).

A viaxe de VOLTA partirá da parada máis próxima ao Palacio de Congresos, a #Parada560 da #Liña6. Ao igual que a LE1, a LE2 discorrerá pola SC-20 nun traxecto de apenas 5-7 min de duración. Este o mapa do percorrido e das paradas de cada cabeceira:

Outras liñas con paradas preto do festival
As liñas 6 e 7 complementarán ás dúas liñas especiais:

> #Liña6 (cada 20 min): para acceder ao festival (dirección San Marcos), a parada máis próxima ao Monte do Gozo é a #Parada204, Costa de San Marcos (fronte ao hotel Santiago Apóstol), a uns 8 min a pé ata o recinto. Para regresar á cidade coa L6 (dirección Os Tilos), débese coller o bus na de en fronte, a #Parada282.


Paradas da #Liña6 no entorno do hotel Santiago Apóstol.

> #Liña7 (cada hora): é a liña que para máis cerca do Monte do Gozo. Para ir ao festival hai que coller os buses que teñan como destino final Aríns, NON VALEN os que van a Fornás. A #Parada320, na rotonda de Agra dos Campos, será tanto o punto de baixada coma o de subida para os que escollan a L7 para volver a Santiago.


#Parada320 da #Liña7.

Problemas cos buses durante a primeira edición
O ano pasado só funcinou un dos servizos lanzadeira, o que conecta o festival coa estación de trens. Aparentemente non houbo maiores problemas, pero no remate da última xornada, ás 3:45 horas, o Posto Avanzado de Mando decidía suprimir o servizo de autobuses ante a aglomeración de persoas no entorno da parada de Agra dos Campos.

TUSSA enviara 20 autobuses á vez para intentar cubrir toda a demanda, pero resultaron insuficientes ao estar abandonando o recinto practicamente a totalidade das persoas que accederan ao mesmo en transporte público. O xerente da empresa, José Ramón Mosquera, chegou a propoñer que non se cobrararan as viaxes, co obxectivo de axilizar o desaloxo de xente, pero a Policía Nacional preferiu suspendelo.

Os asistentes, máis que da propia decisión, queixáronse de non ser avisados por ninguén. Moita xente seguía a agardar polo bus no lugar indicado tempo despois que fora suspendido. Tampouco agradou a xestión de TUSSA, xa que era obvio que 20 buses non eran suficientes para as miles de persoas que naquel momento abandoaban o festival. Hai que ter en conta que era a primeira vez que se levaba a cabo un servizo lanzadeira de tales dimensións, con horarios amplos e moita demanda de viaxeiros.

Este ano o dispositivo semella estar mellor planificado. Botamos en falta, iso si, sinalización «in situ» na cabeceira da LE1 en Fernando Casas de Novoa: ao non ser unha parada de bus habitual pode resultar algo confuso. Iso si, aínda que a decisión de non deixar pasar á LE ata a rotonda de Agra dos Campos redundará nunha maior fluidez para os viandantes na contorna do festival, quizais elevará demasiado o tempo de traxecto a pé, que rondará os 20 min.
Fontes de información:
TUSSA
O Son do Camiño
Concello de Santiago
La Voz de Galicia

6 de xuño de 2019

A #Ascensión2019 quedou sen bus nocturno

Nos Orzamentos Participativos de hai dous anos, no apartado das festas do Apóstolo, unha das propostas gañadoras foi a de implantar o servizo de transporte urbano durante todas as noites dos festexos. O Concello levou a cabo unha proba piloto na #Ascensión2018 e logo implementouno no #Apóstolo2018. Non hai datos —non públicos, polo menos— sobre a utilización do bus nocturno, mais nos pensabamos —e non somos os únicos— que sería algo que xa quedaría asentado e sería implantado no resto de festas. Nada máis lonxe da realidade, posto que non se levou a cabo na #Ascensión2019.


A diferenza doutras urbes galegas como A Coruña ou Vigo, en Compostela non existe un servizo de transporte nocturno regular, a pesares de termos unha gran superficie rural e de ser unha cidade universitaria. De feito, temos que remontarnos ata a principios de milenio, cando aínda funcionaba a residencia universitaria no Monte do Gozo, para atopar o que cremos que foi o último servizo nocturno en activo.
Extracto dunha memoria de TUSSA, correspondente ao
período 1999 - 2003.

No contexto das eleccións municipais do 26-M, o único partido que incluía no seu programa a posible implantación dun servizo de transporte urbano nocturno foi o BNG. Os nacionalistas propoñían «bufos» os sete días da semana, con «horarios especiais» —intuímos que reforzos— durante as fins de semana. Baixo o noso punto de vista, quizais sexa un pouco ambicioso pasar do nada ao todo, pero si cremos que debería estudarse a viabilidade deste servizo durante as noites dos xoves, venres, sábados e vésperas de festivos. E, como non, tamén durante todas as noites das festas da Ascensión e o Apóstolo.

