8 de outubro de 2018

Nova concesión, novas liñas e novos autobuses para 2019

Todas as miradas están postas no vindeiro ano. O 1 de xaneiro de 2019 é a data sinalada polo concelleiro Jorge Duarte para botar a andar a nova concesión do transporte urbano que o Conello prevé licitar antes de que remate o ano. O novo contrato funcionará en dous períodos: o primeiro se prolongará ata o final de 2019 e o segundo e comezará en 2020. Durante a primeira etapa provisional funcionarán 15 liñas, que pasarán a ser 10 na fase definitiva. Neste post imos analizar o futuro máis inmediato, isto é, as 15 liñas que —se todo vai como debería— comezarán a percorrer as rúas de Compostela en pouco máis de tres meses.




A razón pola que vai haber dous perídos é porque algunhas das liñas (as actuais 7, P6, P7 e P8, operadas por empresas alleas a Tralusa) son concesións da Xunta de Galicia cuxas competencias non poderán ser asumidas polo Concello ata 2020.

Outro caso excepcional é o da #LiñaP2: durante o primeiro período funcionará co mesmo percorrido que ten na actualidade, pero no definitivo cambiará a cabeceira de Ortoño por Laraño. Isto é debido a que, no marco do novo Plan de Transporte Público de Galicia que está a elaborar a Xunta, crearase unha nova liña de transporte metropolitano Ortoño - Santiago, deixando entón de formar parte do transporte urbano.

Tamén comentar que o pouco que sabemos sobre as frecuencias de cada liña extraémolo do primeiro documento que se elaborou sobre a remodelación das liñas, que foi mudando despois das alegacións de veciñ@s e asociacións veciñais, ata dar resultado ao actual modelo.

Imos, sen máis dilación, a ver as novas liñas:

>#Liña0
>Circular Casco Antigo

É unha liña demandada dende fai moito tempo. Con saída de Concheiros, bordeará a améndoa dando cobertura a zonas onde nunca antes o transporte urbano chegara. Estas son, por exemplo, o barrio da Almáciga e a biblioteca Ánxel Casal en Xoán XXIII. Irá tamén pola calzada de San Pedro e a rúa de Belvís, recuperando así o percorrido que tiña a #Liña13 antes da peonalización da rúa de San Pedro.

A frecuencia desta liña sería cada 30', polo que calculamos que debería de contar con dous autobuses. Segundo o sinalado polo Concello, nesta liña os buses deberán de ser obrigatoriamente híbridos ou eléctricos.


>#Liña11A
>CHUS <> Meixonfrío

A nova #Liña11A vén sendo a actual #Liña1. Varias cousiñas: a primeira, o cambio de nome da cabeceira —que esperemos que se faga efectivo e non sexa unha cortina de fume de «Hospital Clínico» a «CHUS». Aínda que podemos entender que ao principio poida xerar certa confusión, o certo é que é máis correcta, xa que como ben indica o nome trátase dun complexo, non dun só hospital.

Por outra banda, o percorrido rematará en Meixonfrío e o cemiterio de Boisaca queda como prolongación. Supoñemos que se accederá ao camposanto no horario de apertura do mesmo, aínda que hoxe en día, por mor dos escasos servizos ao Tambre da #LiñaP6, é moita a xente que se apea na parada do cemiterio para achegarse ao polígono industrial.

Mantense a prolongación que xa fai na actualidade a #Liña1 ao aparcadoiro de Santa Marta —nas mañás de luns a venres laborables— e engádese unha nova ata a localidade de Sigüeiro, que supoñemos que terá poucas saídas diarias.

Suprímese a inútil prolongación pola rúa Manuel María e as viaxes por Son pasarán a realizarse coa #Liña31.

A frecuencia oscilaría entre os 10 e os 12'.


>#Liña11B
>Rúa da Rosa <> polígono do Tambre

É exactamente igual á actual #LiñaP6, só que despois de saír da Rosa, en vez de ir por S. Pedro de Mezonzo, Rep. Arxentina e Xeneral Pardiñas, irá por Antonio Casares e Hórreo.


Está ben porque se lle da máis utilidade á parada de Antonio Casares actualmente só utilizada pola #LiñaC4—.

