20 de setembro de 2018

Chega a #SupercopaEndesa ao Multiusos de Sar!

Este ano Compostela será a cidade anfitrioa da Supercopa Endesa 2018. Por este motivo, TUSSA ofrecerá servizos de transporte especiais que se sumarán ás liñas habituais para que todas as persoas que así o desexen poidan ir ver os partidos en bus urbano. [ACTUALIZACIÓN] Monbus tamén ofrecerá un #ServizoLanzadeira dende o estadio de San Lázaro. O evento terá lugar durante as tardes do venres 21 e o sábado 22 de setembro. Imos ver as diferentes opcións día por día:



> Venres 21

As opcións serán as seguintes:

  • #ServizoLanzadeira: sairá dende o #CarrilBus da rúa do Hórreo (diante da escalinata que baixa á estación de tren). Irá ata o Multiusos directo, sen facer paradas. Dependendo da hora, funcionará de diferentes xeitos:
  • Entre as 18:00 e as 19:00: só en sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  • Entre as 20:00 e as 22:00: funcionará nos dous sentidos, é dicir, poderase coller no Hórreo para ir ata o Multiusos e no Multiusos para ir ata o Hórreo.
  • Dende as 23:00 e ata o desaloxo de toda a xente: exclusivamente en sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo).

  •  #LiñaC11 (frecuencia de 12'): prolongarase en todas as viaxes con paso por Xeneral Pardiñas comprendidas entre as 18:05 e 21:41. As paradas máis céntricas para coller esta liña serán as de Xeneral Pardiñas e pza. de Galicia (ferraxería).
  • Outras liñas que acceden ao Multiusos (todas cada 60'): #Liña9 (paradas máis céntricas: San Clemente, Senra, 13), #LiñaC5 (pza. de Galicia, Zara e r/ da Rosa) e #LiñaC6 (Hórreo).
  • [ACTUALIZACIÓN]: a maiores do #ServizoLanzadeira de TUSSA, haberá un de Monbus. Será de 18:00 a 20:30 (cada 30') con saída dende o estadio de San Lázaro (porta 10).

OLLO! O venres celebrarase tamén na Cidade da Cultura un concerto de Emilio Rúa (poderase acceder a través da #Liña9). Por este motivo, xunto coa propia Supercopa Endesa, prevese unha gran afluencia de coches na zona. Polo tanto, recomendamos coller o bus con antelación. No caso do concerto na CDC 
—que é ás 21:00— recomendamos coller o bus con saída de Casas Novas ás 19:30, xa que o das 20:30 xa irá con retraso.




> Sábado 22


  • #ServizoLanzadeira: ao igual que o venres, o servizo fará o percorrido Hórreo (escalinata da estación de tren) >> Multiusos directo, sen paradas intermedias. O horario de funcionamento do servizo este día será:
  • Entre as 17:00 e as 19:15: sentido IDA (Hórreo >> Multiusos).
  •  Dende as 20:30 ata a finalización: só sentido VOLTA (Multiusos >> Hórreo). O servizo prolongarase ata que xa non haxa máis xente agardando polo bus.

  •  #LiñaC11 (cada 15'): pasará polo Multiusos en todas as viaxes que pasen por Xeneral Pardiñas entre as 17:00 e 19:15.
  • Outras liñas: o sábado á tarde, a parte da #LiñaC11, só funciona unha liña máis con paso polo Multiusos: a #LiñaC5 (cada 60').
  • [ACTUALIZACIÓN]: o sábado tamén haberá #ServizoLanzadeira de Monbus. Este día será de 17:00 a 18:30 (cada 30') dende a porta 10 do estadio de San Lázaro ata o Multiusos. Percorrido de volta, Multiusos - estadio S. Lázaro, a partir das 21:15.

Puntualización: non sabemos cantos buses conformarán o #ServizoLanzadeira de TUSSA. Nos partidos do Obradoiro CAB adoita haber un ou dous autobuses para o servizo de ida, e todos os que sexan necesarios para o de volta. Desta vez, ao tratarse dunha ocasión máis «especial» na que se espera máis afluencia de público, pode que vaia a haber máis vehículos.

Fontes de información:
TUSSA
Cidade da Cultura
Obradoiro CAB (Twitter)
Fotografías:
Marca
Cidade da Cultura

12 de setembro de 2018

Clara Campoamor ponse a punto para a nova Intermodal

O pasado xoves o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, anunciou os principais cambios que sufrirá a rúa Clara Campoamor, que pasará de ser unha vía periférica a converterse, segundo o Concello, nun «bulevar». A repercusión máis inmediata será a relativa ao tráfico: perderanse dous dos catro carrís actuais e potenciaranse o túnel do Hórreo e a rotonda da Galuresa como itinerarios alternativos.

Se todo sae como estaba previsto, en pouco máis dun ano teremos a nova Estación Intermodal de Compostela rematada e lista para entrar en funcionamento en calquera momento. Unha das partes clave deste proxecto son os accesos, que tantas tensións causaron nos pasados meses entre Xunta e Concello. Un deles se realizará a través do Hórreo (igual que na actualidade) e outro a través da rúa Clara Campoamor, que será remodelada para converterla nun bulevar urbano.


Clara Campoamor na actualidade


Así loce actualmente a rúa Clara Campoamor
A día de hoxe, Clara Campoamor funciona como unha «vía de escape» para as persoas que se dirixen cara o Castiñeiriño dende a avda. de Lugo ou dende o mesmo Ensanche accedendo a través de Bernardo Barreiro e que queren evitar os colapsos da rúa do Hórreo (no entorno da estación de trens). Cumpre unha importante función como eixo vertebrador do tráfico, xa que son moitos os condutores que empregan este vial para as súas entradas e saídas da cidade.

Aínda que nun primeiro momento tiña dous carrís un para cada sentido de circulación, no 2010 ampliáronse a catro por mor das obras do túnel do Hórreo. O certo é que sempre foi unha rúa na que a prioridade do vehículo privado estivo por enriba da dos outros medios de transporte: só ten beirarrúa nunha das marxes e a velocidade á que circulan os vehículos —en teoría, non máis de 50 quilómetros/hora; na práctica, pode que ata 90— pon en perigo aos ciclistas que se atrevan a atravesar o vial en bicicleta. De feito, debido a esta situación, tivéronse que instalar uns coxíns berlineses en ambos extremos da rúa.


Plans de futuro

Clara Campoamor pasará a ser a rúa colindante da nova estación de autobuses. Por este motivo, é necesario adaptala de cara ao seu futuro papel estratéxico. E foi o concelleiro de Espazos Cidadáns, Jorge Duarte, o encargado de presentar as liñas que o goberno municipal vai seguir no proxecto de remodelación da rúa. Este é o proxecto básico en canto a mobilidade:


Bosquexo da que será a mobilidade na renovada
 Clara Campoamor (clic para ampliar)


Imos analizar por partes os principais elementos que conformarán a nova Clara Campoamor:

  • Carrís de circulación: será o cambio máis notable, xa que pasarán dos catro actuais a dous, un para cada sentido de circulación. Estarán separados por elementos vexetais. Tamén haberá carrís de incorporación adicionais nas entradas á estación.
  • Beirarrúas: haberá beirarrúas nas dúas marxes, en vez de só nunha como na actualidade. Ademais, ampliaranse notablemente, ata alcanzar os 3 m. de ancho.
  • Carril-bici: haberá un carril bici na marxe máis próxima ás Brañas do Sar. Aínda que nun principio sexa unha boa acción, moito sentido non lle vemos, xa que ao chegar a calquera dos extremos da rúa —Restollal ou rotonda inferior da avda. de Lugo— non hai practicamente continuidade.
  • Buses: nun principio, prevíase a construción dunha rotonda na entrada á estación de autobuses, pero foi finalmente o propio concelleiro quen desbotou esta opción; no seu lugar, instalaranse semáforos con prioridade para buses interurbanos e urbanos (actualizarase o mapa de liñas, porque de momento non hai ningunha prevista por esta rúa no novo plan). Aplaudimos esta acción, xa que na actual estación os buses poden estar esperando ata 3 min. á que se poña o semáforo en verde, causando algunha que outra retención en horas punta. Por outra banda, pensamos que poderían terse mantido os catro carrís (no tramo Restollal - Estación), para converter un de cada marxe nun carril-bus.


