16 de marzo de 2019

A futura #LiñaAP ao aeroporto será xestionada polo Concello

Era un segredo sabido por todos (constaba no Xeoportal do Concello), pero o pasado martes confirmouse: a Dirección Xeral de Mobilidade cedeu ante o Concello, que pasará a xestionar o servizo da ruta de autobús que une Compostela co aeroporto de Lavacolla baixo a denominación «liña AP», no marco de remodelación do Plan de Transporte Metropolitano de 2020. Será engadida como unha liña máis ao transporte urbano, con todas as vantaxes e inconvenientes que iso supón.


Os principais cambios serán:

HORARIOS
Como podedes comprobar no post sobre esta liña, os horarios operados por Empresa Freire son bastante flexibles, cun bus ao aeroporto cada media hora dende as 6:00 (7:00 no sentido inverso) ata as 00:00 (1:00 dende Lavacolla). Aínda así, estes servizos son insuficientes, pois non chegan a tempo para embarcar nos voos máis madrugadores, cuxos viaxeiros adoitan coller máis o bus que os do resto da xornada.

A vontade do Concello é ampliar este horario, facendo que o primeiro bus saia cara a terminal ás 5:00, unha hora antes, para chegar aos primeiros voos. Asemade, tamén é probable que o último dende Santiago sexa á 1:00, en vez de ás 00:00 como ata agora. Non se ten pensado modificar a frecuencia (cada 30 min). Neste sentido, Freire xa solicitara á Xunta hai uns anos o adianto do comezo do servizo, pero fóralle denegado.



UNHA LIÑA MÁIS DO TRANSPORTE URBANO

A ruta de Empresa Freire transporta, basicamente, dous tipos de viaxeiros: os usuarios do aeroporto e os veciños de Lacavolla e arredores. Coa inclusión da liña dentro do transporte urbano, poderanse engadir a estes perfís outros de carácter urbano. Por exemplo, sería a mellor opción para trasladarse dende o centro da cidade á estación de autobuses dun xeito máis rápido e con menos paradas que a #Liña5 ou para chegar ata a pza. de Galicia dende o centro comercial As Cancelas, sen ter que estar 25 minutos nun bus da #LiñaC11.


ITINERARIO E PARADAS
O percorrido da #LiñaAP será similar ao actual, pero contempla algúns cambios:

Seguirá partindo dende a pza. de Galicia (#Parada410), seguindo pola rúa da Rosa e as dúas estacións (a de tren e a de bus, respectivamente). Para cando estea en funcionamento a nova estación de autobuses no complexo da Intermodal, suprimirase a parada na actual.

➢ Crearase unha nova parada en Fontiñas, para dar cobertura aos habitantes do barrio e aos seus traballadores, así como á zona norte da cidade. Isto lévanos a pensar que, de non variar o percorrido, a que máis papeletas ten é a #Parada153 (fronte ao C.C. As Cancelas), onde actualmente só para a #LiñaC2. Porén, no Xeoportal, o itinerario está marcado polas rúas de Londres e París, pero cómpre destacar que foi ideado para cando xa non funcione a estación de San Caetano, posto que non a contempla como parada. No contexto actual, resulta inviable o percorrido por Londres despois de parar na estación de buses, xa que non se pode acceder a Fontiñas a través da avda. de Lugo.

➢ Os buses accederán ata as portas da CRTVG, en vez de parar a pé de estrada como fai ata o de agora Empresa Freire. Deste xeito, cúmprese unha vella demanda dos traballadores do ente público, que só podían acceder ás instalacións a través das contadas prolongacións da #Liña6 a Vilamaior.


NOVAS TARIFAS...?
Empresa Freire conta cunha subvención da Xunta que lle axuda a sufragar os gastos da liña. Coa entrada desta no mapa do transporte urbano, enténdese que pasará a ter as tarifas do resto das liñas municipais, é dicir, de 1€ en metálico e 0,60€ con tarxeta (tanto as TMG e a TMG «Xente Nova» como os cartóns de TUSSA). Outra das novidades é que, ao deixar de formar parte do transporte metropolitano, os importes das viaxes realizadas coa «Xente Nova» deixarán de ser reembolsados aos seus posuidores porque xa non as pagará a Xunta. Porén, as realizadas coa TMG normal (0,86€) pasarán a ter un custo de 0,60€, unha rebaixa considerable.


Estas son as nosas suposicións, posto que nada se sabe aínda de se TUSSA variará ou non as tarifas, polo menos aquelas que se pagan en efectivo, posto que o prezo actual é de 3€ ida e 5,10€ ida e volta, a pesares de contar coa subvención autonómica. 