Para as festas do Apóstolo que estaremos celebrando en menos de dous meses volveu saír elixida a proposta do bus nocturno nos OP. Cómpre resaltar que, desta vez, a proposición inclúe dúas cuestións importantes a matizar: que o servizo sexa accesible e que conte con paradas a demanda. A primeira das cuestións, tendo en conta a situación das paradas e a da propia frota, temémonos que non vai ser posible. A segunda, si. De feito, fora aprobada en Pleno unha proposición para implantar as paradas antiacoso de xeito regular en toda a rede a partir das 22:00, da que non volvemos saber nada máis. Outras empresas como Monbus ou Freire xa comezaron a introducilas nas súas rutas.




De cara ao #Apóstolo2019, cremos que se lle debería dar máis pulo á promoción dos «bufos» para redundar nunha maior utilización deles por parte da cidadanía. Unha das cuestións clave é a súa inclusión no SAE, para que poidan aparecer tamén na app, o principal método de información ao usuario. Tampouco estaría de máis a impresión de folletos liña por liña coa súa correspondente cor, ao igual que se fai cos horarios regulares, así como algunhas notas informativas «in situ» nalgunha das paradas de maior utilización, como a da Senra ou na praza de Galicia.



Fontes de información:
Orzamentos Participativos «Compostela Decide»
Compañía de Tranvías de La Coruña
Vitrasa
Memoria TUSSA 1999 - 2003

3 de xuño de 2019

A #Parada088 foi eliminada a petición da Valedora do Pobo

A finais de abril TUSSA comunicaba a supresión da #Parada088 (avda. de Lugo, residencia Barroso), xusto despois de que o Concello acometese unha serie de cambios na ordenación do tráfico da avenida de Lugo. Isto propiciou que crésemos que a anulación da parada fose consecuencia destas mudanzas. Porén, no mes de maio soubemos que o apeadeiro foi eliminado a petición da Valedora do Pobo.

Sinalización nula da #Parada088.
Segundo informa Galicia Confidencial, a institución do Valedor do Pobo solicitou o traslado da #Parada088 polas dificultades que unha persoa invidente tivera para localizala, ao non estar sinalizada horizontal nin verticalmente, nin ter pavimento rugoso para persoas con problemas de visión. A valedora, Milagros Otero, púxose en contacto con Monbus (compañía coa que ía viaxar a persoa en cuestión) e coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, e ambas coincidiron na necesidade de trasladar a parada.

Finalmente, optouse directamente por suprimila. A alternativa elixida foi a seguinte xeograficamente, a #Parada694, xusto en fronte da estación de trens. Deste xeito, a #LiñaC2 simplemente eliminou a #Parada088 do seu percorrido e os buses interurbanos intercambiaron unha pola outra, pasando a recoller viaxeiros na nova localización e deixándoo de facer na antiga.


Vista da #Parada694, fronte á
estación de trens.
A dúbida que nos xorde a nós é se a #Parada694, tal e como está a día de hoxe, serve de «substituta» atendendo ás condicións que motivaron o traslado. Está sinalizada con dúas sinais a ambos lados que a delimitan e unhas raias amarelas en zigzag no chan, pero non ten ningún elemento dirixido ás persoas con problemas de visión... Actuarase sobre ela? De momento, un mes despois de ter realizado o cambio, podemos asegurar que non.

O certo é que en Compostela as paradas de autobús urbano —e menos as do interurbano— non están preparadas para persoas que teñan algún tipo de problema, xa sexa de mobilidade, de visión ou de oído. A maioría das paradas non son accesibles para cadeiras de rodas e moi poucas contan con pavimento rugoso nos seus bordos. No interior dos vehículos a situación é semellante: as ramplas eléctricas (só as teñen os máis novos) non adoitan funcionar e os buses non contan cun sistema de información acústico e visual que avise de cal é a próxima parada (esta é unha das propostas do novo goberno de Xosé S. Bugallo, por certo, recollida no programa electoral do PSdeG-PSOE).
A #Parada694 xa está situada
correctamente na web de Monbus.

Como xa comentamos no anterior post, queremos crer que este mandato será, por fin, o da mobilidade, e que se lle comezará a dar solución a algúns dos problemas que lastran á nosa rede de transporte urbano dende hai anos. Sen dúbida, un dos principais é a accesibilización das paradas. Pódese levar a cabo dun xeito progresivo e non precisa de grandes estudos e investimentos como si poden necesitalo outras cuestións pendentes de resolución como, sen ir máis lonxe, a reestruturación das liñas. 


Dúas das escasas paradas con pavimento rugoso. Unha en
Xeneral Pardiñas a outra na rúa Lisboa, en Fontiñas.

Fontes:

TUSSA
Galicia Confidencial
Google Maps
Monbus