En canto aos horarios, supoñemos que se manterán os actuais que presta Autos Grabanxa (dez servizos de luns a venres e catro os sábados). Supoñemos tamén que se manterá a restrición de acceso de usuarios que ten esta liña e que TUSSA detalla na súa web: en sentido polígono do Tambre >> rúa da Rosa só se poderán subir pasaxeiros nas paradas da área industrial. No sentido inverso, poderanse subir en calquera parada pero só baixarse no Tambre.


>#Liña12A
>Vite <> Conxo de Arriba

Aínda que a denominación oficial é Avío <> Conxo, nós preferimos denominar ás cabeceiras coma Vite xa que é realmente onde ten cabeceira a futura #Liña12A, en Roberto Vidal Bolaño, ao igual que a actual #Liña5 e Conxo de Arriba, porque os autobuses non penetrarían máis aló da rotonda sobre a SC-20.

O percorrido viría a ser o mesmo que o das actuais #Liña5 e #Liña4. O percorrido básico sería, como acabamos de comentar, entre Vite e Conxo de Arriba (rematando na #Parada575 na rúa Sánchez Freire para volver logo cara Vite pola avda. de Ferrol). Tamén irá pola estación de autobuses nas dúas direccións. A maiores, habería prolongacións ata:
  • Poza Real de Arriba: os buses, despois de Sánchez Freire, continuarán polo barrio de Conxo —co mesmo percorrido co que o fai a #Liña5 na actualidade— ata a #Parada403, xusto antes do viaducto sobre as vías do tren.
  • A Rocha Vella: igual que a prolongación de Poza Real pero continuando ata A Rocha Vella pola rúa do Churruchao. Non entendemos por que separan estas prolongacións en dous, xa que supoñemos que todos as viaxes que se prolongan ata Pozal Real farano tamén ata A Rocha Vella (máis que nada porque en Poza Real non hai sitio onde dar media volta...).
  • Romaño: despois de Gumersindo Busto Villanueva, os buses continuarían por Torreira, Avío e Ponte do Romaño ata Romaño. Ten sentido que as viaxes a Romaño as faga esta liña, pero pode causar queixas nos veciñ@s da zona, afeitos a chegar ao centro cun percorrido máis directo.
No relativo ás frecuencias, a #Liña12A previsiblemente pasará cada 10 ou 12'.


>#Liña12B
>Virxe da Cerca <> A Peregrina / Pardaces / Grixoa / Miramontes


A #Liña12B é calcada a actual #LiñaP7 operada por Arriva. Supoñemos que os horarios e o destinos seguirán a ser os mesmos durante o 2019. Nada máis que destacar.


>#Liña13
>Os Tilos <> avda. Camiño Francés (C.C. As Cancelas)

A que será a #Liña13 é un mix das actuais #Liña6 e #LiñaC11. Conectará a urbanización dos Tilos co centro comercial As Cancelas, na avenida do Camiño Francés. E farao cunhas frecuencias que andarán sobre os 10 - 12'.

Un dos aspectos bos a salientar é que, ao ir polo Hórreo en vez de por Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia como fai a actual #LiñaC11, aforraranse atascos nesta liña que será das máis utilizadas. E é que as que máis viaxeiros teñen na actualidade, son precisamente a 6 e a C11.

Por outra banda, de camiño ao Camiño Francés, os buses irán por San Roque e Pastoriza en vez de pola rúa de S. Pedro. Isto permitirá dar cobertura a esta zona, pero fará que a viaxe sexa (aínda máis) eterna ata o centro comercial.

Na viaxe de volta, suprímese en Fontiñas o itinerario pola rúa de Madrid, que viña a ser un rodeo innecesario posto que a parada máis próxima estaba a apenas 300 m.

Cómpre salientar tamén que as viaxes en dirección Os Tilos non irán pola avda. de Lugo como na actual #LiñaC11, senón que irán por dita avenida ata a rotonda de confluencia co Camiño Francés, onde farán un cambio de sentido para ir por Anxo Casal >> Pastoriza >> San Roque... 

Cremos que esta nova liña vai traer problemas e queixas por parte dos usuari@s, xa que segundo os nosos cálculos levará sobre 25 - 30' chegar dende o centro da cidade ata As Cancelas.