CAMBIOS PREVISTOS COA ENTRADA EN FUNCIONAMENTO DA INTERMODAL
Para cando deixe de funcionar a estación de autobuses de San Caetano e comece a facelo a ubicada en Clara Campoamor, a liña sufrirá cambios considerables no seu percorrido. Concretamente, os xa recollidos no Xeoportal, que pasan por substituír a saída dende a praza de Galicia pola propia Intermodal, e contemplan un percorrido circular polo Ensanche a través do Hórreo, Senra, Xoán Carlos I, Rosalía de Castro e Romero Donallo, cunha nova parada na pza. de Vigo.


Detalle do percorrido da futura #LiñaAP polo Ensanche, unha
vez estea en funcionamento a Intermodal.
VEHÍCULOS
Empresa Freire opera a liña con vehículos adaptados ás necesidades do servizo. Concretamente, os buses teñen porta maletas e un servizo de información ao viaxeiro en galego, castelán e inglés, no que se poden visualizar as paradas dispostas nun mapa nunha pantalla. Conta tamén con avisos sonoros de «próxima parada».

Cando pase a ser operada por TUSSA, será necesario a adquisición de novos autobuses, xa que os actuais non chegan para cubrir a liña. Queremos crer que se terán en conta as peculiaridades deste servizo á hora de facelo, posto que é inviable —e máis en tempada alta e con vistas ao Xacobeo 2021— realizalo con buses estándar.

Fontes de información:
Empresa Freire
La Voz de Galicia (12/03/2019)
La Voz de Galicia (13/03/2019)
La Voz de Galicia (14/03/2019)
Xeoportal do Concello

11 de marzo de 2019

Desvío na #Liña5 por corte de tráfico en Poza Real

Os vindeiros martes 12 e mércores 13 de marzo, terán lugar unhas labores de fresado e asfaltado nas rúas de Poza Real de Arriba e Poza Real de Abaixo. Por este motivo, pecharanse ao tráfico os dous días, en horario de 9:00 a 20:00. Deste xeito, a #Liña5 do transporte urbano quedará desviada nos dous sentidos de circulación.


#Liña5 dirección A Rocha / A Rocha Vella
Os buses circularán seguindo o seu itinerario habitual ata o final da rúa Torrente. Aquí, en vez de xirar á esquerda cara Poza Real, faranno á dereito para seguir por Ponte da Rocha ➤ rotonda Volta do Castro ➤ Viaducto da Rocha (SC-20), para abandonalo na primeira saída, que desemboca na glorieta da rúa do Churruchao. Unha vez aquí, os buses continuarán por dita rúa se o seu destino é A Rocha Vella. De non ser así, accederán á Rocha (#Parada407) a través do vial baixo a SC-20.

Seguindo este percorrido desviado, as paradas anuladas son dúas:

🚏🆇 #Parada404: Poza Real de Abaixo (colexio Sta. Apolonia).
🚏🆇 #Parada403: Poza Real de Abaixo.


#Liña5 dirección centro cidade - Vite
O traxecto desviado é o mesmo que en dirección A Rocha, pero en sentido contrario. Polo tanto, as paradas perdidas tamén se corresponden coas que están xusto en frente das anteriores, é dicir:

🚏🆇 #Parada405, Poza Real de Abaixo.
🚏🆇 #Parada406, Poza Real de Abaixo (fronte ao colexio Sta. Apolonia). Para esta última, habilitarase unha #ParadaAlternativa no punto onde conflúen as rúas Ponte da Rocha e Torrente, por onde vén o bus desviado.


Necesidade de actuación nas paradas do bus
Paradas no entorno do colexio Santa Apolonia:
nin marquesina nin poste informativo, pero si
sinalización horizontal.
O certo é que estas obras de mellora do pavimento chegan no momento adecuado. Actualmente e tal e como puidemos comprobar cos nosos propios ollos, a estrada atópase chea de fochancas, que limitan considerablemente a accesibilidade das paradas do transporte urbano que se verán afectadas polos traballos. Neste sentido, gustaríanos pensar que, polo menos, foran solventados estes problemas e sinalizados horizontalmente dous dos apeadoiros (os outros dous xa o están).

Lugar onde supoñemos que se sitúa a #Parada405.
Non entenderiamos que non se sinalizase adecuadamente
durante as obras que comezan o martes.
De feito, a #Parada405 non conta con ningún elemento que a identifique como tal; non hai sinalización na estrada nin marquesiña, ao ser a beirarrúa demasiado estreita. No seu lugar, esta marquesiña atópase situada na parada de en fronte (#Parada403), na que os veciños da zona agardan sentados polo bus e, cando chega, cruzan a estrada —non hai paso de peóns tampouco, por certo—. Aínda así, a accesibilidade á marquesiña é nula.

Fonte de información: TUSSA
Fotografías: Bus Compostela

4 de marzo de 2019

Os desfiles do Entroido alteran os buses en Santiago e Bertamiráns

O luns 4 de marzo en Bertamiráns (concello de Ames) e o martes 4 en Compostela, o transporte público sufrirá retencións e desvíos por mor dos desfiles de Entroido que terán lugar nas dúas localidades. Ademais, en Santiago tamén se verán desviadas as #Liña5 e #LiñaC4, ao quedar cortada ao tráfico a avda. de Ferrol, punto onde se concentrarán as carrozas.


LUNS 4 DE MARZO, DESFILE EN BERTAMIRÁNS

➢ A partir do luns 4 (ás 00:00) e ata as 12:00 do martes 5, queda prohibido estacionar no aparcadoiro da Telleira (preto da piscina homónima), que será o lugar onde se concentren as carrozas.

Luns 4 de 14:00 a 20:00: prohibido estacionar nas rúas que rodean ao aparcadoiro (travesía do Lodeiro, avda. da Peregrina, rúa do Cómaro e a rúa sen nome que delimita polo nordés).

DESFILE: está previsto que comece ás 18:00 e sairá do propio aparcadoiro da Telleira co seguinte percorrido: avda. da Peregrina (I)  avda. da Maía (I)  Poeta da Maía  Pedregal  avda. da Maía (II)  avda. da Peregrina (II).

Plano explicativo do desfile de Entroido de Bertamiráns.


Transporte metropolitano

Previsiblemente, os buses metropolitanos que atravesan Bertamiráns sufrirán retrasos e retencións puntuais, ao ter que agardar ao paso do desfile para poder continuar os seus percorridos. Os viaxes máis susceptibles de verse afectados son:
  • XG517, Santiago (r/ da Rosa) ⇆ cruce dos Ánxeles (operada por Monbus e Grupo Ferrín): as viaxes con saída de ambas cabeceiras ás 17:45 e 18:15.
  • V-7026, Santiago (est. autobuses) ⇆ Negreira (Grupo Ferrín): as viaxes con saída de ambas cabeceiras ás 17:45.


MARTES 5 DE MARZO, DESFILE EN SANTIAGO

A partir das 14:00 e ata o remate do desfile quedará prohibido aparcar en todas as rúas polas que circulará. O percorrido será o seguinte: avda. de Ferrol  Romero Donallo  Frei Rosendo Salvado  pza. Roxa  República do Salvador  Hórreo  Senra  Xoán Carlos I. Dende aquí, continuarán por Rosalía de Castro e avda. da Coruña, para rematar no estanque do Campus Sur, onde quedarán «aparcadas» as carrozas.





A avenida de Ferrol será o punto no que se concentrarán as carrozas antes de comezar o desfile. Estará pechada ao tráfico de 16:30 a 17:30. Por este motivo, as #Liña5 e #LiñaC4 deixarán de circular pola avenida durante este horario, desviándose pola avda. de Antonio Fraguas (SC-20) e Romero Donallo, recuperando o itinerario habitual en República Arxentina.

De 16:30 a 17:30, quedarán suprimidas as #Parada085, avda. de Ferrol (pza. da Mercé); #Parada084, avda. de Ferrol nº 51 (c. Xosé Pasín); #Parada083, avda. de Ferrol nº 19 (c. Doutor Maceira).

O desfile comezará ás 17:30, e non se prevén desvíos nas liñas do #BusUrbano, senón que os autobuses agardarán a que pase a comitiva para poder continuar os seus percorridos, baixo as instruccións da Policía Local. Así, prevense retrasos e retencións puntuais en practicamente todas as liñas para a tarde do martes, entre as 17:30 e as 19:00, aproximadamente. Será unha tarde complicada para utilizar o transporte público na cidade.


Transporte metropolitano

As liñas do #BusMetropolitano que teñan cabeceira na rúa da Rosa tamén se verán afectadas, pero en menor medida. Simplemente terán que esperar a que o desfile vaia dende a avda. de Ferrol ata Frei Rosendo Salvado, para que quede Romero Donallo libre e poidan acceder ata a República Arxentina para continuar ata A Rosa.

Bo Entroido a tod@s!🎭



Fontes de información: