Xa o viñamos anunciando dende setembro, e onte confirmouno o concelleiro Jorge Duarte: Clara Campoamor convertirase nun bulevar urbano, cun carril para cada sentido de circulación —dous nas proximidades das rotondas e da estación de autobuses— e carril-bici e beirarrúas en ambas as dúas marxes. Finalmente e tras diversas tensións coa Xunta, o acceso á estación regularase mediante semáforos, e non a través dunha glorieta como defendía a conselleira Ethel Vázquez. Unha das principais novedades será o traslado da cabeceira dos buses metropolitanos dende A Rosa ata o carril-bus do Hórreo.
SEMÁFOROS, NON ROTONDA
Unha das tantas polémicas creadas a raíz da reurbanización de Clara Campoamor foi a elección do que será o acceso á estación de autobuses: o Goberno local apostaba pola instalación de semáforos e tanto a oposición como a Xunta defendían a implantación dunha gran rotonda. Finalmente serán os primeiros os encargados de regular o acceso dos autobuses á terminal.
Recreación virtual da gran rotonda que a Xunta pretendía construír. |
Estes semáforos cambiarán de cor cada 3 min, posto que, segundo o concelleiro, serán 20 os buses que entren / saian da estación cada hora (430 ao día). De todos os xeitos, se dividimos ese total entre o número de horas aproximadas nas que verdadeiramente funciona a terminal (17, de 6:00 a 23:00), o resultado é de 25 buses/hora. Aínda así, a primeira vista resulta máis factible a opción dos semáforos, posto que, no caso de construír a rotonda, o máis probable é que os buses, debido á súa lonxitude, colapsen os seus dous carrís, como xa fan agora nas que se atopan nos dous extremos de C. Campoamor. Non semella a infraestrutura máis axeitada para vehículos longos.
UN CARRIL PARA CADA SENTIDO
A vontade do Goberno local de rebaixar os dous carrís para cada sentido actuais a un efectuarase, e así vén definido no proxecto. Con todo e tras advertencias da empresa IDOM, haberá tres puntos nos que se manterá o dobre carril:
➢ No acceso á estación (dirección Pontepedriña → avda. de Lugo). Neste punto, haberá un segundo carril que funcionará como vía de espera para os autobuses que estean agardando a que o semáforo se poña en verde para darlles paso á terminal.
➢ Nos accesos ás dúas rotondas colindantes. Para acceder a Clara Campoamor dende calquera das dúas glorietas que a delimitan, haberá un só carril. En cambio, para abandonar o vial a través delas, serán dous.
Os tres lugares onde haberá dobre carril. |
O número de carrís é outro dos temas, como o do método de acceso, que non deixa de xerar disputas entre Compostela Aberta e o resto das forzas políticas de Compostela. O PSdeG xa anunciou que paralizará o contrato no caso de gobernar durante a seguinte lexislatura.
➡️ En 2021 chegará o AVE e será Ano Santo. O proxecto de Clara Campoamor do @PazodeRaxoi non contempla ningunha destas premisas. Para Bugallo, o proxecto esixe manter o doble carril e que o acceso e saída á estación non sexa mediante semáforo, senón a través da rotonda.— PSdeG-PSOE Santiago (@psdegsantiago) 28 de febreiro de 2019
CARRIL-BICI
Outra das novas infraestruturas coas que contará o vial de Clara Campoamor será un carril-bici. Aínda que nun primeiro momento estaba pensado que os carrís de ida e volta estivesen xuntos, finalmente discorrerán un por cada marxe. Aplaudimos a vontade do Goberno local por pensar na mobilidade ciclista, pero xustamente nesta rúa non ten moito sentido a súa instalación, salvo que se lle de algún tipo de continuidade nos extremos —a rotonda de Pontepedriña e a inferior baixo a avda. de Lugo—.
OS BUSES METROPOLITANOS, AO HÓRREO
Tras anos demandándoo, os veciños da Rosa poderán por fin descansar en paz, xa que tras a entrada en funcionamento da Intermodal, prevese que os buses metropolitanos trasladen a súa cabeceira ata o carril-bus do Hórreo. Isto supón toda unha tregua para o tráfico do Ensanche, ao liberar á República Arxentina do paso de 230 buses cada día que, por outra banda, irán a parar á xa colapsada rotonda da Galuresa.
Pola nosa parte, simplemente esperamos que se adecúe a zona do Hórreo para acoller o tránsito de todo o transporte metropolitano, do mesmo xeito que se fixo na Coruña coa parada de Entrexardíns hai dous anos.
— maisbus (@maisbus) 28 de xuño de 2018
Na actualidade, o carril-bus do Hórreo só se emprega para os #ServizosLanzadeira
Duarte avoga por potenciar o uso do túnel do Hórreo para os vehículos procedentes do Restollal e do Castiñeiriño, que accederían a el a través do viario Santiago de Cuba. Isto na teoría, porque na práctica é ben sabido por todos o dificultoso de cambiar os costumes dos condutores. De todos os xeitos, o Concello atópase negociando con Fomento a eliminación da liña continua que impide acceder á rotonda baixo a SC-20, co obxectivo de poder potenciar o uso do subterráneo.
HABERÁ BUS URBANO EN CLARA CAMPOAMOR?
Era e segue a ser unha das nosas dúbidas. No marco da nova concesión, e polos percorridos que se poden visualizar no Xeoportal do Concello, non consta que ningunha liña vaia circular por Clara Campoamor. Nin sequera a denominada «Liña AP», que conectará o aeroporto coa Intermodal, posto que, sempre segundo o Xeoportal, rematará no mencionado carril-bus do Hórreo.
Porén, tras botarlle unha ollada aos planos na web do Concello, atopámonos co seguinte:
Clic para ampliar |
Por unha banda, un espazo reservado para «autobuses urbanos». Aparentemente, non serían máis de dúas ou tres prazas, pero resulta chamativo cando, repetimos, parece non estar contemplado o paso de ningunha liña urbana pola rúa. Por outra banda, na outra beirarrúa, unha parada de autobús con dúas marquesiñas, segundo a lenda. Non tería moito sentido que foran os buses interurbanos os que foran parar nese punto, posto que xa o farían na propia estación. Baixo este punto de vista, as únicas explicacións posibles serían que estivera reservada para o bus urbano ou para transporte discrecional.
Fontes de información: