26 de xuño de 2019

Carencias (as de sempre) e novidades dos horarios de verán 2019

Como cada ano na última semana de xuño, o pasado luns comezaron a funcionar os horarios de verán nas diferentes liñas do transporte urbano. En teoría, adecúanse os horarios á demanda da tempada estival —sobreenténdese que menor—, mais hai casos nos que se reducen frecuencias e a demanda segue a ser a mesma, como acontece no rural ou nos hospitais. A continuación imos expoñer, en trazos xerais, os principais cambios destes horarios con respecto aos do ano pasado e as súas eivas máis importantes.




Novidades 2019
A principal novidade nos horarios de 2019 é o mantemento do reforzo da #Liña8 nas mañás dos días laborables, cun autobús máis (tres en total). Este incremento do servizo xa leva implantado uns anos nos horarios de inverno, pero é a primeira vez que se aplica nos de verán. Foi introducido en 2015 cando se detectou que a frecuencia de 30 min da liña era imposible de cumprir con só dous vehículos.


Así quedan as saídas da #Liña8 para o verán, coa
nova prolongación ata Os Vilares incluída.
Durante o verán, a frecuencia cumpríase sen maiores problemas ao verse reducido o tráfico no centro da cidade, principal causa de retardación das liñas. Agora mantense, segundo o Concello, por mor das obras de Patio de Madres e Castrón Douro. Resulta paradoxal que este sexa o motivo oficial, xa que eses traballos afectan á case a totalidade das liñas e algunhas teñen unha frecuencia aínda máis difícil de cumprir (véxase a #Liña9 cun só bus).

De todos os xeitos, todo o que sexa incrementar o servizo ofrecido é benvido. Aínda que neste caso en concreto comprería analizar pormenorizadamente a situación, posto que a liña 8 contará este verán con tres autobuses polas mañás (frecuencia de 30 min) e só con un durante as tardes (cada 60 min). Non sería mellor dous e dous e tratar de manter os pasos cada media hora...?

A maiores reaxustáronse as saídas de primeira hora da #LiñaP1 co obxectivo de que manteñan a mesma estrutura horaria que en inverno.

Cobertura do Hospital Provincial
Dúas das liñas nas que máis se nota a redución do servizo son as circulares #LiñaC2 e #LiñaC4: pasan de ter cada unha unha frecuencia de 40 min (20' en combinación) a 60 min (30' en combinación) ou o que é o mesmo, pasan de ter dous buses cada unha a só un. O certo é que non resulta realista pretender que estas liñas realicen o seu percorrido, duns 16 km e máis de 50 paradas, nunha hora. De feito, o C2 ten establecidas as saídas da estación cada hora e dez minutos polas mañás.

Froito desta redución vese minguado o servizo ao Hospital Provincial de Conxo. Na teoría debería pasar ou o C2 ou o C4 cada media hora, pero ese descuadre de 10' nas saídas do C2 provoca que poida ser así como que pasen os dous á vez durante as mañás. Polas tardes si debería cumprirse a frecuencia de 30 min, pero non é raro que algunha das dúas rutas acumule algún atraso que, ao non haber ningunha «tregua» no día para reaxustalo, acabe por facerse cada vez máis e máis grande ata os últimos servizos.

Para colmo, a liña C4 pasa de ter a súa última saída, das 21:50 dos horarios de inverno, ás 19:45 nos de verán. Polo tanto, dende o último paso do C4 polo Provincial (sobre as 20:10), só pasa dúas veces máis o C2 cada hora.

Prolongacións e servizos ao rural
Na tempada estival téndese a reducir algunhas prolongacións a zonas rurais e non tan rurais que baixo o noso punto de vista non están xustificadas. A veciñanza de Vite de Arriba, por exemplo, pasa de ter cinco pasos da #Liña15 repartidos durante toda a tarde a só dous: un ás 15:30 e outro ás 21:30. A #LiñaP4 da Sionlla ten en inverno só dous servizos dende a praza de Galicia, 14:10 e 19:00, e durante o verán suprímese este último. A #Liña4, que non varía horarios nin número de autobuses nos días laborables, pasa de ter cinco prolongacións a Mallou a só dúas, e ambas durante a mañá, quedando esta zona incomunicada durante as tardes.

Este tipo de cuestións contan tamén á hora de ter en conta o reequilibrio territorial tan necesario en prol do rural e que todos os candidatos á alcaldía prometeron en forma de contrato, elaborado por Ferusa. Si é certo que noutras liñas rurais (P1, P2, P3 e P8) mantivéronse practicamente os horarios de inverno.

Outros pequenos detalliños que tamén contan
Fóra dos males maiores tamén hai unha serie de cuestións menores que non deixan de ser importantes. Unha delas é o acceso ao Campus Sur da #Liña15, que non se realiza durante os meses de xullo e agosto. Se xa só conta cun bus e frecuencia de 60 min —nós cremos que deberían manterse, aló menos, dous—, por que non facer que siga circulando polo campus universitario? E aínda con máis motivo ao celebrarse os exames extraordinarios en xullo dende a implantación do Plan Bolonia...

En último lugar, simplemente matizar que a frecuencia de 35 min da #LiñaC11 durante os domingos e festivos é insuficiente e irreal, sobre todo naquelas viaxes con prolongación ao Multiusos e ao Gaiás. Nestas xornadas, un dos grandes atractores de viaxeiros como é As Cancelas queda practicamente incomunicado ao pasar as liñas 4 e C2 cada hora e o C11 cada 35'. Comprería botarlle un ollo e ver se resultaría factible introducir un bus máis no C11 para manter os pasos cada 20' dos horarios de inverno.

En definitiva, os horarios de verán son practicamente idénticos todos os anos dende hai unha década, salvo pequenos axustes de última hora. Non se atopan adaptados á Compostela do 2019 e, polo tanto, resultan irreais para o usuario e difíciles de cumprir para os condutores; todos saímos prexudicados. Sen dúbida algunha, van ter que ser un eixo fundamental a tratar na nova concesión, coa vista posta nas vindeiras tempadas estivais e, sobre todo, no tan temido Xacobeo 2021.

Fontes de información:
TUSSA
Concello de Santiago
La Voz de Galicia

23 de xuño de 2019

Sánchez Bugallo: «Eu non coñezo ningún Plan de Transporte»

O anterior goberno local de Compostela Aberta tiña marcado o 2020 como data da posta en funcionamento da nova concesión do transporte urbano, coincidindo coa entrada en vigor do Plan de Transporte Público de Galicia (PTPG) da Xunta e coa asunción por parte do Concello da ruta ao aeroporto de Lavacolla. Agora o novo rexedor, Xosé A. Sánchez Bugallo, afirma en Compostela en la onda que non ten constancia de ningún Plan de Transporte. Pola súa banda, o novo concelleiro de Mobilidade, Gonzalo Muíños, prefire non marcar prazos para a renovación da frota, que considera imprescindible.

Todo parece indicar que a reestruturación das liñas e a rexeneración dos autobuses van ter que esperar —aínda— un tempo máis. O alcalde convocou unha reunión a semana que vén para «ver toda a documentación sobre o transporte para analizar en que situación se atopa». Encargoulle a Muíños a busca de todos os arquivos e informes relacionados co tema para poder coñecer en detalle en que fase se atopa o transporte urbano da cidade.

Escrito da Xunta
Bugallo contou que o único indicio co que conta polo de agora é un escrito que a Xunta enviou ao Concello. Nel especifícanse dúas cuestións clave de cara a 2020:
Terá a #LiñaAP autobuses adaptados
con portamaletas como os de agora...?