Tráfico

Esta será quizáis a cuestión máis polémica, xa que se pretende desviar a gran cantidade de tráfico que soporta este vial de dúas maneiras:

  • Para os vehículos que procedan do Castiñeiriño ou da rúa Virxe da Fátima (SC-11), o itinerario establecido sería pola SC-11 (avda. Santiago de Cuba), enlazando coa SC-20 e o túnel do Hórreo ata a avda. de Lugo.
  • Para o tráfico procedente do mesmo Restollal, a opción sería ir por Amor Ruibal e Hórreo ata a avenida de Lugo. Este sería, un pequeno esquema que representaría o que estamos a explicar:


É un feito obxectivo que en ambos os dous casos o rodeo é considerable. Cremos que non debería haber maior problema no itinerario pola SC-11 e o túnel do Hórreo (en verde), xa que son viais de alta capacidade nos que, aínda que a distancia sexa maior, o tráfico adoita ser máis fluído.

Pero no caso do itinerario por Amor Ruibal e o Hórreo (en azul) a situación podería complicarse, sobre todo no entorno da rotonda da Galuresa: aquí o tráfico é de todo menos fluído, e as retencións son o pan de cada día hora. Vai ser complicada tanto a tarea de desviar o tráfico de C. Campoamor por esta ruta como a de facer que a rúa poida soportar este tráfico lembramos, cun só un carril en cada sentido no caso de que os condutores sigan recorrendo a ela. Veremos como se xestiona todo isto.

25 de agosto de 2018

Boas novas para ciclistas: prioridade das bicis e límite de 30 km/h en todo o #Ensanche

O Concello vén de anunciar unha serie de medidas para o calmado do tráfico no Ensanche, coas que se pretende mellorar a mobilidade e a seguridade d@s ciclistas na zona. Consistirán na colocación de sinalización vertical e horizontal, na que se recordará aos/ás condutor@s o límite de 30 quilómetros/hora, así como a preferencia das bicicletas. Tamén se procederá á instalación de novos puntos de aparcamento para bicis.

Todas as rúas nas que se van aplicar estas medidas pasarán a estar limitadas a 30 quilómetros/hora (algunhas non o estaban aínda, outras si). A totalidade delas son unidireccionais e de carril único, exceptuando a rúa da Rosa, que conta cun #CarrilBus infrautilizado...


> Zona de actuación

A sinalización comezarase a aplicar a partir do domingo á noite no centro da cidade, concretamente na área delimitada polas rúas do Hórreo, Romero Donallo, Rosalía de Castro, Xoán Carlos I e Senra. 


Zona de actuación

> A sinalización en si

  • Sinalización vertical: instalarase nas entradas á área que conforma a zona de actuación —en sete puntos, se non nos saen mal as contas. Serán uns paneis rectangulares. Na parte posterior figurará o límite de velocidade e na inferior unha advertencia da prioridade das bicicletas.
  • Sinalización horizontal: figurará en todas as rúas dentro da zona de actuación. A pintura consiste nun debuxo dunha bicicleta, acompañado do límite de velocidade e de dúas frechas que indicarán o sentido de circulación.  











> Novos puntos de aparcamento de bicis

Procederase tamén á instalación de novos puntos de aparcamento para bicicletas, que se sumarán aos xa existentes no Casco Histórico. Aplaudimos esta medida, xa que practicamente non tería sentido nada do anterior se logo a xente non ten onde aparcar a súa bici. Iso si, haberá que ver onde e cantos se colocan.


> Antecedentes

Estas medidas lévanse a cabo dentro do contexto do que a mobilidade supón
para o goberno municipal, e súmanse a outras anteriores como as plataformas para bicicletas que se atopan na parte dianteira dos principais semáforos do centro da cidade.

Compostela Aberta, a diferencia doutros gobernos anteriores da cidade, cre que hai que priorizar por enriba de todo a mobilidade de peóns e ciclistas. Así, defenden unha pirámide de prioridades, na que estes estarían no cumio, en segundo lugar o transporte público e en último o vehículo privado. Polo tanto resulta lóxico que se estes son os seus principios, actúen conforme a eles.


> Opinión cidadá

Foron moitas as críticas cara ao Concello no momento no que estas medidas foron anunciadas publicamente, pero o certo é que non son contrarias á opinión do pobo. Como proba disto podemos resaltar o resultado dos orzamentos participativos do pasado ano, nos cales o proxecto «A bici pacífica» saiu elexida pola cidadanía. A proposta suxería a instalación de sinaléctica para ciclistas, así como a construcción de carrís-bici e a creación dun novo servizo de aluguer destas. Sen ir máis lonxe, este mesmo ano, na fase de apoios dos orzamentos participativos para 2019, un dos que máis recibiu foi a construcción de carrís bici nas entradas do camiño na cidade.

Con isto queremos dicir que moitas das medidas cos ciclistas como principais beneficiarios levadas a cabo por Raxoi, non son máis que demandas da propia cidadanía, levadas a cabo nos orzamentos participativos onde calqueira persoa censada na cidade pode participar.


> Opinión buscomposteleira ;)

En principio, nós estamos a favor das medidas que busquen facilitar a mobilidade a medios de transporte alternativos ao vehículo privado. Se ben é certo que desta vez non estamos de acordo completamente co Concello, xa que cremos que estas decisións poderían entorpecer o funcionamento do bus urbano. Por poñer un exemplo, se a #Liña5 tivera diante a un/unha ciclista en República de El Salvador, non o podería adiantar ata chegar á praza Roxa e, no peor dos casos, ata o cruce de Romero Donallo. Isto, á larga, derivaría en retrasos. E tendo en conta que son once as liñas que teñen parte do seu percorrido na zona de actuación, o problema podería engrandecerse.

Cremos tamén que o Concello lávase un pouco as mans cando afirma que «Santiago presenta unhas características urbanísticas [...] que impiden medidas máis ambiciosas como a creacións de carrís-bici». Obviamente non imos poder ter carrís-bici no Casco Antigo, Virxe da Cerca ou Basquiños, pero por que non en zonas como Romero Donallo, Hórreo (zona da estación de
Carril-bici no centro da Coruña


trens), Restollal ou avda. de Lugo? Habería que estudiar a súa viabilidade, pero nós cremos que sería posible instalar un no tramo Romero Donallo - Hórreo - avda. de Lugo, que serviría tamén como eixo vertebrador, conectando a cidade de norte a sur. 

Proxectos deste calibre estanse levando en A Coruña, por exemplo, onde se está a construir un carril-bici no zona centro, que á súa vez unirá a cidade herculina coa localidade de Culleredo. Nós tamén temos unha senda peonil-ciclista inteurbana que para cando estea rematada unirá Santiago con Brión, 13 km. en total—, por que non darlle continuidade na súa entrada a Compostela por Mestra Victoria Míguez e Mestre Mateo?

En definitiva, demasiadas ideas as que nos surxen para unha cidade na que queda moito por facer no ámbito da bicicleta. Polo de agora, conformámonos co que temos e aplaudimos a chegada destas novas medidas.

Mapa: Bus Compostela