>#Liña20+ e #Liña20-
>Circulares (#Liña20+: est. buses >> Fontiñas >> Hosp. Provincial >> CHUS >> Vite >> est. buses e #Liña20- mesmo percorrido á inversa)


A #Liña20+ e a #Liña20- veñen a ser as novas versións das actuais #LiñaC2 e #LiñaC4. Terán case o mesmo percorrido que estas (unha en sentido horario e outra en sentido antihorario) só que con algúns cambios destacables:
  • Fontiñas: a parte da xa mencionada anulación da parada da rúa de Madrid, os buses sairán (#Liña20+) ou entrarán (#Liña20-) pola rúa Londres, en vez de por Lisboa e Berlín como o facían ata agora. Isto permitirá aforrar tres paradas e un tempo considerable —tendo en conta o triplo semáforo da rotonda de Concheiros—.
  • Ensanche: os buses da #Liña20+ abandonarán a avda. de Lugo para ir por Bernardo Barreiro, Curros Enríquez e Doutor Teixeiro ata a rúa da Rosa. Alí haberá parada e logo o percorrido continuará por Antonio Casares, Hórreo, Santiago de Chile e avda. de Vilagarcía ata chegar ao Hospital Provincial. No caso da #Liña20-, penetrará no Ensanche por Rep. Arxentina e rúa da Rosa como ata agora, pero logo irá por Fernando III O Santo ata o Hórreo, para poder dar cobertura á parada da estación de trens antes de ir cara a avda. de Lugo.
  • CHUS: ao chegar ao CHUS, en vez de ir por avda. de Barcelona / Choupana como fai na actualidade a #LiñaC2, os buses da #Liña20+ continuarán pola avda. de Barcelona e Mestre Mateo ata Rosalía de Castro. No caso da #Liña20- será ao revés: irán ata o CHUS pola avda. de Barcelona.
No tocante ás frecuencias, veñen indicadas de 20'. Agora ben, non saberiamos como interpretalo: unha opción sería que a #Liña20+ pasara cada 20', e a outra que se eses 20' sexan en combinación coa #Liña20- (e que cada unha pasara cada 40', como acontece na actualidade co C2 e o C4).


>#Liña30+ e #Liña30-
>Circulares (#Liña30+: pol. Costa Vella >> Amio >> Fontiñas >> Restollal >> Ensanche >> Fontiñas >> Amio >> pol. Costa Vella. #Liña30- mesmo percorrido pero á inversa)

A #Liña30+ e a #Liña30- son dous circulares practicamente idénticos aos actuais C5 e C6. Os aspectos máis salientables son:
  • Tramo polígono Costa Vella: o percorrido dentro do polígono preséntase como unha prolongación, o que nos fai pensar entón que é debido a que —por fin— estas liñas funcionarán nos domingos e festivos, só que rematarán en Amio.
  • Novo percorrido por Lamas de Abade: preséntase tamén como unha prolongación e da cobertura ás novas urbanizacións xordidas nas rúas Antón Vilar Ponte e Federica Montseny. O que si é que se xa apenas da tempo a completar o percorrido nunha hora, para colmo ampliándoo... Confiamos en que se poñan máis buses ou se amplíe o tempo das liñas.
Non se especifican as frecuencias. Nun principio pensamos que serían dunha hora, pero ao ver as prolongacións xa dudamos e a verdade é que non temos idea de por onde poderán ir os tiros. [ACTUALIZACIÓN] Tras ver o publicado en El Correo Gallego o 6 de outubro, supoñemos que se aumentarán as frecuencias...

>#Liña31
>Tanatorio de Boisaca <> Lamas de Abade

A futura #Liña31 une dúas cabeceiras: o Tanatorio, que é a da actual #Liña8, e Lamas de Abade, que aínda que non sexa cabeceira en si, forma parte do recorrido da #LiñaP3.

Esta liña comezará no tanatorio de Boisaca —en todas as viaxes, ao contrario que a #Liña8 que só accedía a certas horas— para seguir pola rúas Mulas, Tambre, Río e Camiño dos Vilares ata a avda. de Castelao. Alí xirará a dereita para logo dirixirse ata as avenidas de Burgo das Nacións e Coímbra. Baixará por San Roque e Virxe da Cerca ata pza. de Galicia, e logo seguirá pola Rosa, Amor Ruibal e Restollal ata Lamas de Abade.

O percorrido de volta é o mesmo salvo que o percorrido polo centro será, dende Amor Ruibal, por Romero Donallo, República Arxentina, Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia (ferraxería).

A maiores, esta liña terá prolongacións na zona norte (Son / Garabal) e na sur (Santa Lucía / A Susana)

Gústanos a idea de que unha liña procedente de Amor Ruibal non penetre no Ensanche polo Hórreo, como o fan todas na actualidade.

Seguindo o esquema de que as liñas que comezan por «1» terán frecuencias de 10-12' e as que o fan por «2» de 20', supoñemos que todas as que comecen por «3» pasarán cada media hora ou máis, como é o caso desta #Liña31.


>#Liña32A
>San Marcos <> Brandía

A nova #Liña32A unirá San Marcos (actual cabeceira da #Liña6) coa urbanización Brandía, en Vidán (punto de saída da #Liña8). Terá o mesmo percorrido que a #Liña6 ata Virxe da Cerca, onde en vez de seguir pola pza. de Galicia, irá pola Senra, San Clemente, Poza de Bar e San Lourenzo ata Brandía.

Destacamos o cambio de nome de cabeceira, que pasa de ser «Vidán» a «Brandía» (nós engadiríamoslle un «urb.» —como abreviatura de «urbanización»— diante).

As prolongacións polo Asilo de San Marcos / ASPAS, Bando, Vilamaior así como a nova ata as instalacións da CRTVG pasarán a ser realizadas por esta liña. Esperamos que os horarios destas viaxes estean no futuro máis claros e entendibles para os usuari@s...

Supoñemos que esta liña terá unha frecuencia de media hora, polo que a situación empeoraría na zona de San Marcos / San Lázaro, que actualmente contan con autobuses cada 20'.


>#Liña32B
>Estación de autobuses <> Ortoño

A #Liña32B terá as mesmas paradas e percorrido que a actual #LiñaP2. É o caso anteriormente comentado, que aínda que esta liña chegue ata o veciño concello de Ames, seguirá a formar parte do tecido do transporte urbano de Compostela ata que as súas competencias pasen a outra empresa, dentro do marco do novo Plan de Transporte Público de Galicia que está a elaborar o goberno autonómico.

Para cando o Concello teña o poder sobre esta liña, está contemplado que non chegue ata Ortoño, rematando en Laraño.


>#Liña32C
>Valle Inclán <> Reborido

A #Liña32C virá a ser a actual #LiñaP8, explotada pola empresa Hermanos Ferrín. É unha concesión autonómica da Xunta, polo que o Concello non poderá asumir a liña ata o período definitivo en 2020. Para entón, está contemplado que a liña remate en Villestro (sen chegar ata Reborido) e sexa unificada coa ruta que dará servizo á zona de Laraño.


>#Liña33A
>As Cancelas <> praza de Galicia

A #Liña33A é igual que a #Liña4 de hoxe pero só no percorrido, dende As Cancelas, ata a praza de Galicia (sen continuar ata Romaño). Nun futuro, esta liña unirá As Cancelas con Aríns, pero ao ser este último tramo unha concesión da Xunta ata finais de 2019, no período provisional quedará así de pequena.

Supoñemos que esta liña pasará cada media hora: un só bus que saia ás en punto das Cancelas e ás e cuarto da pza. de Galicia, por exemplo. Onde por certo, cremos que é mal punto de cabeceira debido ao tráfico intenso que soporta (véxase hoxe en día á #LiñaP3 xunto coa do aeroporto, que bloquean o entorno ás horas en punto).

A #Liña33A terá prolongacións a Mallou e polas mañás xa non sairá do cuartel da Garda Civil como ata agora, senón directamente dende a #Parada487. Será tamén, polo que podemos intuír, a forma máis rápida e directa para acceder ao C.C. As Cancelas.


>#Liña33B
>Valle Inclán <> Aríns

Este é outro dos casos nos que a concesión autonómica impide ao Concello facerse co control da liña. A #Liña33B será idéntica a actual #Liña7 pero cunha diferenza: dará tamén servizo a Angrois, despois das históricas demandas da veciñanza desta zona, que anos despois por fin veranse cumpridas.

Tamén haberá, coma na actualidade, prolongacións puntuais a Fornás.

Anotación: a liña, despois de ir por pza. de Galicia, volve por Virxe da Cerca e baixa cara Sar por Patio de Madres e Castrón Douro. Por mor das obras que se están a realizar nestas rúas, están pechadas, por iso no mapa aparece o percorrido desviado tal e como se está a realizar a día de hoxe e ata dentro de ano e medio.


>#Liña34
>Granxa do Xesto (Casas Novas) <> Cidade da Cultura

Esta nova #Liña34 mesturará ás actuais liñas 9 e P1. Unirá, coma na actual #Liña9, a Cidade da Cultura con Casas Novas (cuxa cabeceira cambia de nome a Granxa do Xesto sen sentido, porque en principio o percorrido non chegará ata o parque de nome homónimo, senón que rematará na #Parada615).

Saíndo da Cidade da Cultura, a #Liña34 irá ata a rúa Fontes de Sar, onde dará media volta e continuará por Diego Bernal ata a Ponte de Sar. Logo seguirá por esta rúa, Curros Enríquez, Hórreo e Virxe da Cerca ata Valle Inclán. Alí volverá a dar media volta e continuará por por Virxe da Cerca, Senra, San Clemente, Galeras e Costa de Sta. Isabel ata Casas Novas.

A zona de Figueiras / Folgoso quedará cuberta tamén con esta nova liña. As viaxes que vaian por aquí, no seu camiño a Casas Novas xirarán a esquerda cara a rúa Monte Pío.

Supoñemos que a frecuencia de paso será de 30'. Queremos crer tamén que serán catro o número de buses que se encargarán de cubrir esta liña para poder manter a media hora de frecuencia. A situación complicaríase nas prolongacións a Folgoso, xa que se perde, ao noso xuízo, sobre vinte minutos co rodeo. Veremos como se levará a cabo.

Se de verdade a frecuencia vai ser de 30' reais, quedará tamén solucionado o problema da Cidade da Cultura, que tiña bus só cada hora e que ás veces quedaban escasos. A situación empeora notablemente os sábados pola tarde e domingos, onde apenas uns escasos servizos da #LiñaC11 suben ata o Gaiás. Por iso, esperamos tamén que esta liña funcione durante os fins de semana.

Fotografía dun bus da #LiñaC11 no que se pode apreciar
que non cabe un só díxito máis na zona dos números (onde
está o «11»). Clic para ampliar
En último lugar, comentar que segundo o Concello, daráselle prioridade aos vehículos híbridos e eléctricos na remodelación da frota. Moitos dos actuais non poderán prestar servizo na nova concesión porque nos seus paneis de destino só poden mostrar dous caracteres, e moitas das novas liñas teñen tres (isto acontece na actualidade ca #LiñaC11, na que os buses que non teñen panel LED só mostran «11» nos letreiros). Entón entendemos que, ou ben se renova a maioría da frota ou, polo menos, os paneis pasarán a ser LED.

Outro dos aspectos a comentar é que, polo de agora, nin no período provisional nin no definitivo está contemplada ningunha liña (só a do aeroporto) que pase pola rúa Clara Campoamor para dar servizo á nova Estación Intermodal. Supoñemos que isto aínda está a tempo de cambiar.

Xa en último lugar, comentar que o Campus Sur queda tamén desatendido sen ningunha liña de bus urbano. Catastrófico erro que suscitará numerosas queixas entre o estudantado da USC.


Fontes de información:

Fotografías:

20 de setembro de 2018

Chega a #SupercopaEndesa ao Multiusos de Sar!

Este ano Compostela será a cidade anfitrioa da Supercopa Endesa 2018. Por este motivo, TUSSA ofrecerá servizos de transporte especiais que se sumarán ás liñas habituais para que todas as persoas que así o desexen poidan ir ver os partidos en bus urbano. [ACTUALIZACIÓN] Monbus tamén ofrecerá un #ServizoLanzadeira dende o estadio de San Lázaro. O evento terá lugar durante as tardes do venres 21 e o sábado 22 de setembro. Imos ver as diferentes opcións día por día:



> Venres 21

As opcións serán as seguintes:

  • #ServizoLanzadeira: sairá dende o #CarrilBus da rúa do Hórreo (diante da escalinata que baixa á estación de tren). Irá ata o Multiusos directo, sen facer paradas. Dependendo da hora, funcionará de diferentes xeitos:
  • Entre as 18:00 e as 19:00: só en sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  • Entre as 20:00 e as 22:00: funcionará nos dous sentidos, é dicir, poderase coller no Hórreo para ir ata o Multiusos e no Multiusos para ir ata o Hórreo.
  • Dende as 23:00 e ata o desaloxo de toda a xente: exclusivamente en sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo).

  •  #LiñaC11 (frecuencia de 12'): prolongarase en todas as viaxes con paso por Xeneral Pardiñas comprendidas entre as 18:05 e 21:41. As paradas máis céntricas para coller esta liña serán as de Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia (ferraxería).
  • Outras liñas que acceden ao Multiusos (todas cada 60'): #Liña9 (paradas máis céntricas: San Clemente, Senra, 13), #LiñaC5 (pza. de Galicia, Zara e r/ da Rosa) e #LiñaC6 (Hórreo).
  • [ACTUALIZACIÓN]: a maiores do #ServizoLanzadeira de TUSSA, haberá un de Monbus. Será de 18:00 a 20:30 (cada 30') con saída dende o estadio de San Lázaro (porta 10).

OLLO! O venres celebrarase tamén na Cidade da Cultura un concerto de Emilio Rúa (poderase acceder a través da #Liña9). Por este motivo, xunto coa propia Supercopa Endesa, prevese unha gran afluencia de coches na zona. Polo tanto, recomendamos coller o bus con antelación. No caso do concerto na CDC 
—que é ás 21:00— recomendamos coller o bus con saída de Casas Novas ás 19:30, xa que o das 20:30 xa irá con retraso.




> Sábado 22


  • #ServizoLanzadeira: ao igual que o venres, o servizo fará o percorrido Hórreo (escalinata da estación de tren) >> Multiusos directo, sen paradas intermedias. O horario de funcionamento do servizo este día será:
  • Entre as 17:00 e as 19:15: sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  •  Dende as 20:30 ata a finalización: só sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo). O servizo prolongarase ata que xa non haxa máis xente agardando polo bus.

  •  #LiñaC11 (cada 15'): pasará polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 17:00 e 19:15.
  • Outras liñas: o sábado á tarde, a parte da #LiñaC11, só funciona unha liña máis con paso polo Multiusos: a #LiñaC5 (cada 60').
  • [ACTUALIZACIÓN]: o sábado tamén haberá #ServizoLanzadeira de Monbus. Este día será de 17:00 a 18:30 (cada 30') dende a porta 10 do estadio de San Lázaro ata o Multiusos. Percorrido de volta, Multiusos - estadio S. Lázaro, a partir das 21:15.

Puntualización: non sabemos cantos buses conformarán o #ServizoLanzadeira de TUSSA. Nos partidos do Obradoiro CAB adoita haber un ou dous autobuses para o servizo de ida, e todos os que sexan necesarios para o de volta. Desta vez, ao tratarse dunha ocasión máis «especial» na que se espera máis afluencia de público, pode que vaia a haber máis vehículos.

Fontes de información:
TUSSA
Cidade da Cultura
Obradoiro CAB (Twitter)
Fotografías:
Marca
Cidade da Cultura

12 de setembro de 2018

Clara Campoamor ponse a punto para a nova Intermodal

O pasado xoves o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, anunciou os principais cambios que sufrirá a rúa Clara Campoamor, que pasará de ser unha vía periférica a converterse, segundo o Concello, nun «bulevar». A repercusión máis inmediata será a relativa ao tráfico: perderanse dous dos catro carrís actuais e potenciaranse o túnel do Hórreo e a rotonda da Galuresa como itinerarios alternativos.

Se todo sae como estaba previsto, en pouco máis dun ano teremos a nova Estación Intermodal de Compostela rematada e lista para entrar en funcionamento en calquera momento. Unha das partes clave deste proxecto son os accesos, que tantas tensións causaron nos pasados meses entre Xunta e Concello. Un deles se realizará a través do Hórreo (igual que na actualidade) e outro a través da rúa Clara Campoamor, que será remodelada para converterla nun bulevar urbano.


Clara Campoamor na actualidade


Así loce actualmente a rúa Clara Campoamor
A día de hoxe, Clara Campoamor funciona como unha «vía de escape» para as persoas que se dirixen cara o Castiñeiriño dende a avda. de Lugo ou dende o mesmo Ensanche accedendo a través de Bernardo Barreiro e que queren evitar os colapsos da rúa do Hórreo (no entorno da estación de trens). Cumpre unha importante función como eixo vertebrador do tráfico, xa que son moitos os condutores que empregan este vial para as súas entradas e saídas da cidade.

Aínda que nun primeiro momento tiña dous carrís un para cada sentido de circulación, no 2010 ampliáronse a catro por mor das obras do túnel do Hórreo. O certo é que sempre foi unha rúa na que a prioridade do vehículo privado estivo por enriba da dos outros medios de transporte: só ten beirarrúa nunha das marxes e a velocidade á que circulan os vehículos —en teoría, non máis de 50 quilómetros/hora; na práctica, pode que ata 90— pon en perigo aos ciclistas que se atrevan a atravesar o vial en bicicleta. De feito, debido a esta situación, tivéronse que instalar uns coxíns berlineses en ambos extremos da rúa.


Plans de futuro

Clara Campoamor pasará a ser a rúa colindante da nova estación de autobuses. Por este motivo, é necesario adaptala de cara ao seu futuro papel estratéxico. E foi o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, o encargado de presentar as liñas que o goberno municipal vai seguir no proxecto de remodelación da rúa. Este é o proxecto básico en canto a mobilidade:


Bosquexo da que será a mobilidade na renovada
 Clara Campoamor (clic para ampliar)


Imos analizar por partes os principais elementos que conformarán a nova Clara Campoamor:

  • Carrís de circulación: será o cambio máis notable, xa que pasarán dos catro actuais a dous, un para cada sentido de circulación. Estarán separados por elementos vexetais. Tamén haberá carrís de incorporación adicionais nas entradas á estación.
  • Beirarrúas: haberá beirarrúas nas dúas marxes, en vez de só nunha como na actualidade. Ademais, ampliaranse notablemente, ata alcanzar os 3 m. de ancho.
  • Carril-bici: haberá un carril bici na marxe máis próxima ás Brañas do Sar. Aínda que nun principio sexa unha boa acción, moito sentido non lle vemos, xa que ao chegar a calquera dos extremos da rúa —Restollal ou rotonda inferior da avda. de Lugo— non hai practicamente continuidade.
  • Buses: nun principio, prevíase a construción dunha rotonda na entrada á estación de autobuses, pero foi finalmente o propio concelleiro quen desbotou esta opción; no seu lugar, instalaranse semáforos con prioridade para buses interurbanos e urbanos (actualizarase o mapa de liñas, porque de momento non hai ningunha prevista por esta rúa no novo plan). Aplaudimos esta acción, xa que na actual estación os buses poden estar esperando ata 3 min. á que se poña o semáforo en verde, causando algunha que outra retención en horas punta. Por outra banda, pensamos que poderían terse mantido os catro carrís (no tramo Restollal - Estación), para converter un de cada marxe nun carril-bus.


Tráfico

Esta será quizáis a cuestión máis polémica, xa que se pretende desviar a gran cantidade de tráfico que soporta este vial de dúas maneiras:

  • Para os vehículos que procedan do Castiñeiriño ou da rúa Virxe da Fátima (SC-11), o itinerario establecido sería pola SC-11 (avda. Santiago de Cuba), enlazando coa SC-20 e o túnel do Hórreo ata a avda. de Lugo.
  • Para o tráfico procedente do mesmo Restollal, a opción sería ir por Amor Ruibal e Hórreo ata a avenida de Lugo. Este sería, un pequeno esquema que representaría o que estamos a explicar:


É un feito obxectivo que en ambos os dous casos o rodeo é considerable. Cremos que non debería haber maior problema no itinerario pola SC-11 e o túnel do Hórreo (en verde), xa que son viais de alta capacidade nos que, aínda que a distancia sexa maior, o tráfico adoita ser máis fluído.

Pero no caso do itinerario por Amor Ruibal e o Hórreo (en azul) a situación podería complicarse, sobre todo no entorno da rotonda da Galuresa: aquí o tráfico é de todo menos fluído, e as retencións son o pan de cada día hora. Vai ser complicada tanto a tarea de desviar o tráfico de C. Campoamor por esta ruta como a de facer que a rúa poida soportar este tráfico lembramos, cun só un carril en cada sentido no caso de que os condutores sigan recorrendo a ela. Veremos como se xestiona todo isto.