Subrogación do persoal de Empresa Freire: como avanzabamos en maio, o Concello xestionará a partir de 2020 a ruta do aeroporto, ata agora operada por Freire, como unha liña máis do transporte urbano (#LiñaAP). Deste xeito, deberá subrogar ao persoal.

Conexións co rural: segundo Bugallo, o escrito expoñía a obriga do Concello de facerse cargo das conexións de bus coas parroquias a partir de decembro, mes no que se prevé a implantación do PTPG da Xunta. Como para ese mes é máis que probable que non estea en marcha a nova licitación, é probable que o Concello teña que buscar un parche temporal para cumprir co que se lle esixe.

O rexedor mostrouse crítico coa intención da Xunta de trasladar a cabeceira dos buses metropolitanos da Rosa ao carril bus do Hórreo: «Para que fixemos o túnel do Hórreo? [...] Tiña un obxectivo, que era quitar o tráfico de arriba e metelo por abaixo para recuperar o Hórreo e integrar a estación do AVE co Ensanche». Bugallo non oculta as súas dúbidas: «Non sei se iso é compatible con meter todos os autobuses pola parte de arriba do Hórreo».

Primeiras declaracións do novo concelleiro de Mobilidade
Algúns dos autobuses teñen máis
de 15 anos de antigüidade, como é
o caso do 1959.
O novo concelleiro de Mobilidade, Seguridade Cidadá e Festas, Gonzalo Muíños, fixo en Compostela en la onda as súas primeiras declaracións sobre o transporte urbano dende que está no cargo. Considera que a renovación da frota de autobuses debe levarse a cabo «si ou si», pero tendo en conta que non é un proceso que se leve a cabo «dun día para outro». Expresou tamén a súa intención de estudar a viabilidade de volver a poñer en funcionamento o servizo de aluguer de bicicletas, que chegou a contar con 16 estacións (10 na cidade e 6 nos campus universitarios).

Fonte de información:
Compostela en la onda

22 de xuño de 2019

TUSSA trasladou a máis de 50.000 persoas a O Son do Camiño

O Concello vén de publicar as cifras oficiais correspondentes ao uso do transporte público para desprazarse ata O Son do Camiño. O número total de usuari@s foi 50.695. Destes, 45.545 (o 89,84%) empregaron os servizos lanzadeira habilitados para a ocasión e os restantes distribuíronse entre as liñas 6 e 7, cunha afluencia maior na primeira. O certo é que non acabamos de entender o sistema de medición nas liñas regulares, posto que se rexistra á persoa cando sube ao bus, pero non en que parada baixa.

O servizo lanzadeira foi prestado con vehículos de
Tralusa e con vehículos «prestados» doutras empresas.

Cifras por día
O venres e o sábado foron os días nos que máis se empregou o bus urbano. Foron entre 15.000 e 18.000 as persoas usuarias dos servizos ofertados. O xoves, o primeiro día do festival, foi o que menos tivo, uns 12.000.


Cifras por franxa horaria
Das catro franxas establecidas por TUSSA (inicio - 15:00, 15:00 - 23:00, 23:00 - 00:00 e 00:00 - fin), as máis empregadas foron, obviamente, as que máis horas abarcaban, é dicir, de 15:00 a 23:00 h  e de 00:00 ao final (en torno as 4:30 ou 5:00 h). Destaca o feito de que, aproximadamente, foi o mesmo o nº de persoas que empregaron o bus tanto para ir como para volver nas distintas xornadas.

Comparativa coa edición anterior
Non hai cifras oficiais das persoas transportadas durante a primeira edición de O Son do Camiño, en 2018. Porén, as cifras da globalidade da rede si recollen o número de persoas que empregaron os servizos especiais durante todo o ano: 50.036. Tendo en conta que no 2019 só neste festival foron 50.695, podemos concluír que o balance dos servizos extraordinarios prestados por TUSSA para determinados eventos é positivo e que está á alza.

Fonte de información: Concello de Santiago
Gráficas (cifras por día e por franxa horaria): Concello de Santiago